Desde Sermos Galiza:
“Trátase dunha novela curta de misterio que el deixou lista para editar, mesmo a portada foi elixida por el, tal e como nos contan desde a editora. A casa do medo é unha cabana que lles pon os pelos de punta aos mozos e mozas de Valverde. No libro, que vén de publicarse en galego e en español, cóntase a historia dun mozo que marchou pero que ten que volver de novo á súa vila natal despois de moitos anos. A partir de aí acontece de todo: leis máxicas, portas que non se abren, bosques malditos e a valentía do rapaz que só vai armado cun amuleto.
Logo do seu pasamento en xullo, Fernández Paz sorprende cunha entrega non agardada destinada ao público xuvenil que foi presentada o venres 18 de novembro no Fogar de Santa Margarita na Coruña, o primeiro colexio no que comezou a exercer a docencia. No acto participou a familia do escritor (a filla e a súa ex muller), a escritora Fina Casalderrey, a súa tradutora Isabel Soto e a editora de Rodeira, María Xesús Gómez. Ademais, inaugurouse unha placa co seu nome na biblioteca do centro escolar. (…)”
Arquivos da etiqueta: María Xesús Gómez
Finalistas do Premio Mondoñedo 10, modalidade Narrativa, e composición do xurado
“A Asociación “As San Lucas”, en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o concello de Mondoñedo, creadores dos premios denominados “Mondoñedo10” comunican que, tras a pertinente deliberación do xurado, os títulos finalistas que optan neste ano 2016 ao Premio Mondoñedo10 na modalidade de Narrativa son:
– Begoña Caamaño, Morgana en Esmelle, Editorial Galaxia, col. Literaria, 2012, 220 pp. (ISBN: 978-84-9865-412-7).
– Víctor F. Freixanes, Cabalo de ouros, Editorial Galaxia, col. Literaria, 2010, 368 pp. ( ISBN: 978-84-9865-328-1).
– Agustín Fernández Paz, Non hai noite tan longa, Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2011, 272 pp. (I.S.B.N.: 978-84-9914-252-4).
– María Reimóndez, O club da calceta, Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2006, 272 pp. (ISBN 10: 84-9782-437-7).
– Manuel Rivas, Os libros arden mal, Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2006, 746 pp. (ISBN: 84-9782-461-X).
– Antón Riveiro Coello, Laura no deserto, Vigo: Editorial Galaxia, col. Literaria, 2011, 726 pp. (ISBN: 978-84-9865-395-3).
COMPOSICIÓN DO XURADO
Presidente:
Don Antonio Reigosa Carreiras, Cronista oficial de Mondoñedo.
Vocais:
Don Xosé Henrique Monteagudo Romero, en representación da Real Academia Galega.
Dona Dolores Vilavedra Fernández, en representación do Consello da Cultura Galega.
Don Cesáreo Sánchez Iglesias, en representación da Asociación de Escritores e Escritoras en Linuga Galega (AELG).
Don Luís González Tosar, en representación do Pen Clube Galicia.
Dona María Xesús Gómez, en representación da Asociación Galega de Editoras (AGE).
Dona Pilar Rodríguez Álvarez, en representación da Federación de Librarías de Galicia.
Don Armando Requeixo Cuba, en representación do Concello de Mondoñedo.
Secretario:
Don Fran Bouso. Designado pola organización.
A reunión decisoria do Xurado terá lugar o vindeiro domingo, 16 de outubro ás 12:00 horas.
A entrega do premio á obra que resulte gañadora terá lugar en acto público, salón de plenos da Casa do Concello de Mondoñedo, o mesmo domingo, 16 de outubro, a partir das 17:00 horas.
O premio, que se entregará ao/á autor/a da obra seleccionada, ou en caso de falecemento ou outra causa a un representante designado polos herdeiros ou titulares dos dereitos da obra premiada, consistirá na entrega dun diploma acreditativo e dunha obra artística orixinal de Caxigueiro.
Mondoñedo, 10 de outubro de 2016″
Xosé Ballesteros, novo presidente da Asociación Galega de Editoras
A Asociación Galega de Editoras (AGE) vén de renovar a súa xunta directiva. O novo presidente, Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, releva no cargo a Laura Rodríguez, de Hércules de Edicións, no remate do seu mandato.
A renovación produciuse no marco dunha asemblea extraordinaria celebrada en Santiago, e convocada con esa finalidade. A lista encabezada por Xosé Ballesteros foi a única candidatura presentada e resultou elixida por unanimidade. Previamente, a presidenta saínte fixo balance da xestión da súa executiva nos dous últimos anos, polo que recibiu o recoñecemento dos asistentes.
Canda Xosé Ballesteros, a actual dirección da AGE complétase con Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora, como vicepresidente; Belén López, de Baía Edicións, como secretaria; María Xesús Gómez, de Editorial Rodeira, como tesoureira; e como vogais, Laura Rodríguez, de Hércules de Edicións, Fran Alonso, de Edicións Xerais, Xulio Amigo, da Editorial Galaxia, e Tomás González, de Urco Editora.
Trátase dunha directiva integradora que inclúe membros da anterior etapa e suma tamén novas incorporacións. Destaca ademais pola variedade das editoras representadas, tanto na súa procedencia xeográfica -Pontevedra, Santiago, A Coruña e Vigo- como na temática das súas respectivas producións: literarias e xeralistas, libro de texto, grandes proxectos e literatura infantil-xuvenil.
OBXECTIVOS
O principal obxectivo do novo equipo é poñer en valor o papel das editoriais dentro do sector do libro galego, pola importancia que este ten na preservación do patrimonio cultural do país.
Outros retos que debe afrontar teñen que ver coa necesidade de que o libro galego incremente a súa cuota de mercado, que actualmente só acada o 17% no conxunto das vendas de libros en Galicia. Desenvolver novas estratexias de internacionalización figura, asimesmo, entre os propósitos iniciais desta xeira.
O grupo que preside Xosé Ballesteros aspira a abrir canles de interlocución con todos os colectivos que teñan que ver co libro, a lectura e a cultura en xeral, ademais de normalizar a relación existente coas Administracións públicas.
A partir dunha proposta da nova directiva, a asemblea da AGE aprobou mudar o nome da entidade, que pasa a denominarse Asociación Galega de Editoras.