A Academia colgará na Rede o novo dicionario, con 50.000 entradas

Artigo en La Voz de Galicia:
“«O novo dicionario estará na Rede dentro duns días». Isto anunciou onte Xosé Luís Méndez Ferrín. O presidente da Real Academia Galega falaba do novo dicionario da RAG diante do conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, que fixo a súa primeira visita oficial á Academia. «Son máis de 50.000 entradas, o dobre que no anterior», detallou Manuel González, académico que encabeza o Seminario de Lexicografía da RAG que foi o encargado de elaborar este traballo. González indicou que «o texto definitivo está entregado para colgar na Rede», aínda que se está traballando na parte máis técnica para facilitar o acceso. Foron nove especialistas os que desde hai oito anos estiveron traballando neste novo dicionario. É un volume normativo, en canto ortografía ou pronuncia e tamén no semántico e en canto a significado. A obra incorpora a información sobre a procedencia das palabras e datos sobre a que rexistro oral pertencen, desde o culto ao familiar. Para os autores, hai solucións e definicións que poden ser consideradas como definitivas. O anterior dicionario da RAG fora publicado en 1997 e foi editado conxuntamente por Xerais e Galaxia. O novo volume publicarase en papel «máis adiante, dentro de oito meses o así», apuntou Manuel González. «Estamos facendo unha Gramática, ¡despois de cen anos!; estase traballando tamén nun dicionario de apelidos galegos, evacuando consultas e nomes de persoas e apelidos para que sexan usados correctamente. A nosa vocación é de traballo, temos que velar pola lingua e pedimos respaldo económico e respaldo moral, que o temos», engadiu Xosé Luís Méndez Ferrín antes do encontro co novo conselleiro de Cultura.”

Santiago: presentación do libro Celebración de Uxío Novoneyra, II

O mércores 12 de xaneiro, a partir das 20:00 h., no Salón de Actos da Biblioteca Pública Ánxel Casal (Rúa Xoán XXIIII, s/n.) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Celebración de Uxío Novoneyra, II, publicado polo Centro Ramón Piñeiro. No acto participan Manuel González González, Luís Cochón e Luís Alonso Girgado.

Santiago: IV Xornada Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización

O mércores 24 de novembro, a partir das 19:00 h., terá lugar no Salón de Actos do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela a IV Xornada Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización, organizada polo Servizo de Asesoramento Lingüístico desta entida, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O número de prazas é de 100, e a inscrición pódese facer de balde através deste enlace. Nesta edición a xornada incorpora o formato de mesa redonda, baixo o título A posta en valor do galego na xustiza: claves e desafíos. Participan: Anxo Lorenzo Suárez (secretario xeral de Política Lingüística), Juan J. Martín Álvarez (director xeral de Xustiza), Fernando Fernández Leiceaga (maxistrado do TSXG), Xoán A. Pérez Lema (avogado) e Manuel González González (membro da RAG). Modera: Evaristo Nogueira Pol (decano do colexio de avogados).

Xosé Luís Méndez Ferrín, novo presidente da Real Academia Galega

O plenario da Real Academia Galega de onte sábado 23 febreiro elixiu a directiva que gobernará a centenaria institución durante os próximos catro anos. Acompañará ao presidente Xosé Luís Méndez Ferrín un equipo composto por Xosé Luís Axeitos (secretario), Manuel González (tesoureiro), Euloxio Ruibal (bibliotecario) e Paco Fernández Rei (vicesecretario).

Na prensa de hoxe domingo podemos ler máis entrevistas co novo presidente da Real Academia Galega:

Faro de Vigo: “A situación financieira da Academia é un escándalo, vive na beneficencia”

–O conselleiro de Cultura afirma que o problema da cultura é que está acomplexada…

–Por iso está traducido Manolo Rivas a 30 linguas no mundo e Jiménez Losantos non. Cando un escritor galego está traducido en francés por Galimard non se poden dicir esas cousas.

–Que pode facer a Academia para para aumentar o prestixio social do galego?

–A Academia so é un factor. Esa tarefa non lle compete só a mundo intelectual como moitos pensan. Na sociedade hai algo máis que intelectuais, e o galego está asumido hai anos polo sindicalismo, por exemplo. Hai unha toma de conciencia contraria a ese desprestixio, pero isto compételle á totalidade da sociedade.

[Ler entrevista completa]

La Voz de Galicia: “A Real Academia Galega é un tanque de intelixencia”

-Vostede chega coa idade e a experiencia axeitadas para o cargo, e con ganas de traballar por unha Academia, moi limitada de medios, da que nalgún momento foi crítico.

-As críticas non foron nunca sobre a Academia ou a súa existencia, senón puntuais por algunha actuación. Non me estraña que a RAG teña un pasado con moitos altos e con moitos baixos na súa historia centenaria porque nunca tivo independencia económica. Sempre viviu de favores e de beneficencia, en realidade. Se conseguísemos saír desa situación sería magnífico, pero non o sei. Faremos todo o posible por persuadir á Xunta de que sería ben que deixase instituído un orzamento para sempre, á marxe dos cambios políticos.

-Non sei se é o mellor momento para acadalo, e non por estar o PP na Xunta, senón por toda a tensión que se está a crear na sociedade desde dentro e desde fóra.

-Tampouco ten por que ser necesariamente un mal momento. A RAG acaba de revelar na sociedade galega, dun día para outro e cunha contundencia notable, a súa existencia e a súa autoridade cun documento clave para cambiar a cousa. A RAG está nestes días máis presente do que estivo nunca no resto do Estado. O noso punto de vista consiste en pedir que a subvención da RAG figure nos orzamentos da Xunta e acadalo non depende de nós. O bipartito anterior non quixo. Non sei agora.

-Que pode facer a RAG?

-A RAG é un suxeito colectivo formado por individualidades moi fortes. Podía ser máis numerosa, porque Galicia é un país moi culto e nada ensimesmado… pero os académicos que existen son un grupo de intelectuais moi forte. E a evidencia está na análise que fixo das bases. Non hai nin un só colectivo en Galicia que puidese ter feito nada semellante, salvo o de xuristas, que coincidiu coa Academia nas partes que facían referencia ao campo legal.

[Ler entrevista completa: 1, 2 e 3]