O Consello da Cultura difunde o Sempre en Galiza cun acto institucional e varias accións polo 70 aniversario

Desde o Consello da Cultura Galega:
““Sempre en Galiza é un libro, pero tamén é un texto que pode ser comentado, twitteado, retwitteado e difundido de múltiples formas” apuntou Ramón Villares na rolda de presentación das diferentes accións encamiñadas a dar a coñecer esta obra. Unha proposta que conta coa colaboración da Fundación Castelao, cuxo presidente, Carlos Mella, destacou a súa pertinencia porque “Castelao cítase moito pero non sempre se entende ben e invéntase un Castelao para cada ocasión”. Foi Víctor Freixanes, director da editorial Galaxia, quen situou a obra no seu contexto. “É un dese libros de referencia que marcou a varias xeracións” incidiu Freixanes ao tempo que destacou que “pouco libros tiveron tanta influencia política e emocional”. Ademais, o director da editorial Galaxia fixo referencia ao carácter poliédrico da obra, que “pode ser un libro de memorias, de pensamento político, pero sobre todo é un libro de aposta de futuro e de propostas que segue a ter unha dimensión mobilizadora”.
Co gallo do 70 aniversario da primeira edición da publicación, terá lugar no Parlamento de Galicia un acto institucional o vindeiro 4 de xullo. Alí, Xusto García Beramendi, Ramón Máiz e Henrique Monteagudo, responsables da edición crítica do texto que editou o Parlamento en 1992, explicarán o significado da obra. Nese acto terá lugar unha lectura colectiva de varios extractos e servirá de mostra das lecturas realizadas por personalidades galegas ou descendentes de galegos que viven fóra de Galicia, como son Miguel Cabanela, prestixioso traumatólogo; Nadia Calviño, directora xeral de presupostos da Comisión Europea, ou Francisco Lores, presidente da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires.
Outra das iniciativas é a edición dixital aumentada do texto. Unha app para tablets e móbiles Apple e Google Android, de descarga gratuíta, editada polo Consello da Cultura Galega e a editorial Galaxia, coa colaboración do Parlamento de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela. A app contén o Sempre en Galiza completo e numerosos contidos adicionais, como estudos sobre o proceso de creación e documentación da obra, materiais adicionais, biografías de Castelao, fotogalerías, vídeos, etc.
Todo estes contidos están a disposición dos usuarios no web conmemorativo preparado especificamente para a ocasión e que estará operativo a partir do vindeiro 4 de xullo.
As actividades de difusión arrincaron o pasado 20 de maio cunha acción encamiñada a difundir a obra de Castelao nas redes sociais. Co hashtag #sempreengz todos os días, a través do twitter do Consello da Cultura Galega e de culturagalega.org, así como do Facebook das dúas webs, ofrecemos unha escolma de frases extractadas da obra para facilitar o seu coñecemento e que se difunden a máis de 15 000 persoas.”

Pontevedra: presentación de Crónicas dun tempo escondido, de Sabino Torres

O xoves 3 de xullo, ás 20:00 horas, na Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11) de Pontevedra, preséntase Crónicas dun tempo escondido, de Sabino Torres, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Miguel Anxo Fernández Lores, Xesús Alonso Montero e Víctor F. Freixanes.

Compostela: presentación de O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández

O xoves 19 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Cronopios (Rúa Alfredo Brañas, 24), preséntase O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Víctor F. Freixanes e Eduardo Galán.

Un novo Carvalho Calero para unha nova xeración

Reportaxe de Marcos Pérez Pena en Praza:
“”En parte, o documental quere actualizar a figura de Carvalho Calero, para achegalo ás novas xeracións, para que sexa máis coñecido pola mocidade. En Ferrol hai un colexio e un centro cultural que levan o seu nome e son moitos os que non saben nada del”. O ferrolán Antón Rodríguez é un dos tres responsables, xunto con Javier Gómez (Ponferrada) Sergio Arango (Lugo), do documental Vieiros de esperanza, un proxecto de fin de grao na facultade de Ciencias da Comunicación da UDC, que busca poñer en valor a figura do intelectual galeguista.
O proxecto audiovisual, que conta co apoio do Concello de Ferrol, súmase á reivindicación para valorar o labor de Carvalho Calero no eido da sociedade e cultura galega, apoiando a súa candidatura para as Letras Galegas 2015, ano no que se cumprirá o vintecinco aniversario do seu pasamento. O filme está case rematado (ten que ser presentando ante un tribunal académico o 26 de xuño) e ao longo do verán iniciará a súa distribución. Está previsto o seu pase en varios festivais e tamén a súa proxección a través de distintas entidades do movemento asociativo
“Como ferrolán quero reivindicar a súa figura, para que sexa homenaxeado no Día das Letras”, explica Antón Rodríguez, que sinala que cre “pouco probable” que Carvalho Calero sexa o escollido pola Real Academia o vindeiro mes de xuño para ser homenaxeado en 2015. “É tamén a opinión maioritaria entre as persoas que entrevistamos no traballo e que aparecen no documental”, comenta. Entre eles e elas destacan José Martinho Montero Santalha, Xosé María Dobarro Paz, Pilar García Negro, Araceli Herrero, José Luis Rodríguez, Víctor Freixanes, Francisco Rodríguez ou Xesús Alonso Montero.
Trátase dun documental biográfico, que percorre a vida de Carvalho Calero, dende o seu nacemento até o seu pasamento, reparando en todos os eidos nos que traballou e destacou. Busca analizar tamén, conta Antón Rodríguez, o xeito en que a súa defensa do reintegracionismo “se converteu nun tabú” en moitas das institucións nas que colaboraba e no “oficialismo”. Rodríguez destaca tamén que Carvalho Calero toma a decisión de traballar para o achegamento do galego ao portugués como “unha visión de futuro”, coa mente posta nas posibilidades que se poderían abrir para a lingua. (…)”

Compostela: presentación de Días de Cuba, de Xosé Neira Vilas

O venres 6 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo) de Santiago de Compostela, preséntase Días de Cuba, de Xosé Neira Vilas, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Valentín García Gómez, José Antonio Solana (Cónsul Xeral de Cuba en Galicia) e Víctor F. Freixanes.

Ourense: actividades destacadas do mércores 4 na Feira do Libro

O mércores 4 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Alameda), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

19:30 h. Presentación do libro O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. Xunto co autor, participan no acto José Manuel Rubín e Víctor Freixanes.
20:30 h. Presentación do libro Peinador, do escritor Rubén Martínez Alonso gañador do XIV Premio Risco de Creación Literaria, publicado pola Editorial Sotelo Branco.

Vigo: actividades destacadas do venres 30 de maio na Feira do Libro

O venres 30 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

18:15 h. Sinatura de Miguel Ángel Alonso Diz na caseta da Libraría Andel.
19:00 h. Mesa redonda sobre Xosé María Díaz Castro. Intervirán no acto Armando Requeixo, Luís González Tosar e Víctor Freixanes.
20:00 h. Presentación do libro O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, publicado por Galaxia. Xunto á autora, participan no acto Xosé Monteagudo e Carlos Lema.

Vigo: actividades destacadas do mércores 28 de maio na Feira do Libro

O mércores 28 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

19:00 h. Presentación de 50 anos de Grial, pola Editorial Galaxia. Participan Víctor F. Freixanes, Henrique Monteagudo, Carlos Fernández, Domingo Docampo, Uxío Labarta e Xurxo Martínez.
20:00 h. Presentación do libro Pedro Petouto, de Xesús Alonso Montero, publicado por Xerais. Acompañarán ao autor do libro Modesto Hermida, Antón Costa Rico e Manuel Bragado.

A Coruña: presentación de Xosé María Díaz Castro. Nimbos de luz

Santiago: actividades destacadas do sábado 3 e domingo 4 de maio na Feira do Libro

O fin de semana do 3 e 4 de maio finaliza a Feira do Libro de Santiago (no Parque da Alameda), con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

Sábado 3 de maio
20:00 h. Mesa redonda sobre Xosé María Díaz Castro, organizado pola Editorial Galaxia, coa participación de Luís González Tosar, Armando Requeixo e Víctor Freixanes.

Domingo 4 de maio
20:00 h. Unha nova viaxe por Landereina, acto convocado pola Editorial Galaxia, coa intervención de Sabela González e Francisco Castro.