Desde
Sermos Galiza:
“Sexa quen for das tres candidaturas a que finalmente o vindeiro día 4 acade o maior número de votos de académicos e académicas, o que están asegurados son os parabéns para unha institución que aguantou como puido un ano ensombrecido polo pasado vencellado ao franquismo de Xosé Filgueira Valverde. Calquera dos tres nomes que a propia Academia Galega, nun acontecemento tamén inusual, anuncia como candidaturas presentadas cos avais necesarios ten detrás un amplo apoio social que respaldará a elección que se produza na rúa Tabernas.
O profesor, investigador e escritor Ricardo Carvalho Calero é, sen dúbida, o capítulo pendente da Academia. Durante moitos anos, os requirimentos para que se saldase a débeda co profesor sucedéronse e mesmo na pasada edición, Carvalho conseguiu, cando menos, ser valorado no debate final. A defensa de Carvalho Calero do reintegracionismo é o atranco que impide a moitos dos académicos e académicas apoiar unha candidatura que, dalgunha maneira, iría contra a filosofía das normas da propia institución. No último ano, sentíronse xa voces que reclamaban, pola contra, deixar de petar na férrea porta de Tabernas e conmemorar ao profesor máis alá da Academia, convencidas de que aínda non é o momento de que Carvalho Calero a atravese.
Canto a Manuel María, o poeta foi xa un dos nomes que se barallaron con forza na anterior edición, cando xa se cumprira unha década da súa morte. O que fora tamén académico tería ao seu favor, alén da súa propia obra, ser un referente da nosa cultura no pasado século, un dos escritores que máis foi cantado e que pode dar máis xogo nos centros de ensino en todos os seus niveis. Por outra parte, non hai que esquecer a condición de Manuel María de activista da lingua e a cultura, condición que se fai especialmente acaída no noso tempo, en especial, nas novas xeracións nas que se está a perder o uso do galego. Finalmente, a figura de Manuel María conta desde hai dous anos coa Casa Museo en Outeiro de Rei, sede da Fundación que leva o seu nome, un centro na Terra Chá que se convertería, de se dar na circunstancia, en lugar de referencia para as conmemoracións durante todo o ano. A propia personalidade do escritor, comprometido, afábel e especialmente sociábel, engade unha virtude máis a súa candidatura, a de ter en activo moitos amigos e amigas, en especial do mundo das letras, que se comprometerían intensamente no seu ano.
Finalmente, da poeta Xela Arias, proposta tamén o pasado ano, tense dito que, cando saíra elexida, podería provocar un ano dinámico como o que resultou cando a Academia apostou por dedicarllo a Lois Pereiro. Xela Arias tería agora tan só 53 anos e converteríase na autora máis nova, en todo caso a de menos tempo entre o seu nacemento e o seu Día das Letras, de se dar o caso. Finada en 2003, a autora converteuse en poeta de culto nas novas xeracións o que, canda a súa condición de tradutora, podería darlle enerxía a unha celebración que amosou no último ano a súa face máis lánguida. Non hai que esquecer que desde o feminismo e, concretamente, desde o feminismo literario, repetíronse ás críticas das poucas veces que a Academia mira para as mulleres para a súa grande data e, sen ir máis lonxe, neste último A Fondo de Sermos Galiza dedicado a Mª Vitoria Moreno, a escritora Susana Sánchez Arins reivindicaba a figura de Xela Arias para o Día das Letras galegas. (…)”
Arquivos da etiqueta: Real Academia Galega
A Coruña: actividades literarias de Cultura que une para a cuarta feira 10 de xuño
O
mércores 10 de xuño, na Coruña, continúan as actividades de Cultura que une, coas seguintes actividades literarias para este día:
– 19:30 h. Recital de poesía de clásicos galegos-portugueses no Xardín de San Carlos.
– 20:30 h. Mesa redonda na Real Academia Galega: As relacións intelectuais entre Galiza e Norte de Portugal, coa participación de
– Norberto Cunha: “Galiza na historiografia portuguesa”.
– Paulo Vieira de Castro: “A Sociedade Martins Sarmento”.
– Paulo Samuel: “Teixeira de Pascoaes, a Renascença Portuguesa e a Galiza”.
– Gaspar Martins Pereira: “A importancia dos galegos no Douro”.
– Carlos Pazos: “Imaxe da Galiza e os galegos no Portugal contemporáneo”.
Preside o acto Xesús Alonso Montero, Presidente da R.A.G.
Desde ese mesmo día pódese visitar, no I. E. S. Menéndez Pidal, “Zalaeta”, a exposición Do saudosismo ao atlantismo. De Teixeira de Pascoaes a Vicente Risco.
Entrevista a Basilio Losada Castro
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“A Real Academia Galega nomea o profesor Basilio Losada Académico de Honra. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Entrevista a Xosé Luís Axeitos sobre o Epistolario de Manuel Antonio
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“A Fundación Barrié e a Real Academia Galega presentan o epistolario de Manuel Antonio, un volume co que conclúe a edición da obra completa do autor de Rianxo.” A entrevista completa pode escoitarse aquí.
Basilio Losada, académico de honra
Desde
a Real Academia Galega:
“A Academia recoñece deste xeito o incansable labor na defensa e difusión da nosa cultura do profesor e escritor lugués establecido en Barcelona, Basilio Losada Castro. (…)”
Rianxo: presentación da Obra completa de Manuel Antonio
O galego dá vida, pola vida do galego, declaración institucional da Real Academia Galega
Constitución do padroado da Fundación Blanco Amor, na Deputación de Ourense
Desde
Galaxia:
“O padroado da Fundación Eduardo Blanco Amor celebrou o luns 26 de xaneiro na Deputación de Ourense a súa reunión constitutiva, na que se aprobaron os estatutos da fundación, que recollen as atribucións e obrigas do padroado, o réxime económico da fundación, os aspectos legais e os fins e beneficiarios da mesma.
Os patróns da fundación son: a Deputación de Ourense, representada polo seu presidente, Manuel Baltar, quen exercerá a presidencia do padroado; Eduardo Camilo Bóveda Sebastián e María Concepción Bóveda Gómez, en representación da familia de Eduardo Blanco Amor; a Xunta de Galicia, representada polo titular da consellería con competencias en materia de Cultura, neste caso por Jesús Vázquez; o Concello de Ourense, representado hoxe pola concelleira Ana Garrido; a Real Academia Galega, representada polo seu presidente ou persoa en quen delegue, coa asistencia hoxe do seu presidente, Xesús Alonso Montero; a editorial Galaxia, representada polo seu presidente ou persoa en quen delegue, hoxe representada por Xosé Manuel Soutullo, e o Centro Pen Galicia, representado polo seu presidente, Luís González Tosar.
Os fins da Fundación Blanco Amor, segundo recollen os estatutos son: A conservación e difusión da obra e o legado do escritor Eduardo Blanco Amor; a promoción de actividades de estudo e investigación nos campos da literatura; o xornalismo, a lingua galega, as artes da imaxe, en especial a fotográfica, e os estudos históricos e políticos; a dinamización e promoción sociocultural da provincia de Ourense, e a potenciación e difusión da cultura e a realidade sociocultural de Ourense, en particular, e Galicia, en xeral; no exterior e a colaboración con entes público-privados de fins semellantes.
Entre as actividades que vai desenvolver a fundación figuran a catalogación, e o desenvolvemento e conservación do arquivo documental e biblioteca, e de toda a información relacionada coa figura de Blanco Amor; a divulgación da súa obra e das obras da súa colección privada e do seu arquivo documental e biblioteca; a formación de artistas e estudosos nos eidos anteriores e calquera outros relacionados cos mesmos; a realización de actividades de fomento nos ámbitos cultural e social no exterior, e a captación dos fondos económicos necesarios para levar a cabo as súas actividades.”
Vigo: presentación do Boletín nº 373 da Real Academia Galega, sobre a figura de Valentín Paz Andrade
Salvador García-Bodaño, Medalla de Ouro e Fillo Adoptivo de Santiago de Compostela
Desde
a Real Academia Galega:
“O pasado 26 de decembro, a Corporación Municipal de Santiago de Compostela acordou, por unanimidade, concederlle a Medalla de Ouro da cidade e o título de Fillo Adoptivo da mesma a Salvador García-Bodaño.
Malia ter nacido en Vigo en 1935, Salvador García-Bodaño mantén unha estreita relación con Santiago de Compostela desde a súa etapa universitaria, cando se dá a coñecer como poeta nos Xogos Minervais organizados pola súa universidade, e pasa a formar parte activa da vida cultural, social e política santiaguesa. Así, a primeiros dos 60 promove, xunto con outros, a creación da Agrupación Cultural O Galo –entidade pioneira en Galicia entre as dedicadas ao activismo cultural de signo galeguista- participa na fundación do Partido Socialista de Galicia e centra en temas relacionados coa cidade santiaguesa boa parte da súa produción xornalística e literaria, coma o devandito libro Tempo de Compostela, Premio da Crítica española para poesía en lingua galega.
Na súa exposición e defensa desta proposta, o alcalde compostelán, Agustín Hernández, declarou: “Polo seu amor á cidade o Concello de Santiago cumpre coa xustiza e coa razón, outorgándolle a Salvador García-Bodaño as súas máximas distincións de Fillo Adoptivo e de Medalla de Ouro, en atención aos seus moitos méritos e capacidades”.



