Fanny + Alexander volven poñer música aos novos poetas galegos

alfaiasOs composteláns Fanny + Alexander están de volta co seu terceiro disco, Alfaias, de novo editado baixo licenza Creative Commons tanto en formato físico a traves de A Regueifa Discos coma en formato mp3 no netlabel A Regueifa Plataforma. Ao longo de once novos temas o duo percorre as distintas aristas do poliédrico Pop contemporáneo, indo dende o pop indietrónico de temas coma Setecentos e Espida de credo até o pop acústico e canónico de músicas coma Tardes de domingo e Na febre dos incendios, sen renunciar nunca á atitude experimentadora e permanente vontade de penetrar en estilos aínda inéditos na nosa lingua, coa firme vocación de levar o pop galego aos sons do século XXI.

Continuando coa liña dos seus dous primeiros traballos, as letras de todos os temas son adaptacións de textos de autores galegos da súa xeración (Mario Regueira, Emma Couceiro, Diego Ameixeiras, Lara Dopazo Ruibal, Xiana Arias, Igor Lugris, Pedro Lamas, Yolanda Castaño, Estibaliz Espinosa, Daniel Salgado e Alberte Momán), e contan ademais coa colaboración das voces de Carlos Valcárcel de Projecto Mourente en Artefacto Burbur, Martin Wu de The Homens en Toda esa enerxia escura, Alex Charlón de Ataque Escampe en Vigo ou Berlin e o hammond de Banin de Los Planetas en Tardes de domingo.

Descargar disco completo: arquivo zip 84 MB.

Compostela: presentación do libro de María do Cebreiro Cuarto de outono

O día 8 de outubro, ás 20:00 Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación do libro de María do Cebreiro Cuarto de outono (Sotelo Blanco, colección de poesía Edoy Leliadoura). Alén da autora do libro, intervirán no acto Xiana Arias, poeta, e Fernando Cabo, crítico literario.

Presentación en Compostela do número 31 da revista Dorna

O día 16 de abril, ás 19:30 no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela terá lugar a presentación do número 31 da revista Dorna (2006/2007). A presentación consistirá nun recital poético-musical coa participación de Anxo Angueira, María do Cebreiro, Xiana Arias, Alberto Lema, Andrea Núñez, Lía Santiso e Manu Clavijo.
Con este número recupérase a traxectoria dunha das revistas máis importantes do panorama literario galego, que leva dende 1981 ofrecendo un lugar para a expresión de voces emerxentes xunto con outras longamente consagradas.
O presente número conta, entre outras, coas colaboracións de Anxo Angueira, Chus Pato, Darío Xohán Cabana, Elvira Riveiro, Fran Alonso, María do Cebreiro, María Lado, Marilar Aleixandre, Marta Dacosta ou Miro Villar, xunto con poetas que veñen de debutar hai pouco como Alberto Lema, Andrea Núñez, Rosa Enríquez ou Xiana Arias.
O número inclúe tamén unha antoloxía bilingüe do poeta vasco Kirmen Uribe e está ilustrado con obra fotográfica da artista Carmen Chacón.

Recital poético en Fene

O sábado 12 de maio ás 18:30, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, terá lugar no local da Sociedade O Pote de Maniños (Fene), un recital poético no que intervirán Arsenio Iglesias Pazos, Daniel Salgado, Eduardo Estévez, Leo F. Campos, Lorena Souto, María Lado, Mario Regueira, Xía Arias e Verónica Martínez Delgado.