Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, actos de contido literario do 21 ao 23 de marzo

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

– O mércores 21 e o xoves 22 de marzo, ás 18:30 horas, no Auditorio do Pazo, María Lado e Lucía Aldao, xunto ao Seminario permanente e Jazz e a Editorial Oqo, organizan a representación de As manoplas de Carapuchiña, conto cantado. Está destinado a un público a partir de 4 anos, e as entradas custan 3 euros.
– O venres 23 de marzo, ás 19:00 horas, na Sala de exposicións, preséntanse os libros de Anxo Fariña Os Megatoxos e o aprendiz de druída e Os Megatoxos e a cara oculta de Lúa, publicados en Xerais. Xunto ao autor participa Manuel Bragado.

Santiago: presentación de Meu pai vaite matar, de María Xosé Queizán

O mércores 7 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Meu pai vaite matar, de María Xosé Queizán, publicada en Xerais. No acto, acompañando á autora, participan Montse Dopico e Manuel Bragado.

Santiago: presentación da reedición de Tras da Corda, de Carlos Reigosa

O sábado 3 de marzo, ás 12:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago e Compostela, preséntase a nova edición de Tras da Corda, de Carlos G. Reigosa, publicado en Xerais. No acto, o escritor estará acompañado por Manuel Bragado.

A Coruña: presentación de Febre, de Héctor Carré

O xoves 1 de marzo, ás 11:30 horas, no Centro Galego de Artes da Imaxe (Rúa Durán Loriga, 10) da Coruña, preséntase Febre, de Héctor Carré, publicado en Xerais. O acto, organizado para os alumnos e alumnas de Bacharelato Audiovisual do IES Adormideras, contará coa participación de Manuel Bragado e propio autor, quen falará cos estudantes da súa novela e sobre a relación da literatura co cine.

Vigo: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

A cuarta feira 29 de febreiro, ás 20:15 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa) de Vigo, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, interveñen, xunto ao autor, Elsa Quintas, Pepe Carreiro e Manuel Bragado.

Pontevedra: presentación de Extramunde, de Xavier Queipo

O xoves 2 de febreiro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11, a carón do Teatro Principal) en Pontevedra, Edicións Xerais e o Ateneo de Pontevedra organizan a presentación de Extramunde, de Xavier Queipo, Premio Xerais de novela de 2011. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.

Cambados: presentación de A pomba dona Paz, de Ramón Caride

O luns 30 de xaneiro, ás 12:00 horas, na Escola Infantil A Pastora de Cambados, Xerais celebra o Día Escolar pola Paz coa presentación do libro A pomba dona Paz, de Ramón Caride, ilustrado por Pepe Carreiro. No acto, acompañando a autor e ilustrador, participará Manuel Bragado.

Rianxo: presentación de Poñente, de Pere Tobaruela

venres 27 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo (Rúa Autores da Rianxeira, s/n), preséntase o libro Poñente, de Pere Tobaruela, publicado en Xerais. O acto, coorganizado pola editora, o Concello de Rianxo, La Voz de Galicia e a Asociación Cultural Barbantia, contará coa participación de Ana Isabel Boullón, Manuel Bragado, Xesús Laíño, Carlos Mosteiro, Adolfo Muíños e o propio autor, e será completado cunha actuación musical a cargo de Antón Alcalde e Iago Hermo (da Escola de Música de Rianxo). Ese mesmo serán inaugurarase a exposición Castelao Vive. Esculturas de Nuco Losada.

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2011

“Tras un mes de votacións temos, un ano máis, os resultados cos que as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron foi o mellor do 2011. En total, este ano recibimos 471 enquisas. Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer a vosa participación e o voso interese, porque estes premios, aínda que polo de agora só sexan de carácter simbólico, queren reflectir a voz dos lectores e das lectoras galegas. A voz dos que somos receptores e consumidores dos libros que @s escritor@s e editoriais poñen nas librarías e nas bibliotecas. E agora os resultados e os nosos parabéns aos premiados…
– Mellor libro de Narrativa de adultos para Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz (Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Poesía completa, de Lois Pereiro (Xerais).
– Mellor libro de Ensaio e Investigación para Amigos e sodomitas, de Carlos Callón (Sotelo Blanco).
– Mellor libro de Literatura dramática para o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, de varios autores (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para O libro negro, de Orhan Pamuk (Galaxia).
– Mellor libro xuvenil para Febre, de Héctor Carré (Xerais).
– Mellor libro infantil para O meu gato é un poeta, de Fran Alonso (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para Contos por teléfono, de Gianni Rodari e traducido por Carlos Acevedo (Kalandraka).
– Autor do ano para Agustín Fernández Paz.
– Ilustrador do ano para Xosé Tomás.
– Mellor portada dun libro para adultos para Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias (Galaxia).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Trece noites, trece lúas, de Antonio Reigosa (Xerais).
– Mellor editorial do 2011 Rinoceronte editora.
– Mellor crítico/a do 2011 para Ramón Nicolás.
– Mellor iniciativa literaria do 2011 para o Culturgal.
– O mellor acontecido no 2011 para o Culturgal.
– O peor acontecido no 2011 son o peche de medios de comunicación.
– Mellor Libraría do 2011 para a libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación do 2011 para o Diario Cultural da CRTVG.
– Mellor blog do 2011 para Brétemas de Manuel Bragado.”