Arquivos da etiqueta: Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso
Compostela: actividades destacadas dos 20 e 21 de xuño na Feira do Libro 2020
O 21 de xuño finaliza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este fin de semana:
Sábado 20
– 12:00 h. Claudia Castro asina Galicia, o país das marabillas, ilustrado por Emanuel Lomeña, publicado por Galaxia.
– 13:00 h. Paula Carballeira asina Carabela, ilustrado por Abi Castillo, publicado por Galaxia.
– 18:00 h. Marcos Viso asina O meu baleiro, publicado por Hércules de Edicións.
– 19:00 h. Manuel Monge asina Os restos do franquismo en Galiza, publicado por Laiovento.
– 20:00 h. Berta Dávila asina Carrusel, publicado por Galaxia.
Domingo 21
– 13:00 h. Héctor Cajaraville asina Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso, publicado por Xerais.
– 18:00 h. Juan Bello Sánchez asina Casa, traducido por Berta Dávila, e publicado por Tulipa.
– 19:00 h. Rosa Enríquez asina Vacastras, publicado por Urutau.
– 20:00 h. Carlos Meixide asina Camiño de paixóns, publicado por Galaxia.
Compostela: A escrita e a fala na rede
Con motivo das Letras Galegas, ante a imposibilidade de poder realizar actividades culturais no interior da libraría, presentámosvos “A Escrita e a Fala na rede”, unha homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, unha viaxe a través da súa obra da man de Henrique Rabuñal, Pilar García Negro e Héctor Cajaraville, transmitido en directo a través da conta en Facebook da Libraría.
– Xoves 14 ás 19:00: encontro con Henrique Rabuñal, autor de Ricardo Carvalho Calero. O Anxo da Terra (Ed. Galaxia).
– Venres 15 ás 19:00: encontro con María Pilar García Negro, autora de Ricardo Carvalho Calero: A Ciencia ao Servizo da Nación (Ed. Laiovento).
– Sábado 16 ás 12:00: encontro con Héctor Cajaraville, autor de Ricardo Carvalho Calero. A Pegada do Compromiso (Ed. Xerais).
Héctor Cajaraville: “Quixen sobre todo deixar claro o compromiso permanente de Carvalho Calero coa lingua como creador, como intelectual e como docente”
Entrevista a Héctor Cajaraville na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Esta [Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso] é a segunda biografía sobre o protagonista do Día das Letras Galegas que escribe para Xerais, despois da dedicada en 2019 a Antonio Fraguas. Como foi desta volta a experiencia? Vostede é docente de lingua e literatura galegas. Que imaxe tiña de Carvalho Calero antes de escribir esta biografía e que descubriu del ao emprender a escrita deste libro dirixido a un público que se move entre a primaria e a secundaria?
– Héctor Cajaraville (HC): Ademais dos títulos das súas obras e algún episodio clave da súa vida, pouco máis sabía. Coñecía, por suposto, toda a polémica suscitada pola súa deriva cara á confluencia entre galego e portugués e algunhas opinións sobre a súa personalidade ou o seu carácter. E algo que a min me afectaba máis como biógrafo: fixérame á idea de que se trataba dun individuo gris e aburrido que non habería modo de “vendérllelo” aos rapaces e rapazas… Todos eses panos foron caendo e fun descubrindo unha personalidade fascinante, un intelectual pioneiro en moitas das súas múltiples facetas, arriscado, comprometido e valente, o que trouxo consigo a súa marxinación no ámbito académico e intelectual, e mesmo que tiña unha traxectoria vital interesante e atractiva.
No caso de Antonio Fraguas a tarefa xa non foi doada, pois non era o típico homenaxeado no Día das Letras Galegas dos últimos anos, con obra literaria infantil e xuvenil, cunha traxectoria coñecida a nivel xeral. Carvalho Calero, outro tanto, así que o traballo de novo non era fácil. Había que empezar polo máis básico: datos biográficos, obra publicada, recoñecementos… Pero, sobre todo, convencer o alumnado de que este autor non só era merecente da homenaxe que supón dedicarlle o Día das Letras Galegas deste ano, senón de que foi alguén que se dedicou en corpo e alma á lingua e á literatura, e incluso de que tivo unha traxectoria vital que paga a pena coñecer.
Algúns elementos xogaron ao meu favor, ademais dos múltiples escenarios en que transcorreu a súa vida, o que sempre axuda a artellar un relato máis ameno. Por exemplo, o variado da súa obra literaria (relatos curtos, textos infantís, narrativa, poesía, teatro…), que lle dá ao libro un dinamismo que non tería alguén que só cultivou a poesía ou o teatro, ou o seu labor académico, no que foi pioneiro en varios aspectos. E logo está tamén esa cuestión do outsider, do incomprendido, do que vai quedando só… Iso tamén posúe un innegable atractivo literario. Na parte das complicacións, o meu medo era abordar todo o relativo á preferencia lingüística de Carvalho Calero de xeito parcial, incompleto ou difícil de entender. Pero penso que esta cuestión quedou suficientemente clara: hai un capítulo enteiro do libro dedicado a isto, probablemente o capítulo no que investín máis tempo para a súa redacción.
– RAG: Como concibiu o libro?
– HC: Como unha especie de relato que avanza con fluidez e que só se detén nos momentos transcendentais na historia do autor, nos que a súa personalidade se mostra con maior claridade: a morte da nai cando el era aínda un neno, o seu namoramento de Santiago cando chega para estudar na súa universidade, o estalido da guerra civil –que o sorprende en Madrid presentándose a unhas oposicións–, os seus anos na fronte e no cárcere, a súa condición de represaliado durante máis dunha década, a súa capacidade de superación –acabou aprobando aquelas oposicións con 54 anos–, unha entrega á docencia que o leva a seguir traballando unha vez xubilado… Pero sobre todo quixen que quedase claro o seu compromiso permanente coa lingua, como creador, como intelectual e como docente. Un compromiso que o levou, como el mesmo recoñeceu, a abandonar a súa vocación de escritor, sobre todo de poeta, para desenvolver outro tipo de angueiras: elaborar unha gramática da lingua practicamente en solitario, abordar unha historia da literatura galega como nunca antes se fixera, compartir o seu coñecemento cos demais, abandeirar todo tipo de actos vinculados á defensa da lingua… (…)”