Francisco Rodríguez: “O comportamento lingüístico de Rosalía de Castro”

Desde Sermos Galiza:
“Imos entrar no problema do uso oral do galego por Rosalía e mesmo do escrito en actividades non literarias. A algúns pódelles parecer inexplicábel se non se atende ás circunstancias concretas da nosa sociedade entón, á determinación do pasado histórico e á perspectiva ou vontade organizada ou non da súa superación, así como ás novas determinacións e condicionantes nos comportamentos lingüísticos derivados das nova realidade do Estado capitalista e centralista. No uso literario, Rosalía superou todos os condicionantes diglósicos. A súa obra en galego non está marcada, de forma inexorábel nin cualitativa, pois non detectamos diglosia temática, nin de estruturas ou xéneros, nin de rexistros.
As limitacións son só cuantitativas, determinadas pola necesidade e posibilidade de vender no mercado editorial e no xornalístico e pola vontade de exercer como escritora profesional, alén de pola evolución e acollida do seu proxecto de restauración dunha literatura nacional en lingua galega. Non se ten valorado na súa xusta dimensión o feito de Cantares gallegos ser tan compacto e homoxéneo no uso do idioma, que até as notas a rodapé están en galego, como o é Follas Novas, a non ser o alleo prólogo de compromiso de Castelar. Mais cal era o seu comportamento lingüístico persoal dentro da familia e nas súas relacións e actividades sociais? A súa lingua materna, como ela a denomina nas Dúas palabras da autora…, era sen dúbida algunha o galego, a lingua dominante, coloquial e informalmente, aínda da maioría dos señores dos pazos como o de Arretén, vinculados a unha contorna campesiña,  oralmente  unilingüe en galego na primeira metade do século XIX.  Na súa infancia, malia a progresiva e intencionada educación formal e escrita en castelán, a meniña Rosalía vivía impregnada do galego, a lingua coloquial dominante. Desde logo, teñamos claro que non podería ter escrito nin Cantares Gallegos nin Follas Novas, de non ter sido así, pois demostran unha interiorización do idioma popular, coloquial e dialectal. Non é un idioma de laboratorio nin imitado de literatura escrita. Ela mesma confesouno no prólogo de Cantares gallegos: “por esto, inda achándome débil en forzas e n´habendo deprendido en máis escola que a dos nosos probes aldeáns, guiada sólo por aquelas palabras cariñosas e aqueles xiros nunca olvidados que tan dosemente resoaron nos meus oídos desde a cuna e que foron recollidos polo meu corasón como herencia propia, atrevínme a escribir estos cantares”. É o galego das terras do Sar, cos españolismos inevitábeis, algúns seguramente introducidos á hora da impresión polos linotipistas, pois trasladaban dun manuscrito a letra impresa uns textos nunha lingua que non era a habitual, tendo como norma  abafante e exclusiva a do castelán Era consciente de que estaba a empregar un idioma carente de gramática e de dicionario, sen normas escritas . A. Marsal (Galicia, 4, 1888) referíndose a Rosalía, comenta: “No desconocía las deficiencias gramaticales y la carencia de estudio y cultivo del idioma de su país la dulcísima e inimitable poetisa Rosalía de Castro de Murguía, y así lo consignó al final de la introducción a sus bellísimos Cantares gallegos”. Porén era a nosa lingua, repite tres veces ao longo do ensaio  introdutorio a Follas Novas. Temos, pois, a consideración individual e a colectiva do galego como idioma propio, natural. (…)”

Carballo: actividades do sábado 24 e domingo 25 na Praza dos Libros

Finaliza esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal neste fin de semana, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h. Dentro dos actos previstos destacamos os seguintes para cada día:

Sábado 24
19:30 h. Presentación de Viaxe polo corazón de Bergantiños, de Xosé Pumar Gándara, publicado por Embora. No acto, xunto ao autor, participan Miguel Toval, Xosé Manuel Varela e Evaristo Domínguez
20:30 h. Presentación, recital poético e concerto musical de Versus, coa participación, entre outros, de Antón Borrazás, Miguel Queipo e Óscar de Souto.

Domingo 25
12:00 h. Manuel Rivas asinará exemplares de As voces baixas e do resto das súas obras.
18:00 h. Xosé Neira Vilas presenta os seus libros Cancela aberta, publicado por Xerais e Aquel neno, publicado por Embora. Xunto co autor, participarán no acto Manuel Bragado e Miguel Toval.
20:00 h. Presentación e concerto de Rosalía pequeniña, de Uxía, publicado en Galaxia, coa participación, xunto á súa autora, de Samira Remuiñán, Xan Remuiñán e Rosalía Fernández Rial.

Carballo: actividades do xoves 22 na Praza dos Libros

Chega unha nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 22 ao 25 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h. Dentro dos actos previstos para o xoves 22, destacamos os seguintes:

13:00 h. Inauguración da Praza dos Libros, con pregón a cargo de María Canosa. No acto participan tamén Mar Eirís, Evencio Ferrero e a Banda Municipal de Música.
20:30 h. Concerto de Najla Shami e a súa banda, baseado no libro-disco Na lingua que eu falo, sobre poemas de Rosalía de Castro, publicado por Galaxia.

Festa da Palabra na Insua dos Poetas, por Armando Requeixo

Crónica de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Onte sábado, 20 de xullo, o pequeno lugar de Esgueva, na parroquia de Madarnás, concello do Carballiño, acolleu un insólito evento literario: a Festa da Palabra, celebrada nunha contorna natural de excepcional beleza que leva o sonoro nome de Insua dos Poetas.
O organizador do acto, o poeta Luís González Tosar, é tamén o presidente da fundación homónima que convoca cada ano o evento e concede os Premios Sete Carballas para homenaxear distintos particulares ou colectivos que, dende os ámbitos do artístico, o humanístico ou o social, se signficaron a prol da defensa da nosa terra e a nosa cultura.
Este ano os premiados foron, na categoría de Mellor Iniciativa Cultural a Fundación Premios da Crítica de Galicia; na de Arte e Natureza, o pintor Antón Sobral; na de Medio Ambiente, a Asociación Ridimoas; na de Cultura Galega na Emigración, o Instituto Santiago Apóstol de Buenos Aires; na de Compromiso Empresarial, Aceites Abril; na de Acción Social, a Asociación Antidroga Renacer de Ribeira e na categoría de Mellor Medio de Comunicación, a sección de Cultura de La Voz de Galicia.
Con motivo desta entrega coincidiron neste anfiteatro xeórxico artistas, escritores, intelectuais e representantes institucionais nun evento no que interviu como mantedor Xesús Alonso Montero en calidade de presidente da RAG e no que recitaron os seus poemas Salvador García-Bodaño, Arcadio López Casanova e mais Víctor Campio Pereira, aos que acompañaron con interludios musicais os compoñentes do Grupo Tradicional Laghareu.
O acto central desta xuntanza, presentada por Xavier Castro Martínez, foi o desvelamento da escultura Rexurdimento da autoría de Pedro José Rodríguez Álvarez, ao pé da que figuran inscritos versos de Rosalía, Curros e Pondal, pois esta V Edición da Festa da Palabra estaba dedicada, xustamente, ao noso Rexurdimento na voz destes tres incomparables poetas.
Logo da entrega de premios, as correspondentes intervencións e o descubrimento da escultura, tivo lugar un animado xantar campestre no marco do cal foron repartidos diversos agasallos, entre eles a recente edición da Obra poética e teolóxica de Faustino Rey Romero realizada por X. Ricardo Losada e, para algúns escolleitos, un dos contados exemplares do cartafol V Festa da Palabra. Rexurdimento que, para tal ocasión, prepararon os organizadores nunha tiraxe de tan só trinta exemplares numerados e asinados polo autor das sete láminas inseridas na carpeta, o pintor Nicolás González Aller, quen iluminou coas súas coloristas creacións versos de Rosalía, Curros, Pondal, Díaz Castro, Celso Emilio, García-Bodaño e mais González Tosar, algúns deles reproducidos tamén nas esculturas que adornan esta singular paraxe.
Cómpre felicitar á Fundación Insua dos Poetas e o principal promotor e responsable deste evento, o poeta Luís González Tosar, por tan significada iniciativa a prol do espallamento das nosas letras, a nosa cultura e a nosa lingua nunha contorna nomeadamente fermosa na que onte foi a palabra e a palabra de noso a que reinou entre bos e xenerosos.”

Padrón: Que inchadiña branca vela, homenaxe a Rosalía de Castro

A Fundación Rosalía de Castro, a Asociación Cultural Dorna da Arousa e o Concello de Padrón organizan o mércores 24 de xullo, unha homenaxe da cultura marítima e fluvial galega a Rosalía de Castro, co seguinte programa:

15:00 horas. Saída das embarcacións tradicionais da praia fluvial de Vilar (Cordeiro – Valga). Navegación fluvial a vela remontando o Ulla cara ao Sar.
18:00 horas. Arribada ao Espolón, en Padrón, e flamexar de velas diante da estatua de Rosalía. Recepción do Concello no Espolón.
– Música tradicional.
– Ofrenda floral diante da estatua.

Desde o día 15 de xullo estará exposta e aparellada nos xardíns da horta da Casa de Rosalía na Matanza a dorna Rosalía da A. C. Dorna da Illa da Arousa.

Padrón: homenaxe a Rosalía de Castro

A Fundación Rosalía de Castro e o Concello de Padrón organizan o sábado 20 de xullo, a partir das 20:00 horas, no Espolón de Padrón, ao pé da estatua de Rosalía, un acto de homenaxe á poeta, co seguinte programa:

Lembranza histórica dos actos de 1957 e 1958, polo secretario da Fundación, Xosé Carlos Beiró.
– Intervencións de Maruxa Sanmartín e Pitusa Vidal Cabanillas.
– Entrega da bandeira de Camilo Agrasar á Fundación, coa intervención de Luís González Tosar e Xosé Luís Axeitos.
– Audición da voz de Otero Pedrayo (1958).
– Evocación e testemuña dos actos dos anos 1957-58, por Xosé Luís Méndez Ferrín.
– Intervencións de Anxo Angueira (Presidente da Fundación) e Antonio Fernández Angueira (Alcalde de Padrón).
Rosalía entre nós, homenaxe dos nenos e nenas de Padrón, coa dirección de Iolanda Eiras.
– Actuacións de A Reixeira e Juan Ordóñez.
– Himno galego.

Santiago: presentación de Rosalía na cobiza do lonxe

Artigo de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“O xoves 18 de xullo, ás 12:00 horas, presentouse na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela o volume colectivo Rosalía na cobiza do lonxe, monográfico arredor da vida e obra da nosa poeta fundacional que veu luz nos Cadernos Ramón Piñeiro do centro homónimo. (…)
Os que se animen co libro, atoparán nel, precedidos dun fermosísimo texto cunqueiriano sobre Rosalía, traballos de Ana Acuña poñendo en relación os versos da cantora cos de Pintos a propósito do tema da orfandade; unha visión de confluencias e lecturas paralelas entre José Ángel Valente, Edmond Jabès e mais a escritora da man de Carmen Blanco; a procura das pegadas rosalianas en Novoneyra analizada por Luís Cochón; as influencias de Rosalía detectables en Emilio Pita presentadas por José Ángel García López; unha revisión da Negra sombra e as súas implicacións realizada por Pilar García Negro e outra visión complementaria do mesmo tema asinada por Anxo González Fernández; un estudo verbo da pragmática do poema e o seu simbolismo aplicado a En las orillas del Sar por Arcadio López Casanova; unha completa panorámica do tempo vigués dos Murguía Castro servida por Xurxo Martínez González; un repaso á cuestión da imaxe física do home nos textos de Rosalía que achega Marina Mayoral; unha detallada análise dos paratextos dos Cantares gallegos, contribución de Manuel Rodríguez Alonso; unha nota sobre a consideración de Rosalía en Borges de Claudio Rodríguez Fer e dous apuntamentos sobre a universalidade e a categoría de clásica no tratamento da saudade encarnada obra de Andrés Torres Queiruga.
Da miña parte, convidóuseme a sumarme a este magnífico elenco de profesores, investigadores, poetas, narradores, filósofos e teólogos e quixen facelo vencellando as figuras de Rosalía e Díaz Castro nun traballo titulado, xustamente, Presenza de Rosalía na obra de Xosé María Díaz Castro, encargado, por certo, antes de que ninguén soubese que a RAG ía distinguilo no 2014, por máis que o volume vexa luz agora, meses máis tarde da redacción e entrega desta colaboración. (…)”

Galicia reivindica a Rosalía aos 128 anos do seu pasamento

Reportaxe en La Voz de Galicia:
“Cunha «tarde de palabras e música» Galicia conmemorou en Padrón o 128 cabodano de Rosalía de Castro nun acto na Casa Museo da Matanza, na que viviu os últimos anos da súa vida, e no que non se lembrou a súa perda senón a «permanencia da súa altísima obra; do seu pensamento feminista; do seu compromiso con Galicia e coas clases máis desfavorecidas», segundo se dixo nas diversas intervencións. (…)
A profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro falou da vixencia de Cantares Gallegos e asegurou que «a mensaxe de fondo» da obra rosaliana «non caducou e é ampliable ao mundo actual». Como era de agardar, o acto na horta da Casa Museo da Matanza tivo tempo para, da man do académico Xosé Luís Axeitos, celebrar a recente descuberta en Vigo (cualificada como «todo un fito») dun exemplar único da primeira edición de Cantares Gallegos.
Para rematar, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, quixo explicar ao numeroso público presente o que fixo a entidade no último ano, que cualificou como «intenso, de moita dedicación e traballo», e tamén os plans para o futuro inmediato.
Entre eles, falou do «empeño por continuar as obras na Casa Museo da Matanza e levar adiante un proxecto de renovación museográfica».”

Aparece unha primeira edición de Cantares Gallegos cun autógrafo, unha foto inédita de Rosalía e a resposta de Fernán Caballero

Desde Sermos Galiza:
“O libro sae ao público desde un domicilio do seu propietario precisamente grazas á mostra aberta en Vigo. O propietario do exemplar visitou a exposición e decatouse da importancia do documento que tiña na casa, polo que se dirixiu ao presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, para estimar o seu valor. En poucas semanas, a Fundación Rosalía adquiriu o volume que está xa á vista pública na mostra de Vigo.
O volume descobre un texto descoñecido no que Fernán Caballero responde en carta datada o 25 de xaneiro de 1864 á dedicatoria de Rosalía de Castro. Anxo Angueira, no seu estudo dos distintos materiais, sinala como propietario orixinal do volume o escritor e amigo da infancia de Murguía, Ramón Segade, quen probablemente tería copiado a man o texto desde o seu orixinal, legando para a posteridade desta maneira un documento do que até o momento se descoñecía o seu contido.
A Fernán Caballero, pseudónimo da escritora Cecilia Böhl de Faber, Rosalía dedícalle os Cantares Gallegos e é agora, cando se cumpren 150 anos da súa publicación, cando se coñece a súa resposta. Segundo o texto manuscrito, con moita posibilidade polo escritor español Ramón Segade, Fernán Caballero chámalle á poeta “ruiseñor de Galicia” e, ao tempo que gaba a súa obra, chámalle a atención pola súa queixa polo trato que os españois dan aos galegos. Malia non se coñecer até agora esta “reprimenda” de Fernán Caballero, si se sabía da reacción de Rosalía, quen, en carta a Murguía sinala: “Fernán Caballero pórtase efectivamente como unha plebea, pero perdónollo”.
O exemplar inclúe unha imaxe descoñecida de Rosalía, da autoría de María Cardarelly, de quen xa se coñecía unha fotografía da autora. Este novo retrato tirado de perfil dunha Rosalía nova, con toda certeza na mesma sesión que o xa coñecido, incorpora unha nova imaxe ao pequeno álbum de fotos da autora máis relevante das nosas letras, o que fai aínda máis extraordinario o seu achado. A fotografía está datada arredor do ano 1863, no tempo da publicación do libro.
O extraordinario volume recolle aínda unha sorpresa máis, os únicos versos manuscritos pola propia Rosalía que se conservan de Cantares Gallegos, estampados no libro para agasallo do seu autor e asinados pola propia poeta. Pasa a facer parte o documento do tamén pequeno conxunto de autógrafos da poeta.
O exemplar cos distintos materiais que traía no seu interior incorporouse á mostra No principio foi o verso. Rosalía de Castro, aberta ao público na sede de Vigo da Fundación Barrié. Na páxina web da Fundación, alén de reproducións dos achados, pódese ler o estudo de Anxo Angueira sobre os materiais descubertos.”

Casa da Matanza, Padrón: 128 aniversario da morte de Rosalía de Castro

A Fundación Rosalía de Castro organiza o luns 15 de xullo, a partir das 20:00 horas, na Horta de Rosalía, na Matanza, Padrón, un acto en conmemoración do 128 aniversario da morte de Rosalía. O programa é o seguinte:

– Presentación da edición do I Premio de poesía escolar Rosalía de Castro, José Manuel Blanco Aldariz.
Vixencia de Cantares gallegos, Pilar García Negro.
– Descuberta nun exemplar único da primeira edición, Xosé Luís Axeitos.
– Recitados: María Vilas, Marcela Porto e Fátima Barros (gañadoras do concurso escolar), así como Ana Blanco, Belén Rico Prieto, Olalla Cociña, Daniel Salgado e Luz Pozo.
Música para Rosalía, Alba María Rodríguez.
– Pecha o acto o Presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
– Himno Galego.