Xabier P. DoCampo, José Luis Mascareñas, Ana Romaní, Mercedes Peón, Javier Alonso de la Peña, Mostra Internacional de Teatro Cómico de Cangas, Álvaro Lago e Boaga, Premios da Crítica Galicia 2018

“No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso dun xantar do sábado 3 de novembro o ditame da cuadraséxima primeira edición dos Premios da Crítica de Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.
Baixo o lema “ESPIGAR”, xuntáronse trescentas corenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de políticas culturais; e Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, entre outros.
Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Afonso Vázquez Monxardín, saudando aos asistentes e lembrando a traxectoria dos premios e defendendo a pervivencia da lingua galega como o seu celme.

A nena do abrigo de astracán de Xabier P. DoCampo, Premio de Creación Literaria
O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por Antonio Manuel Fraga, escritor, gañador da edición 2017; Yolanda Castaño, poeta e xestora cultural; María Xesús Fernández Fernández, profesora e crítica; María Xesús Nogueira, profesora da USC e crítica; Susana Sánchez Arins, profesora e crítica; Miro Villar, profesor e crítico; Ramón Nicolás Rodríguez, secretaría, en representación da APCG, acordou declarar finalistas as obras A nena do abrigo de astracán de Xabier P. DoCampo (Xerais), Nomes de fume de Miriam Ferradans (Espiral Maior), Camuflaxe de Lupe Gómez (Chan da Pólvora), Cervatos de Lucía Novas (Faktoría K). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio A nena do abrigo de astracán de Xabier P. DoCampo (Xerais).
O xurado salientou que «esta obra culmina unha traxectoria creativa, recollendo o corolario dunha serie de aprendizaxes que aquí se espellan. Ao tempo que salientamos o coidado da súa estrutura, a viveza e naturalidade dos diálogos, a construción dunha atmosfera que repara na presenza das ausencias, a reflexión sobre a maldade, a referencia ao cine como refuxio da inocencia e a súa riqueza lingüística, elementos que o converten, ao noso xuízo, na mellor novela do ano».

José Luis Mascareñas, Premio de Investigación
O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación, formado por Clara V. Álvarez, profesora de Fisioloxía na Facultade de Medicina da USC e directora do Grupo de Investigación sobre Neoplasias e Diferenciación Endocrina no CIMUS; Ángel Manuel Sánchez Bermúdez, catedrático de Enxeñería Química da UVigo; Felipe Criado-Boado, profesor de investigación do CSIC e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT); Nieves Lagares, profesora da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC; Rubén Lois González, catedrático da facultade de Xeografía e Historia da USC e vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional; Victoria Otero Espinas, matemática e Vicerreitora de Titulacións da USC e Malores Villanueva, secretaría, en representación da APCG, acordou declarar como finalistas a Ramón Villares, José Luís Mascareñas e a da Rede Interdisciplinar Tecnoloxía e Análise de Datos Lingüísticos (TecAnDali). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por consenso o premio a José Luis Mascareñas.
O xurado salientou que «José Luís Mascareñas ten unha exitosa traxectoria investigadora no ámbito da Química, que se aplica a outras áreas de coñecemento como a Bioloxía e a Biomedicina. Destaca tamén que é o único investigador en Galicia que, traballando dende o país, conseguiu un Advance Grant do ERC, o que supón a atracción de fondos europeos para fomentar a investigación en Galicia. É director do CICUS, un dos centros punteiros de investigación competitiva e dende esta posición favorece a creación e a continuidade de novos grupos científicos que xeran unha rede de traballo, así como garanten o seu futuro e, por ende, o da investigación. Con este recoñecemento salientamos a importancia da ciencia galega feita dende Galicia, nesta caso na área de Química biolóxica e na persoa de José Luis Mascareñas. O xurado quere manifestar a gran dificultade que supuxo decantarse por un dos finalistas dada a súa valía en ámbitos tan diferentes e tan importantes para a investigación galega».

Ana Romaní, Premio de Iniciativas Culturais e Científicas
O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por Jorge Mira, catedrático da USC, gañador da edición anterior polo programa ConCiencia; Alberto Barciela, xornalista; Hakan Casares, Observatorio da Cultura Galega; Delfín Caseiro Nogueiras, catedrático de Lingua e literatura; Sonia Díaz, comunicadora e xestora cultural; Xulia Santiso, xestora cultural, directora da Casa Museo Emilia Pardo Bazán e Malós Cabrera Iglesias, secretaría, en representación da APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Revista feminista Andaina, Portal GCiencia e Ana Romaní polo seu traballo en Diario Cultural. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Ana Romaní. 
O xurado salientou «o seu labor a prol da visibilidade, promoción e difusión da nosa cultura, nas súas diversas manifestacións ou expresións, así como a súa defensa e uso do galego. Labor que desenvolveu maiormente como directora do programa Diario Cultural da Radio Galega dende o seu inicio, no 1990, ata mediados do presente 2018. O xurado quere salientar, tamén, a súa declarada vontade de intervención e perspectiva feminista».

Mercedes Peón, Premio de Música
O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por María Costas, cantante e actriz; Xulia Feixoo, etnomusicóloga, percusionista de Rodrigo Romaní Trío; Sonia Lebedynski, cantante; Xosé Manuel Pereiro, xornalista, codirector da revista Luzes; Mercedes Rosón, subdirectora da Área de Cultura da USC; Maximino Zumalave, director de orquestra e Paz Raña Lama, secretaría, APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Cantos na Maré, Mercedes Peón, Xabier Díaz e Sés. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Mercedes Peón.
O xurado salientou «a súa traxectoria de compromiso coa investigación e documentación do patrimonio musical de tradición oral, un aspecto no que un claro referente. Mercedes Peón é creadora dunha sonoridade propia innovadora sempre na procura de fórmulas abertas, fóra de corsés, cualidades que foron apreciadas en escenarios de todo o mundo».

Javier Alonso de la Peña, Premio de Artes Plásticas
O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Plásticas, formado por María Luísa Sobrino, gañadora da edición anterior; Alberto González Alegre, comisario e crítico; Fran Herbello, fotógrafo, director do IES Audiovisual de Vigo; Chelo Matesanz, artista e profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Andrés Meixide, ilustrador e humorista gráfico; Ruth Varela, arquitecta e investigadora e Ledicia Costas, secretaría, en representación da APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Berio Molina, Pamen Pereira, Javier Alonso de la Peña polo Plan director da Catedral de Santiago e Rosalía Pazo Maside. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Javier Alonso de la Peña polo Plan director da Catedral de Santiago.
O xurado salientou que «é insólito que un xurado dun premio teña a oportunidade de valorar a intervención nunha das obras mestras da arquitectura de todo o occidente europeo: a catedral de Santiago de Compostela. Consderamos que é de xustiza valorar o importante compromiso asumido por Javier Alonso de la Peña, o nivel de responsabilidade e a súa implicación durante máis dunha década. Esforzo que cristalizou no ano 2017 coa finalización da restauración das torres da Fachada do Obradoiro, así como a tribuna e o pórtico. Valoramos tamén a recuperación da poética do monumento e do lugar sagrado e o traballo simbólico que abordou».

Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), Premio de Artes Escénicas
O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por Flor Maceiras, directora da Escola Municipal de Teatro de Narón, gañadora da edición anterior; Carlos Sante, actor, coordinador do proxecto internacional en técnicas de clown Hangar Manicómico; Irene Moreira Fontán, directora en Sala Ingrávida, profesora da ESAD; Antón Lopo, crítico e editor; Begoña Cuquejo, directora escénica e coreógrafa; Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro e Mariana Fernández Carballal, secretaría, en representación da APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Manuel Lourenzo Pérez, Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e Festival Internacional de Títeres de Redondela. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a  Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
O xurado salientou que «nacendo da fusión entre o tecido teatral popular e o profesional, a MITCFC é espazo de encontro desde o tan necesario humor para a promoción das Artes Escénicas, baseada nunha programación de calidade na procura de novos públicos e espazos. A aposta da mostra de Cangas por manter unha mirada comprometida a prol da Igualdade desde as súas orixes, hai 35 anos, materializouse nas últimas edicións no Proxecto Mulleres en Accion, que lle devolve á sociedade unha concepción paritaria das Artes Escénicas, irrenunciable, ao entender deste o xurado».

Matria de Álvaro Lago, Premio de Cine e Artes Audiovisuais
O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por Ángel Rueda, gañador da edición anterior; Tamara Canosa, actriz; Pepe Coira, guionista; Ángeles Huerta, directora; Avelina Rodríguez, crítica de cine do Faro da Cultura; Marta Villar, directora de arte e Xavier Senín, secretaría, en representación do APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Matria de Álvaro Lago, Trinta lumes de Diana Toucedo e á revista A cuarta parede. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar o premio a Matria de Álvaro Lago.
O xurado salientou «a dificultade á hora de escoller as obras finalistas debido á calidade e diversidade das propostas. Matria representa o mellor do noso cinema: o risco narrativo ao fusionar a ficción e recursos documentais. Bota unha ollada poética sobre a realidade que tenta desmitificar o matriarcado galego».

Boaga, Premio de Cultura gastronómica
O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Gastronómica, formado por Alberto González Prelcic, cociñeiro, en representación do Grupo Nove, gañador da edición anterior; Teresa Cuíñas Lavandeira, xornalista da TVG; Taciana Díaz Mariño, xornalista; Manuel Hermo Piñeiro, profesor da escola de Hostelaría de Pontevedra; María Mosquera Leal, e-asesora, colaboradora da revista Benbo; Alejandro Rubín Carballo, director de Expourense e Luís Marconi Suárez, secretaría, en representación da APCG, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), Terras da Mariña, Sociedade Cooperativa Galega e Mexillón de Galicia D. Orixe Protexida.
O xurado salientou que «todas as propostas presentadas son un reflexo da riqueza, innovación, compromiso e posta en valor da identidade gastronómica do noso país. O produto é o protagonista nas tres finalistas. Representan todo o proceso, que vai dende a produción, onde ten un peso importante o traballo das mulleres, ata o prato. Ademais m poñen o acento na recuperación de especies e produtos propios e únicos na nosa terra.
O xurado acordou outorgar o premio por maioría a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga). «A gañadora ten impacto en todo o territorio, asenta poboación en contornas rurais, incorpora xente nova ao traballo gandeiro, coida colateralmente do medio ambiente e fai chegar o produto oso mercados máis selectos de España».

Vigo, 3 de novembro de 2018″

Montse Fajardo gaña o II Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

“O día 22 de outubro de 2018 ás 19:00 h, despois de deliberar no Café Moderno de Pontevedra, o xurado composto por Ramón Nicolás, Ramón Rozas, Carme Vidal e actuando como secretaria Carme Carreiro decidiu outorgar o II Premio de Xornalismo Lueiro Rei ao artigo “O universo de Carlos”, presentado baixo o pseudónimo de “Roque Pérez”.
Unha vez aberta a plica resultou ser da autoría da xornalista e investigadora Montse Fajardo autora de libros como Matriarcas, Un cesto de mazás e Invisibles, entre outros.
O xurado destaca do texto “a denuncia da discriminación que sofren as persoas con autismo e as súas familias”. A autora transmite dificultades que se lle presentan á nai dun neno con autismo e os atrancos que ten que superar día a día ademais de dar conta do pouco respaldo institucional que recibe para darlle ao fillo as atencións que necesita.
O artigo é quen de que as persoas lectoras empaticen coa angustia da situación da protagonista e reparen na falta de equidade con quen ten esta condición neurolóxica a través dun caso particular.”

A seguir publicamos o texto gañador (tamén dispoñíbel aquí):

O universo de Carlos
(Roque Pérez)

A profe Esther di que se tes autismo é como se che soasen na cabeza cincuenta emisoras á vez e por iso a Carlos lle custa moito concentrarse nunha cousa. Os movementos hipnóticos axúdanlle a fuxir dese balbordo, así que pode pasar horas mirando os peixiños, petando co lapis ou subido á randeeira. A profe Mónica sempre lle deixa un pouco máis que ao resto e ninguén protesta. Con el aprenderon que o trato xusto non é o igualitario, senón o equitativo: o que dá a cadaquén o que precisa.
Ás veces Carlos precisa dar voltas pola aula. Déixanlle dar dúas, tres e logo vai alguén da clase dicirlle que sente. Esther, que é a profesora terapeuta, ensinoulles trucos para captar a súa atención entre tanta emisión: “Xirádelle a cara, buscade o contacto visual…” pero fica abraiada cos códigos que argallaron para falarlle, coa capacidade innata que teñen para comunicarse con el. Aos cinco anos asumiron con naturalidade que era parte do grupo e había que entendelo.
Fóra do CEIP San Roque de Corón non é tan fácil. O autismo é un reto para unha sociedade que sabe ser solidaria cunha cadeira de rodas pero non actúa coa mesma normalidade ante as doenzas psíquicas.
Maika nota miradas que a xulgan cando o seu fillo ten unha das súas perrenchas e se tira polo chan do súper. Ás veces sente que non pode máis, e séntese culpábel por sentilo. Pero leva anos sen un respiro.
Os xemelgos tiñan dezaoito meses cando notou que Carlos non atendía aos estímulos igual que Miguel. A diagnose de autismo cambiouno todo. Para todos. Miguel converteuse no irmán maior e o universo empezou a xirar arredor de Carlos. Maika deixou atrás a súa individualidade e ata o seu matrimonio. É difícil manter algo que non sexa a atención sobre el. Ninguén se ofrece a axudarche. A avoa cóidao unhas horas pero non de noite nin na rúa por temor a non saber controlalo. Un neno con autismo non ten filtros e pode insultarte ou poñerse violento. Así que Maika opta por saír pouco da casa.
Viuse obrigada a renunciar á vida laboral, e a falta de soldo complicouno todo máis. Resúltalle imposíbel contratar a alguén que a axude, que lle dea un respiro que lle permita, polo menos, pasar máis tempo con Miguel e non abafar de culpa. Non hai achegas económicas. As discapacidades psíquicas non se cuantifican como as físicas e só recibe 1.800 euros anuais que lle obrigan a elixir entre a psicóloga ou a logopeda e aínda así só dan para unha hora de consulta semanal cando precisaría unha diaria. Levar a Carlos á terapia é outra odisea porque como non lle pasa nada nas pernas non lle dan tarxeta de aparcamento. Dá igual que a súa cabeza se negue a camiñar, que se tire polo chan e a obrigue a vivir un calvario camiño da logopeda. Se pode andar, non hai tarxeta.
Ante a falta de apoio do sector público, as familias agrúpanse en asociacións específicas e poñen en marcha servizos, pero son demasiado caros para Maika.
Tamén no cole escasean os recursos. Precisaríase máis profesorado terapeuta e contar con orzamento para material adaptado.
O suposto estado de benestar camiña moi por detrás da clase de Carlos, que xa non concibe mural sen pictogramas nin elixir una coreografía que lle resulte imposible a el. Esther ten claro que lle achega ao grupo moito máis do que recibe, porque é a súa mellor lección de empatía.
Quizais, se en cada aula houbese un Carlos, no futuro teríamos unha sociedade máis equitativa, que non deixe sobre os ombreiros de Maika todo o peso do universo.

A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 7 de agosto

O 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Encontro Os poetas e os seus libros. Participan: Xosé Luís Mosquera Camba, Míriam Ferradáns e Carlos Lixó. Modera: Miguel Anxo Fernán-Vello.
19:00 h. Ana María Fernández asina Ring, ring!…quen rima?, na caseta de Hércules Edicións.
19:30 h. Eva Veiga asina na caseta de Lume.
19:45 h. Presentación de Lapis na noite, de Ramón Nicolás, publicado por Xerais. O autor estará acompañado de Mercedes Queixas, María Canosa e Fran Alonso.
20:00 h. Pedro Casteleiro na Libraría Azeta.
20:30 h. Presentación de Avante todas. O papel do feminismo despois do 8M (Revista Luzes). Con Manuel Rivas, Goretti Sanmartín, Ana Luísa Bouza e Claudia Morán.
21:15 h. Presentación de Galicia en bus de María Reimóndez, publicado por Xerais. A autora estará acompañada de Manuel Rivas, Eli Ríos, Emma Pedreira e Fran Alonso.

Ponteareas: actividades literarias destacadas na Feira do Libro para os 28 e 29 de xullo

O domingo 29 de xullo finaliza a Feira do Libro de Ponteareas (na Praza Maior), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 28
18:00 h. Presentación de Rosaura e o mar, de Isabel Blanco, publicado por Belagua.
20:00 h. Presentación de Lapis na noite, de Ramón Nicolás, publicada por Xerais.
21:00 h. Presentación de Poesía (materiais para montar unha escena de cama), de Roi Vidal, publicado por Difusora.

Domingo 29
19:00 h. Presentación de Camiños, de Magín Blanco, publicado por Fol Música.
20:00 h. Presentación de Mirequelledigo. Crónicas dun filósofo tabernario, de Manoel da Costa Pardo, publicado por Meubook.