Arquivos da etiqueta: Víctor F. Freixanes
Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do xoves 4
O xoves 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 19:00 h. Presentación de As terapias da Doutora Ledicia, de Raquel Castro, e Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada de Carlos Labraña, publicados por Galaxia. Presentará o acto o editor Francisco Castro e, durante o mesmo, farase unha pequena representación teatral.
– 19:00 h. Presentación de Foron, somos, publicado en Redelibros. Participan no acto José Estévez, Iria López, Natalia Lema, José Antonio Rodríguez, Oti Campos, Ricardo Souto, Luísa Arias, Matilde Páramo e Asun Blanco.
– 19:45 h. Presentación de Peixes e Mariscos. As receitas de Benigno Campos, publicado por Galaxia. Ademais do autor intervirá o editor Víctor Freixanes.
– 20:00 h. Xosé Tomás asina exemplares da súa obra na caseta de Edicións Embora.
– 20:30 h. Presentación de A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emílio Xosé Ínsua, publicado por Baía Edicións. Participan, xunto ao autor, Goretti Sanmartín e Belén López.
Víctor F. Freixanes: “As columnas de ‘Á marxe’ son a gran novela aberta de Carlos Casares”
Entrevista de Xesús Fraga a Víctor F. Freixanes en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Unha candidatura que tivo éxito e no vindeiro ano o Día das Letras xirará arredor de Casares.
– Víctor F. Freixanes (VF): Era o momento, había case catorce anos, quince no 2017, do seu pasamento, e a min parecíame unha boa oportunidade. Diante doutros candidatos que tiñan, loxicamente, outros méritos abondo, os que asinamos a proposta de Carlos o que pensabamos era continuar o ronsel da iniciativa de Manuel María, que concitou moitas vontades e implicou a moita xente. Carlos ten unha obra literaria moi variada, con moitísimos rexistros: para rapaces moi novos, A galiña azul e os Toribios; para rapaces do que chamaríamos secundaria, xa que Vento ferido é un libro de iniciación para moitos lectores novos na literatura; ten libros para xente do bacharelato, como O sol do verán, que é unha novela moi intensa, de amor. El dicía que o seu estilo era transparente, coma unha fiestra. Claro, transparente, pero moi traballado. Os mortos daquel verán ou Deus sentado nun sillón azul non son libros fáciles. Son libros de investigación, de traballar coa lingua. E ten tamén unha dimensión de investigador, de divulgador, de ensaísta, ademais da de xornalista. As columnas de Á marxe en La Voz son unha gran novela aberta, interminable, a través da cal podes dialogar co mundo e co tempo.
– LVG: Sempre dicimos que o Día das Letras homenaxea a un autor, pero a lingua tamén se beneficia da súa obra.
– VF: É certo, e o mesmo pasou con Manuel María, que mobilizou a moita xente no país. Tampouco se trata de que todos os anos haxa que escoller un autor así, pero nestes momentos, sobre todo, necesitamos autores que mobilicen xente, que conciten vontades, que impliquen a persoas e institucións para conmemorar o día e celebrar a literatura galega e a lingua. E desa maneira, igual que Manuel María, Carlos Casares reúne esas características. A maiores, ten unha proxección da cultura galega cara o exterior que está aí. Carlos participou en iniciativas como o PEN Club e os seus libros tiveron unha divulgación fóra que sitúa noutro plano a cultura galega. A súa obra é unha contribución enorme á literatura e á modernidade deste país, que conecta con sectores moi diversos, e que concita vontades e compromisos moi distintos. Pódense recoñecer na súa obra xente de distintas opcións, incluso distintas ideoloxías, e iso é mérito del. Non é un escritor de parroquia ou de partido. (…)”
Inma López Silva recibe o premio de Creación Literaria da Fundación Ínsua dos Poetas
Desde Galicia Confidencial:
“A escritora Inma López Silva recibiu este sábado o premio de Creación Literaria da Fundación Ínsua dos Poetas pola súa “creatividade acorde ás correntes máis avanzadas da vangarda na escritura”, a súa “fidelidade á lingua propia de Galicia” e a súa “defensa do medio e da liberdade de expresión”.
“Con estes principios Inma López Silva demostrou un compromiso permanente e constante, ao que debemos engadir o seu traballo e voz crítica e clara, como muller, para contribuír a unha maior presenza das escritoras galegas nas institucións e en todos os segmentos da nosa sociedade”, sinala a acta da concesión destes galardóns.
Así mesmo, a Fundación, presidida por Luís González Tosar, premiou na categoría de ‘Promoción da cultura galega no exterior’ á Irmandade Galega de Venezuela polo seu “importantísimo labor no ámbito social, cultural e benéfico entre a comunidade galega de Caracas, que recoñece esta institución como un referente de galeguidade”.
Pola súa banda, o Centro de Estudos Chamoso Lamas recibiu o premio ‘Ínsua dous Poetas’ á ‘Conservación do patrimonio e do medio’; mentres que as adegas Cachín da Abeleda, A Teixeira, na Ribeira Saca ourensá foron premiadas pola súa ‘Acción económica a favor da cultura’.
Ademais, o xornalista e animador cultural Xan Fernández Pinal foi distinguido no apartado de ‘Emprego da lingua e promoción da cultura propias nos medios de comunicación’. Sigue lendo
Compostela: mesa redonda As Irmandades da Fala e a prensa
O martes 19 de xullo, ás 19:30 horas, no Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval), en Compostela, terá lugar a mesa redonda As Irmandades da Fala e a prensa, organizada pola Real Academia Galega. Interveñen Margarita Ledo (Pensar un modelo de comunicación), Carme Vidal (As mulleres no voceiro das Irmandades) e Xan Carballa (A prensa, escaparate das Irmandades), moderados por Víctor Freixanes.
Trasalba, Amoeiro: “A represión franquista contra os intelectuais galegos”
Compostela: presentación de Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva
Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o mércores 6
O mércores 6 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 19:00 h. Presentación de Mäelstrom, Mäelstrom, de Manuel Sánchez Gálvez, publicado por Galaxia. Intervirán o autor e o editor Francisco Castro.
– 19:00 h. Manrique Fernández asina exemplares de Tres feridas, publicada por Belagua, na caseta da Libraría Librouro.
– 19:45 h. Presentación de Peixes e mariscos. As receitas de Benigno Campos, publicado por Galaxia. Participan, xunto ao autor, Alfonso Cabaleiro e Víctor F. Freixanes.
– 20:30 h. Presentación de Contos nerviosos, de Fran Alonso, publicado por Edicións Embora. No acto, o autor manterá unha conversa coa xornalista Teresa Cuíñas, sendo acompañados polo editor Miguel Toval.
Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o martes 5
O martes 5 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:30 h. Luís Davila asina exemplares de O Bichero, na caseta da Libraría Librouro.
– 19:00 h. Presentación do álbum-disco Oviravai, publicado por Galaxia. Intervirán Verónica Santalices, Federico Welicki e Francisco Castro.
– 19:45 h. Presentación do libro Camilo Nogueira. Pensar Galicia. Pensar o mundo, publicado por Galaxia. Intervirán tamén Fernando Randulfe, Ana Gandón e Víctor F. Freixanes.
– 20:00 h. Ledicia Costas asinará exemplares das súas obras na caseta da secretaría da feira.
– 20:30 h.: Presentación de Galería de saldos, de Diego Giráldez, publicado por Xerais. Participan, xunto ao autor, Deborah Vukusic e Fran Alonso.
Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o luns 4
O luns 4 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 19:00 h. Presentación de Raiolas de sol, de Antonio García Teijeiro, publicado por Galaxia. Intervén, xunto ao autor, Francisco Castro.
– 19:45 h. Presentación de Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva, publicada por Galaxia. No acto, xunto á autora, interveñen María Xosé Porteiro e Víctor Freixanes.
– 20:00 h. Alberte Momán asina exemplares de Bosquexos para unha distopía, publicado por Redelibros, na caseta da Libraría Cartabón.
– 20:00 h. Sinatura de Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, publicado por Xerais, na caseta da secretaría da feira.
– 20:30 h. Presentación de A dúbida, de María Reimóndez, publicado por Xerais, con Gema Zunzunegui e Manuel Bragado.