Manuscritos: Rosalía de Castro I (vídeo)

Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
“En abril de 2006, a persoa que daquela detentaba o cargo de presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, seleccionaba algúns dos fondos máis salientables da biblioteca da Academia para Culturagalega.org, quen gravou algúns deles. Traio aquí o que se corresponde a uns, emocionantes, inéditos de Rosalía de Castro (fonte Consello da Cultura Galega)”.

Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2013

Nin queixa nin folclore, hai cento cincuenta anos Rosalía de Castro asumía no prólogo dos Cantares gallegos, o grande atrevemento que supoñía traer para a escrita culta, sen gramáticas nin regras de ningunha clas, o canto dos pesares, costumes e paisaxes desta terra.

Nin queixa nin folclore, hoxe, neste día no que conmemoramos o nacemento da muller, neste ano no que celebramos o século e medio dun libro que serviu para comezar a construírmonos afectiva e politicamente como pobo, convidamos a  experimentar, de novo ou por vez primeira, a conmoción, o abraio que producen uns versos que falan de min, que falan de todas.

¿Qué lle pasará a un que non sexa como se pasase en tódolos demais? En min e en todos! Na miña alma e nas alleas! – di Rosalía.

Ese modo de percibir e expresar o peso do mundo é o que consegue que Cantares fique agochado entre as dobras da memoria, que se mimetice co inconsciente colectivo e individual, en min e en todos!, como un clásico e, como un clásico persista como ruído de fondo, aguante e sacuda a poeira incesante dos eséxetas: Santa, Nai, Escura.., sen dar rematado nunca de dicir o que ten que dicir.

Porque Rosalía fala para o agora da lectura e neste agora a empatía, a rabia, a análise e denuncia que alenta na súa obra fánsenos especialmente necesarias. Nestes intres de esgazamento, de destrución das conquistas sociais, de empobrecemento xeneralizado, de incerteza, Rosalía axúdanos a ser conscientes, politicamente conscientes, da comunidade de excluídas, desa poboación crecente que avanza cara ao desposuimento e o silencio. Nas tristes colas do paro, nos comedores sociais, nas despedidas dos milleiros de xentes novas que abandonan o país, nos desafiuzamentos, na desesperación das enganadas pola cobiza bancaria, na longa angustia das que agardan unha operación cirúrxica, nas mestras desbordadas, nas avoas que precariamente amparan  fillos e netos resoa a voz de Rosalía, dando voz ás que non teñen voz, ás que fican á marxe.

Ler hoxe a Rosalía axúdanos tamén a desenvolver estratexias de resistencia ante as doutrinas oficiais que nos impoñen a brutal contracción do noso sistema cultural e lingüístico. De novo  Rosalía lembrando que a nosa lingua non é aquela que bastardean e champurran torpemente nas máis ilustradísimas provincias cunha risa de mofa, Rosalía rexeitando o centralismo que nos esmaga, que nos folcloriza, que nos nega, Rosalía denunciando, no XIX coma no XXI, o fracaso do estado para dar cabida ao diferente.

Rosalía pois, hoxe, para axudármonos a sobrevivir contra as cordas, cada vez con menos aire, cada vez máis feridos, pero vivos, extraordinariamente vivos e  conscientes da necesidade de pelexar novos camiños para afirmármonos na nación, na lingua, na clase e no xénero como única posibilidade de existencia digna.

Cantares gallegos, o primeiro libro integramente monolingüe do Rexurdimento galego, deu o protagonismo absoluto ás voces femininas e, probablemente, todas as que hoxe lemos e escribimos en galego  experimentamos nalgún momento o desexo intenso de ser coma ela, de seguir os seus pasos: fulgor e rebeldía. A nosa literatura moderna presenta a enorme vantaxe de ter unha muller como causa e orixe, un modelo para aquelas que non queren cantar as pombas e as froles. Con todo, xusto é recoñecer o paradoxo: a literatura galega dista moito de ser un matriarcado; aquí  -como en todas partes- as literatas continúan a ser tratadas como un elemento exótico-emerxente, caixiña dentro da caixiña, engadido que os homes tratan con benévola simpatía sen entrar nun diálogo verdadeiro. A forza feminina de Rosalía, a asunción plena da condición de muller -sen mistificacións, sen simplificacións doutrinarias- continúa sendo un exemplo, un desafío para o presente, para o futuro.

Convidámosvos, pois, a celebrar este día como unha festa indispensable no noso imaxinario colectivo, unha festa na que celebremos, esperanzadas, o futuro, ese futuro que vive nas verdadeiras, nas autenticamente clásicas, como Rosalía, quen, de xeito perentorio, nos recorda que só a palabra permite poñerse a salvo da brutalidade e a estupidez humanas.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega reafírmase, máis unha vez, porque este tempo político neoliberal e centralista regresivo así nolo continúa a esixir, na nosa reivindicación da recuperación dun estatus máis xusto, digno, equitativo e equilibrado para o galego nos diferentes ámbitos de uso e, nomeadamente, no ensino, minguado cuantitativa e cualitativamente nun espazo de aprendizaxe e socialización como é a escola e apoiamos, como as palabras reivindicadoras de xustiza rosaliana nos animan, ao conxunto da sociedade que en múltiples iniciativas ten manifestado o seu compromiso coa lingua galega, soia nunha terra extraña / donde extraña me alomean, / donde todo canto miro / todo me dice: “¡Extranxeira!”.

A modernidade da obra e pensamento rosaliano aloumíñanos e fálanos desde o poder da palabra compromiso e o alento vivo da alborada para corearmos colectivamente:

Vaite, noi-
te, -vai fuxin-
do. –Vente, auro-
ra, – vente abrin-
do, -co teu ros-
tro – que, sorrin-
do, -¡¡¡a sombra espanta!!!

Manifesto do Consello  Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a partir dun texto de Rexina Vega.

A AELG reclama a apertura do Panteón de Galeg@s Ilustres no Día de Rosalía

Desde Sermos Galiza:
““Rosalía non pode ser agasallada como a tumba de calquera persoa querida. Estáselle a conculcar o dereito ao pobo galego de honrar a súa grande escritora” sinala Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que hoxe conmemorará o nacemento da escritora no espazo onde foron trasladados os seus restos desde o panteón de Adina.
Cursar solicitudes e acadar permisos son precisos para que o Panteón de Galegos Ilustres, onde están enterrados, entre outros, Castelao, Domingo Fontán, Asorey ou Alfredo Brañas. De non cumprir os trámites, a porta está pechada, impedido así o acceso libre e público a un espazo no que están algunhas das máis relevantes figuras da historia e a cultura galegas. “Queremos aproveitar este día tan simbólico para reinvindicar un Panteón laico, de acceso púlbico de maneira que se poida ir alí honrar a calquera persoa en calquera momento. É tremendo que para poñerlle frores a Rosalía teñamos que pedir permiso” comenta Cesáreo Sánchez.
Resposta masiva e entusiasta
O acto de Bonaval será o último de tres días de conmemoracións promovidas pola AELG. O día 22 máis dun cento de centros de ensino participaron na rede de actos arredor do Día de Rosalía co desenvolvemento de singulares actividades co alumnado, algunhas delas recollidas na páxina web da Asociación. No sábado foron concellos e demais fundacións ás que organizaron por todo o territorio recitais e outros actos arredor da data. O acto de hoxe porá fin solemne a tres actos nos que, como nunca, a homenaxe a Rosalía se expandiu polo territorio enteiro, cunha participación singular e moito maior que nos anos anteriores, animada tamén ao se cumpriren neste ano o 150 aniversario da publicacion de Cantares Gallegos.
“A resposta foi masiva e de moito entusiasmo e iso dinos que Rosalía non só sigue viva entre maiores e rapaces senón que son receptivos a súa actualidade. Resulta conmovedor ver ao alumnado dos institutos recitando con afecto e respecto e dándolle unha fasquía actual” afirma Cesáreo Sánchez e convida a visitar a páxina oficial da AELG onde é fácil atopar imaxinativas e emocionantes festas de aniversario para Rosalía. “O día vai tomando a dimensión que o país demanda” engade.
Unha flor e un libro
Da AELG vén tamén o convite para que no Día de Rosalía se agasalle unha flor e un libro, iniciativa que, segundo sinalan, cada ano está a ter máis forza e conta co apoio de moitos libreiros que prepararon andeis e escaparates especiais para conmemorar o día.
O acto deste domingo 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres consistirá na lectura de poemas de Cantares Gallegos, actuacións musicais mais unha ofrenda floral. O grupo de Gaitas Carapaus e a Coral da Asociación Cultural e Musical Solfa interpretarán algunhas pezas de temática rosaliana. Marilar Aleixandre, Marta Dacosta, Alicia Fernández, Pilar García Negro, Inma López Silva, Teresa Moure, Mercedes Queixas e Helena Villar Janeiro serán as encargadas da lectura do poema mentres Xina Vega e Cesáreo Sánchez lerán o manifesto da Asociación elaborado para o Día de Rosalía.”