Arquivos da etiqueta: Secretaría Xeral de Cultura
Bases do Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia 2023
María Canosa, premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia, coa obra Travesía unicornio
Desde a Fundación Xosé Neira Vilas:
“Travesía unicornio gaña esta primeira edición do galardón convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. A obra premiada, que presenta un alto valor literario como unha das súas primeiras cualidades, parte dunha situación moi teatral para pór en escena unha peza que se vai desenvolvendo cara o absurdo. Cómpre salientar, á súa vez, o tratamento levado a cabo do valor da amizade, abordado con profundiade e sen dogmatismos, como tamén se pón o acento sobre a condición de xénero, a identidade ou o valor da diferenza na caracterización feita dos personaxes. Estes son algúns dos trazos máis salientables de Travesía unicornio, a xuízo dun xurado composto por Dolores Vilavedra, Pilar Sampedro e Miguel Anxo Fernán Vello, que tomou a decisión por unanimidade sobre un total de vinte e un orixinais presentados ao certame.”
Intercambio literario Xacobeo 2021: Galicia-Xeorxia en residencia
“O Goberno autonómico lanzou en colaboración coa Residencia Literaria 1863 un novo programa de intercambio dirixido a escritores galegos e xeorxianos. O autor/a seleccionado/a dese país traballará e investigará en Galicia durante o mes de setembro, mentres que o escritor/a galego/a gañador/a fará o mesmo desde Xeorxia para reforzar a proxección exterior da literatura galega.
Este novo programa consiste en que a Secretaría Xeral de Cultura e a Residencia Literaria 1863 facilitarán o espazo en Galicia para que o seleccionado traballe e investigue durante todo o mes de setembro. Ademais de cubrir os gastos derivados da estadía, tamén inclúe un evento público de mostra do seu traballo literario.
No caso dos escritores en galego, a persoa becada en Xeorxia aloxarase na მწერალთა სახლი/Writers’ House of Georgia, unha mansión Art Nouveau situada no centro histórico de Tblisi, onde entrará en contacto con outros autores internacionais. Poderá así mergullarse na súa escrita de creación no contorno dunha cidade extremadamente segura, emerxente e cargada de historia.
Ademais da estadía, a bolsa inclúe dietas para gastos básicos e transporte ata e dende o destino.
Solicitudes ata o 31 de maio.
Poderán concorrer a esta convocatoria escritores/as maiores de 18 anos nacidos/as ou residentes en Galicia con ao menos un libro publicado en galego que deberán presentar un proxecto de escrita de creación.
As propostas presentadas serán sometidas a un proceso de selección por un Comité de Valoración designado pola Residencia Literaria 1863 e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, do que non formarán parte as súas cabezas responsables. Estará composto por profesionais de recoñecido prestixio na literatura galega, quen elixirán as mellores candidaturas a este programa.
As solicitudes deberán presentarse antes do día 31 de maio ás 22:00 horas no enderezo electrónico 1863coruna@gmail.com.
Consulta as bases polo miúdo ao pé da publicación na web da Xunta, aquí.”
I Premio de Ensaio Camiño de Santiago
“A Academia Xacobea, en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, e co patrocinio de Aluminios Cortizo, convoca o I PREMIO DE ENSAIO CAMIÑO DE SANTIAGO, co fin de promover e divulgar o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo, cuxa obra gañadora será publicada pola Editorial Galaxia de acordo coas seguintes
BASES:
1º A este premio poderán optar persoas de calquera lugar do mundo cun traballo escrito en castelán ou en galego, conforme ás normativas establecidas, en cada caso, pola Real Academia Española e a Real Academia Galega.
Os autores só poderán enviar un traballo a concurso, que deberá ser orixinal e inédito en todos os formatos e que non resultase premiado noutros concursos, nin presentado como traballo científico ou académico, ou como proxecto de investigación ante institucións públicas o privadas (teses de mestría, doutoramento…).
2º Para os fins deste certame, considérase ensaio todo texto literario escrito en prosa no cal o autor expón, analiza e examina con variados argumentos as súas ideas sobre o Camiño de Santiago e/ou o fenómeno xacobeo, co propósito de fixar posición ao respecto, seguindo un estilo argumentativo propio. O ensaio estará estruturado cunha introdución, un desenvolvemento e unha conclusión, sen incluír a documentación consultada (bibliografía e outras fontes). (…)”
Todas as bases aquí.
Con barqueira e remador. VIII Obradoiro Internacional de Tradución Poética
Con barqueira e remador. VIII Obradoiro Internacional de Tradución Poética. A AELG colabora xunto ao Concello de Pontevedra no acto do mércores, 2 de outubro, ás 20:0, na Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9).
Nesta iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Políticas Culturais e fundada e dirixida pola poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, reúnese un grupo de seis poetas/tradutores para desenvolver un traballo de tradución colectiva, presencial e recíproca de xeito que cada quen verterá aos seus cinco compañeiros para a súa propia lingua.
Tras edicións apoiadas nos idiomas portugués e castelán como linguas vehiculares para todo o proxecto, este obradoiro multilingüe volve agora ao inglés que fora lingua franca nas cinco primeiras entregas. En ‘versións ponte’ inglesas se apoiarán os textos cos que se traballe nesta experiencia coordinada pola tamén poeta e tradutora compostelano-coruñesa, e nela comunicaranse durante toda a semana os e as seis participantes, operando sobre o terreo de todo un berce fundacional da lírica galego-portuguesa como é a illa que cantara o trobador Meendinho.
Poetas chegados do Iraq de Portugal, do Nepal, de Malta, de Letonia e de Galicia traballan xuntos para traducírense uns a outros, nunha iniciativa de intercambio cultural na que, ademais do mencionado departamento da Xunta, colaboran tamén o Centro Camões de Vigo, o Concello de Pontevedra ou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega entre outras entidades.
Os esixentes perfís de constituíren poetas representativos de cadanseu sistema literario, contaren con algunha experiencia no ámbito da tradución poética e manexaren o portugués como segunda lingua, persónanse este ano en Manal Al-Sheikh, Rui Cóias, Itisha Giri, Adrian Grima, Arvis Viguls e, sempre cun peso específico como anfitrión cultural, lingüístico e literario da experiencia, o representante galego, que este ano non é outro que Gonzalo Hermo, figura xa imprescindible da nova poesía na nosa lingua.
Estas completas personalidades literarias complementarán o seu traballo no obradoiro con dous recitais poéticos que os levará a compartir co público pontevedrés e vigués os seus textos:
– O mércores día 2 ás 20:00 na Casa das Campás, en colaboración coa Concellaría de Cultura de Pontevedra e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
– O xoves día 3 ás 19:00 na Galería Sargadelos de Vigo, en colaboración co Centro Camões de Vigo e mais o Festival Kerouac de Poesía e Performance.
Serán, pois, dúas lecturas multilingües abertas a todo o público interesado, que amosarán as distintas poéticas así como o labor de tradución para o galego. Estes son actos gratuítos
Unha vez de volta nos países de orixe logo do traballo en Galicia, cada participante dará a coñecer os resultados en revistas especializadas, magazines literarios ou publicacións colectivas, completando o círculo dun proxecto singular que contribúe á divulgación dun xénero como a poesía en linguas dende masivas a minorizadas. No caso galego, os froitos do obradoiro verán a luz -de aquí a un ano- recollidos nun novo volume publicado pola Deputación de Pontevedra na súa colección illas Cíes, incluíndo as versións, prólogo, textos e edición literaria que queden a cargo do protagonista galego desta edición, o rianxeiro e recente gañador do Premio Repsol de Narrativa Breve coa súa primeira novela.
Así pois, até o sábado 5, autores do máximo prestixio en linguas maiores (árabe, nepalí, portugués) e menores (letón, maltés) ca o galego, chegados de recantos que van dende o Extremo Oriente até o Mediterráneo pasando polo Báltico ou a antiga Mesopotamia, convivirán ao mesmo nivel nunha illa que favorece o illamento e a inspiración, enriquecendo o patrimonio de poéticas contemporáneas dos máis remotos recantos para a nosa lingua.
Un dos máis recoñecidos e galardoados nomes da literatura maltesa contemporánea, Adrian Grima (Malta, 1968) é autor de libros de relatos e poemas en maltés para público mozo e adulto, e ten presentado o seu traballo por todo o mundo. O seu poemario Klin u Kapriċċi Oħra (KKM 2015), foi traducido ao inglés por Albert Gatt como Last-Ditch Ecstasy [A última gabia Éxtase] e editado en Malta e Mumbai (Paperwall Media & Publishing, 2017). Libros da súa autoría viron tamén a luz en árabe, francés, alemán e italiano. O seu título máis recente é Skizzi għas-Sette Giugno [Sete de xuño], unha serie de poemas con música de jazz a cargo de Dominic Galea. Adrian Grima co-fundou a entidade Inizjamed en 1998 e foi o director artístico do Festival Mediterráneo de Literatura de Malta do 2007 ao 2018. Traballa como profesor asociado de Literatura Maltesa na Universidade de Malta e como lector visitante en INALCO, París. De longa estirpe maltesa e fonda paixón pola súa rexión xeográfica, Grima ten traballado amplamente arredor das representacións literarias do Mediterráneo. A súa páxina web é adriangrima.com.
A escritora e poeta iraquí Manal Al-Sheikh naceu na cidade de Nínive en 1971. Ten un Grao en Tradución -do inglés ao árabe- pola Facultade de Artes da Universidade de Mosul. Ten traballado na prensa local e árabe como xornalista freelance, e publicado artigos e textos de natureza creativa e literaria nunha chea de revistas e xornais iraquís, árabes e europeos, ademais de participar en multitude de festivais internacionais de literatura por Europa, Estados Unidos, Norte de África e Latinoamérica. Os seus poemas e ensaios foron traducidos a varias linguas que inclúen o inglés, o francés, o noruegués, o sueco, o romanés, o macedonio, o italiano, o catalán e o castelán. Ademais dos libros de narrativa As portas da noite de Antioquía (Damasco 2010) e Alteración das tumbas (Nínive Unión de Autores Iraquís, 1996), as súas obras de poesía son Gralla – Arquivo amoroso (Athar, KSA 2015), Antes de que morra o mar. Poemas escollidos (Bagdad 2013), Cun punto vermello baixo o ollo esquerdo (Beirut 2010) e Cartas imposibles (Amman 2010).
O letón Arvis Viguls (1987) é poeta e tradutor dende linguas coma o inglés, ruso, español e linguas eslavas do sur. Ten vertido para o seu idioma nomes do talle de Joseph Brodsky, Walt Whitman, W. B. Yeats ou Federico Gcía. Lorca. Como poeta deu ao prelo tres libros de poesía en letón aclamados pola crítica: O cuarto (2009), 5:00 (2012) e Libro (2018), os mesmos que resultaron recoñecidos con importantes galardóns coma o Premio de Literatura Letoa ao mellor debut do ano, o da Fundación Anna Dagda ou o que concede ao mellor libro do ano “Días de Poesía”, o meirande festival de poesía do país. A súa colección de poemas escollidos Caligrafía da agulla viu a luz en tradución ao castelán (2017), en croata (2018) e mais en alemán (2019) á espera de que a versión inglesa saia do prelo este mesmo ano. Ademais, poemas seus viron a luz en antoloxías e revistas literarias vertidos a máis de quince idiomas. Desempeñouse coma presentador dun programa de radio dedicado á literatura. Vivindo en Riga e traballando, escribindo e traducindo arreo dende esa capital letoa, Arvis Viguls estase a converter nunha das referencias da nova poesía en Europa.
Itisha Giri é una poeta e editora nepalí cuxa poesía pon o foco no compromiso social, mais tamén na súa loita persoal para dar sentido ás propias identidades. Poemas seus viron a luz en publicacións e revistas literarias de ámbito internacional como LaLit (Katmandú), -próximamente- The Aerogram (San Francisco. EE.UU.), Of Nepalese Clay (Katmandú) ou The House of Snow, unha antoloxía británica que compilaba algúns dos mellores textos sobre Nepal. Traduciu mulleres poetas nepalís como Nibha Shah e traballa nun proxecto de investigación que procura identificar, traducir e recuperar tradicións poéticas de autoría feminina no Nepal. Itisha Giri é a responsable de These Fine Lines, unha antoloxía de poemas escritos por mulleres que exploran as súas experiencias dentro do espectro do abandono e a represión. Do mesmo xeito, traballa como Editora Adxunta de poesía para a revista literaria LaLit (Katmandú). Ademais, é co-fundadora e produtora de Boju Bajai, un podcast feminista mensual que foi emitido recentemente pola BBC.
Nacido en 1987 en Rianxo, Gonzalo Hermo é una das grandes voces da nova poesía galega. Doutor en Lingüística pola Universidade de Santiago de Compostela, foi profesor asociado do Departamento de Estudos Románicos da Universidade Autónoma de Barcelona. Actualmente vive na cidade condal e é profesor de escrita creativa da Escola de Lletres. Publicou tres libros de poemas: Crac (Barbantesa, 2011); Celebración (Apiario, 2014) -traducido ao catalán (Godall, 2016) e ao castelán (La Bella Varsovia, 2017)- e A vida salvaxe (Pen Club Galicia, 2018) que levou o Premio Afundación e vén de ser autotraducido para o catalán (Godall, 2019). A súa obra foi así mesmo recoñecida co premio Xuventude Crea da Xunta de Galicia, o Premio da Asociación Española de Críticos Literarios e -por vez primeira para un poemario orixinalmente escrito en galego- o Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova «Miguel Hernández». Exerceu puntualmente a crítica literaria para diversos medios e traduciu poesía contemporánea galega ao castelán e ao catalán. Ademais, Hermo é membro fundador da editora e libraría Chan da Pólvora.
Cultura incorpora tres novos autores ao Portico of Galician Literature
Desde a Xunta de Galicia:
“A Consellería de Cultura e Educación engade tres novos autores galegos ao Portico of Galician Literature, o portal web en inglés, que ten como obxectivo principal dar a coñecer no exterior os escritores e as escritoras da literatura galega, a través de fragmentos traducidos das súas obras máis representativas, que se complementan con información biográfica.
A novela de Xurxo Borrazás Criminal (Vicious), Premio da Crítica Española e Premio San Clemente; unha compilación de relatos de Camilo Gonsar (Collected Stories 1961-1995) e a obra de Begoña Caamaño Morgana en Esmelle (Morgana in Esmelle) son as máis recentes incorporacións a este portal promovido pola Secretaría Xeral de Cultura que pretende impulsar a difusión da literatura e das escritoras e dos escritores galegos no mercado anglófono. Na web atópase a tradución de 40 páxinas dunha das obras de referencia de cada autor ou autora, xunto coa sinopse do libro e un texto biográfico. Con estes tres, son xa 33 os que se atopan a disposición do público. Antes de finais de ano incorporaranse tamén Xosé Cid Cabido e Xosé Monteagudo. (…)”
Xabier Cid gaña o XXI Certame de poesía Concello de Carral
Desde o Concello de Carral:
“Xabier Cid, coa súa obra As bicis resultou gañador do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano.
O xurado salienta o bo nivel en xeral dos poemarios presentados, nos que houbo propostas poéticas moi distintas, tanto nas temáticas coma nas formas. Da obra gañadora o xurado salienta que é un libro escrito como un proxecto poético, construído desde unha suposta mirada e voz feminina e feminista, innovador na disposición dos versos e puidéndose definir como experimental ou alternativo. Existe unha intención visual na disposición dos textos, explotando a posibilidade estética da páxina en branco. O autor provoca aos lectores a través das diferentes lecturas posibles.
O xurado do concurso estivo formado por Mercedes Queixas, Xosé Luís Mosquera e Verónica Martínez, coa presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 38 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
Xabier Cid, natural de Ourense e actualmente residente en Escocia, é licenciado en filoloxía e mestrado en xestión deportiva. Foi finalista no ano 2000 do premio de novela curta Manuel Lueiro Rey con Terá as túas balas, publicada pola editorial Sotelo Blanco. Tamén ten traducido a Craig Patterson e a George Tucker.
O acto de entrega do premio terá lugar o 25 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2018. O mesmo acto, no que actuará o conxunto poético e musical Grupo Ouriol, servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Das árbores tropicais e do amor, de Xosé Luís Mosquera Camba. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.”