Desde Nós Diario (foto do Parlamento):
“O presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, encabezou a homenaxe da institución á Rosalía de Castro polo aniversario do seu nacemento, na que se levou a lectura dunha parte da obra da escritora, a cargo de alumnado do CEIP Rosalía de Castro de Padrón.
Santalices afirmou que “Rosalía pode e debe estar sempre presente no Parlamento de Galiza”, e enmarcou a importancia da súa figura no contexto do corenta aniversario do Parlamento.
“A Galiza das últimas décadas é protagonista dun rexurdimento intenso que se manifesta en todos os ámbitos: no cultural, no lingüístico, no económico ou no político”, engadiu o presidente da cámara democrática galega.
Para Santalices, ese rexurdimento non tería sucedido “sen a sementeira principiada por Rosalía de Castro, e por tantas e tantos outros, pero singularmente por Rosalía, que coa súa obra, e mesmo co seu exemplo, activou os resortes que sustentan o noso amor propio; o orgullo de ser galegos, a conciencia de ser donos do noso futuro, saber que temos unha lingua propia, agarimosa e nobre”.
O presidente do Parlamento galego asegurou que “somos herdeiros de Rosalía e estamos en débeda con ela”.
Tamén chamou a asumir como propia unha reflexión de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nesta edición do Día das Letras Galegas, dirixiu ás súas amizades en 1977. “A Galiza é o primeiro, debe estar por enriba de todo no noso corazón, no noso pensamento e nas nosas accións. Este sentimento, sempre vixente, cada vez máis vixente, non se opón, máis ben os reforza, aos vosos ideais sociais e políticos”.
No acto, ademais de Santalices, participaron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, integrantes da Mesa da Cámara e dos grupos parlamentarios, o conselleiro de Cultura, a presidenta do Consello da Cultura Galega, a valedora do pobo e o presidente da Real Academia Galega, entre outros.”
Arquivos da etiqueta: Rosalía de Castro
A Coruña: Día de Rosalía de Castro 2022
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda e a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, celebra o Día de Rosalía 2022 na Coruña, o 23 de febreiro, ás 17:00 horas, diante do Teatro Rosalía, coa lectura do manifesto da AELG pola súa autora, Beatriz Maceda Abeleira, e unha posterior lectura pública da obra de Rosalía, con actuación musical a cargo de Os Peregrinos e Lia Palmina.
Vigo: Día de Rosalía de Castro 2022
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Asociación Cultural O Castro, celebra o Día de Rosalía 2022 en Vigo o 23 de febreiro, ás 17:00 horas, na Imprenta de Juan Compañel (Rúa Real nº 12), onde se colocará unha ofrenda floral a Rosalía. Posteriormente, no mesmo enderezo (Rúa Real, nº 12), no local da Asociación Cultural A Revolta, lerase o manifesto da AELG escrito por Beatriz Maceda Abeleira e poemas de Rosalía de Castro.
Outes: actos do Día de Rosalía 2022
Carnota: actos no Día de Rosalía 2022
Poio: actividades do Día de Rosalía 2022
O Carballiño: actividades polo Día de Rosalía 2022
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente de AELG: “Animo a todos a que o día 23 se regalen un libro cunha flor”
Entrevista a Cesáreo Sánchez na Radio Galega:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, organizaron o sábado 19 o acto central con motivo do Día de Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres.
Promove a celebración no 23 de febreiro, Día do nacemento de Rosalía, coa participación activa do Parlamento Galego, espazo fundamental de representación colectiva do pobo galego. Ademais, a AELG pretende institucionalizar unha xornada de celebración da nosa literatura e fomentar a difusión da obra e figura de Rosalía para as xeracións máis novas.
Polo tanto, o presidente de AELG e convidado do programa, Cesáreo Sánchez Iglesias, anima a agasallar cun libro e cunha flor no 23 de febreiro, día do nacemento de Rosalía de Castro. O presidente tamén destaca a relación de afecto entre Rosalía e a súa nai e reivindica que o Panteón de Galegos Ilustres sexa de novo un espazo laico, coma cando foron traídos os restos de Rosalía.
A entrevista pode escoitarse aquí.”
8º Festival Cultural Portugal-Galiza Convergências
A Coruña: recital Florilexio: versos e poemas escollidos
A agrupación ACAB Teatro convídavos ao Recital Florilexio que terá lugar o vindeiro martes 22 de febreiro ás 20:00 horas no local da Agrupación Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña. Como indica o título, o recital é unha escolla de diferentes poemas galegos por parte dos integrantes do grupo. A premisa foi escoller aqueles poemas ou versos que lles fixese sentir algún tipo de emoción que remexera dalgún xeito o seu sentir. Así, este o noso Florilexio vai dende o desfrute, gozo e celebración do nadal pasando pola beleza da choiva, o amor desexado ou ausente ata aqueles poemas mais reivindicativos. Autoras e autores como Rosalía de Castro, Lino Braxe, Ricardo Seixo, Luísa Villalta, Lorca ou Lupe Gómez foron escollidas e escollidos por estas e estes interpretes que porán o seu corazón neste recital. Se desexas asistir, envía antes este formulario cos teus datos.