Nove microrrelatos con premio: da pandemia á perda da memoria e a descuberta infantil do galego

Desde a Real Academia Galega:
“Vidas roubadas, as feridas da vellez na memoria, a descuberta da lingua de acollida, mesmo unha coreografía astronómica e, sempre, a capacidade de cativar e abraiar. Estes son algúns dos ingredientes das nove historias gañadoras e finalistas do V Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal, que consolida o éxito de participación entre xente de todas as idades con máis de 900 contos presentados. Antonio Cepeda Fandiño (Santiago de Compostela, 1967), Antía Novas Arribas (Bueu, 2004), e Elena Pastoriza Cortizo (Bueu, 2012) fixéronse cos primeiros premios nas categorías de adultos, xuvenil e infantil, respectivamente. Os segundos premios son para Carlos Neira Suárez (Mugardos, 1950), Lucas González Pérez (Ourense, 2005) e Marina Cabrera Vives (2012), nada en Tarragona e residente en Castrelo de Miño; e os terceiros para Anabel Rodríguez Vázquez (Castro Caldelas, 1967), Carlota Alcalde Lorenzo (Noia, 2006) e Ximena Landeira Lista (Santiago de Compostela, 2010).

As persoas gañadoras do certame
O xurado da categoría de adultos –composto polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e tamén académico, Manuel González González; a académica correspondente Olivia González; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista e membro do comité de redacción de Luzes Marta Otero– avaliou preto de 500 relatos de ata 200 palabras presentados por persoas maiores de idade residentes en Galicia, outras comunidades autónomas e países como Suíza ou Brasil.
Entre todos eles, resultou gañador do primeiro premio de adultos “Aire libre”, unha historia inspirada na pandemia, pero cun xiro inesperado, asinada por Antonio Cepeda Fandiño, profesor de Xeografía e Historia e responsable da área de documentación do Museo Pedagóxico de Galicia.
Carlos Neira Suárez, xubilado do sector naval, fíxose co segundo premio de adultos con “Cronoloxías”, un relato conmovedor sobre as pegadas do paso do tempo na memoria; e Anabel Rodríguez Vázquez, perruqueira e veciña de Ourense, gañou o terceiro da mesma modalidade con “Herdanza”, un conto sobre arelas infantís e perdas irreparables. Non é o primeiro galardón deste tipo que consegue, xa que acadou previamente en dúas ocasións o concurso de microrrelatos do Consello Xeral da Avogacía Española e resultou finalista noutros.

Xuvenil
As preto de 300 historias presentadas por nenos e nenas de ata 11 anos e as case 200 escritas por mozos e mozas de 12 a 17 anos foron avaliadas pola académica de número Fina Casalderrey; o académico correspondente Ramón Nicolás; a secretaria de PuntoGal, Edita de Lorenzo; Cristina Ríos, membro do equipo da mesma entidade; e Santiago Romero Quintas, membro do comité de redacción de Luzes.
Tras as deliberacións do xurado para as categorías de menores de idade, Antía Novas Arribas, alumna de 2º de BAC do IES Johan Carballeira de Bueu, resultou a gañadora do primeiro premio na modalidade xuvenil co relato “Sen”, unha historia estremecedora de pouco máis de 100 palabras. “Nacido con identidade propia”, un relato que conecta o valor do patrimonio natural coa consciencia de noso, valeulle o segundo premio na modalidade xuvenil a Lucas González Pérez, alumno de 1º de BAC do Colexio Marista Santa María de Ourense. E o terceiro premio da mesma categoría foi para o desacougante “Quen son?”, de Carlota Alcalde Lorenzo, alumna de 4º da ESO do IES Campo de San Alberto de Noia.

Infantil
O relato gañador máis curto, “O gran baile”, de tan só 16 palabras, é de Elena Pastoriza Cortizo, alumna do CEIP Montemogos de Beluso (Bueu), que se fixo co primeiro premio na categoría infantil cunha fermosa danza planetaria. O segundo premio da mesma categoría recaeu en “Lingua adoptiva”, un conto baseado na descuberta do galego da propia autora, Marina Cabrera Vives, alumna do CEIP Castrelo de Miño. A pequena instalouse coa súa familia non hai moito no Ribeiro procedente de Cataluña e o seu álter ego nesta historia anima a romper a falar en galego a todas as persoas para as que non é a primeira lingua.”

“Os libros que camiñan a cidade”

Artigo de Marta Otero en La Opinión:
“Un canto de amor ao verán, un paseo á beira do mar, unha incursión ao mundo dos patios de luces e unha revisión ao teatro das Irmandades da Fala compoñen a nova edición de outono dos Paseos pola Coruña literaria, que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, convoca dúas veces ao ano co obxectivo de sacar a literatura das páxinas dos libros e botala á rúa.
Nesta ocasión, como vén sendo habitual, os propios autores guiarán aos presentes a través dos enclaves coruñeses que compoñen as súas obras, mais a nova edición propón unha novidade: neste caso, os roteiros abren a participación a todo rango de idades, pois o roteiro Patio de luces, conducido por Érica Esmorís, está recomendado a familias con nenos e nenas a partir dos 7 anos.
O escritor coruñés Antonio Manuel Fraga abriu a actividade con Un roteiro sensitivo cara a santoamaro, baseado no seu libro santoamaro, gañador do premio Jules Verne. “Antonio Manuel Fraga vai facer un roteiro sensitivo e baseado nas vivencias deses adolescentes nesa praia, e todo o que profesaban os seus sentidos”, explica Beatriz Maceda, vogal na Coruña da Asociación de Escritoras e Escritores. Os sons da música, os olores do verán e o tacto da area guiarán, ao seu xeito, o paseo, que trasladará a acción á praia que dá nome ao libro do escritor coruñés.
Os roteiros están abertos á veciñanza con previa inscrición, mais desde a AELG advirten de que só dirán o punto de partida e o percorrido a aqueles que chamen para apuntarse, xa que as prazas son limitadas e, por prudencia ante a situación sanitaria, a organización decidiu adoitar a medida ante a posibilidade de que se formen aglomeracións. As inscricións poderán formalizarse dende o luns anterior a cada actividade no enderezo inscricionslingua@coruna.gal indicando no asunto Inscricións Paseos.
A autora Andrea Maceiras será a encargada de guiar o seguinte roteiro, Un océano azul tinta: a LIX a través do mar, que explora a relación do océano como personaxe, paisaxe ou símbolo coa literatura galega. “É a escusa perfecta para falar de libros infantís e xuvenís con recendo a salgado, de historias que suceden nas nosas costas, de rebeldía e soños”, adiantan.
O 20 de novembro, continuará a actividade con Patio de luces, un paseo conducido por Érica Esmorís arredor dos patios de luces que inspiraron a súa obra homónima, gañadora do premio Cidade de Málaga 2020, de Anaya. “O paseo percorrerá dous patios de luces, especialmente un deles, ubicado na zona do Agra, onde ela viviu de pequena e de onde sacou esa historia que conta na súa obra”, engade Maceda.
Este roteiro, a diferenza dos outros, recomendados a persoas maiores dos 12 anos, está dirixido a a familias con nenos a partir dos 7 anos, como un xeito de incorporar aos paseos idades cada vez máis temperás. A actriz Imma António Souto, presidenta da Academia Galega de Teatro, será a encargada de pechar a edición de outono da iniciativa co paseo Irmandades teatrais, que se celebrará o próximo 27 de novembro, e estará destinada a un público adulto a partir dos 16 anos.
“É un percorrido desde a necesidade da escrita dramática e o cuestionamento do rol do noso teatro no mundo actual, partindo da aportación que fixeron ao teatro as Irmandades”, sinala Beatriz Maceda.”