Ourense: mesa redonda sobre novela histórica na Feira do Libro

Dentro da XXVIII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), aberta até o mércores 6 de xuño, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas, o luns 4 de xuño terá lugar unha mesa redonda ás 20:00 h. arredor do tema Segredos da novela histórica, coa participación de Marcos Calveiro, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta. Ao final do acto, os autores asinarán exemplares dos seus libros.

Santiago: actividades destacadas do 1 e 2 de maio na Feira do Libro

Continúa a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:00 h.
As actividades máis destacadas do martes 1 e mércores 2 de maio son as seguintes:

* Martes 1:
20:00 h. Mesa redonda: Segredos da novela histórica, coa participación de Marcos Calveiro, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta. Ao final do acto, os autores asinarán exemplares dos seus libros.

* Mércores 2:
18:30 h. Presentación do libro Por un común denominador. A esquerda da nación, de Martiño Noriega, publicado por 2.0 Editora. Participan no acto Martiño Noriega e Manuel M. Barreiro.
19:00 h. Presentación do libro O silencio, de Mario Regueira, publicado por Xerais. Xunto co autor, participarán no acto Arturo Casas e Manuel Bragado.
20:00 h. Presentación de Dark butterfly de Rexina Vega. Intervirán: Armando Requeixo, Rosa Enríquez, Manuel Bragado e a autora

Ferrol: mesa redonda sobre Segredos da novela histórica, na Feira do Libro, o luns 23

O luns 23 de abril, a partir das 20:30 horas, na Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), celebrarase unha mesa redonda baixo o título de Segredos da novela histórica, coa participación de Marcos Calveiro, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta.

Santiago: presentación de Mortos de Ningures, de Pereledi (Pere Tobaruela e Ledicia Costas)

O mércores 29 de febreiro, ás 15:15 horas, no Colexio Peleteiro de Santiago de Compostela, perante un auditorio constituído principalmente por rapaces de 11 anos, preséntase Mortos de Ningures, de Pereledi (Pere Tobaruela e Ledicia Costas), publicado por Everest Galicia. No acto participan os propios autores da obra.

Rianxo: presentación de Poñente, de Pere Tobaruela

venres 27 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo (Rúa Autores da Rianxeira, s/n), preséntase o libro Poñente, de Pere Tobaruela, publicado en Xerais. O acto, coorganizado pola editora, o Concello de Rianxo, La Voz de Galicia e a Asociación Cultural Barbantia, contará coa participación de Ana Isabel Boullón, Manuel Bragado, Xesús Laíño, Carlos Mosteiro, Adolfo Muíños e o propio autor, e será completado cunha actuación musical a cargo de Antón Alcalde e Iago Hermo (da Escola de Música de Rianxo). Ese mesmo serán inaugurarase a exposición Castelao Vive. Esculturas de Nuco Losada.

Durango: participación galega na Feira do Libro e do Disco Vasco

“O Culturgal, tras pechar a porta do Pazo de Cultura de Pontevedra, meteu na súa maleta unha escolma das propostas culturais que representan ao sector das industrias culturais galegas e viaxou cara a Durango Azoka, a Feira do Libro e do Disco Vasco. Como cultura convidada, Galicia respondeu ao convite de Gerediaga cunha mostra multisectorial que abranguen desde o audiovisual, á literatura, a música e o teatro. Para facelo, conta co apoio económico ofrecido pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Este é o programa da presenza galega:
Domingo 4 de decembro:
12:00 h. Acto inaugural. Galicia somos todos. Con Antón Reixa.
18:30 h. Euskaraz eta galegoz. Os escritores vascos Harkaitz Cano, Leire Bilbao e Urtzi Urrutikoetxea ofrecerán un recital de poesía, no que lerán os seus poemas escritos en euskera e de seguido traducidos ao galego.
Luns 5 de decembro:
13:00 h. En Galego e Euskara, sobre Galicia e Euskal Herria. O escritor galego Darío Xohán Cabana e o euskaldún Pako Aristi, conversarán sobre o oficio de escribir e a situación da literatura en ambas as dúas linguas. Acompáñaos nos labores de moderador o doutor e escritor galego, residente en Euskadi, Xosé Estévez.
Martes 6 de decembro:
17:00 h. Sesión de animación con escritores vascos e galegos. Baixo o patrocinio de Gálix os escritores galegos Concha Blanco, Pere Tobaruela e Ledicia Costas, xunto cos escritores vascos Pako Aristi, Castillo Suárez e Felipe Juaristi realizarán unha sesión de animación de contos.
Martes 6 de 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 h. e mércores 7 de decembro de 11:00 a 16:00 horas:
Caixiña de Mistos: Un misterio para Tintimán en Durango. Por Mr. Misto Films e Santiago Jaureguizar.
Mércores 7 de decembro:
12:30 h. A Asociación Escritores en Lingua Galega (AELG), cos seus homólogos vascos de EIE, participarán nunha mesa redonda sobre os 28 anos de historia de Galeusca e o seu futuro próximo. Xosé Estévez representará á AELG e Fito Rodríguez á EIE. Galeusca é un encontro anual de escritores e escritoras que reúne a representantes das literaturas galega, vasca e catalá e que organiza de forma rotativa cada unha das asociacións de escritores. No 2008 constituíuse a Federación Galeusca para establecer relacións produtivas e estables entre os creadores das tres culturas.
17:30 h. A empresa galega Imaxin|software e a vasca Elhuyar Fundazioa de Usurbil (Gipuzkoa) presentan o multimedia educativo ZooLoco ou Zoo Zoroa, que realizaron conxuntamente. Tras a presentación, realizarase un taller lúdico.
18:00 h. Mesa redonda na que Artur Trillo, representante de Talía Teatro, debaterá cun creador vasco sobre o teatro e as “linguas minorizadas”.
Xoves 8 de decembro:
– Vídeos musicais galegos, curtametraxes e o documental Digna Rabia, que mostra a historia das mulleres galegas na época franquista. Durante todo o día.
16:00 h. A importancia do son, por Sinsalaudio.
20:00 h. Concerto Acrobatak, con Ugia Pedreira, Fred Martins e Mikel Urdangarin.”

Queremos agradecer especialmente a Xosé Estévez o envío de fotos e información sobre a repercusión dos actos en diversos medios: AZOKA DURANGO 2011.

Pontevedra: actos literarios no Culturgal para o domingo 4 de decembro

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2011, remata este domingo 4 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 16:30 a 21:30 h., e entrada libre até completar capacidade. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2011, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este día:

Domingo 4:
11:30 h. Presentación de Guía didáctica de instrumentos musicais, publicada en Ouvirmos. No Salón.
12:00 h. Conversa de Xesús Fraga con Mario Regueira e Jacobo Fernández Serrano. No Salón.
12:00 h. Mamá Cabra: Xa me tardan eses magos, publicado en Galaxia. No Auditorio do Pazo.
12:30 h. Conversa de Xesús Fraga con Antón Riveiro Coello. No Salón.
13:00 h. Conversa de Xesús Fraga con María Xosé Queizán. No Salón.
14:00 h. Pere Tobaruela: presentación de Poñente, publicado en Xerais. A relación novelada de Galicia e Cataluña. No Salón.
16:30 h. Café con: María Xosé Queizán.
16:30 h. Fran Alonso: presentación de Ninguén, publicado en Xerais. A tecnoloxía e as relacións persoais. No Salón.
17:00 h. Presentación de A praza é nosa, publicado en Editora 2.0, unha ollada sobre o 15-M coordinada por Marcos Pérez Pena. No Salón.
18:00 h. Conversa de Teresa Cuíñas con Emilio Alonso e Víctor de las Heras sobre os seus libros (Vigo a 80 revolucións por minuto, e Vigo, a explosión dos 80, respectivamente) sobre a movida viguesa dos anos 80. No Salón.
18:30 h. Fran Alonso e Xurxo Souto: O meu gato é un poeta. No Cuarto dos Nenos.
19:00 h. Conversa de Teresa Cuíñas con Carlos Callón. No Salón.