Santiago: Olladas sobre o Museo, recital de poesía no Museo do Pobo Galego

O venres 21 de outubro, ás 20:00 horas, no Museo do Pobo Galego (Rúa San Domingos de Bonaval) de Santiago de Compostela, desenvólvese a quinta edición de Olladas sobre o Museo na que se convida a persoas de distintas disciplinas para que compartan a súa visión do Museo co seu público. A poesía vai ser, neste 2011, a forma en que o Museo será ollado e interpretado. Anxo Angueira (na voz do tamén poeta Brais González Pérez), Andrea Nunes Brións (na voz da tamén poeta Alicia Fernández), Silvia Penas, Séchu Sende e Xabier Xil Xardón farán dos contidos do Museo anacos de poesía, através do recitado en diferentes espazos da exposición permanente, de poemas creados para mostrar a súa ollada sobre o Museo. Esta actividade celebra tamén as Xornadas Europeas do Patrimonio, que desde 1991 a cidadanía de 49 países ven comemorando con visitas guiadas, itinerarios, exposicións, concertos e todo tipo de manifestacións culturais que achegan ás persoas ao patrimonio cultural. O espectáculo está patrocinado pola Concellaría de Cultura do Concello de Santiago de Compostela e ten aforo limitado. A entrada será libre ata completar o mesmo.

Dúas obras e tres autoras comparten o Premio de Poesía Victoriano Taibo

O xurado da segunda edición do Premio de Poesía Victoriano Taibo dediciu nomear gañadoras ex aequo dúas obras e tres autoras, dada a súa calidade. As nomeadas foron María Carmen Caramés, por Cuarto minguante, e Elvira Riveiro Tobío e Silvia Penas Estévez pola autoría colectiva de Biografía da multitude. O premio está dotado con 3.000 euros –que terán que repartir entre elas–, unha escultura conmemorativa realizada polo artista Fino Lorenzo e a edición da obra na colección de poesía do Instituto de Estudos Miñoranos. [Ler noticia completa en Xornal de Galicia]

Festival de poesía “Poetas na rúa”

poetas_na_rua2006.JPGO próximo 16 de setembro, domingo, a partir das 18:30 horas, na praza de San Roque, en Combarro (Poio), celebrarase a VI edición do Festival de poesía “Poetas na rúa”. Os participantes deste ano, presentados por Rosa Aneiros, son: Iago Castro, Brais González, Oriana Méndez, Silvia Penas, Óscar Antón Pérez, Elvira Riveiro, Xabier Xil Xardón e Isaac Xubín (todos/as eles/as poetas pertencentes ás Redes Escarlata). A música estar á a cargo de Tino Baz.