Gondomar: concerto de Xardín Desordenado, sobre textos poéticos de autores galegos

O venres 23 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, terá lugar o concerto de presentación do último disco de Xardín Desordenado, onde se recollen dezaseis poemas musicados con textos de Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé María Álvarez Cáccamo, Darío Xohán Cabana, Eduardo Estévez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Serxio Iglesias, Manuel María, Kiko Neves, Uxío Novoneyra, Manuel Pereira Valcárcel, Anxo Quintela, Manuel Rivas, Daniel Salgado e Rafa Villar.

Pontedeume: Homenaxe a Ramiro Fonte, o domingo 9 de outubro ás 12:30 horas

Con motivo do terceiro cabodano, o recordado Ramiro Fonte será homenaxeado o próximo domingo 9 de outubro, ás 12:30 horas, na praza das Angustias (en Pontedeume), onde viviu durante a súa infancia. Alí descubrirase unha placa e leranse algúns dos seus poemas por Euloxio Regueira, Cristina Fraga, Ainé Chao Valera e Xosé María Álvarez Cáccamo. Neste acto participará tamén a súa compañeira, Elsa Baluja.
A iniciativa pretende ser unha reivindicación popular do valor literario deste autor e nace coa intención de converterse nunha cita anual. “Non nos gustaría que a súa obra puidese caer no esquecemento ou ser usada en beneficio de vaidades persoais ou de institucións”, indican os organizadores. “A súa obra é un patrimonio cultural. É de todos vós, lectores. E como amigos de Ramiro, queremos axudar a que a xente se achegue a ela e a coñeza”, engaden. “Ramiro teimaba en que a tarefa artística fose un camiño individual e libre, en que o intelectual non se deixase condicionar polos ditados do mercado nin servir intereses espurios”.
Este acto estará complementado por diversas actividades de divulgación da súa figura.

Homenaxe a Ramiro Fonte

A sede viguesa da Fundación Caixa Galicia, na rúa Policarpo Sanz nº 21, acollerá mañá venres 17 de abril, a partir das 19,30 horas, un acto de homenaxe ao escritor Ramiro Fonte.

O acto iniciarase coa actuación musical do “Grupo Instrumental Siglo XX”. A continuación, celebrarase un recital poético con participación de X. M. Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Ignacio Chao, María do Carme Kruckenberg e Xulio L. Valcárcel. Tras unha segunda actuación musical, as recitacións proseguirán coas intervencións de Gonzalo Navaza, Román Raña, Xavier Rodríguez Baixeras, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xavier Seoane.

Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957) finou en Barcelona o 11 de outubro de 2008. Ocupaba a dirección do Instituto Cervantes en Lisboa. Colaborador en prensa e membro da Real Academia Galega da Lingua, exerceu como docente de Lingua e Literatura Galega en Vigo e foi profesor no Instituto Cervantes en Londres. Entre os galardóns que recibiu caben salientar o Premio da Crítica de Galicia, o Premio da Crítica Española, o Losada Diéguez e o Esquío, entre outros.

Homenaxe a Ramiro Fonte na II Bienal Literaria “De Pedra e de Palabra”

«O acto de clausura da II Bienal Literaria ‘De Pedra e de Palabra’ do Pen Clube, completouse cunha homenaxe ao recentemente falecido Ramiro Fonte. Seis poetas, amigos e algúns deles moi próximos xeracionalmente a Fonte, participaron nun recital, presentado por Luciano Rodríguez. A homenaxe consistiu na lectura, a cargo de cada un dos participantes, dun poema do autor eumés, e doutro texto propio.
Ana Romaní, Anxo Angueira, Xavier Seoane, Salvador García-Bodaño, Xosé María Álvarez Cáccamo e Gonzalo Navaza foron os participantes nun acto emocionante que ademais coincidiu no día en que se coñecera a nova da morte de Anxo Rei Ballesteros. […]» (Vieiros)

Ramiro Fonte será homenaxeado en Ferrol

No acto, que será o 28 de xullo, Ramiro Fonte recibirá o Premio Porto Magno polo conxunto da súa obra. O xurado estivo composto por Julia Uceda, Iolanda Díaz, Félix Villares Mouteira, Miguel García-Posadas, Ramón Pernas, Segundo Leonardo Pérez López e Ramón Loureiro. Este galardón foi creado por polo Coro Toxos e Froles da para conmemorar o 150 aniversario da concesión do título de cidade a Ferrol. (Vieiros)