Radiocrítica do 30-12-2013, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o pasado luns día 30 de decembro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre o álbum infantil Suleiman y Salúa de Francisco X. Fernández Naval e Ali Ali (I, 5’50); o disco-libro Toc Toc de Pablo Díaz (I, 8’50 e II 0’00); o ensaio Para que nos serve Galiza? de Xaime Subiela (II, 1’50); a novela Matarte lentamente de Diego Ameixeiras (II, 4’30) e a antoloxía Novas_de poesía. 17 poetas (II, 4’30 e III, 0’30), da que lin poemas de Mario Regueira (III, 6’40) e mais de Xiana Arias (III, 7’50).”



Especial sobre Xosé María Díaz Castro no Diario Cultural da Radio Galega

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O pasado xoves día 2, primeiro día hábil do ano, o Diario Cultural da Radio Galega dedicou a súa emisión á figura de Xosé María Díaz Castro, sobre a que levou a cabo un programa monográfico no que, amais do recitado de poemas de Nimbos na voz do propio poeta e a inserción de opinións sobre a importancia da súa figura expresadas por diversos autores, desenvolveuse un amplo faladoiro no que participamos a profesora e investigadora Carmen Blanco, o estudoso e responsable da Asociación Cultural Xermolos Alfonso Blanco Torrado e mais eu.
Por espazo de case tres cuartos de hora, tivemos ocasión de repasar algún dos principais trazos definitorios da súa obra, aclarar certos episodios biográficos e mesmo poñer á audiencia na pista das actividades de divulgación e recuperación da súa figura que se concretarán neste 2014, oficialmente declarado pola RAG como Ano Xosé María Díaz Castro, pois a el se dedicará o vindeiro Día das Letras e tamén este próximo 19 de febreiro celebraremos en Guitiriz a grande festa do seu centenario de nacemento, os actos da cal están xa a se preparar.
Podedes oír todo o que alí falamos clicando aquí. Beizóns aos amigos da Radio Galega e, moi especialmente, a Xiana Arias, quen conduciu inmellorablemente un faladoiro que se converteu, pola data de emisión, no primeiro evento diazcastriano do ano.”

Compostela: recital no marco do obradoiro de creación literaria a cargo da escritora Alicia Fernández

O sábado 23 de novembro, ás 12:00 horas, na Sala de Didáctica da Fundación-Museo Eugenio Granell de Santiago de Compostela, terá lugar un recital poético aberto ao público, no marco do obradoiro Da memoria ao poema, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela, impartido por Alicia Fernández, e no que xa contou coa visita do escritor Antón Lopo.
Neste recital aberto ao público, participarán alumnos do obradoiro de creación literaria. Intervirán tamén neste recital: Antía Otero, Xiana Arias, Mario Regueira, O Leo i Arremecághona, Gonzalo Hermo, Berta Dávila, Alba Cid, Agustín Delicias, Ismael Ramos, Jesús Castro, Naïr García Abelleira e Xesús Estalote.

Ferrol: actos destacados da VI Semana de Poesía Salvaxe

En Ferrol terá lugar a VI edición da Semana de Poesía Salvaxe. Do programa, que se pode descargar completo aquí, destacamos a participación de:

– Mércores 24 de abril, ás 23:30 horas, no Pub Cazadores (Rúa Magdalena, 114). Recital poético coa presenza, entre outros, de Séchu Sende.

– Xoves 25 de abril, ás 12:30 horas, no Mercado da Magdalena. Recital poético coa presenza, entre outros, de María Lado e Lucía Aldao.

– Venres 26 de abril:
– 12:30 horas. Mercado de Recimil. Coa presenza de Estevo Creus.
– 18:30 horas. Praza de Armas. Con Xiana Arias e Olalla Cociña.
– 23:00 horas. Pub Carteles (Rúa Sol, 139). Con Xiana Arias e Olalla Cociña.

– Sábado 27 de abril:
– 13:30 h. Pub Cazadores. Recital con Ramiro Vidal, entre outros.
– 18:30 h. Ateneo. Recital con Olalla Cociña, Xiana Arias e Ramiro Vidal, entre outros.
– 21:00 h. Cafelito de Gloria (Rúa Sol, 199). Con Ramón Blanco e Pablo Sax.
– 23:30 h. Festa final no Pub Carteles. Todos e todas.

Santiago: Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

O mércores 12 de decembro, ás 20:30 horas, no Restaurante Rúa de Santiago de Compostela (Rúa de San Pedro, 24), terá lugar un acto de homenaxe ao poeta Celso Emilio Ferreiro no que se combinará unha mesa redonda sobre o autor cun recital de poesía e actuacións musicais. A homenaxe Lembrando a Celso Emilio Ferreiro comezará coa intervención do crítico Ramón Nicolás e de Aser Álvarez. Acto seguido, a mesa redonda daralle paso ao recital. Xiana Arias, Xabier Xil Xardón e Luz Fandiño, entre outros, recitarán poemas do escritor celanovés nun acto aberto ao público no que cada asistente, se quere, ten a posibilidade de recitar ao seu xeito a Celso Emilio. Finalmente, o tributo rematará coa intervención de O Leo, quen actuará para poñerlle o broche final a este acto.

Salvaterra: XXVI Festival de Poesia no Condado

O XXVI Festival de Poesia no Condado, co título Capitalismo é um feito… revoluçom um direito!, terá lugar os 31 de agosto e 1 de setembro en Salvaterra, organizado pola S. C. D. Condado. Do programa, que pode ser descargado completo aquí, destacamos os seguintes actos literarios do sábado 1 de setembro na Zona das Murallas:

– 18:30 h. Presentación do libro Aquiltadas, de Susana Sánchez Arins, publicado en Estaleiro.
– 21:00 h. Festival poético-musical presentado por Clara Gayo e Iria Pinheiro, cos seguintes participantes: Poetas: Daniel Salgado, Xiana Arias, Roi Vidal, Eduardo Estévez, Ramiro Vidal, Susana Sánchez Arins, Gonzalo Hermo, Silvia Penas, Claudio Rodríguez Fer e Adelino Timóteo.
– Grupos musicais: Cuchufellos, O Sonoro Maxín, Sacha na Horta e Dios ke te Crew.

Dandylady propón unha representación escénica da poesía

O pasado mes de marzo Dandylady, o dúo composto por Iria Pinheiro e mais Jesús Tejada, estreaba Dessassossego. Esta proposta de poesía escénica inspírase no Livro do Dessassossego de Fernando Pessoa, a cuxos poemas acompañan textos de seis poetas galegas e tres foráneas (Branca Novoneyra, Olalla Cociña, Lupe Gómez, Lucía Aldao, Esther F. Carrodeguas, Xiana Arias, Luci Romero, María Salgado e Adília Lopes) arredor da idea de desacougo.

Tomar a literatura por Asalto

Reportaxe en Praza pública:
“A literatura non só serve para chamar ao sono antes de durmir. A palabra pode mobilizar, retar, falar do cotián e poñelo en cuestión. Asalto é un proceso de creación colectiva, un experimento de escrita colectiva “que actúe como punto de apoio ou panca na organización do descontento”. Polo momento, o texto colectivo de Asalto contén achegas de Xiana Arias, Elena Cabrera, Natalia Carrero, Colectivo Todoazen, Roberto Enríquez, Belén Gopegui, Alberto Lema, Antonio Martín, Guillem Martínez, Elvira Navarro, Eider Rodríguez, Daniel Salgado, Gonzalo Torné ou Nacho Vegas. (…)
– Praza: A literatura constrúe espazos de resistencia. É iso abondo?
– Alberto Lema: A literatura como resistencia é un placebo coa que algúns escritores tratamos de aliviar a nosa irrelevancia. A literatura, nalgúns casos, pode apostar pola utopía, unha ficción na que se consolar do inferno realmente existente.
– Xiana Arias: Abondo para que? Para resistir ao fascismo? Para soster a educación pública, a sanidade pública, o dereito á vivenda…? Para conversar coa traballadora do Inem cando che comenta que o mellor que podes facer é marchar da Galiza? Para parar a incineradora do Irixo? A literatura é literatura.
– Daniel Salgado: Non sei exactamente que significa “construír espazos de resistencia”. A literatura tropeza coas ideas de quen a le. E non, non é abondo. Abondo, ou polo menos o comezo do abondo, sería unha folga xeral indefinida en toda Europa. Iso tamén é literatura. (…)”.

Santiago: nova edición do Picaversos, con Pilar Pereira, Fantoches Baj e Chus Pato

O martes 24 de xaneiro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Loucura. A actriz Pilar Pereira, a compañía de monicreques Fantoches Baj  (co texto Acrobacia Acuática, baseado en textos de Chus Pato) e a poeta Xiana Arias son os protagonistas desta próxima sesión.