Entrevista de Montse Dopico a Puri Ameixide en Praza:
“Claro de lúa (Xerais) é unha novela decimonónica, mais pensada desde o século XXI. Con feitura e personaxes clásicos. E co encanto do, simplemente, ben escrito. Cun transfundo social e político que axuda a cuestionar a visión hexemónica dalgún feito histórico. Falamos coa súa autora, Puri Ameixide.
– Praza (P): Rosa, unha rapaza orfa, pobre, intelixente, curiosa e bondadosa, parécese á clásica heroína de novela decimonónica. Como xorde esta personaxe? Que ten das heroínas de Austen ou Brönte? Ou é unha comparación, se cadra, esaxerada?
– Puri Ameixide (PA): A comparación é moi de agradecer aínda que Rosa en moitos aspectos é unha muller do século XVIII, non do XIX. O XIX vai ser o século da exaltación sentimental, da loita polas liberdades individuais e sociais, pero aínda estamos en 1808 e ela non ten estas aspiracións. Por outra parte as heroínas desas grandes autoras británicas proceden dunha sociedade moi diferente da nosa. A primeira estatística oficial con datos sobre a educación no estado español é de 1841 e informa só un 9,2% de mulleres alfabetizadas. Máis de trinta anos antes, Rosa sabe ler porque así lle conviña á súa ama, pero aí remata toda a súa formación.
– P: A novela leva o título de ‘Sonata en tres tempos’ e adopta diferentes ritmos, nas súas tres partes, segundo vai avanzando a historia. O propio título vén do nome popular da Sonata para piano nº 14 de Beethoven, coa que un dos personaxes “pelexa” na novela. Por que ese ronsel musical e que relevancia ten na técnica narrativa? (Que, por outra banda, tamén é bastante clásica: narrador, progresión lineal, diálogo…)
– PA: Inspireime, de feito, nas grandes novelas decimonónicas non tanto para a construción das personaxes senón para a arquitectura da novela e creo que conseguín bastante o meu propósito, aínda que era bastante disparatado: eu pretendía construír unha novela en tres partes, como adoitaban publicarse no dezanove as grandes obras que previamente tiveran éxito por entregas, pero de xeito que, como o protagonista sería un pianista, a obra debía ser unha sonata, e cada unha das tres partes reflectiría o mellor posible o ritmo, o sentimento e os matices da partitura elixida. A sonata 14 de Beethoven, posteriormente denominada “Claro de Lúa” (pois el nunca lle poñería un título tan cursi) ofreceume exactamente a forma e o ton narrativo que eu quería, e por iso cada unha das tres partes da novela ten unha personalidade propia e obedece a unha influencia diferente.
De Charlotte Brontë, xa que preguntabas antes, tomei o ton narrativo da primeira parte, un adagio sostenuto, é dicir, intenso e melancólico pero sen excesos, ademais a miña protagonista é unha rapaza orfa con grandes méritos persoais que se namora do home para quen traballa, pero aí remata toda semellanza con Jane Eyre, quen si que é unha heroína romántica sen fisuras, cunha personalidade moi desenvolvida, froito da resiliencia tras unha infancia terrible pola que Rosa non tivo que pasar.
A segunda parte da novela é máis austeniana, tanto polo triángulo amoroso como polo humor da voz narradora, con intromisións que agora irán in crescendo ata o final, e non se pode negar que Leonor Montenegro é unha versión, un pouco menos perversa, da Mary Crawford de ‘Mansfield Park’. Todo iso axústase perfectamente co ritmo de allegretto do segundo movemento da Catorce.
Respecto á terceira parte, nela reside para min o verdadeiro miolo do asunto, e nela desátase un presto agitato que se corresponde co episodio da guerra. Nunca me atreverei a compararme con Tolstoi pero fixen o posible por contar o episodio galego das guerras napoleónicas ao igual que el contou o ruso: sen faltar á verdade aínda que iso decepcione a algún patriota e reflexionando sobre o papel do individuo nos grandes conflitos globais sen esquecer que “sempre existe en última instancia a decisión persoal e, como di Campos, non son os gobernos os que conviven, senón as persoas”. (…)”
Arquivos da etiqueta: Montse Dopico
Xabier Paz: “Apenas coñecía catro tópicos sobre Galileo e, achegándome, fiquei absorbido pola súa peripecia vital e intelectual”
Entrevista de Montse Dopico a Xabier Paz en Praza:
“(…) – Praza (P): A impresión que dá a lectura é que a novela [Galileo no espello da noite] está en boa medida baseada nunha moi exhaustiva documentación: o nivel de detalle sobre os seus amigos e inimigos, sobre as polémicas que mantivo… Como preparaches esa parte de documentación? Non había aí tamén, quizais, un risco de ceder demais ante o personaxe histórico deixando de lado a ficción, a construción do personaxe como tal?
– Xabier Paz (XP): Acaso existe un hábito da miña formación profesional. Antes de escribir sobre algo, non de falar na barra dun bar, senón de escribir, procuro entender o que saben os especialistas que antes e mellor ca min dedicaron o seu tempo ao tema ou personaxe en cuestión. Fixar ben os límites da pescuda, cousa non sempre doada polo ensarillado dos temas, e ler moito, ler cando poda.
Para min é un pracer combater a propia ignorancia, no proceso de entender algo, un personaxe, un momento histórico ou un fenómeno natural é sempre unha experiencia gozosa, non sempre sinxela nin pronta, pero mesmo cos atrancos e dificultades, sempre me resulta grato e por veces engaiolante. Quixera poder transmitir algo desde pracer na escrita.
Na miña biblioteca física e, por suposto nos pdfs e arquivos do meu ordenador, a estas alturas hai seccións que se corresponden con algún dos libros escritos. Libros.
O equilibrio entre ensaio e narración é, talvez, un dos problemas que cómpre resolver cando se escribe un libro de tema histórico, sobre todo se queres escribir algo que non sexa mera descrición dunha peripecia vital, neste caso histórica. A min gústame engadir doses de ambiente, de cultura, digamos de ensaio. Sei que non a todo o mundo lle agrada iso nunha novela.
– P: En relación con iso, se cadra unha das principais achegas túas é a maneira na que afondas na relación de Galileo con distintas mulleres: a nai, as fillas -e en especial Sor Celeste, que é o seu sustento afectivo- e a compañeira, Marina. As cartas que intercambia con Sor Celeste forman unha parte importante da narración. Por que decides afondar nestas relacións?
– XP: O tópico de que detrás de todo grande home hai unha muller corresponde a unha realidade biolóxica e ideolóxica, unha evidencia natural e social. Ningunha vida, sexa de home ou de muller pode entenderse sen nai. Mesmo nas persoas orfas, o oco marca. A presenza das mulleres é unha materia que me interesa como un xeito de furar nos moldes e estereotipos de xénero. Falar das mulleres é tomar partido e eu quero tomalo, ben ou mal quero facelo, e fíxeno en case todos os meus libros, aínda que deba dicir que teño un proxecto, case rematado, no que apenas hai nin sombra feminina, é una historia de cronistas e navegantes do S. XVI.
Quixen humanizar o sabio. Tratar do home, da persoa por detrás da imaxe social e cultural do filósofo natural. As cartas da filla de Galileo están editadas por unha muller, Dava Sobel, e aproveiteinas. Estou convencido de que as relacións afectivas e en concreto a presenza de sor Celeste foi importante na súa vida. (…)
– P: Parece, de feito, que en todas as túas novelas se cuestiona a clásica oposición entre o “local” e o “universal”: a historia italiana é tamén a nosa Historia, e a galega é a europea… É un pouco parte do teu obxectivo como escritor?
– XP: Coma en moitas parellas conceptuais creo que hai unha falsa antinomía entre o particular e o universal. Sen caer en relativismos penso que a vida transcorre coma unha mestura de identidades, digamos concéntricas desde a casa, a cidade, a vila ou lugar, a parroquia, a nación, o Estado, o continente e o mundo. Niveis ou capas entendidas, tamén, coma mestura xeográfica e histórica, lugar concreto e acontecemento temporal ao tempo.
Non sei se teño un obxectivo coma autor. Desde logo escribir en galego ou non escribir é a premisa imprescindíbel aquí e agora. Despois escribir sobre o que me gusta, se pode ser me apaixona e, desde logo, está dito, facelo con todo a esforzo, diría que cariño, que poda.
Como galego hai figuras e temas “locais” que me interesan, pero como persoa cunha determinada formación e unha sensibilidade concreta hai moitas cousas, alén do noso ámbito identitario que me intrigan. Por exemplo Cartago, a cultura púnica, soterrada polo sal romano, e sei que a meirande parte desas cousas que me interesan non terei ocasión de tratalas. (…)”
Pura Salceda: “Quixen apartarme da aldea idílica virxiliana. Pequenos mundos tamén poden ser grandes infernos”
Entrevista de Montse Dopico a Pura Salceda en Praza:
“Pura Salceda volve á literatura en galego tras bastante tempo, desde A ollada de Astarté (Espiral Maior, 2007). E faino con O paxaro de nácara (Galaxia), unha novela de intriga, de paixóns, cun transfundo social relacionado coa historia da emigración e un ollar etnográfico, mais non exento de crítica, sobre a rural galego. A autora respondeu as nosas preguntas por correo electrónico.
– Praza (P): Comeza a novela coa volta dunha xornalista galega emigrada en Barcelona, Nélida, á súa aldea. Nesa primeira parte parece haber unha intención de retratar a vida na sociedade rural tradicional, con algunhas dinámicas en proceso de desaparición. Por que?
– Pura Salceda (PS): A novela pretende ser un fresco sobre as aldeas na Galicia contemporánea. É unha forma máis de non esquecemento deste período no que, en poucos anos, se pasou dunha vida rural moi arcaica a un mundo tecnolóxico. A xente da miña xeración, os do Baby boom, somos uns recolledores de ecos sobre o pasado, en boca dos pais e dos avós, que asemade tivemos que adaptarnos para non perder a carreira cos da xeración nativa dixital. Reflectir eses paradoxos é tamén explicarnos.
– P: En relación co anterior, escolles Feás, no concello de Boborás, para situar a historia. Por algún motivo especial?
– PS: Podería terme inventado un nome calquera, unha Vetusta máis ou un Macondo, pero Féas é a aldea dos meus pais, e nomeala como tal, á parte de darlle máis realismo á historia, é unha homenaxe a cantos viviron nela, un tributo ás raíces e tamén aos meus pais. Persoas que loitaron moitísimo para intentar mellorar as súas vidas e, en consecuencia, ás nosas.
Agora que acaba de falecer meu pai, alégrame saber que foi o primeiro libro que leu en galego e que o fixen feliz explicando as súas tribulacións. Foi un rapaz moi intelixente que non puido estudar e que sempre lle quedou esa espiña cravada. Dalgunha maneira é reivindicalo, como a tantos outros da súa xeración que padeceron a mesma inxustiza. (…)
– P: Había moito que non publicabas un libro en galego: desde A ollada de Astarté, quizais. Tes proxecto de seguir escribindo en galego?
– PS: Que non publique non quere dicir que non teña material en galego, sobre todo en poesía. Teño que revisar libros de poemas, a ver se poden ver a luz en breve. De todos os xeitos, coa poesía cada libro “escolle” a súa lingua. Segundo o tema, ou por que se escribiu, nace nunha lingua ou noutra: galego, catalán, ou castelán. Estou tamén escribindo outra novela en galego, totalmente distinta a esta.
Divírteme cambiar de temas e estilos (quen non se divirta escribindo, mellor que o deixe). Coa narrativa, á parte de Alicia en Penumbra. Historia de Perra Negra, que era unha novela escrita hai moito, como unha póla do libro de poemas Versos de perra negra, e que por iso se publicou en castelán, a miña intención é escribir narrativa só en galego. Evidentemente é unha escolla consciente. Éme máis doado escribir en castelán, que é a miña lingua boomer de escola, pero o galego necesita de todos nós, se nalgo pode un contribuír humildemente a ela. Para min, é un acto de amor.”
Xosé Ricardo Losada: “Os ‘non normais’, esa inmensa minoría, foron os que cambiaron o mundo”
Entrevista de Montse Dopico a Xosé Ricardo Losada Vicente en Praza:
“Xeila, unha adolescente intelixente e esperta, comeza a comportarse de forma moi estraña, pasando nunhas semanas da total submisión á máis aberta rebeldía contra os adultos. A súa afiada lingua devólvelles ademais aos pais ou aos profesores un espello de si mesmos que non quixeran ver. Disto vai A casa xunto ao volcán, (Galaxia), o novo libro de Xosé Ricardo Losada. Unha novela de aprendizaxe na que a protagonista decide perderse para, despois, encontrarse. Asumindo que parte da vida é o risco, a incerteza, o valor para saír do camiño familiar e socialmente trazado. Antes de descubrirnos a nós mesmos en vidas atrapadas no que de nós se agardaba, e sentidas como, en boa medida, perdidas.
– Praza (P): A novela está dedicada, entre outras persoas, a Andrea M. de Jesús e Ainara Calo, ex-alumnas súas, que lle deron a idea para esta historia. Pode contar un pouco máis de como nace un personaxe tan peculiar como o de Xeila?
– Xosé Ricardo Losada (XRL): Sempre crin necesario acercar a filosofía a un público cada vez máis amplo. E creo que a mellor (aínda que non única) forma é darlle un carácter narrativo. Na miña experiencia de profesor de Filosofía decateime de que Nietzsche é un autor que entusiasma os alumnos. Cando esas dúas ex-alumnas, que fracasaran no sistema educativo, me mandaron un correo contándome todo o que lle axudaran aquelas clases sobre Nietzsche a levar os malos momentos e a fortalecerse e a acabar superándoos, ocorréuseme a idea de Xeila.
– P: É unha novela de aprendizaxe -de transición á vida adulta- non pensada, seguramente, para adolescentes, mais que podería ser adecuada para eles. Pensou no posible lector/a deste libro, cando o escribía, desta maneira?
– XRL: Se o obxectivo que te marcas é acercar a filosofía á realidade cotiá, non queda outra que pensar no lector. Ese foi un dos grandes retos e a fonte das maiores dificultades na escrita. Quería un libro (e polo que me están comentando, conseguino) que puidese chegar aos adultos, pero tamén aos adolescentes. De aí que me agrade tanto iso que comentas na túa pregunta.
Aínda que a protagonista é unha adolescente que se move nun mundo de adolescentes, case pode dicirse que a novela do que realmente trata é do mundo dos adultos, pais e profesores, fundamentalmente. É nesa interpelación onde se move a novela. Tratándose de Nietzsche non podía ser doutra forma. O adolescente é máis pasado e futuro que presente. E esa é a razón, creo eu, de que a novela poida funcionar cuns e con outros. (…)
– P: Unha das dimensións da (auto)transformación de Xeila é a de xénero. Quere ser unha supermuller, superando o machismo de Nietzsche. E acaba enfrontándose con imposicións sociais como o amor romántico. Nada estraño nunha rapaza de hoxe mais, dalgún xeito, quixeches salientar esta dimensión? (Nese sentido, resulta curioso o contraste co personaxe de Lois, cunha lesbofobia, entre outros defectos, que non parece tanto de hoxe).
– XRL: A elección de Nietzsche como filósofo de referencia tiña moitos problemas. Recordemos que foi filósofo de cabeceira do nazismo. Recordemos que dixo frases realmente terribles sobre a guerra, as minorías, a igualdade e outros valores que hoxe consideramos básicos. Recordemos que moitos aínda cren que a súa filosofía é unha patoloxía.
Recordemos que exhibiu un machismo radical (aínda que sempre escolleu como interlocutoras mulleres intelixentes e con forte personalidade). É evidente que este aspecto tiña que quedar explicitamente superado na novela por Xeila. Pero non só por cuestións de xénero, senón tamén para transmitir a mensaxe de que non temos que aceptar os filósofos en bloque. Todos ofrecen ideas xeniais e ideas estúpidas.
Nun mundo como o actual, no que volven proliferar as persoas que cren que só a súa forma de ver e sentir e vivir o mundo é a correcta, condenando a millóns de persoas á infelicidade en nome dun Deus imaxinario, é obrigado reivindicar, cada vez que se poida, o dereito de todas as persoas maduras a buscar a felicidade e o pracer como lles pete, sempre, por suposto, en consonancia cos desexos, tamén maduros, dos seus interlocutores. Nesta novela non podía faltar, xa que é un fenómeno, como ti dis, moi actual, pero, precisamente por iso, é tamén moi actual o contrario, como comprobamos con frecuencia nos institutos. (…)”
Presentación virtual de As estacións do lobo, de María Reimóndez
Iván García Campos: “Todos os anos escríbense cousas brillantes, pero o sistema literario galego toma o luxo de non poñerlles o foco enriba”
Entrevista de Montse Dopico a Iván García Campos en Praza:
“(…) – Praza (P): Dise nalgún momento na novela [O viaxeiro perfecto] que o viaxeiro perfecto é o que nunca chega ao seu destino. Nun libro que é, en parte, novela de viaxes. Por que ese título?
– Iván García Campos (IGC): En realidade todas as historias son historias de viaxes. Espaciais, temporais, vitais,… mesmo a palabra “metáfora” connota “viaxe, transporte”. Así que, vida, viaxe e literatura son practicamente o mesmo. Non hai ningunha orixinalidade nisto, porque tampouco o buscaba. Non era o obxectivo neste caso. Na literatura, a orixinalidade, por veces, pode non significar nada se non está cargada de sentido. A cuestión é que no libro, como eu coido que debería pasar na vida, priorízase o traxecto sobre a chegada. O feito de darlle valor non ao lugar de onde vés ou o lugar cara a onde vas, senón ao propio camiño.
O viaxeiro perfecto non só é aquel que viaxa sen ignorar que viaxa, senón aquel que comprende que moverse é máis nobre que a quietude. O estático está condenado a dexenerar e a derrubarse; en troques, o móbil, pode chegar a durar sempre. Xustamente, o maior defecto da vida é que sempre está inacabada, que algo dela sempre se apraza. Por outra banda, o viaxeiro perfecto tamén pode ser o propio lector sentado no sofá, metido de cheo na aventura da lectura. E mesmo o propio escritor, coa súa angueira de artista e a súa incesante pelexa co imposible. Que cada un escolla, ou mesmo que engada. A verdade, eu podería dicir unha cousa ou outra dependendo do día que me pregunten. (…)
– P: Non publicas con demasiada frecuencia, supoño que porque non sentes necesidade diso. Cres que ás veces se tende a publicar demais, seguindo as esixencias do mercado?
– IGC: Pois non che podo dicir. Si que creo que no sistema literario galego se escriben todos os anos cousas moi lúcidas e brillantes, pero que curiosamente, o sistema galego tómase o luxo de non poñerlles o foco enriba e acaban por pasaren desapercibidas ás máis, a costa de poñerlles a luz a novelas máis… como podo dicir… máis de masas… máis comerciais… e ao final sempre temos o mesmo menú para comer…
No persoal, sempre me tomo un longo tempo de espera ata que chega o principio doutra idea, en realidade moitas ideas. Aparece na miña cabeza unha imaxe que anoto, unha, dúas, tres ideas, e ata que teño case todo na cabeza, non empezo. É un proceso lento, pero non teño ningunha présa. Hai que sentirse inspirado, ter boas sensacións, unha boa atmosfera mental, un bo estado de ánimo… ata que xurde algo, xeralmente unha miudeza, na que xa sabes que chegou o momento de poñerse a escribir. Son moitas cousas. E logo que eu escribo moi lento. Vou practicamente de liña en liña e non paso á seguinte se non casa todo, mesmo a nivel de ritmo, de compás…. en fin, unha paranoia… pracenteira…”
Charo Lopes: “A representaçom ajuda ao autoconhecimento e ao empoderamento”
Entrevista de Montse Dopico a Charo Lopes en Nós Diario:
“Os limites do enquadramento. O que nom é representado. O que nom sae na foto. É o eixo em torno do qual gira o álbum, o novo livro de Charo Lopes, com o qual ganhou o Prêmio de Poesia Cidade de Ourense. A autora revelou-se como umha das vozes essenciais da recente poesia galega com De como acontece o fin do mundo. Este é um projeto diferente. Feito a partir do íntimo, o micro, o retrato de pessoas e afetos. Mas não menos político, menos de intervençom no coletivo. Fronte à saturaçom da imagem que esconde o que fica nas margens.
-Nós Diario (ND): Por quê o livro é como um álbum de fotos?
-Charo Lopes (CL): Trabalho como fotógrafa e esta condiçom fai-me refletir sobre o sentido da criaçom fotográfica, em que convivem hoje os novos usos -no sentido que define Joan Fontcuberta a posfotografia- com os velhos usos, da fotografia como memória e documento. Num contexto de imensa saturaçom de imagens, cumpre pensar quais representaçons abundam e quais faltam. Interessa-me também a relaçom da imagem com o texto, como se complementam e se pode jogar com a ambiguidade da imagem ancorando com as palavras.
– ND: De que jeito se relaciona album com a memória pessoal e coletiva?
– CL: É um logro do capitalismo que pensemos que o nosso potencial está no que nos diferença das outras, favorecendo o individualismo e a competitividade. As pessoas somos parecidas, partilhamos condiçons sociais, físicas, emocionais… e o potencial emancipatório fica em reconhecer-nos a nós próprias e identificar o que, e com quem, temos em comum. Aí surge a solidariedade e a cooperaçom. Ademais, a memória pessoal sempre tem um contexto, portanto sempre é coletiva. (…)”
Emma Pedreira: “Como escritora estou interesada nos grandes temas universais, pero non me representa como están contados polos homes”
Entrevista de Montse Dopico a Emma Pedreira en Praza:
“(…) – Praza (P): As fauces feroces conta a historia de varias mulleres, entre elas a monxa Benedetta Carlini (cuxa vida ficcionaliza, porque si existiu). Por que Benedetta e a súa compañeira? Como xorden tamén as personaxes da filla e a nai escritora?
– Emma Pedreira (EP): A figura da monxa, en todas as súas dimensións, sempre está moi presente na miña narrativa. Supoño que teño algo pendente coa mística ou unha fixación traumática coa relixión e o seu machismo; o caso é que teño escrito moito sobre elas e lido moito tamén. Así, a través da lectura é como chego á vida de Benedetta Carlini, que figura nas moi poucas informacións que puiden atopar como “a monxa lesbiana”. Invisibilizar todo o que tivo de visionaria, mística, asceta e muller poderosa (foi abadesa dunha das principais congregacións relixiosas italianas) tras da súa afectividade pareceume terrible, amais de morboso.
Descubrir o proceso que tapou a súa mística e as súas terribles visións e voces interiores a través da demonización da súa conduta afectivosexual resultoume digno de ser contado, xa que ben pouco sabemos dela e da súa compañeira Bartolomea Crivelli, porque todo o tapona a súa relación lésbica. Mentres elas conversaban xa na miña cabeza e me documentaba sobre o proceso destas monxas a idea de escribir sobre unha nai e unha filla tamén se estaba desenvolvendo como posibilidade dunha novela. Os dous procesos estaban indo ao mesmo tempo e por iso conflúen nun mesmo texto que, en apariencia, non teñen moitos puntos en común (alguén considera esta novela dúas novelas). (…)
– P: Os corpos invisibles é tamén unha ficción construída a partir de personaxes reais, que son escritoras británicas. Máis en concreto, a partir da novela máis coñecida dunha delas. E toda a novela reivindica o dereito das mulleres a non seres negadas: como escritoras, como científicas… Por que quixeches contar unha historia de escritoras británicas naquel tempo?
– EP: O libro xurdiu como unha encarga de ficción. Alguén me pediu unha historia de terror e ao principio o relato estaba composto só polas cartas, así que se trataba unicamente dunha relación epistolar entre unha desoñecida chalada e Mary (deixámolo así para non espoilear demasiado). Logo a novela foi medrando pero o período xa estaba decidido así que só foi ir construíndo arredor dese núcleo temático. O cronotopos xa estaba dado, a Inglaterra da revolución industrial.
– P: O tempo é o do Londres da revolución industrial e, de fondo, ademais da desigualdade de xénero, está a brutal desigualdade de clase, e a esperanza de acabar con ambas, ou polo menos avanzar, desde o apoio entre mulleres. É unha constante na túa obra e non creo que sexa casualidade… Por que está tan presente?
– EP: Está presente porque non está presente –ou case- no resto da literatura. Como escritora estou interesada nos grandes temas universais como o amor, a morte, o paso do tempo e toda esa merda, pero non me representa como están contados polos homes, con estatismo, son supremacía, cunha ética que non nos conta ás mulleres ou nos deixa nun plano subsidiario, así que aí entra a voz das narradoras pola necesidade de volver contar a historia desde a nosa perspectiva e experiencia e, desde logo, o avance das mulleres está sementado sobre ese tecido en forma de rede que implica a alianza entre nós, a sororidade, a complementación. Nesta novela é máis explícita porque os movementos sindicais e sufraxistas tiveron que tecerse pechando aínda moito máis a urdime para que non houbese físgoas polas que perder folgos. (…)
– P: Os corpos invisibles ten tamén certa conexión con As voces ágrafas: precariedade e abuso laboral unido ao machismo. E, como en As voces ágrafas, os personaxes masculinos tenden a responder a estereotipos masculinos (quizais Percy non tanto, sen deixar de ser un home do seu tempo). Por que?
– EP: Igual que non me interesan as cousas, situacións e personaxes convencionais e estándar, tampouco me interesan as personaxes masculinas tipo se non é para confrontalas cos femininos e que xurdan a comparativa e o pensamento crítico. Nas voces ágrafas hai poucos homes, igual que hai poucos homes nun supermercado facendo labores subalternas, polo normal están emprazados nos lugares de poder (vixilancia, contabilidade, recepción) e as mulleres realizan as labores que sempre se lles atribuíron ás mulleres como resultado dese prexuízo do século anterior –se cadra aínda máis do anterior- de que as mulleres teñen menos formación académica que os homes.
N´Os corpos invisibles os poucos homes que aparecen representan por unha banda o patriarcado e por outra as novas masculinidades. O doutor Percy está escollido para representar os coidados e o poder represéntao Prometea, que verque sobre el a autoridade, o coñecemento e a guía igual que nunha obra das mesmas características e da mesma época faría á inversa. Non me preocupa en absoluto dar conta de personaxes masculinos ao uso, están aí e só temos que ler calquera outra ficción, a min interésanme as mulleres e, aínda máis, as persoas diversas e diferentes, dispostas a mudar o canon. E isto non só na ficción. (…)”
Raúl Gómez Pato: “A arte, en xeral, cumpre a mesma función ca a relixión, trata de salvarnos de nós mesmos, da nosa descomposición coma seres”
Entrevista de Montse Dopico a Raúl Gómez Pato en Praza:
“(…) – Praza (P): Sal, auga, vinagre (Medulia editorial) é o teu último libro. Ten unha estrutura semellante a Máscaras de espellos (Espiral Maior), (dous poemas por páxina, sempre co mesmo número de versos) só que neste último son decasílabos e en Máscaras eran tercetos. Algún motivo especial para escoller os decasílabos e os tercetos?
– Raúl Gómez Pato (RGP): O libro Máscaras de Espellos foi froito dunha necesidade de limpeza na escrita. Estaba un pouco farto de ler autores/as que eu percibía redundantes na súa expresión, como se fixese falta escribir moito para significar; nesa lectura, ademais, sentía que eu non entendía practicamente nada, coma se houbese unha intención de escuridade por parte dos e das autoras. E eu non quería chegar a ese punto.
Entón quixen podar a miña escrita para que quedase só a substancia, só o necesario, só o que quería dicir, por iso tamén omitín tamén os signos de puntuación, porque ao final do proceso de demoucar era necesaria unha reconstrución, e esta tiña que vir de parte dos e das lectoras. Porén, en Sal, auga, vinagre, a intencionalidade era completamente distinta, aínda que entendo que se poida ver un ton parecido. Aquí quixen traballar coa musicalidade, co termo decagrama. Algúns lectores pensan que se tratan de décimas, é dicir, de poemas de dez versos sen rima. Pero non, para min, non son décimas, senón que son decagramas, un dobre pentagrama. O obxectivo era traballar coma se os dez versos conformasen unha peza musical cos seus dous pentagramas.
– P: Definiras Máscaras de espellos como fragmentos dun espello no que te vías reflectido ti e a túa contorna. En Sal, auga, vinagre hai tamén poemas que parecen tirados de lembranzas, de instantes vividos… Imaxes do cotián, poderiamos dicir. Podería ser unha das claves destes dous poemarios? En que sentido?
– RGP: Máscaras de espellos é un libro que non reflicte, refracta a realidade. Refráctaa, de aí o termo máscara asociada a espellos. O título está tomado dun verso de Manuel Lueiro Rey, do seu poema “Remeiro son”. Reflectir é o oficio, seguramente, do xornalista; o poeta ou o novelista, creo, debe refractar, é dicir, ollarse diante dun espello e ver as máscaras do reflectido, peneiralas e recrealas.
Evidentemente este proceso é a memoria. A memoria conserva as imaxes do cotián, pero refractadas por moitas sensacións como a nostalxia do tempo perdido, a perda, a esperanza, o amor, etc. A memoria dun instante cotiá da vida, sexa cal sexa, xa non é o instante en si mesmo, é unha especie de novela, de historia que levamos escrita no noso cerebro cunha perspectiva totalmente distinta á orixinal. Isto si que me interesa, a memoria como construción da persoa, do suxeito, como a máquina máis poderosa de transformación do ser humano.
– P: Un dos temas presentes en Sal, auga e vinagre e, quizais, en todos os teus poemarios, é a morte, xunto co paso do tempo (a ruína, etc). Tamén o amor (os afectos). Ou o propio feito da escrita. Ou a relación humana co poder: a submisión, por exemplo. Cal é a relevancia destes temas neste libro e, en xeral, na túa creación poética?
– RGP: Sal, auga, vinagre non deixa de ser unha extensión dos demais libros porque, por así dicir, vas construíndo un camiño no que o último grado é consecuencia do anterior. Ao final son, como diría, variacións sobre un mesmo tema, todos os libros, é máis, todos os libros de todas as literaturas universais. Ao final trátase sempre de darlle voltas ao que realmente interesa ao ser humano: a morte, os sentimentos afectivos, o tempo, a ruína paulatina do corpo, as relacións co entorno humano e físico, e ansia de eternidade.
Quizais falte algún tema central, seguramente, pero basicamente a vida do ser humano resúmese en menos de dez preguntas básicas. Sobre isto xira a arte. Onde non chegan os coñecementos empíricos para dar solución a estas cuestións, aparece a creación, a resposta creativa. No fondo a arte, en xeral, non só a poesía, cumpre exactamente a mesma función ca a relixión, trata de salvarnos de nós mesmos, da nosa descomposición coma seres. Cal é a diferencia entre un libro e outro, entre unha literatura e outra, entre unha arte e outra? Pois o enfoque, é dicir, onde sitúa seu punto de perspectiva, o punto de partida e o camiño que percorreu cada creador para tratar de dar coa solución a calquera destas cuestións, insolúbeis de momento, por certo; e aquí, por exemplo, é onde entra o talento, a habilidade e a técnica; porque non hai que esquecerse que a arte é unha técnica, unha τέχνη, como a entendía o mundo grego, que hai que traballala, e moito, con teimosía e aprendendo.
Ese concepto de arte coma inspiración e puro talento é moi moderno, prodúcese a partir do século XX, cando se democratiza o feito artístico, o feito de que calquera persoa poida crear en calquera ámbito das artes, que é marabilloso, pero que provoca que, moitas veces se crea que calquera pode construír arte con calidade, e non sempre é así. Neste sentido o que escribo eu non mellora absolutamente nada do que foi escrito anteriormente, por suposto, pero ao mellor o enfoque, a perspectiva coincide coa que no momento da lectura ten algún/unha lectora e aí prodúcese o contacto, a empatía, e entón esa persoa aprecia o que ti escribes e como o escribes. Porque seguramente ese lector/a estea pensado que xusto ela o expresaría máis ou menos así. (…)”
Oriana Méndez: “Escribo sobre a subalternidade porque é o único que me interesa no mundo”
Entrevista de Montse Dopico a Oriana Méndez en Praza (foto na Wikipedia):
“- Praza (P): O corazón pronúnciase extenso gañou o premio Rosalía de Castro do Concello de Padrón, pero ata agora pasou bastante desapercibido. Da edición encárgase Espiral Maior…
– Oriana Méndez (OM): O libro gañou o premio Rosalía de Castro do Concello de Padrón o ano pasado, mais ese recoñecemento resultou ser máis unha lousa ca un premio, pois no lugar de promover as obras gañadoras, o concello de Padrón diríase que as silencia e as sepulta. Nin tan sequera facilita a súa publicación nunha editorial. Así aconteceu tamén coas obras anteriormente premiadas: resulta case imposible atopar o seu rastro en librarías, bibliotecas e mesmo algunha noticia na rede. Loxicamente, isto é algo do que me decatei despois de ter enviado o libro ao concurso. Un bo erro meu, si.
Con este premio de poesía, o Concello de Padrón representa unha práctica profundamente nociva que levamos padecendo durante décadas no ámbito da cultura galega: facer que se fai cultura, facer que se promove a literatura e, na realidade, simplemente erguer un nome, neste caso nada menos ca o de Rosalía de Castro, de xeito baleiro e sen ningún interese real no que se di promover. O Concello de Padrón, baixo o meu punto de vista, non é merecedor de convocar este premio mentres trate as obras con semellante desleixo.
E isto que digo ten pouco que ver con que o concello estea gobernado polo Partido Popular. O concello de Carral, por exemplo, estivo gobernado polo PP durante moitos anos e iso non lle impediu convocar un premio de poesía ben recoñecido por coidar, respectar e promover non só as obras gañadoras, senón a poesía en si mesma. Falo con coñecemento porque tiven a honra de gañalo e de estar no seu xurado no ano seguinte.
Por fortuna, O corazón pronúnciase extenso verá a luz grazas a Espiral Maior e ao seu editor Miguel Anxo Fernán-Vello que quixo darlle a man a este libro. Eu agradézollo inmenso. Iamos presentalo en Vigo, xunto coas amigas Iolanda Zúñiga, Silvia Penas e Míriam Rodríguez. Quedou parado pola emerxencia sanitaria, coma tantas producións. Sairá algún día da nova era.
– P: O corazón pronúnciase extenso é un verso que aparece case ao final do libro. O corazón está bastante presente nas súas páxinas, en xeral. Que é o corazón neste poemario? Por que este título?
– OM: Este título e tamén a imaxe recorrente do corazón falan da verdade que reside no amor pola vida, unha verdade aberta e profunda. Hai un fermoso mural en Lalín que, sobre unha bandeira de Palestina, di: “nós tamén amamos a vida cando podemos”. Iso é o corazón. Ese é o título do libro. Pronunciamos a verdade extensa da defensa da vida.
– P: O poemario parece situarse no tempo histórico do último século: desde a guerra civil, quizais. En relación con el, aparecen a memoria, o esquecemento ou a esperanza. Cal é o tempo deste libro?
– OM: Acontece no presente. O libro é unha travesía ou éxodo a través da neve que se está producindo. Non obstante, leva producíndose longo tempo. Concordo coas referencias ás que aludes e é posible que as persoas e os feitos que transitan estes poemas veñan camiñando dende a guerra civil. (…)”