Crónica videográfica da II Gala do Libro Galego (VII)

A II Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 20 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Premio de Narrativa: Todo canto fomos, de Xosé Monteagudo:

– Premio de Poesía: O cuarto das abellas, de Antía Otero:

Taboleiro do libro galego (maio 2017)

Desde Cicloxénese Expresiva:
“Aquí vos traemos a listaxe de libros máis vendidos de maio. Podedes consultar as entradas anteriores no Caderno da Crítica e na nosa propia páxina.
Para a elaboración deste taboleiro participaron as seguintes librarías: Miranda, Paz, Andel do libro, Couceiro, Lila de Lilith, Chan da Pólvora e Trama.

Narrativa

  1. Blues para Moraima, de Miguel Anxo Fernández. Editorial Galaxia.
  2. Ilustrísima, de Carlos Casares. Editorial Galaxia.
  3. Once portas, de Héctor Cajaraville. Editorial Xerais.
  4. Vento ferido, de Carlos Casares. Galaxia.
  5. Verán sen homes, de Siri Hustvet. Editorial Hugin e Munin.
  6. A morte do meu pai, de Afonso Eiré. Hércules Ediciones S.A.

Poesía

  1. Na casa da avoa, de Marta Dacosta. Galaxia.
  2. Camuflaxe, de Lupe Gómez. Chan da Pólvora Edicións.
  3. A cadencia da fractura, de Isaac Xubín. Editorial Xerais.
  4. A Relixión do mar, de Xosé Iglesias. Instituto de Estudos Miñoráns.

Ensaio

  1. Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), de María Xesús Lama. Editorial Galaxia.
  2. Galegocalantes e galegofalantes, de Carlos Callón. Editorial Xerais.
  3. Non des a esquecemento, de Luís Bará. Instituto de Estudos Miñoráns.

Xuvenil

  1. Corredora, de María Reimóndez. Editorial Xerais.
  2. A soidade das medusas, de Iria Collazo. Editorial Galaxia.
  3. Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas. Xerais.

Infantil

  1. A Galiña Azul, de Carlos Casares. Editorial Galaxia.
  2. O principiño, de Antoine Saint-Exúpery. Editorial Galaxia.
  3. Un ronsel de ardora, de Carlos Roberto Álvarez Taboada e Enrique Mauricio Iglesias. Lela Edicións.

Libro CD-DVD

  1. Mel, unha mosca agradecida, de Miguel Ángel Alonso. Nova Galicia Edicións.
  2. Volta, revolta e reviravolta, de As Maimiñas. Editorial Galaxia.

Banda deseñada

  1. Bichero VI: TI SACHA!!!, de Luís Davila. Autoedición.
  2. Floreano. Alúganse borrachos para festas, de Gogue. Editorial Xerais.
  3. Historias Floreánicas, de Gogue. TodoGrove Edicións.

Revistas

  1. Luzes.
  2. Tempos Novos.”

“O interior das casas”, por María Reimóndez

Artigo de María Reimóndez na Sega:
“Nas habituais disquisicións sobre a literatura galega que adoito presenciamos, unha das ladaíñas recorrentes é a de que este é “un país moi pequeno”, onde todo o mundo se coñece, onde non é posible facer un traballo crítico “rigoroso” precisamente por exceso de proximidade. Sen entrar agora a debater o errado que me semella, dende a epistemoloxía feminista, entender o “rigor” como distancia, nin as raíces e consecuencias que este tipo de pensamento trae para as autoras e críticas, querería utilizar o tropo do “país pequeno” para falar en positivo. Os países pequenos (os literarios, cómpre non enganarse, todos o son) acaban sendo coma as casas, lugares que teñen o potencial de nos encerrar ou de nos axudar a coñecer e a coñecernos, a crecer no literario e no humano grazas á presenza tanxible doutras escritoras nas nosas vidas. A proximidade aumenta tamén, é obvio, o noso potencial para crear comunidade.
Entendo, pois, como unha vantaxe da proximidade, do país pequeno, da casa, ter tido ao longo de toda a miña vida como escritora a posibilidade de compartir espazos con Marta Dacosta, espazos que transcenden as páxinas dos libros, mais que fican prendidos a eles indefectiblemente. Ás veces os contactos son meros comentarios ao aire que sen saber alguén recolle. Hoxe, para falar de Na casa da avoa, debo por forza volver a un deles, aquel no que Dacosta comentaba con ironía que a súa escrita quedara atrapada no caixón desleixado da “escrita de/por/para mulleres”. Para aquelas que canonizaron as poetas dos oitenta e noventa, a súa voz semellaba non encaixar no agardado, non seguir os patróns predeterminados. Quedou relegada a ese espazo que pecha as portas a un achegamento crítico (agora si) rigoroso, é dicir, complexo, intelectualmente competente e respectuoso, da súa obra. É hora de sacar a escrita de Dacosta do –con perdón- rocho onde foi confinada. E para iso vou comezar virando a chave polo final, por esta a súa última obra. (…)”

A II Gala do Libro Galego no Diario Cultural

Desde o Diario Cultural da Radio Galega (foto de Alba Sotelo):
“O sector do libro reclama o desenvolvemento da Lei do libro e a lectura na II Gala do Libro Galego. Coñecemos premiados. Pode escoitarse aquí.”

Marta Dacosta: “Estamos en pé de igualdade a nivel creativo con calquera lugar do mundo”

Entrevista de M. Obelleiro a Marta Dacosta en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Defendes que a nosa literatura ten un elemento imprescindíbel: as creadoras e creadores, mais dis que falla no final do proceso, na parte lectura. E vinculas isto coa lingua. Por que?
– Marta Dacosta (MD): A nosa ferramenta de traballo non é o barro, a fariña, a rede ou a madeira; é a lingua. Entón, se un carpinteiro non ten futuro cando deixamos de utilizarse mobles de madeira e pasamos a utilizar mobles de plástico, pois evidentemente a obra creativa dunha escritora ou dun escritor non terá futuro se a lingua coa que traballa non ten lectores nin falantes. O futuro da cultura galega e da literatura galega está indisolubelmente ligada ao futuro da lingua, porque nós traballamos coa lingua. Se cadra, se vivise noutro lugar do mundo e se falase outra lingua, non dicía isto que digo. Creo que non é cuestionábel que teremos máis lectores en galego se temos máis falantes en galego. A máis falantes, máis lectoras e lectores. O noso país pode presumir de potencia creativa. Temos escritoras e escritores, debuxantes, artistas plásticos en xeral, actrices e actores… temos todos os elementos mais falla a posprodución, a difusión, o apoio de alguén que debería estar fachendeando, dicindo, que unha das mellores poesías europeas se escribe en galego.
– SG: Unha das mellores poesías a nivel europeo…
– MD: Iso é así. Hai escritores non galegos que din que temos unha das mellores poesías europeas. Non me atrevo a dicir mundiais, pero quizais debera dicilo. Nós estamos en pé de igualdade a nivel creativo con calquera lugar do mundo, fállanos un apoio institucional decidido para que a nosa lingua e a nosa cultura se promovan e teñan receptores. E aquí un dos problemas é un goberno que non asume que é un goberno galego. Ademais iso súmase a un desprezo pola cultura xeneralizado que nos sucede con este goberno e o transcende. Podemos mirar para o prezo do libro en Francia e vemos que falamos dunha realidade diametralmente oposta. Chámanos a atención, cando imos a Francia, que nos custan moi caros os cafés, pero os libros son moi baratos. Aquí estamos no extremo oposto. A industria cultural necesita ser apoiada. Vemos todos os días nos medios de comunicación que o goberno, polo menos aparentemente, preocúpase pola industria naval, a automoción… para que sexan punteiras e estean producindo constantemente, para que haxa carga de negocio, pero a cultura é Produto Interior Bruto, e as industrias editoriais crean PIB, ao igual que a xestión de concertos, iso tamén é riqueza nun país. Con todo, non aprecio no goberno da Xunta esa preocupación polo PIB que pode producir a cultura do mesmo xeito que lle preocupa o PIB que poden producir os drons en Rozas. Se se lle puxese a mesma vontade a todas as industrias que crean riqueza, estariamos falando doutro momento cultural. Afortunadamente, hai institucións que empezan a actuar a prol da cultura, que saben que a cultura é unha riqueza do país, e está todo o tecido asociativo que foi, é e seguirá a ser fundamental, e grazas a iso podemos asistir á presentación dun libro ou a un recital, ver unha obra de teatro… Falta dinamismo en quen ten a máxima responsabilidade. (…)”

Taboleiro do libro galego (abril 2017)

Desde Cicloxénese Expresiva:
“Continuamos co excelente traballo que se viña facendo no Caderno da Crítica.
Queremos agradecerlle a axuda a Ramón Nicolás e ás librarías que colaboraron con nós para a elaboración desta listaxe: Pedreira, Cartabón, Paz, Biblos, Miranda, Andel do libro, Suévia e Chan da Pólvora.

Narrativa
Os nenos da varíola, de María Solar. Galaxia.
Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva. Galaxia.
Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira. Galaxia.
Vento ferido, de Carlos Casares. Galaxia.
Izan o da saca, de Xabier Quiroga. Xerais.

Poesía
Camuflaxe, de Lupe Gómez. Chan da Pólvora Editora.
Suicidas, de Francisco Cortegoso. Chan da Pólvora Editora.
A relixión do mar, de Xosé Iglesias. Instituto de Estudos Miñoráns.
Na casa da avoa, de Marta Dacosta. Galaxia.

Ensaio
Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade, de María Xesús Lama. Galaxia.
Non des ao esquecemento, de Luís Bará. Instituto de Estudos Miñoranos.
Historias de galegos extraordinarios, de Salvador Rodríguez. Belagua Edicións.
Bolcheviques, de Teresa Moure (coord.). Através Editora.

Xuvenil
Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas. Xerais.
A soidade das medusas, de Iria Collazo. Galaxia.
Europa express, de Andrea Maceiras. Xerais.

Infantil
Primeira semana na escola de vacas, de Cutbill e Russell. Editorial Patas de peixe.
O monstro das cores, de Ana Llenas. Flanboyant.
Minilibros imperdibles 1 e 2. Kalandraka.

Libro CD-DVD
Mel, unha mosca agradecida, de Miguel Ángel Alonso. Nova Galicia Edicións.
Aire, de María Fumaça. Galaxia.
A bruxa da discordia, de Mamá Cabra e Carmen Gil. Galaxia.

Banda deseñada
Bichero VI: Ti sacha!!!, de Luís Davila. Autoedición.
Historias Floreánicas, de Gogue. TodoGrove Edicións.
A lei da cidade sen alma, de Víctor Boullón. Kómic librería e Demo Editorial.

Revistas
Luzes.
Tempos.
Follas novas.”