Compostela: actividades do 10 de xuño na SELIC 2022

Eva Mejuto: “A lectura é un acubillo, un refuxio”

Entrevista de Belén López a Eva Mejuto en Diario de Pontevedra:
“”Cando leo todo é posible”. É o inicio de Cando leo (Xerais, 2022), o álbum ilustrado que acaban de publicar a escritora Eva Mejuto (Sanxenxo, 1975) e a ilustradora Bea Gregores (Vigo, 1995). A obra presentouse este sábado (12.30 horas) nun acto aberto ao público, que terá lugar no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, coa actuación musical de Noite e Manu. “A literatura e os libros sempre foron un lugar de acubillo, de refuxio, un punto de encontro comigo mesma e co mundo”, conta Mejuto, que desvela que esta historia naceu no confinamento. “Foi aí, onde paramos de verdade, onde tivemos tempo para volver facer cousas que nos gustaban, cando eu aproveitei para ler e reler cousas que me apetecía ou que tiña pendentes, como o último libro de Almudena Grandes”.
A partir desa experiencia persoal é que nace Cando leo. “Eu penso que durante o confinamento o libro tivo unha resignificación nas nosas vidas. Aquel parón supuxo para min un reencontro coa lectura”, segue explicando. “Foi así como me apeteceu facerlle unha homenaxe ao libro e a lectura en todas as súas dimensións: humana, persoal, social, política, histórica…”.
Para completar o seu texto, case un poema, Mejuto pensou en Bea Gregores. Esta é a terceira vez na que escritora e ilustradora colaboran tras A lavandeira de San Simón (Xerais, 2020) e Neko (Oqueleo, 2021). “Para min traballar con Bea é un luxazo. A pesar de ter con ela unha diferenza de idade importante, temos unha sintonía moi grande. E cando fas un álbum é necesario que exista esa conexión”.
“Cando leo non hai portas”, segue o conto. “É verdade que as miñas palabras son moi contidas, están como moi medidas, pero detrás teñen moita cousa. Iso levounos a falar moitísimo a Bea e a min”. Mejuto di que a ilustradora non só captou todo o que ela desexaba contar no álbum senón que incluso o ampliou con imaxes que agrandan o significado do que se di. «Foi unha creación a catro mans súper bonita, feita ademais nun momento moi especial”.
A escritora recoñece que a fusión que se dá entre o seu texto e as ilustracións de Gregores “foi unha destas cousas máxicas que pasan de cando en vez”. E engade: “Eu creo que se nota o corazón que lle puxemos. A nosa experiencia vital e as nosas tripas están aí”. Neste sentido, Eva Mejuto confesa que, despois de traballar durante 25 anos con libros ilustrados, este é probablemente o seu proxecto máis íntimo. “Nel hai moito de min e da miña forma de entender o mundo. E tamén moitas homenaxes”.
Efectivamente, a obra inclúe chiscadelas para os lectores máis agudos, que recoñecerán as homenaxes a Onde viven os monstros ou A bibliotecaria de Basora. “Igual que hai referencias á queima de libros nos réximes totalitaristas ou á identidade de xénero. En definitiva, aparece, ademais da dimensión máis íntima ou emocional dos libros, a dimensión política: os libros como elemento para mudar o mundo”.
Eva Mejuto cre firmemente nisto último. “Porque a lectura, a pesar de que comeza sendo un acto solitario, acaba sendo solidario, no sentido de que nos serve para encontrarnos co resto do mundo”. Así o di no seu conto: “Porque cando lemos todo é posible”.”