Crónica videográfica do 1º Encontro da edición galega e portuguesa, organizado pola Asociación Galega de Editoras en setembro de 2018 (I)

Compostela: Xornada sobre A internacionalización do libro galego

A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 10 de agosto

O 10 de agosto finaliza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Xosé Ballesteros asina na caseta de Cartabón.
19:00 h. Dani Padrón asina Fábulas de Esopo e Pan de millo na caseta de Secretaría.
20:30 h. Presentación de Sen piedade, de Pedro Feijoo, publicado por Xerais. O autor estará acompañado de Sira González e Fran Alonso.
20:30 h. Henrique Dacosta asina na caseta de Cartabón.

O Galeusca de Editoras demanda máis investimentos públicos para o sector e a implicación de industria e comercio

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“Galicia acolleu o encontro Galeusca de editoras, no que participaron 25 empresas editoriais pertencentes ás asociacións de Galicia, País Vasco, Cataluña e Valencia. Estes encontros, celebrados na Fundación Seoane da Coruña durante os días 13 a 15 de xuño, consolídanse despois de 16 edicións bianuais de reunións e debates conxuntos.
Organizado pola Asociación Galega de Editoras en colaboración coa Asociación de Editores en Lingua Vasca (Euskal Editoreen Elkartea), a Associació d´Editors en Llengua Catalana e a Associació d’Editors del País Valencià, o Galeusca 2018 demanda ás respectivas administracións implementar e cumprir cos plans integrais de fomento da lectura acordados co sector. Para as editoras e os editores que formaron parte deste encontro é fundamental a discriminación positiva de investimentos estatais con respecto ás linguas do territorio Galeusca.
De igual xeito, as/os representantes editoriais presentes na cita apelan a corrixir as desigualdades de xénero que aínda existen no sector e manifestan a preocupación polos ataques cometidos á liberdade de expresión.
Na súa benvida ás editoras presentes, o presidente da AGE, Xosé Ballesteros, manifestou que “nós, editoras e editores en linguas minorizadas, non desprezamos ningunha lingua, nin dentro das fronteiras do Estado español, nin fóra del. Porque desexamos enriquecer a lingua na que falamos, pero tamén as linguas coas que convivimos, establecer pontes, superar barreiras e fronteiras”.

CONCLUSIÓNS GALEUSCA DE EDITORAS 2018
– Manifestamos a vontade de ampliar e consolidar liñas transversais de colaboración en defensa das linguas nacionais.
– Consideramos que o apoio á cultura non é unha subvención senón un investimento.
– Esiximos, como industrias editoriais, un significativo incremento de investimentos públicos para o sector do libro, coa necesaria implicación dos departamentos de Cultura, Industria e Comercio.
– Constatamos a necesidade de que os respectivos gobernos nacionais se coordinen para establecer políticas conxuntas na defensa das respectivas linguas.
– Demandamos a discriminación positiva de investimentos estatais con respecto ás linguas do territorio Galeusca, garantes da diversidade lingüística.
– Reiterámonos na necesidade da implementación e cumprimento de plans de lectura acordados co sector, con suficiente dotación económica para levalos a cabo.
– Apostamos pola internacionalización das obras dos nosos creadores como mellores embaixadores da nosa literatura.
– Destacamos o traballo e a responsabilidade das mulleres no sector editorial e apelamos a corrixir as desigualdades de xénero que aínda existen.
– Manifestamos a nosa preocupación ante os ataques cometidos por parte dos poderes do Estado contra a liberdade de expresión.

Estas conclusións seranlles trasladadas aos respectivos gobernos nacionais e estatal.”

A Coruña: Encontro Galeusca de Editoras 2018

Crónica videográfica da III Gala do Libro Galego (III)

A III Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Premio Honorífico á Edición: Xavier Senín:

Premio Honorífico á Libraría: Xurxo Patiño, de Librouro:

Xosé Ballesteros: “Publicar para a infancia tamén supón opcións políticas e ideolóxicas”

Entrevista de Daniel Salgado a Xosé Ballesteros en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Segue a haber prexuízos contra a literatura infantil?
– Xosé Ballesteros (XB): Iso é como se alguén di que a educación infantil é algo menor, cando está comprobado que a base da cultura dunha persoa e da súa capacidade de desenvolvemento psicolóxico integral ten que ver con como te educan nos primeiros anos da túa vida. A literatura infantil é algo menor, por que? Todos temos lecturas de cando eramos nenos, e a nosa cultura ten unha base que son as lecturas que fixemos de pequenos. Se ti de rapaz tes acceso a grandes obras da literatura pensadas para a idade psicolóxica na que vives, e vante acompañando e tes posibilidades mesmo de escoitar música e ter unha formación musical artística, teatral… Se desde pequeno van cultivándote como se cultiva unha planta ou unha árbore, terás unha vida moito máis rica que se estás todo o día diante dun televisor mirando programas lixo. O que si me preocupa é a pouca visibilidade da literatura infantil nos medios. Aí si que hai prexuízos.
– SG: A literatura infantil como rama menor da cultura.
– XB: Nós somos editores e buscamos a calidade literaria e plástica. Non só para os nenos. Cando publicamos para adultos, cando publicamos a biblioteca de pedagoxía, cando publicamos teatro, queremos publicar o mellor dentro das nosas posibilidades. Hai outras editoras, e non estou pensando nas galegas que abondo teñen con existir, no Estado español que publican Cuentos tradicionales para niños de seis años, color azul; Cuentos tradicionales para niñas de seis años, color rosa. É un mundo complexo e hai xente que publica para nenos e só lles interesa o consumo. E hai outros que queremos publicar non só para o lecer senón para contribuír á evolución integral da persoa. Non chegamos aquí da nada. Temos referentes. E somos un proxecto que sabemos que existe Rodari e a súa Gramática da fantasía, pero tamén sabemos que existiron as Misións Pedagóxicas, a Institución Libre de Enseñanza, os mestres republicanos represaliados. Considerámonos herdeiros deses movementos da escola máis renovadora e de editoras como Felicidad Orquín ou a propia Esther Tusquets. Como di Orquín, ela decidiu ser editora como opción política. Nós seguímolo tendo claro. Publicamos libros e temos claro que publicar para a infancia tamén supón opcións políticas e ideolóxicas. E asumimos esa función social e transformadora. (…)”

Xosé Ballesteros é reelexido presidente da Asociación Galega de Editoras

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras (AGE), reunida esta semana en Asemblea Xeral Extraordinaria, renovou os cargos da súa Xunta Directiva para os dous próximos anos e decidiu por unanimidade reelixir como presidente a Xosé Ballesteros Rei, director de Kalandraka Editora, nunha aposta da Asociación pola consolidación e continuidade na liña de traballo desenvolvida nestes dous últimos anos.
O equipo directivo queda tamén configurado polo vicepresidente, Henrique Alvarellos Casas (Alvarellos Editora); a secretaria, María Xesús Gómez (Rodeira); a tesoureira, Ana Guerra Cañizo (Edicións Obradoiro) e catro vogais: Andrea Jamardo (Urco Editora), Miguel Toval (Edicións Embora), Francisco Alonso (Edicións Xerais de Galicia) e Xulio Amigo (Editorial Galaxia).
O presidente da AGE, Xosé Ballesteros, fixo balance da xestión realizada durante os estes dous anos. Destacou o traballo realizado polas persoas que formaron parte da directiva e que agora non continuarán e valorou así mesmo a complicidade do equipo e do grupo de editoras que participan activamente a prol do funcionamento da Asociación.
Ballesteros lembrou que a parte máis gratificante foi sacar adiante á AGE despois dunha situación económica delicada e grazas a unha política de austeridade e de xestión, o que nos permite agora iniciar este período con certa solvencia. Nesta etapa a Asociación poderá investir en formación (sobre todo para os proxectos editoriais máis novos), na proxección exterior do libro galego, e continuar coa colaboración cos outros gremios e colectivos do sector.”

A Asociación Galega de Editoras, con stand propio nunha feira internacional

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““O libro galego ten que estar presente, esta (a presenza en Boloña) é unha proba de que somos capaces polos nosos medios de demostrar que o libro galego está vivo e que conta no mercado internacional”. Xosé Ballesteros, presidente da Asociación Galega de Editoras, entidade que por vez primeira conta cun stand propio nunha feira internacional. Comeza a feira do libro de Boloña na que participan nove empresas galegas. A entrevista pode escoitarse aquí.”