“A Fundación Pedrón de Ouro elixiu Rianxo como lugar da entrega da edición número trinta e sete do Premio Modesto R. Figueiredo de relatos para, segundo explicou o seu presidente, ser partícipes da conmemoración do 125 aniversario de Castelao. A proposta tivo boa acollida no Concello, e o vindeiro día 30 farase entrega do galardón no auditorio municipal. Onte tivo lugar, na vila rianxeira, a reunión do xurado, que acordou premiar o traballo de Amancio Liñares Giraut Coreografía Obama. Xosé Ramón Fandiño, presidente da Fundación Pedrón de Ouro, destacou do traballo gañador que é unha obra “moi vangardista, moi ben artellada e moi ben escrita. Pensamos que é unha gran aportación á nova narrativa galega”. O gañador recibirá 1.000 euros en metálico como premio e a publicación do seu relato.
O xurado tamén quixo destacar outros traballos dos 39 que se presentaron ao certame concedendo dous accésits que foron para Frío azul, de Ledicia Costas, e para Eco da afasia, obra de Xaime Domínguez Toxo. Ámbolos dous recibirán 400 euros e a publicación dos seus relatos xunto co gañador. Fandiño, Anxo Angueira, Agustín Agra, Tucho Calvo, Esther Carrodeguas, David Otero e Xesús Santos, como coordinador, formaron o xurado encargado de fallar esta edición do Premio Modesto R. Figueiredo, que se entregará nun acto no que participará o escritor e académico rianxeiro Xosé Luís Axeitos.” Vía La Voz de Galicia e Certo.
Arquivos da etiqueta: Xosé Luís Axeitos
Congreso Lois Pereiro, do 15 ao 17 de decembro
Entre
o xoves 15 e o sábado 17 de decembro, desenvólvese o Congreso Lois Pereiro, organizado pola Real Academia Galega, coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo e da Universidade da Coruña. O comité organizador está formado por Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos Agrelo, Luís Caparrós Esperante e Manuel Rivas Barrós. A inscrición é gratuíta e pódese formalizar no correo secretaria@realacademiagalega.org. O congreso está recoñecido cun crédito de libre configuración pola Universidade da Coruña. O programa é o seguinte:
XOVES, 15 DE DECEMBRO. Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela).
– 9:30 h. A organización do Congreso pon a disposición dos participantes un autobús para o desprazamento á Cidade da Cultura de Galicia. Saída da Coruña {Porta Real) do autobús con destino a Santiago de Compostela (Cidade da Cultura de Galicia).
– 10:30 h. Entrega de documentación.
– 11:30-12:45 h. Visita guiada á Cidade da Cultura de Galicia.
– 12:45 h. Inauguración do Congreso Lois Pereiro.
– 13:00 h. Lección inaugural. Pere Gimferrer: Un poeta europeo.
– 16:30-17:00 h. Antón Lopo: A culpa foi de Lou Reed.
– 17:00-17:30 h. María do Cebreiro: Na miña alma e nas alleas. Políticas do desacougo en Rosalía de Castro e Lois Pereiro.
– 17:30-18:00 h. Luis Cochón: Vira a morte e terá os teus ollos. Os derradeiros poemarios de Alexandre Cribeiro e Lois Pereiro.
– 18:00-18:30 h. Arturo Casas: Suxeito estético, suxeito político”.
– 18:45 h. Saída do autobús de Santiago de Compostela (Cidade da Cultura de Galicia) con destino á Coruña (Porta Real).
VENRES, 16 DE DECEMBRO Real Academia Galega. A Coruña.
– 10:00-10:30 h. Daniel Salgado: Lois Pereiro, o século curto.
– 10:30-11:00 h. Anxo Angueira: Lois Pereiro lírico.
– 11:00-11:30 h. María Xesús Nogueira: Conversa ultramarina. Epistolario de amor e enfermidade de Lois Pereiro.
– 12:00-12:30 h. Miguel Mato Fondo: Dúas cancións e unha elexía para Lois Pereiro.
– 12:30-13:00 h. Olivia Rodríguez: A recepción crítica de Lois Pereiro.
– 13:00-13:30 h. Coloquio.
– 16:30-17:00 h. José Luís Calvo Vidal: Rimbaud / Pereiro. As belezas do abismo.
– 17:00-17:30 h. Xabier Cordal: Lois Pereiro, a xeración sen rede.
– 17:30-18:00 h. Carlos Gegúndez López: Náufragos do paradiso. Monstruo osimorónico sen ataduras
– 18:15-18:45 h. Antón Patiño: A porta xiratoria.
– 18:45-19:15 h. Mercedes Queixas: Por unha canonización (que non beatificación) da obra pereiriana.
– 19:15-19:45 h. Coloquio.
SÁBADO, 17 DE DECEMBRO. Real Academia Galega. A Coruña.
– 10:00-10:30 h. Manuel Rivas: O compañeiro da noite.
– 10:30-11:00 h. Xosé Manuel Pereiro: Un mundo chamado Lois. Revisando os danos.
– 11:00-11:30 h. X. Manuel Outeiriño: Esteticismo e terribilitá na obra poética de Pereiro.
– 12:00-12:30 h. Luz Pozo: Se queredes amigos, deixade unha flor.
– 12:30-13:15 h. Lección de clausura, por Chus Pato: Da vida e furia necesaria.
– 13:15 h. Clausura e entrega de diplomas.
Desde a páxina oficial de Lois Pereiro. Recollido tamén en Cultura Galega.
Recensións posteriores en La Voz de Galicia (venres 16, sábado 17, domingo 18), La Opinión (venres 16), El País (venres 16), Galiciaé (xoves 15).
Santiago: acto literario no 25 aniversario de Polaroid, de Suso de Toro
O
xoves 10 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do IES Rosalía de Castro (Rúa de San Clemente, s/n), de Santiago de Compostela, terá lugar un acto literario en conmemoración do 25º aniversario da publicación de Polaroid, de Suso de Toro, no que participarán Xosé Luís Axeitos, Pepe Barro, José Manuel Estévez Saá, Rexina Vega, Rosa López Gato e o propio autor, con Iago Martínez como moderador.
A Coruña: actividades do domingo 7 na Feira do Libro
Estas
son as actividades máis destacadas previstas para o domingo 7 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, que estará aberta nos Xardíns de Méndez Núñez até o mércores 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:
– 19:00 h. Presentación do libro Guía das libélulas de Galicia, do investigador e naturalista vigués Miguel Ángel Fernández Martínez, publicado en Baía. O autor estará acompañado polos investigadores de zonas húmidas de Galicia e naturistas galegos Anxo Rajou e Alberto Gil.
– 20:00 h. Presentación do libro Contos e descontos. Narrativa completa de Claudio Rodríguez Fer publicado en Toxosoutos. Xunto co autor, participará no acto Xosé Luís Axeitos, secretario da Real Academia Galega e David González Couso, director de publicacións da editorial.
A Coruña: Unha estrela no ceo de Galicia, acto conmemorativo do 150 aniversario dos Xogos Florais de 1861
O
sábado 2 de xullo, na Fachada do Teatro Rosalía de Castro, a Real Academia Galega e a Concellaría de Cultura promoven Unha estrela no ceo de Galicia, acto conmemorativo do 150 aniversario dos Xogos Florais da Coruña de 1861, co seguinte programa (Xogos Florais 1861-2011 Unha estrela no ceo de Galicia):
– 13:00 h. Abre o acto un baile de Nova Galega de Danza.
– 13:05 h. Saúdo e presentación do acto polo secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos Agrelo.
– 13:10 h. Lectura dalgúns poemas galegos do Álbum de la Caridad, publicado un ano despois dos Xogos Florais de 1861. Coa intervención de: Consuelo Bautista, xornalista de Radio Coruña; Manuel Gallego, arquitecto; Begoña Varela Bárcena, libreira de Nova Colón; Gonzalo de la Huerga, conselleiro do Consello Consultivo de Galicia; Marisol López Facal, médica; Xosé María Barja, reitor da Universidade da Coruña; Luísa Merelas, actriz; Roberto Pérez Vila, presidente do comité de empresa de Zara Loxística; Laura Gayoso, sumiller e restauradora; Ánxel Vázquez de la Cruz, médico; e Charo Soto Arias, vicedirectora do IES Eusebio da Guarda.
– 13:25 h. A presidenta da Asociación de Compositores de Galicia Margarita Viso Soto interpreta ao piano a muiñeira de Canuto Berea, peza que se escoitou nos Xogos Florais de 1861.
– 13:30 h. Discurso do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín.
– 13:40 h. Desde a Serra de Outes, terra natal do poeta Francisco Añón, galardoado nestes Xogos Florais, traen unha ofrenda vexetal para os promotores e organizadores dos Xogos. O secretario da Asociación cívico-cultural Terra de Outes, Ramón Blanco, fai entrega dun carballo ao presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, e dun loureiro á descendente dos irmáns de la Iglesia, María Rosa Saurín de la Iglesia.
– 13:45 h. Pecha o acto a Banda Municipal de Outes coa interpretación do Himno galego.
A Pobra do Caramiñal: presentación de Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz
O venres
24 de xuño, ás 20:30 horas, na Librería Ler (Rúa Paz, 8) da Pobra do Caramiñal, preséntase o libro Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz, publicado por Xerais. No acto, organizado pola editora, a librería e a Asociación Cultural Barbantia, acompañarán ao autor Xosé Luís Axeitos, Fidel Vidal, Xosé Ricardo Losada e Xesús Laíño.
Rianxo: presentación de Cadro artístico: Airiños. 75 aniversario
O
sábado 28 de maio, ás 19:00 horas, no Auditorio de Rianxo, a Asociación Cultural Barbantia, o Centro Cultural “Simón Varela” de Asados, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, o grupo de teatro “Airiños” e o Concello de Rianxo presentan o libro Cadro Artístico: Airiños. 75 aniversario. Estarán presentes, entre outros, Xosé Luís Axeitos, Manuel Lourenzo, Anxo Angueira e Xesús Santos.
Rianxo: presentación de O sol da tristeza, de Fidel Vidal
O
venres 27 de maio, ás 20:30 h., no Auditorio de Rianxo, preséntase o ensaio O sol da tristeza. A figura do pai na obra de Manuel Antonio, de Fidel Vidal, publicado en Espiral Maior. No acto, no que se presenta tamén un novo número de A Voz de Barbantia, participan, acompañando ao autor, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Luís Axeitos, Milagros Torrado e Pedro Piñeiro.
Convocado o III Premio de Ensaio Curto Alexandre Bóveda 2011
BASES
– Primeira. A A. C. Alexandre Bóveda e a Editorial Laiovento convocan a III Edición do Premio de Ensaio Curto Alexandre Bóveda, co obxecto de honrar a figura do insigne galeguista, ben como premiar un traballo que signifique unha contribución ao pensamento e a reflexión sobre a Galiza actual. A temática a desenvolver na presente convocatoria será libre, sempre que teña a ver con Galiza.
– Segunda. Poderá participar calquera persoa que o desexar.
– Terceira. Establécese o seguinte premio, que será único: Edición da obra gañadora cunha tiraxe de 500 exemplares, máis unha obra única e orixinal feita ex profeso para o premio por un/ha nomeado/a artista galego/a e o diploma de honra.
– Cuarta. Os traballos deberán ser inéditos e terán unha extensión mínima de 50 folios e máxima de 70. Os orixinais presentaranse mecanografados a espazo e medio por unha soa cara, grampados ou encadernados. Os traballos terán de estar escritos na normativa oficial do galego. Os participantes terán a obriga de comunicaren a concesión de calquera outro premio que obtiver a obra presentada a concurso para a súa exclusión na presente convocatoria.
– Quinta. Enviaranse seis copias dos orixinais sen asinar e cun lema que figurará tamén nun sobre á parte. Nese sobre tamén se incluirán nome e apelidos, enderezo e telefone da persoa concursante, ben como a fotocopia do carné de identidade.
– Sexta. Os traballos remitiranse ao seguinte enderezo: “Asociación Cultural Alexandre Bóveda, R/ Olmos, 16-18, 1º, 15003. A Coruña”. Tamén se poderán entregar persoalmente na devandita dirección, en horario de 16:30 a 20:30 h., de luns a venres. No sobre debe ir indicado 3º Premio de Ensaio Curto ‘Alexandre Bóveda’.
– Sétima. O prazo de presentación de orixinais será do día 25 de abril até o día 31 de outubro.
– Oitava. O xuri estará composto por persoas representativas do mundo da cultura galega. O seu fallo será inapelábel.
– Novena. A entrega do premio terá lugar na cidade da Coruña o día 17 de decembro, co gallo da cea de socios e socias da A. C. Alexandre Bóveda. A persoa galardoada será avisada cunha semana de antelación. A ausencia inxustificada da persoa premiada no acto entenderase como expresión de que declina o seu dereito ao galardón concedido, renunciando por tanto a calquera reclamación ulterior deste. O premio pode quedar deserto.
– Décima. A persoa gañadora autoriza a Asociación Cultural Alexandre Bóveda a poder publicar, en edición escrita, o traballo que resultar galardoado.
A Coruña, abril de 2011.
As bases poden descargarse aquí: Bases III premio ensaio curto Alexandre Bóveda 2011.
O xurado está composto, nesta edición, por: Anxo Calvo, Francisco Pillado Maior, Pilar García Negro, Pilar Cagiao Vila e Xosé Luís Axeitos.

