“Darío Xohán Cabana, a sabia aprendizaxe dun sosego”, por Baldomero Iglesias, Mero

Artigo de Baldomero Iglesias, Mero sobre Darío Xohán Cabana en Sermos Galiza (o orixinal en papel é de 2015):
“Somos, desde hai xa moito tempo, amigos. Bos amigos, diría eu. Ademais, cómplices de historias que hoxe non veñen a conto. Desde cando viñemos estudar á capital ou desde cando el vendía libros de Castrelos. Ou despois, cando vendía a domicilio e viña á miña escola do Picato, falabamos, soñabamos tanto!
Temos e tivemos moitos amigos comúns. Aínda hoxe, cando nos atopamos, sempre se nos debuxa na cara un sorriso de contento e botámonos en temas agradecidos e sorrisos. Se boto atrás a cabeza, aínda o vexo naquel coche, un “Lada”, caldeirando as nosas rebeldías, ou lembro cando pousaba a cachimba entre os beizos para dar caladas de néboa polas rúas de Lugo adiante. Alumno espelido do “Manuel María e Ferrín: a grande xeración”. Fabulador de historias para nenos e grandes, cómplice tamén do Paco Martín –ascendido á categoría de chairego, por méritos no tempo contraídos- e outros, o Xabier P. DoCampo, o Agustín Fernández Paz, e toda unha memoria delas e deles. Garda municipal en Corcubión onde escribiu por exemplo Patria do Mar, gardián do Auditorio de Lugo, …moito lle queda por facer, non lle fai noxos a nada.
Pero sobre todo é un gran relator, un tradutor enorme e un poeta dos de auga limpa, que son os mellores. Por riba de todo iso, é un amigo, como dixen, deses imprescindibles na xeografía das nosas propias vidas, deses que serve para encontrarte a ti mesmo, cando te atopas perdido. Darío é home enteiro e cabal e eu sempre o vexo acompañado dos seus, da súa muller –aquela mociña de Bueu, a Amelia– e dos fillos, tan estimados. Para min –téñoos así nun lembro– sempre xuntos e aínda que non os vexa todo canto quero, aparecen os catro alá por terras de Romeán gozando da paz da terra e da amizade dos amigos da casa de Rego, onde eu xa ía, sendo pequeno, festexar. Pero Darío, volvendo ao conto, é capaz de arrecadar soños e debullar anceios. Capaz de roer o pó dos camiños e deixar que o seu corazón corra milleiros de soños que un día serán follas de luz, para todos; aclaratorias deste camiñar que, só semella, non chega a ningures. (…)”

A Coruña: programa de Letras Galegas 2017 da Libraría Azeta

Obradoiro/Santillana desembarca na literatura infantil e xuvenil co selo Oqueleo

Desde Cultura Galega:
“Un total de 22 títulos, dos cales 16 son de autores galegos, compoñen o importante desembarco co que se presenta o novo selo literario Oqueleo. A editorial Santillana, a través da súa filial galega Obradoiro está detrás desta proposta de literatura infantil e xuvenil, que conta con coleccións irmás en español (Loqueleo, nada en 2015), catalán (Jollibre) e, en breve, éuscaro (Begiko). Segundo explicou Ana Guerra, responsable de Obradoiro, a colección “era necesaria, xa que non contabamos cun proxecto literario forte” para estas idades, ao estar as editoras centradas no ámbito educativo. A colección conta con 5 liñas, a primeira delas orientada para lectores a partir de seis anos e última, xuvenil, pensada para os que teñen catorce ou máis.
A partir da primeira semana de abril estarán dispoñibles os primeiros quinte títulos, e na segunda quincena do mes, outros 7. Neses lanzamentos iniciais atópanse versións en galego de clásicos como Matilda de Roald Dahl, Momo e A historia interminable de Michael Ende ou tres volumes da serie O Nicosaliño de Sempé e Goscinny. Canda a eles, unha nutrida presenza de autores do país fai parte desta estrea, con nomes como Xabier P. DoCampo, Paula Carballeira, María Canosa, Jaureguizar, Xavier Estévez, Héctor Cajaraville ou Kike Gómez entre outros. Polo momento non está prevista a tradución das obras dos creadores do país a outras linguas da colección. (…)”

Un ano de premios e de cambio de modelo na Deputación da Coruña

Artigo en Sermos Galiza:
“Novos nomes e persoas xa coñecidas nos distintos ámbitos culturais déronse cita no acto de entrega dos premios das áreas de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña deste ano que premiaron, entre outros e outras, as escritoras Eli Ríos e Lorena Conde e o escritor Vicente Luís Mora, ás bandas Bala e Colaxe en música infantil, a Pablo Carpintero e Lidia Neves en artesanía, a Emilio Fonseca en banda Deseñada ou a David Calle en arte. Os premios de lingua recoñecen o labor de Xabier P. DoCampo, a Semente e Correlingua. A lingua e a presenza de mulleres foron claras protagonistas no acto de entrega que se desenvolveu na mañá do xoves 22 de decembro na sede da Deputación.
Os premios recoñecen nesta edición, como destacou Goretti Sanmartín no acto, a persoas creadoras e investigadoras con xa importante tradición no noso país, como Pablo Carpintero, que gañou o premio de Artesanía cunha reprodución da gaita de fol dunha cantiga de Santa María ou o escritor Xabier DoCampo, “gran mestre e, sobre todo, mestre do entusiasmo en cuxo ronsel navegamos”, dixo. Descobren tamén novos nomes para a cultura como o caso de Emilio Fonseca, que con Fóra de Mapa resultou elixido polo xurado da décimo primeira edición do certame de Banda Deseñada Castelao, Lorena Conde, con longa traxectoria como actriz que se dá a coñecer como poeta co Premio González Garcés polo seu libro Entullo ou Eli Ríos, con obra como poeta mais que asina en Luns a súa primeira novela para público adulto que nace xa co Torrente Ballester. Esta é tamén a edición en que, por primeira vez, o premio de narrativa se convoca en dúas modalidades, unha para obras en lingua galega e outra para obras en lingua castelá, da que resultou gañador o escritor Vicente Luis Mora coa novela Cabeza de vaca. Con 25.000 euros cada un, o Torrente Ballester converteuse no certame con maior premio económico dos convocados en Galiza. (…)”

Xabier DoCampo inaugurou o XIII simposio O libro e a lectura, da Asociación Galega de Editoras

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Xabier DoCampo inaugura o XIII simposio O libro e a lectura, da Asociación Galega de Editoras: “Trátase de ler o que o individuo necesita para que a lectura se convirta en formación”. Pode accederse á entrevista aquí.”

Compostela: presentación de O alfaiate portugués, de Xavier Senín

O xoves 15 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), en Santiago de Compostela, preséntase O alfaiate portugués, de Xavier Senín, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Xabier P. DoCampo e Víctor F. Freixanes.

Compostela: XIII Simposio O Libro e A Lectura: Ler para comprender o mundo, os 15 e 16 de decembro

Desde asociacion-galega-de-editorasa Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras celebra o XIII Simposio O Libro e A Lectura: Ler para comprender o mundo, os días 15 e 16 de decembro, no Auditorio do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. A continuación pódese consultar o programa completo:

Xoves 15
16:30 h. Inauguración.
Xosé Ballesteros, Presidente da AGE.
Ramón Villares, Presidente do CCG.
• Manuel Dios, Concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago.
17:00 h. Conferencia.
Xabier DoCampo: Ler na escola: o risco de prender lume. Presenta: Paz Castro, Kalandraka Editora.
18:00 h. Café.
18:30 h. Conferencia.
Quico Cadaval: Ler para crer. Presenta: Bea Campos, actriz

Venres 16
10:00 h. Mesa redonda I: Compartindo lecturas, abrindo fiestras.
Modera: Belén López, Baía Edicións, secretaria da AGE.
• Cristina Novoa, Bibliotecas escolares de Galicia.
• Carmen García Paz, CIFP Ánxel Casal de Monte Alto.
• Gracia Santorum, Club de Lectura, IES Laxeiro de Lalín.
11:00 h. Café.
11:30 h. Mesa redonda II: Compartindo lecturas, abrindo fiestras.
Modera: María Xesús Gómez, Editorial Rodeira, tesoureira da AGE.
Mercedes Queixas, Secretaria xeral da AELG.
• Carlos Coira, Libraría Trama.
• Ánxeles Roca, Bibliotecaria.
13:00 h. Conferencia.
Gustavo Martín Garzo, O territorio do lobo. Presenta: Henrique Alvarellos, Alvarellos Editora, vicepresidente da AGE.
14:00 h. Clausura.

O XIII Simposio O Libro e a Lectura: Ler para comprender o mundo conta coa colaboración de CEDRO, CCG e a Concellaría de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago.
As persoas interesadas en asistir ao Simposio poderán realizar a inscrición de balde no seguinte enderezo electrónico: s.tecnica@editoresgalegos.org

Entregarase un diploma sempre que se acredite un 75% a asistencia ao evento.”

Lugo: presentación de De paraugas, de Paco Martín

OPaco Martín martes 18 de outubro, ás 19:30 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21), en Lugo, terá lugar a presentación do libro De paraugas, de Paco Martín, ilustrado con fotografía de Daniel Puente Bello, publicado por Xerais. No acto, xunto a autor e ilustrador, participan Xabier P. DoCampo, Xavier Senín e Manuel Bragado.

A Coruña: presentación de Nunca paraíso. Teatro breve (1973-2015), de Manuel Lourenzo

O Manuel Lourenzo AELGxoves 13 de outubro, ás 19:00 h., na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), terá lugar a presentación do libro Nunca paraíso. Teatro breve (1973-2015), de Manuel Lourenzo, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Xabier P. DoCampo e Manuel Bragado. Ao remate, Elsinor Teatro interpretará as pezas dramáticas do autor “Antes da función” e “Zanzíbar”