Entrevista
de Romina Bal a Antonio Reigosa, Antonio García Teijeiro e Xosé Cobas en Praza:
“(…) – Praza (P): Que foi o que vos levou a este proxecto? Buscabades algún obxectivo concreto?
– Antonio Reigosa (AR): Tratábase de encher un oco no eido literario. A proposta é diferente ao relato lendario en si, é un experimento consecuencia de detectar que existía unha carencia na poesía mitolóxica de orixe popular. Si existen exemplos de libros sobre mitos clásicos, mais de orixe pagá, mitoloxía de orixe oral non existe. O relato lendario engade un atractivo de xogo textual entre a prosa e o verso que se completa coa imaxe marabillosa de Xosé Cobas.
– P: Que destacas deste traballo?
– AR: Atendín ao ámbito xeografico, ás catro provincias salvo no apólogo que non ten localización concreta do sargo e a toniñ. Trátase dunha fabula mariña da que de momento non temos outra manifestación igual. No libro tamén se recolle un exemplo de mito e moitas historias máis. (…)
– P: Como foi o proceso de creación?
– Antonio García Teijeiro (AGT): Despois de varias lecturas reflexivas intentei manter a fidelidade co relato lendario pero achegando certos toques líricos. Eu manteño que a poesía debe entrar en voz alta achegando sonoridade, ritmo… Dividín a lenda en parágrafos, debullándoa, agardando pola imaxe evocadora, e fun co paso dos días anotando nunha libreta o que se me ía ocorrendo. Intentei achegar en verso outra visión do relato, completándoo e xogando tamén coas súas palabras.
– P: Cal é a situación actual da lingua, como docente como a ves?
– AGT: A situación é preocupante, educar é amar e se non educas no agarimo, non se consegue nada. A min interésame especialmente a literatura e a súa didáctica e habería que cambiar o plan de estudo de Maxisterio. Os docentes teñen que ler para saber transmitir, para achegar na aula, hai lecturas que son imprescindibles, coas que deben saber traballar na aula. As bibliotecas dos centros escolares deberan estar en mans de persoal preparado e crear prazas de biblioteca para tal fin. Temos moi difícil o ensino se non len, o profesor ha de ser unha persoa formada. Así mesmo, considero importante achegar as nenas ás bibliotecas, eu, cos meus alumnos, vou todos os luns para coñecer os libros fisicamente e non a través do que se conta. Queda moito por facer. (…)
– P: Como foi o proceso creativo?
– Xosé Cobas: O labor principal é a lectura, o fundamental non é só a execución, tamén é necesaria unha formación como lector, saber ler, da memoria que teñamos almacenada no noso maxín. No meu caso son as memorias da infancia, a Historia da Arte (para este libro tivo moi presente A Venus de Botticelli que fai de inspiración para a crina do cabalo da portada) as lecturas literarias, de ensaio, de filosofía… o sentido da percepción que axuda a ler, a aprender, a ver. Temos que aprender a ver a través do ler e da natureza, no espazo da poesía urbana… a suma destes procesos enriquece a capacidade do creador. Unha lectura rápida para saber, unha relectura analítica e logo a partir de aí, a lectura connotativa que me ofrece, e despois outra lectura sectorial, por partes, que brinda unha imaxe para ao final pensar nunha harmonía. O que di o texto xa o di o texto, as redundancias procuro evitalas sen traizoar o texto. (…)”
Arquivos da etiqueta: Xosé Cobas
Vigo: presentación de Lendo lendas, digo versos, de Antonio Reigosa e Antonio García Teijeiro
O
mércores 18 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase Lendo lendas, digo versos, de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa, ilustrado por Xosé Cobas e publicado por Xerais.
Preséntase Lendo lendas, digo versos
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“As lendas en verso e en imaxes. Un libro, Lendo lendas, digo versos, de Antonio Reigosa, Antonio García Teijeiro e Xosé Cobas. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Lugo: presentación de Lendo lendas, digo versos, de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa
Santa Cruz, Oleiros: presentación do libro-disco Cadros dunha exposición
A Coruña: II Seminario Internacional de Educación Social e Alfabetización Lectora, o venres 25 de setembro
Desde
Fervenzas Literarias:
“Baixo o lema Ler, escribir e com@prender na era dixital, celébrase na A Coruña o II Seminario Internacional de Educación Social e Alfabetización Lectora, organizado pola Universidade da Coruña xunto a outras institucións.
Dando continuidade ao I Seminario Internacional de Educación Social e Alfabetización Lectora celebrado en Cuenca hai dous anos, o vindeiro 25 de setembro terá lugar a segunda edición, que se celebrará na Facultade de Educación da Universidade da Coruña, organizado en común entre o profesor José Antonio Caride e Héctor Pose, ambos membros e coordinadores das respectivas universidades na RIUL e algún membro máis do Grupo de Investigación SEPA-interea, e coa inestimable implicación de Santiago Yubero e Elisa Larrañaga (do CEPLI).
Ao longo desta xornada celebraranse conferencias, paneis, mesas redondas e experiencias a cerca da lectura e a escrita desde a óptica social. Ata A Coruña achegaranse escritores e profesionais do mundo do libro como Daniel Cassany, Roberto Aliaga, Xosé Cobas, Xosé Ballesteros, Javier Marco ou Xulio L. Valcárcel, entre outros.
A matrícula para o Seminario varía dos 10 aos 50 euros, dependendo da modalidade da mesma. As e os interesados en asistir poden poñerse en contacto coa organización a través do correo electrónico hector.pose@udc.es“
A Coruña: presentación do libro-disco Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky
A Coruña: actos literarios destacados do xoves 7 na Feira do Libro
O
xoves 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:
– 18:00 h. Mariola Hermida asina exemplares de Zurcindo latexos na caseta de Couceiro Librerías.
– 19:00 h. Luís Davila asina Bichero na caseta de Librería Cascanueces-
– 20:00 h. Lemos, cantamos, gozamos. II Semana da música infantil da Coruña. Estamos no verán, con Xoán Curiel.
– 20:00 h. Presentación da Edición Dixital Aumentada de Sempre en Galiza de Castelao. Participarán os coeditores do proxecto Consello da Cultura Galega e Editorial Galaxia.
– 20:00 h. Miro Villar e Xosé Cobas asinarán exemplares do seu libro A pantasma da Casa da Matanza, publicado por Biblos, na caseta de Editores Coruñeses. Á mesma hora e na mesma caseta, Tucho Calvo e Xosé Cobas asinarán exemplares do seu libro Paxaro de mar e vento.
Un día para min, de Xabier P. DoCampo
Desde
o blog de Xabier P. DoCampo:
“Todas as persoas amigas que algunha vez pasades por este lugar, xa sabedes de que a AELG dedicoume este ano a súa homenaxe O escritor na súa terra. Letra E, así que aforro descricións e explicacións sobre do asunto e aproveito tempo e espazo para agradecer o que foi, para min, un dia de felicidade.
O evento levoume aos lugares dos meus primeiros acordos: Castro de Ribeiras de Lea (Castro de Rei – Lugo), alí xuntáronse xente da miña larga e cumprida familia, primeiro goce do día velos a todos e todas. Pero acudiron tamén as amigas e amigos máis queridos, que máis podo pedir que estar no medio deles?
Só agradecemento debo a AELG que quero facer público nos nomes de Cesáreo Sánchez Iglesias e de Mercedes Queixas Zas, respectivos presidente e secretaria da asociación. Pero tamén no dos outros membros da directiva: Marta Dacosta, Carlos Negro, Antonio Reigosa, Isidro Novo… E, como non, Ernesto e Ana, que, cheos de amor e xenerosidade, fixeron ese traballo de cada día e de cada intre que fai que todo funcione como debe.
E agradecemento debo tamén ao concello de Castro de Rei, que fago público no nome do seu alcalde Francisco Javier Balado, afectuoso e amábel, que fixo posíbel que Castro de Ribeiras de Lea garde agora a lembranza de min nunha pedra que contén as miñas palabras, nunha cerdeira que medrará para ser vida de min e dunha avenida que gardará o meu nome.
En fin, non é posíbel facer unha crónica axustada do día, porque habería ser posíbel facela das emocións, e estas escorren por entre as palabras e non se deixan fixar no papel, mais gárdanse na quentura da alma.
Outra emoción foron as bonitas palabras que me dedicaron: Cesáreo Sánchez Iglesias, no momento de descubrir o monólito e no acto da entrega da Letra E, palabras de poeta. As que dixo Mercedes Queixas ao ler a acta da concesión desta honra por parte da asemblea da AELG e cuxa cariñosa redacción translucía a autoría desta boa amiga. As que lle escoitei con emoción ao meu irmao Agustín Fernández Paz, que fixo unha laudatio á que o cariño lle poñía esaxeración, pero que era ben bonita de escoitar. Ao final falei eu para agradecer e para contar algo de min, do meu paso por Castro e polo mundo.
Grazas, amigas e amigos que organizastes este día para min. Obrigado fico coa miña familia que non faltou no medio doutras obrigas que chamaban por eles noutros lugares ou vinde ben lonxe só para me agasallar. Beizóns amigas e amigos de cada hora que o sábado estivestes comigo, para todos gardarei sempre un recanto ao quente no meu corazón (Verae amicitiae sempiternae sunt).
Para todas as persoas que asistiron ao xantar quixen eu tamén ter un agasallo especial e editei unha plaquette de 250 exemplares numerados e asinados por min, titulada Pedra e Tempo que contén o texto inscrito no monólito e cinco contos encadeados, penso que representativos dunha boa parte do meu xeito de escribir os relatos curtos. Para esa persoas, mais dedicado a todos os creadores e creadoras da patria da Lingua. Leva, non pode ser menos, na capa unha ilustración do meu irmao Xosé Cobas.
E grazas tamén a todas as persoas que me felicitaron por medio das redes sociais e con chamadas ou mensaxes telefónicas, imposíbel responder a todas, aínda que ben o merecían. Obrigado.
Como agasallo recibín unha fermosísima escultura de Silverio Rivas que representa unha letra E do século III, que me enche de orgullo ter na miña casa. Grazas tamén ao grande artista.”
Taboleiro do libro galego (XXIII), por Ramón Nicolás
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Chega a quinta entrega deste 2014 do «Taboleiro do libro galego» que recolle, segundo os datos obtidos de quince librarías consultadas, as novidades editoriais máis vendidas en lingua galega ao longo do mes de maio. O meu agradecemento, nesta ocasión, ás seguintes librarías: Librouro, Suévia, Carricanta, Biblos, Casa do Libro (Vigo), Andel, Á lus do candil, Aira das Letras, Paz, Trama, Couceiro, Libros para soñar, Abrente e Lila de Lilith, ás que se suma, desde agora, Miranda de Bueu, á que lle dou a benvida.
NARRATIVA
1º-. A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais.
2º-. A voz do vento, de Pemón Bouzas, Edicións Xerais.
3º-. Intensa e quente é a túa humidade azul, de Xulio Pardo de Neyra, Edicións Positivas.
4º-. Sete Caveiras, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
5º-. Maternosofia, de Inma López Silva, Editorial Galaxia.
6º-. A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, Edicións Xerais.
POESÍA
1º-. Nimbos, de Xosé María Díaz Castro, Galaxia.
2º-. Ningún amante saber conducir, de Rosalía Fernández Rial, Positivas.
3º-. Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, Através.
4º-. Dun lago escuro, de Marta Dacosta, Edicións Xerais.
5º-. A segunda lingua, de Yolanda Castaño, Pen Clube-Xunta de Galicia.
ENSAIO-TEATRO
1º-. A alternativa está aquí, de María Reimóndez, Edicións Xerais.
2º-. Politicamente incorreta. Ensaios para um tempo de pressas, de Teresa Moure, Através.
3º-. Xavier Vence. Conversas, de Xan Carballa, Engaiolarte Edicións.
4º-. Contra a morte das linguas, de Miguel Moreira, Edicións Xerais.
5º-. Para que nos serve Galiza?, de Xaime Subiela, Editorial Galaxia.
INFANTIL-XUVENIL
1º-. A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas, Edicións Xerais.
2º-. Ámote, Leo A. Estación de tránsito, de Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
3º-. Recinto gris, de Ledicia Costas, Edicións Xerais
4º-. O Castañeiro de abril, de Antonio Manuel Fraga, Edicións Xerais.
ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
2º-. O Dragón que cambiaba de conto cada vez que esbirraba, de David Aceituno e debuxos de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
3º-. A Burra Ramona, de Paula Carballeira (ilustracións de Xosé Tomás), Baía Edicións.
LIBROS CD-DVD
1º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras, Kalandraka.
2º-. Na lingua que eu falo, de Najla Shami e Rosalía de Castro, Editorial Galaxia.
3º-. Pitusa semifusa, de Olga Brañas, Editorial Galaxia.
4º-. Pan de millo, de Migallas, ilustracións de Dani Padrón, Kalandraka.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
OUTROS
1º-. Luzes, nº 6, maio 2014.”



