Lugo: edición número 34 da revista oral O pazo das musas

O xoves 19 de decembro, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar a edición número 34 da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), e coordinada por Antonio Reigosa, con entrada libre.
Este número estará dedicado a lembrar a figura de Agustina Otero, coñecida tamén como Carolina Otero ou A Bela Otero, con motivo de cumprírense 150 anos do seu nacemento. Despois dunha nenez tráxica no seu Valga natal, Agustina conquistará o París galante de finais do s. XIX e principios do XX (o da Belle Époque) como estrela do Folies Bergère. Bailarina, cantante, actriz e cortesá; unha fermosísima muller, amante de homes influíntes (Guillermo II de Alemaña, Nicolás II de Rusia, Leopoldo II de Bélxica, Alfonso XIII de España, Eduardo VII do Reino Unido…). Foi inmensamente rica e morreu case centenaria e pobre (pois era moi afeccionada ao xogo) en Niza, onde está soterrada. Para achegarnos a unha muller tan controvertida e polémica contamos coa colaboración de Alicia Fernández, Marica Campo, Encarna Lago, Noemí López, Paula Cabaleiro e Noa Persán, que nos achegarán os seus particulares retratos da artista con poemas, semblanzas e homenaxes artísticas. Mais na revista, desta volta, recrearemos o ambiente parisino da Belle Époque e convertiremos o Refectorio nun cabaret cos decorados, músicas e personaxes de entón. Unha recreación na que renacerá a Bela Otero con todo o seu esplendor grazas ao traballo do Grupo de Teatro Palimoco e a Aula de Teatro da USC. Un espectáculo total que, en confianza, non debera deixar pasar.

SUMARIO DO NÚMERO 34

A Aula de Teatro USC-Lugo e Palimoco Teatro (coa colaboración de Yuri Sidar) presentan: A muller máis femosa do mundo.

1.- Bonsoir Mesdames et Monsieurs, bienvenues au le spectacle plus grand dun monde (5′).
2.- Benvida, por Antonio Reigosa (2’).
3.- Pola muller máis fermosa do mundo! (brinde) (1′).
4.- Unha mirada densa, por Alicia Fernández (10’).
5.- Pola vida (1’).
6.- Bela sen palabras, vídeomontaxe de Noemí López (4´).
7.- Por Agustina Carolina (13´).
8.- La Bella Otero: te espero … / al capitán Centella … , por Encarna Lago e Paula Cabaleiro (10’).
9.- Polas xoias (13’).
10.- Lectura de poemas de Alicia Fernández (A expulsada) e Marica Campo (As catro lúas de Agustina-Carolina) (6’).
11.- Non vai máis! (4’).
12.- O Poder do Abismo, vídeomontaxe de Noa Persán (3‘).

A Coruña: actividades destacadas do venres 3 na Feira do Libro

Continúa a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do venres 3 de agosto son:

18:45 h.: Presentación do album ilustrado Xiana, a nena pirata, da escritora María Canosa, publicado en Everest Galicia, ilustrado por Noemí López. Xunto a elas estará no acto Irene Penas.
20:00 h.: Xabier P. Do Campo presenta o seu libro Mans, publicado en Everest Galicia.

Lugo: presentación de Trece noites, trece lúas, de Antonio Reigosa

O luns 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Trece noites, trece lúas, de Antonio Reigosa, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Noemí López, ilustradora do mesmo, e Manuel Bragado. Crónica posterior en El Progreso.

Lugo: presentación de Guía ilustrada da Galicia invisible, de Antonio Reigosa

O martes 14 de decembro, a partir das 20:00 h., na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Guía ilustrada da Galicia invisible, de Antonio Reigosa. No acto participarán, acompañando ao autor, a ilustradora Noemí López e o editor Manuel Bragado.