Vigo: actividades destacadas do mércores 28 de maio na Feira do Libro

O mércores 28 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

19:00 h. Presentación de 50 anos de Grial, pola Editorial Galaxia. Participan Víctor F. Freixanes, Henrique Monteagudo, Carlos Fernández, Domingo Docampo, Uxío Labarta e Xurxo Martínez.
20:00 h. Presentación do libro Pedro Petouto, de Xesús Alonso Montero, publicado por Xerais. Acompañarán ao autor do libro Modesto Hermida, Antón Costa Rico e Manuel Bragado.

A Coruña: presentación de Xosé María Díaz Castro. Nimbos de luz

Pontevedra: presentación de Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000), de Ana Acuña

O mércores 14 de maio, ás 20:00 horas, na Casa das Campás (R/ Don Filiberto, 9-11), en Pontevedra, preséntase Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000), de Ana Acuña, publicado en Xerais. No acto, coorganizado co Ateneo de Pontevedra, participan, xunto á autora, Xesús Alonso Montero, Daniel Pino e Manuel Bragado.

Eli Ríos recolle en Fornelos o premio Lueiro Rey nun acto de homenaxe ao escritor

Desde Sermos Galiza:
“A Asociación de Veciños O Cruceiro da Laxe e o Concello de Fornelos de Montes organizan o acto de entrega da segunda edición do Premio de Poesía Lueiro Rey no que será unha nova homenaxe ao escritor no concello no que naceu. A poeta Eli Ríos recitará algunhas das composicións de Anamnese, o título polo que recibirá o segundo premio Lueiro Rey de poesía. Canda ela, Silvia Penas, anterior gañadora e Elvira Riveiro, participarán no acto literario no que tamén intervirán Mercedes Queixas, voceira do xurado e secretaria da AELG, ademais de Ramón Nicolás, coordinador do volume colectivo sobre o escritor e o presidente da RAG e amigo de Lueiro, Xesús Alonso Montero.
A xornada comezará o domingo día 27 ás 11:30 h. coa inauguración da rúa Lueiro Rey no seu concello natal, nun acto especial xa que é a primeira ocasión na que en Fornelos se lle pon o nome do escritor a un espazo público.”

Esgueva, O Carballiño: celebración do Día da Poesía

O luns 24 de marzo, ás 11:00 horas, na Insua dos Poetas (Esgueva, Madarnás, O Carballiño), celébrase o Día da Poesía, nun acto coorganizado pola Fundación Insua dos Poetas e o Centro PEN de Galicia, e patrocinado pola Consellería de Cultura, Consellería de Medio Rural e Mar e a Deputación de Ourense. O programa é o seguinte:
– Un alumno/a de cada un dos centros escolares presentes lerá un poema de Nimbos, de Xosé María Díaz Castro.
– Intervirán: Víctor F. Freixanes, Luís González Tosar, Xesús Alonso Montero, Tomás Fernández Couto, Xesús Vázquez Abad e Manuel Baltar.
– Entrega de lotes de libros aos profesores dos centros de ensino presentes.
– Ofrenda floral no monumento Nimbos de luz.
– Plantación de árbores a cargo dos alumnos, profesores, escritores, xornalistas e autoridades.

Santiago: presentación de Paisaxes de pan, de Ánxela Gracián

O xoves 6 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Paisaxes de pan, de Ánxela Gracián, de Bourel Edicións. No acto, xunto á autora, interveñen Xesús Alonso Montero, Antonio Piñeiro e o músico Xurxo Fernandes.

Santiago: tese de doutoramento de Armando Requeixo, sobre A poesía en galego de Xosé María Díaz Castro

O venres 28 de febreiro, ás 11:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, Armando Requeixo defenderá a súa Tese de Doutoramento, baixo o título de A poesía en galego de Xosé María Díaz Castro: estudo e edición crítica. Estará acompañado polos directores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, nun acto aberto a todo o público interesado.
O tribunal que xulgará a tese está formado por Xesús Alonso Montero, como presidente, Xosé María Dobarro Paz, Arcadio López-Casanova, Aurora López e Xosé Manuel Salgado, que actuará como secretario.