Recital Versos na baixamar en Barreiros 2022, o 22 de maio


O Recital Versos na baixamar en Barreiros 2022 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Barreiros.
O domingo 22 de maio, co gallo do Día das Letras Galegas, chega a II edición do ciclo poético Versos na baixamar, programa que fará parte dos actos de conmemoración do 17 de maio, adicado nesta ocasión a Florencio Delgado Gurriarán. Nel confluirán a poesía, a música e a palabra, da man e o talento dalgunhas das mellores e máis novas voces da Mariña e a poesía galega, así como figuras a nivel internacional.
Na baixamar do domingo 22 de maio buscaremos o eterno si do mar, aquel do que falaba Homero. Porque na baixamar a maré retírase e deixa espazo á poesía e ao verso, que florece por si só: recitado, falado, cantado, dito… Celebrado.
Versos na baixamar xuntará nesta súa segunda edición a poesía das focenses Paula dos Anjos e Natalia Alonso, que destacan pola frescura e a calidade da súa poesía e contará coa presenza dunha das poetas galegas con maior proxección internacional do país e o resto do Estado, Yolanda Castaño. A poeta, actriz e programadora cultural, habitual dos festivais internacionais de poesía e traducida a varias linguas, porá a guinda a un programa que mira cara adentro e cara fóra, aspirando a consolidarse no panorama da poesía galega. Todo, nun acto conducido polo narrador oral e poeta Lois Pérez, que tamén intervirá no recital.
En caso de choiva, o acto levaríase a cabo na Casa de Cultura de Barreiros.

Arteixo: acto de entrega do 31º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía

“Reunido o xurado, a organización do Certame anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o próximo 20 de maio, venres, ás 20:30 no Centro Cívico do Concello de Arteixo.
O xurado, reunido o 13 de abril de 2022 ás 13 horas mediante conexión telemática, e composto por Dona Antía Yáñez Rodríguez (nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Dona María López Sández (nomeada pola Asociación Galega da Crítica), Dona María Aránzazu Portabales Santomé (gañadora do 30º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía) e Don Alfredo J. Ferreiro Salgueiro, (director literario do Certame, que como secretario asiste ás deliberacións con voz e sen voto), decidiu por unanimidade premiar as seguintes obras finalistas (que aquí figuran por orde alfabética):
En directo, de Natalia Alonso Ramos
O rubor da dignidade, de José Ignacio Silva Regueira
Somos Adán e nada somos – Le temps, mon ami, le temps!, de Francisco Rozados Rivas
Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000€ e a edición da obra para o primeiro, 2000€ e a edición da obra para o segundo e 1000€ e a edición da obra para o terceiro.
O acto de entrega ofrecerá ademais outros alicientes para todos os asistentes: o libro, editado para a ocasión, A garza en chamas, consistente na publicación dos nove relatos finalistas das últimas tres edicións do Certame, e a actuación musical de Belém Tajes.
O evento incluirá ademais unha lembranza da figura de Florencio Manuel Delgado Gurriarán, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Finalizado o acto, o Concello ofrecerá aos asistentes un viño de honra.”

Foz: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 20 de agosto

O 20 de agosto comeza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Inauguración a cargo de Natalia Alonso Ramos.
20:00 h. Natalia Alonso Ramos asina A síndrome de Hayworth, publicada por Medulia.
21:00 h. Elba Pedrosa asina O que non sabías, publicado por Xerais.

A Coruña: presentación de A síndrome de Hayworth, de Natalia Alonso Ramos

O 13 de decembro, ás 19:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22), na Coruña, preséntase A síndrome de Hayworth, de Natalia Alonso Ramos, obra gañadora do Premio de Poesía O Facho 2019, publicada por Medulia Editorial. No mesmo acto haberá un recital poético de varios textos do libro.

Celia Díaz Núñez e Natalia Alonso Ramos, gañadoras dos Premios O Facho 2019

O pasado 31 de maio Celia Díaz Núñez gañou o Premio de Teatro Infantil O Facho 2019. O xurado, composto por Manuel Lourenzo, Diana Varela, Carmen Martínez e Henrique Sánchez, acordou por unanimidade outorgar o premio á obra Unha estrela para Amina.
A xornalista Natalia Alonso Ramos foi a gañadora do Premio O Facho de poesía, coa obra A síndrome de Hayworth, que será publicada por Medulia. O xurado, integrado por Xulio López Valcárcel, Fernando Díaz-Castroverde e Henrique Sánchez, fallou o premio por unanimidade.

Lugo: presentación do libro colectivo Alén do silencio

O venres 7 de marzo, ás 19:00 horas, no IES Lucus Augusti (Avenida Rodríguez Mourelo, s/n) de Lugo, preséntase o libro colectivo Alén do silencio. No acto participan, entre outras/os, Natalia Alonso, Inma Alonso Rodríguez, Beti Arias, Xesús Bermúdez, Ana Croas, Luz Darriba, José Estévez, María José Fernández López, Montse González, Xosé Iglesias, Catarina Laxe, Iria López, Beatriz López Dorado, Aarón López Pereiro, Manuel Celso Matalobos, Ani Modia, Toño Núñez, Sara Otero, Carmen Pardo, Luísa Paz, Mónica Pérez Llenderrozos, Evinha de la Torre e Eva Xanín.

Lugo: presentación de Un feixe de poesía na porta e recital de poesía e música

O sábado 26 de outubro, ás 19:00 horas, no Salón de Actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8), nun acto coorganizado coa Área de Cultura da Deputación, preséntase o poemario colectivo, Un feixe de poesía na porta, publicado por A porta verde do sétimo andar. No acto participan Verónica Martínez Delgado, María José Fernández, Xosé Iglesias, Alberte Momán, Adela Figueroa, Miguel Ángel Alonso Diz, Toño Núñez, Ramón González, Montse González Álvarez, Mar Romero, Lois Pérez, Ramiro Vidal Alvarinho, Inma Alonso, José Estévez, Antom Laia, Eva Xanin Navia, Natalia Alonso Ramos, Naír García Abelleira, Rochi Nóvoa e outros poetas.