Contraproducións e CDG estrean no Salón Teatro a comedia A compañeira de piso con Rebeca Montero e Patricia Vázquez

Desde Agadic:
“A compañía galega Contraproducións e o Centro Dramático Galego (CDG) estrean este xoves 28 no Salón Teatro de Santiago o espectáculo A compañeira de piso, desenvolvido co apoio da Xunta ao abeiro do programa de coproducións da compañía pública. As actrices Rebeca Montero e Patricia Vázquez poñen en escena a adaptación desta comedia da norteamericana Jen Silverman sobre dúas mulleres maduras que, con situacións contrapostas, se enfrontan a un importante cambio vital.
Cándido Pazó e Belén Pichel dirixen esta proposta, que ultiman estes días co resto do seu equipo e co apoio técnico do CDG no Salón Teatro, onde poderá verse do xoves 28 de febreiro ao sábado 2 de marzo, ás 20,30 h., e o domingo 3, ás 18,00 h. Esta residencia artística previa á estrea é un dos eixos do devandito programa de coproducións, que implica tamén o apoio económico a esta montaxe por parte da unidade teatral da Consellería de Cultura e Turismo.
Tanto Belén Pichel como as dúas actrices protagonistas participaron hoxe na presentación aos medios do espectáculo, na que tamén interviñeron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia.
Textos protagonizados por mulleres maduras
Coa elección deste título, co que Jen Silverman gañou popularidade no seu país a raíz da súa representación no Humana Festival of New American Plays de 2015, Contraproducións aborda tamén a necesidade de levar a escena textos protagonizadas por mulleres de máis de 50 anos, ao tempo que segue a senda emprendida coa súa montaxe Nacidas libres.
Neste caso, A compañeira de piso conta dun xeito áxil, ao tempo que profundo, a historia de Sharon e Robyn, ambientada no rural de Iowa. A primeira delas, unha ama de casa madura e recentemente divorciada, publica un anuncio para compartir a súa casa. A el responde Robyn que, cun perfil contrasposto ao da súa caseira (lesbiana, vegana, urbanita…), está a buscar un refuxio no que se agochar e cambiar de rumbo.
Este cruce de vidas, máis semellantes do que parecería atendendo ás evidentes diferenzas, pon en cuestión os roles sociais e os patróns adquiridos, ademais de propoñer unha reflexión sobre a liberdade de escoller o propio destino. Cóntase para isto coa solvencia interpretativa de Rebeca Montero e Patrica Vázquez, dous recoñecidos nomes da nosa escena.
Música orixinal
O guitarrista e compositor Guillerme Fernández, membro fundador de Berrogüetto e integrante de numerosos proxectos musicais, asina a música orixinal de A compañeira de piso. Tamén se implicaron nesta montaxe Carlos Alonso no deseño da escenografía e o vestiario, Afonso Castro na iluminación, Xosé Barato na voz en off e Lilian Portela como axudante de dirección, na produción executiva e na adaptación.
Gran parte deste equipo participará no encontro co público que terá lugar este xoves, inmediatamente despois da función de estrea, para a que a entrada é por convite.
Para o resto das representacións, a venda anticipada de localidades está xa operativa a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443 a un prezo de 10 euros, cos descontos habituais, de venres a sábado; e de 5 euros o domingo, en tarifa única do día do espectador. No despacho de billetes do Salón Teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo das representacións.
Esta é a segunda das cinco coproducións previstas polo Centro Dramático Galego para este ano 2019. Así, tras a presentación o pasado mes de xaneiro de Doppelgänger, con Berrobambán e a compañía colombiana El Arca de N.O.E., e a estrea de A compañeira de piso, as seguintes propostas en ver a luz ao abeiro deste programa do CDG serán Invisibles, de Redrum Teatro; Soma, de Javier Martín; e Se fosen turistas levarían gafas de sol, de Limiar Teatro”

O CDG ábrelle as portas do Salón Teatro á comedia O furancho de Ibuprofeno

Desde Agadic:
“A sede do Centro Dramático Galego no Salón Teatro de Santiago converterase esta semana nun “resort vitivinícola” para acoller a premiada comedia O furancho, da compañía Ibuprofeno Teatro. Marián Bañobre e Isabel Risco son as protagonistas desta montaxe, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, que poderá verse en Compostela do xoves 21 ao domingo 24.
Ademais das catro funcións xerais –de xoves a sábado, ás 20.30 h., e o domingo, ás 18 h.–, o venres tamén terá lugar un pase matinal concertado con diferentes centros escolares, cuxo alumnado poderá gozar dunha proposta que recibiu, entre outros, o premio ao mellor espectáculo e á mellor actriz para Isabel Risco no Festival de Teatro Galego (Fetega) do Carballiño en 2015, ademais do María Casares ao mellor vestiario en 2016. Coa súa máis recente produción, Casa O’Rei, Ibuprofeno concentra cinco das 10 candidaturas galegas as Premios Max deste ano.
Botando man dun humor hilarante e acedo, as dúas intérpretes reciben ao público no seu Furancho Spa Resort Vitivinícola Rosalía de Castro, metáfora gastronómica do sector teatral galego ao máis puro estilo “agroglamour”. A estética máis trendy mestúrase con elementos tradicionais, o rural co cosmopolita e o loureiro coas novas tecnoloxías nunha proposta protagonizada por dúas mulleres fortes, con toda a enerxía desvergonzada das pallasas, capaces de poñer o mundo patas arriba para lograr que os seus soños se fagan realidade.
Marián Bañobre encargouse de deseñar o vestiario, ademais da escenografía xunto a Santiago Cortegoso, como parte do equipo artístico do que tamén formaron parte Carmela Bueno (movemento escénico), Salvador del Río (deseño de iluminación) e Radio Cos (música), entre outros profesionais.
A venda anticipada de entradas para estas funcións está dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O seu importe é de 10 euros, cos descontos habituais, para xoves, venres e sábado; e de 5 euros (prezo único) o domingo, Día do Espectador.”

O Salón Teatro de Santiago recibe a compañía Malasombra con dúas das súas comedias máis coñecidas

Desde Agadic:
“A sede do Centro Dramático Galego no Salón Teatro de Santiago de Compostela recibe esta semana a Malasombra Producións con dúas das comedias máis coñecidas desta compañía galega: Go On!, o venres 18 ás 20,30 h., e D.E.P. Descanse en paz, o sábado 19 á mesma hora.
Tras a súa recente participación no ciclo de Nadal do CDG Gran teatro para os máis pequenos co espectáculo de pompas de xabón Os fabulosos Cleaners, o dúo interpretativo que integran Xoque Carbajal e Jouse García regresa ás táboas do Salón Teatro con dúas propostas, dirixidas por Marcos Orsi, coas que continúan a xirar por todo Galicia.
O venres será a quenda de Go On!, comedia escrita por José Luis Prieto sobre uns astronautas que toman terra no “planeta Galicia”. Os exploradores inician entón “unha odisea cósmica no espazo galego”, durante a que entrarán en contacto cos cans de palleiro, o porco do San Martiño, as festas gastronómicas, os toxos e as ortigas ou a Santa Compaña.
Ao día seguinte, o pano do Salón Teatro levantarase para D.E.P. Descanse en paz, produción realizada a partir dun texto de Pep Antón Gómez e Jordi Sánchez, traducido e adaptado por Xoque Carbajal. Esta montaxe bota man do humor para contar unha historia de egoísmo, mentiras e enganos entre irmáns ante a repartición dunha herdanza.
A venda anticipada de entradas para ambas as funcións está dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo dos espectáculos.
A programación de xaneiro do Salón Teatro continuará a semana que vén coa estrea de Doppelgänger, espectáculo de Berrobambán en coprodución co Centro Dramático Galego, que tamén colabora con esta compañía compostelá a través do seu programa de residencias. As funcións para público xeral terán lugar do xoves 23 ao domingo 25.
Dentro desta mesma iniciativa de estadías artísticas, Artesa Cía. chegará á sede do CDG o luns 28 para continuar traballando sobre Chola a It Girl, montaxe que representará no Salón Teatro do xoves 31 de xaneiro ao domingo 3 de febreiro.”

O ciclo do CDG ‘Gran teatro para os máis pequenos’ arranca esta fin de semana con Xarope Tulú e un primeiro obradoiro escénico

Desde Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por terceiro ano consecutivo o seu ciclo Gran teatro para os máis pequenos para celebrar o Nadal co público infantil na súa sede do Salón Teatro de Santiago. A programación especial para estas festas desenvólvese arredor de tres espectáculos das compañías Xarope Tulú, Malasombra Producións e Galeatro, precedidos doutros tantos talleres baixo o lema común Saca a arte que levas dentro e directamente relacionados co que as nenas e nenos verán a continuación no escenario.
O ciclo arrancará esta fin de semana con Nómades, unha proposta moi visual na que Xarope Tulú xoga co movemento, a música e a palabra para convidar os espectadores a viaxar por paisaxes singulares. O seu obxectivo é subliñar a beleza da diversidade, que dá lugar á aparición de novas tonalidades, texturas e xeitos de vivir, sen que exista un corpo equivocado. Gena Baaamonde é a directora desta montaxe de creación colectiva, que poñen en escena María Roja, Atenea García e Diego M. Buceta.
O espectáculo representarase o sábado 22, ás 19,00 h., e o domingo 23, ás 12.30 h. Dúas horas antes de cada función, dará comezo o taller Vísteme despacio. O espazo escénico e o vestiario, no que as cativas e cativos crearán escenas que rachen cos estereotipos e os roles de xénero a partir do xogo co espazos escénico, a creación de personaxes e o seu vestiario.
Pompas de luz e cor
Nos mesmos horarios desenvolverase o sábado 29 e o domingo 30 o espectáculo Os fabulosos cleaners, de Malasombra Producións, xunto ao obradoiro Visto e non visto. As texturas da luz. Dirixida por Marcos Orsi e Xoque Carbajal, quen é tamén un dos intérpretes xunto a Jouse García, esta montaxe con pompas de xabón está pensada como unha experiencia visual para participar toda a familia.
En relación con este espectáculo, o taller que o precederá incidirá no concepto de arte efémera como forma de expresión fugaz, para o que se traballará con diferentes materiais, texturas e iluminación.
Para finalizar, na primeira semana de 2019 chegará a quenda de Galeatro, a compañía de Alba Bermúdez e Tone Martínez, que porán en escena Muiñada o xoves 3, ás 19,00 h. e o venres 4, ás 12,30 h. A montaxe proponlles ás nenas e nenos de hoxe unha viaxe á tradición popular galega a partir da historia de Sabela e Xacobe, que se atopan nun dos moitos muíños de auga espallados por Galicia nese tempo por un malentendido coas quendas das muiñadas.
Dúas horas antes destas funcións, terá lugar o obradoiro Cántame un conto. O espazo sonoro e os cantos, que a través do xogo coas historias e os refraneiros populares, abordará as técnicas de dramaturxia e o traballo coas actrices e actores, ademais de afondar no impacto do son na construción de ambientes sobre o escenario.
Prazas e reservas
Para facilitar a conciliación familiar durante as festas, o Centro Dramático Galego oferta entre 20 e 30 prazas para as diferentes sesións dos talleres, que volverán ser impartidos por Elea López co obxectivo de que as nenas e nenos entendan mellor o espectáculo que verán despois, ademais de coñecer como funciona por dentro o mundo do teatro. Nestes obradoiros poderán participar sos, mentres que nas funcións é necesario que estean acompañados por cando menos un adulto.
A entrada a estes talleres está incluída no Bono de Nadal, previa reserva de praza no teléfono 881 867 229 (de luns a venres, de 9,00 a 14,00 horas), e abrangue así mesmo un mínimo de catro entradas para calquera dos espectáculos ofertados a un prezo especial de seis euros cada unha. Ademais, existe unha tarifa familiar ao mesmo prezo (mínimo de tres entradas para unha mesma función mais talleres), así como billetes individuais a oito euros. Fóra dos devanditos bonos, a tarifa dos obradoiros é de cinco euros cada un e o pago farase no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto desde media hora antes do seu comezo. Tamén aquí poderán mercarse as diferentes modalidades de entrada, soltas ou combinadas, cuxa venda anticipada está dispoñible no web entradas.abanca.com.”

A sede do CDG en Santiago recibe a compañía Inversa Teatro para oito funcións do espectáculo Sofía e as postsocráticas

Desde Agadic:
“O equipo da compañía Inversa Teatro inicia hoxe unha estadía de seis días no Salón Teatro de Santiago para ofrecer ata o domingo oito funcións do seu espectáculo Sofía e as postsocráticas, no que aborda a violencia machista e as causas estruturais do maltrato. Marta Pérez é a autora desta proposta, construída a partir de materiais de creación colectiva, ademais de dirixila e de formar parte do seu trío interpretativo xunto a María Roja e Silvia Penas.
A nova montaxe de Inversa conta co apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través das subvencións á produción escénica e preséntase esta semana na sede do Centro Dramático Galego (CDG) no marco do programa de residencias artísticas da compañía pública e da súa iniciativa de apoio á dramaturxia galega contemporánea Dramaturxente.
Sofía e as postsocráticas, que tivo a súa estrea oficial o pasado día 5 en Vigo tras unha preestrea no Culturgal de Pontevedra, chega a Santiago para desenvolver desde hoxe e ata o venres catro pases matinais, aos que asistirá alumnado de diferentes institutos galegos, e outros catro para público xeral nas tardes do xoves ao domingo.
Ademais, grazas á colaboración da sección galega da Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física (Predif Galicia), as dúas funcións do xoves 13 (11,30 e 20,30 h.) terán carácter inclusivo. Con tal fin, proporcionaranse audioguías e programas de lectura fácil, empregarase linguaxe de signos con dúas intérpretes sobre o escenario e haberá espazo para cadeiras de rodas.
Encontros co público
Tanto tras estas representacións inclusivas, como tras as matinais con asistencia de escolares, parte do equipo artístico de Sofía e as postsocráticas manterá un encontro co público para intercambiar impresións sobre o espectáculo e o seu xeito de abordar a violencia machista.
Nesta nova montaxe de Inversa Teatro, os filósofos Sócrates, Platón e Aristóteles suben a escena, interpretados por mulleres, na procura dun novo logos para establecer que é a violencia machista. Así mesmo, o emprego de máscaras e de diferentes elementos audiovisuais e sonoros contribúen a propoñer unha reflexión sobre a resposta e a responsabilidade social perante o maltrato. Cuestións como o pacto patriarcal, o silencio como resposta, o valor ontolóxico, a culpabilización da vítima, a negación ou o efecto espectador son os fíos argumentais polos que transitan as diferentes personaxes.
Ademais de Marta Pérez, María Roja e Silvia Penas á fronte de diferentes tarefas artísticas, tamén forman parte do equipo de Sofía e as postsocráticas Santi Romay (axudante de dirección), Montse Piñeiro (escenografía), Gonzalo Alonso (construción escenográfica), Laura Iturralde (videocreación), Ángel Sousa (iluminación), o dúo CintaAdhesiva que integran Jesús Andrés Tejada e Silvia Penas (espazo sonoro), Silvia Sánchez, de Le Chanelas, e Josefa Rivas (vestiario) e Manuel Outeiriño (voz en off).
Horarios e venda de entradas
Todos os pases matinais dan comezo ás 11:30 h., agás o de mañá mércores, que está programado para as 11:00 h. En canto ás representacións de tarde, terán lugar de xoves a sábado, ás 20:30 h., e o domingo, ás 18:00 h.
A venda anticipada de entradas para estas catro funcións xerais xa está operativa a través do web entradas.abanca.com. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do teatro os propios días do espectáculo desde dúas horas antes do comezo.”

O Salón Teatro ofrece a estrea galega de Anarquismos, de Pablo Fidalgo en coprodución co CDG

Desde o Agadic:
“O programa de coproducións do Centro Dramático Galego (CDG) presenta a vindeira fin de semana en Santiago a estrea galega de Anarquismos (polo medio da habitación corre un río máis claro), espectáculo escrito e dirixido por Pablo Fidalgo, que se representará no Salón Teatro do 2 ao 4 de novembro, con funcións ás 20,30 h. o venres e sábado e ás 18,00 h. o domingo.
Trátase da terceira coprodución da compañía pública que sube ao seu escenario neste inicio da temporada 2017-2018, que arrancou coa estrea de Arnoia, Arnoia. O circo da casa pequena, de Pistacatro, á que seguiu o regreso de Elisa e Marcela, de A Panadaría, un ano despois da súa primeira estadía na sede do CDG. Neste caso, Anarquismos chega a Santiago desde Bilbao, onde a peza foi estreada o pasado día 23  no marco do BAD (Bilbao Antzerkia Dantza-Festival de Teatro Actual e Danza Contemporánea), outra das entidades implicadas nesta coprodución internacional que conta tamén con apoios desde Portugal, Francia, Chile ou Italia.
A proposta
O creador vigués Pablo Fidalgo aborda na súa nova proposta a historia da anarquía, que –nas súas palabras– tivo en España o laboratorio máis importante de toda a xeografía mundial. Os performers Ángela Millano, Cláudio da Silva e Rocío Berenguer poñen en escena o soño dun home adulto, que rememora a casa e os tres compañeiros cos que compartiu os seus primeiros anos de xuventude. Trátase dunha peza sobre a ausencia, os soños, o medo e o silencio que teñen lugar en calquera grupo ou núcleo familiar, ao tempo que debuxa as expectativas dunha xeración que enfronta por primeira vez os seus erros e a súa falta de proxecto común.
Estruturada como un poema épico e como un retrato de grupo, Anarquismos (polo medio da habitación corre un río máis claro) inspírase na visión dos vencidos, dos marxinais e nos instantes decisivos onde aqueles que tiveron ideas ou utopías en común deixan de telas.
No Salón Teatro, o público situarase nunha grada sobre o escenario, con butacas sen numerar e capacidade limitada a 56 espectadores que poderán seguir máis de preto os movementos dos intérpretes sobre as táboas. A venda anticipada de entradas xa está dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. Os días de función, o despacho de billetes do teatro estará aberto desde dúas horas antes do inicio do espectáculo.”

O Salón Teatro acolle o debut da compañía A Feroz dentro do programa de residencias do CDG

Desde Agadic:
“A Feroz debuta este venres sobre as táboas coa estrea do seu primeiro espectáculo, Afterparty, no Salón Teatro de Santiago. Esta nova compañía galega participa no programa En Residencia do CDG, no marco do que esta semana está a recibir asistencia artística e técnica na sede da compañía pública para ultimar a posta en escena.
A compañía nace como un colectivo artístico que, nas súas palabras, busca transcender as barreiras persoais para poñer en común sobre o escenario as preguntas que comparten como xeración e todas as posibles respostas. Así xurdiu tamén Afterparty, peza escrita e dirixida por Lorena Conde, que fala da decepción, do empeño na felicidade e da procura de respostas por parte desa xeración que chegou tarde a todo. A Feroz defínea como “relato emocional no que reina o espírito do lixo, do exceso posmoderno”.
O resultado é un “artefacto escénico” no que a letra, a música, o espazo e o movemento corporal foron desenvolvéndose á vez durante un proceso de creación interdiciplinar. Inés Salvado, Beatriz Romero, Gustavo Freire e Lolo Castroson os encargados de lle dar vida ao espectáculo, con escenografía de Álvaro G. Mallo e Cecilia Castro, espazo sonoro de Manuel Abraldes, fotografía de Tamara de la Fuente e produción de Beatriz Romero.
O seu debut no Salón Teatro insírese, así mesmo, no programa Dramaturxente a través do que o Centro Dramático Galego está a desenvolver diferentes iniciativas de apoio, fomento e promoción da dramaturxia galega contemporánea.
A Feroz ofrecerá tres funcións de Afterparty en Santiago o venres 9 e o sábado 10, ás 20,30 h., e o domingo 11, ás 18,00 h. A venda anticipada de entradas está operativa a través do web entradas.abanca.com ou do teléfono 902 434 443. Os días das representación tamén poderán adquirirse no despacho de billetes desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.”