Arquivos da etiqueta: Miguel Sande
Cuestionario Proust: Miguel Sande
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Miguel Sande:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A invisibilidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A humildade (inclúe educación e respecto).
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada.
4.– A súa principal eiva?
– Esa mesma, a invisibilidade.
5.– A súa ocupación favorita?
– As máis das veces correr.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Tomar un bo café (e entón ler).
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Algunhas poderían ser grandes desgrazas.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, non coñezo outro.
10.– A súa cor favorita?
– A do mar, cambiante.
11.– A flor que máis lle gusta?
– En especial as máis sinxelas.
12.– O paxaro que prefire?
– O que (ferido) non poida voar.
13.– A súa devoción na prosa?
– Quen traballan frase a frase, parágrafo a parágrafo coma quen pica na pedra.
14.– E na poesía?
– Eugénio de Andrade (outro: Peixoto; agora tamén o último de Berta Dávila).
15.– Un libro?
– Imposible.
16.– Un heroe de ficción?
– Non teño.
17.– Unha heroína?
– Tampouco non teño.
18.– A súa música favorita?
– Neste momento o hardcore; trashcore. Megadeth.
19.– Na pintura?
– Son máis de fotografía.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Ninguén. Non creo niso.
21.– O seu nome favorito?
– A persoa fai o nome.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A tardanza (mesmo a propia).
23.– O que máis odia?
– Que me berren.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– As de quen “obraron” para pasar á historia.
25.– Un feito militar que admire?
– Militar, só por esa condición ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Un que me aprendera a apreciar máis a pintura, un Van Gogh, un Leopoldo Nóvoa, por exemplo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Neste momento, a esta idade, de ningunha.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A serenidade, a pesar de todo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Se son defectos, todos.
30.– Un lema na súa vida?
– Non teño.”
A Coruña: presentación de Sabes que mamá quería ser bailarina, de Miguel Sande
O
mércores 8 de outubro, ás 19:30 horas, no estudio teatral Casahamlet da Coruña (rúa Afonso VII 11, baixo), preséntase Sabes que mamá quería ser bailarina, de Miguel Sande, publicado en Toxosoutos. No acto, a actriz Chus Álvarez vai dramatizar -a xeito de micropeza- a obra.
Betanzos: presentación de A vida fóra, de Miguel Sande
O
martes 1 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase A vida fóra, de Miguel Sande, publicado en Galaxia.
Manuscritos: Miguel Sande
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Santiago: coloquio sobre A vida fóra, con Miguel Sande
O
martes 22 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa da Travesa, 7) de Santiago de Compostela, Miguel Sande falará sobre a súa novela A vida fóra, publicada en Galaxia, cos membros do clube de lectura Implicados.
A Coruña: presentación de A vida fóra, de Miguel Sande
O
martes 22 de novembro, ás 19:30 horas, no Kiosko Alfonso da Coruña, preséntase a novela de Miguel Sande A vida fóra, publicada na Editorial Galaxia. No acto, en que participan, xunto ao autor, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Luís Vilela e Carlos Lema, actuará un grupo de violinos e canto do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro e outras sorpresas. Crónica posterior en Galaxia.
Arteixo: coloquio con Miguel Sande sobre a súa obra A vida fóra
O
mércores 16 de novembro, ás 18:00 horas, no Clube de Lectura de Arteixo, Miguel Sande falará sobre a súa novela A vida fóra, publicada en Galaxia.
Entrevista a Miguel Sande sobre a súa última obra, A vida fóra
Entrevista
a Miguel Sande en Fervenzas Literarias:
“- Fervenzas Literarias (FL): A construción dun edificio diante da fiestra dende onde María, vella e enferma, observa a vida pasar postrada nunha cadeira de rodas vaille servir a vostede de escusa para xogar co título desta novela: A vida fóra. Recrearase esa vida fora da xanela e vai sacar esa vida fóra da vella María través das diferentes lembranzas.
– Miguel Sande (MS): A vella María pasa os días nunha cadeira de rodas ollando pola ventá. Un día, e outro, e outro… ata que constrúen un edificio diante da súa vivenda. Entón á vella sácanlle o único que a une co exterior: a vista. Vai ser a partires diso cando non vai ter outra que imaxinar a vida fora desa construción. Velaí o porque do título. Esa expresión obrigada da vella María de imaxinar a vida fora é o que a min me interesaba que fose a cerna e a orixinalidade desta novela. A vella vai facer gala dunha imaxinación desbordante, chegando en ocasións ao disparate. A vida fóra é unha novela dura, pero o que nos chega a través da imaxinación da vella dálle unha chispa á historia, esa vida necesaria para que o lector poida ler este libro cun sorriso. Doutro xeito sería unha novela moi simple: unha vella nunha cadeira de rodas mirando pola ventá. A historia chega a nós coas palabras dela. Sobre o de sacar a vida fora a través das súas lembranzas en parte tamén é certo. A vella María saca retallos da súa propia vida. Esta novela, como dicía Carlos Nuevo cando a presentamos en Viveiro, ten cortes etnográficos, elementos do pasado. A través deses retallos -aínda que non sexan coordinados por mor da memoria rota de María- vamos coñecendo a súa historia: a posguerra, a lembranza da mestra republicana a quen lle queimaron a casa… pero tamén o seu presente. Son cousas que non se relatan explicitamente pero xorden a través dos recordos da vella María. Hai quen ve iso como un defecto, pero eu pretendín contar as cousas doutro xeito.
– FL: Aínda que poesía e teatro abranguen a meirande parte da súa obra, retorna de novo á novela tras aquel Se algún día esta muller morta (Galaxia), I Premio de Narrativa Breve Repsol YPF 2006. Nesta A vida fora, sendo unha novela, sitúa ao lector nun cruce de camiños onde conflúen tanto a prosa, como o teatro e un pouso da poesía.
– MS: Eu levo vinte e cinco anos escribindo e sempre digo que veño dos barrios marxinais, que serían a poesía e o teatro. Agora estoume achegando ao que sería o barrio rico: a novela. Noutra das presentacións que fixemos este verán, en Barreiros, o dramaturgo Manuel Lourenzo comentou que se trataba dun monólogo teatral. Aínda que concorde con Manolo, eu tamén creo que se podería ler como un poema longo. Pero sobre todo é unha novela, unha novela curta. Na contracapa do libro Galaxia indicou que se trata dunha novela que está nos límites da narrativa. Coido que non hai fronteiras. Podería dicirche que hai poesía, que hai teatro, pero é novela. Os diferentes matices ten que atopalos o lector. (…)”.
Carballo: actividades do domingo 28 de agosto na Praza dos Libros
Dentro
da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolve até este domingo 28 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o no seu último día, domingo 28 de agosto:
– 12:30 h. Presentación de A ciencia no punto de Mira, de Jorge Mira, publicado por Auga Editora. No acto participan, acompañando ao autor, Santi Garrido e José María de la Viña.
– 19:30 h. Presentación da nova serie infantil A familia Caravana, de Pepe Carreiro, publicada en Edicións do Cumio. No acto participan, xunto ao autor, Milagros Lantes e Francisco Villegas.
– 20:00 h. Miguel Sande asinará exemplares do seu libro A vida fóra, publicado en Galaxia.
O programa completo pódese descargar aquí: Praza dos Libros Carballo 2011.


