Arquivos da etiqueta: Marcos Valcárcel
Ourense: actividades destacadas do 82 Congreso PEN Erguendo pontes literarias do luns 26 e martes 27
Dentro do programa do 82 Congreso do PEN Clube, Erguendo pontes literarias, terán lugar en Ourense as seguintes actividades destacadas o luns 26 e martes 27, dentro do seu programa: Programa-Congreso-PEN-2016.
Luns 26
– 20:00 h. Teatro Principal (Rúa da Paz, 9). Acto inaugural. Espectáculo “Ourense Literario”, a cargo da Compañia de Teatro A Panadaría. Con Bieito Iglesias, lembranza de: Eduardo Blanco-Amor, Carlos Casares, Antón Risco, Antón Tovar, Pura Vázquez, Marcos Valcárcel e Xosé Fernández Ferreiro.
Martes 27
– 20:00 h.. Praza de San Martiño. A (Poesía) Milagre do Mundo. Unha idea de Manuel Rivas. Música de Pulpiño Viascón. Olga Novo, Oriana Méndez, Estevo Creus, María do Cebreiro, Dores Tembrás, Xohana Torres, Iolanda Zúñiga, Lucía Aldao.
Ramón Nicolás: Dez anos de letras galegas (2002-2012)
Artigo de Ramón Nicolás, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“Este pasado sábado 5 de xaneiro, no seo da entrega especial do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, por mor dos seus 500 números publicouse este texto que reproduzo a continuación. Ao tempo tamén se incluíron o que entendo como dez títulos esenciais dunha década, no xénero da narrativa e mais do ensaio, entre outros que ben se poderían escoller, e que incorporarei nun apuntamento posterior.
Hai por volta de dez anos, pouco despois de vivirmos aqueles célebres efectos do cambio do milenio, nas letras galegas vivíase a recente desaparición de Carlos Casares e tamén a do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. Ausencias nunca definitivas pois sempre, afortunadamente, quedan os libros. Non debera converterse este artigo en obituario ningún pero non quixera esquecer que, neste período, tamén nos deixaron, ficando un pouco máis orfos, presenzas ben relevantes na nosa historia cultural máis recente como son -no que é unha nómina inxusta polos esquecementos- Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo e Marcos Valcárcel, ou poetas de percorrido truncado como Xela Arias e Luísa Villalta.
Malia todo a vida segue, tamén as letras galegas claro é, nun período talvez con luces e sombras, sobre todo estas últimas por condicionantes de carácter social e económico que pouco axudan a seguir gañando espazos para a promoción e difusión da literatura galega. A imaxinación, aliada coa crenza de que as letras en galego teñen futuro, deparou, por apenas citar dúas propostas, un proxecto como o “Culturgal”, cada vez máis afortalado como convocatoria anual das denominadas industrias culturais, e mais tamén a revista Biblos. Clube de Lectores, sempre fiel á súa cita bimestral e que supón achegar o libro galego a quen lle queira abrir a porta.
Asemade, ao meu xuízo converxen, nestes dez anos, algunhas liñas de forza que, na súa medida, contribúen á precisa solidez dun edificio no que cómpren moitas mans mentres que talvez as que deberan non fan todo o que lles correspondería. Entre estas mans encóntranse, quen dubida contemplalas agora como un elemento de normalidade, as das narradoras. Se ben o espertar e mais a incorporación das novelistas resultou sincopado nos derradeiros anos do XX é ben certo que nesta década voces como as de Inma López Silva, Rosa Aneiros, Iolanda Zúñiga ou María Reimóndez, entre outras moitas, explican unha realidade literaria viva, plural e poliédrica malia –todo hai que dicilo- a súa escasa visibilización.
A carón, con todo, da dinámica habitual dun sistema literario como o noso no que conviven, afortunadamente, xeracións e estéticas moi diversas, talvez cómpre subliñar tres factores que apuntan á necesaria fidelización do lectorado: velaí a presenza, ou promoción nalgúns casos, da literatura galega na rede, que vai dando os seus primeiros pasos na comercialización dos seus produtos; a vontade de estabilizar propostas literarias para un público amplo, sustentadas nunha inequívoca calidade literaria como as que asinan, por exemplo, Domingo Villar ou Pedro Feijoo entre outros e, finalmente, a estabilidade e proxección da literatura infantil e xuvenil en lingua galega, tanto no que se refire ao sector autorial –onde apareceron voces realmente significativas que supoñen unha feliz continuidade respecto doutras ben recoñecidas – como ao propiamente editorial e penso, por exemplo, nos recoñecementos obtidos a todos os niveis por Kalandraka Editora.
E, falando de editoriais, apenas dúas liñas para saudar pequenos proxectos que permiten acceder con garantías a propostas escritas noutros idiomas, entre eles Rinoceronte Editora e a máis recente, pero con resultados excelentes, como é o selo Hugin e Monin. Cómpre, malia todo, ser optimistas, eu son dos que pensan que seguirmos supón unha gran vitoria.”
Ourense: homenaxe a Marcos Valcárcel
O luns 12 de decembro, ás 20:15 horas, na Aula de Cultura do Liceo de Ourense, terá lugar unha homenaxe a Marcos Valcárcel por parte dos seus compañeiros e amigos desta entidade, da que foi o Director da Sección de Literatura, con motivo do primeiro aniversario do seu pasamento.
Falece Marcos Valcárcel
“O pasamento de Marcos Valcárcel, que se produce no cabodano da marcha de seu pai, pon fin a unha longa enfermidade. Galicia perde un gran investigador, erudito e divulgador da cultura galega, tarefas que o ourensán combinaba coa súa traxectoria como dinamizador cultural, xornalista de opinión, ensinante e estudioso da historia cultural, literaria e política da súa cidade e de todo o país. Autor de numerosas publicacións e cun constante labor xornalístico durante máis de trinta anos no campo do columnismo de opinión, puxo en marcha un dos blogs de máis prestixio do país, As uvas na solaina.” Vía Xornal, que tamén recolle posteriormente diversas reaccións ante a nova. Aparece recollida tamén en: Galicia Hoxe (en dous artigos), A Nosa Terra, La Voz de Galicia, El País, Faro de Vigo, Galiciaé, Cultura Galega e Xerais. Crónica do último adeus en Xornal.
Ourense: homenaxe a Marcos Valcárcel
Homenaxe do PEN Clube a Marcos Valcárcel
Gañadores dos Premios AELG 2009
Na celebración da Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, foron entregados os premios á mellor obra publicada no 2008 nas modalidades de ensaio, literatura infantil e xuvenil, poesía, narrativa, tradución, teatro, traxectoria xornalística e blog literario, así como á institución que salientara na defensa e difusión da nosa cultura.
Os galardóns, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario.
Da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda polos asociados/as á AELG -coa participación dos socios/as de Gálix para elixir a mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil e dos membros do Colexio de Xornalistas para a modalidade de Traxectoria xornalística-, elaborouse unha listaxe de obras finalistas correspondentes a cada xénero dos mencionados, sobre a que os socios e socias emitiron de novo o seu voto nunha segunda quenda para elixir as obras gañadoras dos Premios AELG. Unha vez computados os votos, os gañadores do Premio AELG ás mellores obras publicadas no 2008 son:
Ensaio: Miguel Anxo Murado, pola súa obra Fin de século en Palestina (Galaxia)
Literatura Infantil e Xuvenil: Xabier P. DoCampo, pola súa obra O libro das viaxes imaxinarias (Edicións Xerais de Galicia)
Poesía: Xulio L. Valcárcel, pola súa obra A melancolía dos corpos (Ediciones de la Sociedad de Cultura Valle-Inclán)
Narrativa: Inma López Silva, pola súa obra Memoria de cidades sen luz (Galaxia)
Tradución: Gonzalo Navaza, pola tradución da obra As flores do mal, de Charles Baudelaire (Galaxia)
Teatro: Teresa Moure, pola súa obra Unha primavera para Aldara (Deputación Provincial de A Coruña)
Mellor traxectoria xornalística: Ana Romaní
Blog Literario: Marcos Valcárcel, polo seu blog As uvas na solaina
Institucións: Sección de Literatura do Liceo de Ourense
Escritora Galega Universal: Elena Poniatowska
Discurso de Cesáreo Sánchez Iglesias: Vídeo
Lectura e entrega dos Premios AELG 2009: Vídeo
(Vídeos retransmitidos en streaming durante a Cea das Letras no portal Blogaliza)
Ourense: homenaxe a Víctor Campio
Hoxe 23 de marzo ás 20:15 na Aula de Cultura da Sociedade do Liceo de Ourense a Sección de Literatura homenaxea ao poeta ourensán Victor Campio, cun coloquio arredor da súa obra na que participará ademais do autor Marcos Valcárcel e Manuel Outeiriño. O recital correrá a cargo de Teresa Devesa e Loly Conde.
Marcos Valcárcel, Socio de Honor do Liceo de Ourense
O Liceo de Ourense celebrou o pasado venres 20 de febreiro a súa Asemblea Xeral de Socios, durante a cal foi aprobado o nomeamento coma Socio de Honor do historiador Marcos Valcárcel, en virtude dos seus méritos persoais e dos servizos prestados á Sociedade como Director da Sección de Literatura. A Xunta Directiva salientou a condición de “persoa íntegra y entrañable” de Marcos Valcárcel, “una fuente de conocimiento de la historia contemporánea de Ourense” que mantén unha viva comunicación co resto de intelectuais de Galicia. “Es un orgullo para la Sociedad que forme parte decisiva de nuestras actividades literarias, con las que el Liceo ha alcanzado el mayor nivel de prestigio cultural”, di o comunicado da Xunta do Liceo.