Vigo: presentación de En defensa do poleiro

O xoves 24 de febreiro, ás 19:30 h., na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase o libro En defensa do Poleiro, publicado por Toxosoutos, libro colectivo, iniciativa da Plataforma en defensa do uso público e educativo do mosteiro de Celanova, que contou coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega e no que participaron máis de 60 escritores galegos. Intervirán: Alfonso Eiré, Anxo Angueira, Manuel Vidal Villaverde, Manuel Vilanova, Rafael Laso, Ramón Nicolás, Xesús Alonso Montero, Xosé María Álvarez Cáccamo e Xoán Carlos Domínguez Alberte (coordinador).

Pontevedra: presentación do libro-obxecto Cántico dos topónimos esdrúxulos, de Xosé María Álvarez Cáccamo

O xoves 17 de febreiro, ás 20:00 h., no Auditorio da Fundación Caixa Galicia de Pontevedra, nun acto organizado polo Ateneo desta cidade, preséntase o libro-obxecto Cántico dos topónimos esdrúxulos, de Xosé María Álvarez Cáccamo. Acompañarán ao poeta o editor, Miguel Anxo Fernán-Vello, o arqueólogo Xosé Lois Vilar e o grupo musical Xardín desordenado, composto por Santiago Ferragud (voz, guitarra), Marlene Rodrigues (voz) e Isaac Garabatos (guitarra). Máis información en Galicia Hoxe.

Foz: homenaxe literario-musical a Xavier Rodríguez Baixeras

O venres 4 de febreiro, a partir das 20:30 h., na Casa da Cultura Poeta Manuel María de Foz, a Asociación Cultural A Pomba do Arco organiza unha homenaxe literario-musical ao escritor mariñao Xavier Rodríguez Baixeras no que participarán, a máis da Banda Municipal de Foz, Juan Soto, xornalista e Cronista Oficial da Provincia, Suso Fernández, Cronista Oficial de Foz, Xosé María Alvárez Caccamo, escritor, e o propio homenaxeado, Xavier Rodríguez Baixeras. O acto será introducido polo presidente da entidade organizadora, o historiador Xoán Ramón Fernández Pacios.

Tui: presentación de A cidade sen roupa ao sol

O xoves 16 de decembro, a partir as 20:30 h., na Biblioteca Pública (Rúa Colón, 2) de Tui, preséntase o libro de poemas A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val, publicado en Espiral Maior. No acto intervirán, coa autora, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé María Álvarez Cáccamo, Rafael Sánchez Bargiela e Julián B. Baso, ilustador.

Vigo: presentación de De sombras e poemas que son casas, de Xosé María Álvarez Cáccamo

O luns 29 de novembro, a partir das 20:00 h., na Casa del Libro (Rúa Velázquez Moreno) de Vigo, o escritor Xosé María Álvarez Cáccamo presenta o seu libro De sombras e poemas que son casas, que ven de publicar en Edicións do Cumio, dentro da colección Antoloxías Poéticas Sonoras. Durante o acto estará con el o tamén escritor Manuel Forcadela, ademais de Cándido Meixide, responsable da parte multimedia da colección, e de Francisco Villegas, director da editorial.

Santiago: presentación de Pel con pel

O domingo 3 de outubro, ás 17:30 h., no Centro Sociocultural das Fontiñas, en Santiago de Compostela, preséntase Pel con pel, que recolle case corenta fotos presentadas ao II Concurso sobre Lactancia Materna que organizou Fedegalma e a Editorial Galaxia, acompañadas por textos literarios. No acto participan Dores Tembrás, Marta Dacosta, Begoña Caamaño, Ledicia Costas, Francisco Castro, Eduardo Estévez e Alfredo Ferreiro, autores de parte dos textos publicados neste libro, no que tamén escribiron Xosé María Álvarez Cáccamo, Román Raña, e Yolanda Castaño.

Riotorto: recital de poetas da xeración dos 80 na Festa da Cultura

Este sábado 25 de setembro, a partir das 22:00 h., dentro da Festa da Cultura que se celebra en Riotorto, desenvolverase un recital poético de autores da chamada Xeración dos 80, no que intervirán Xavier Rodríguez Baixeras, Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Forcadela, Xulio Varcárcel, Xavier Seoane, Luísa Castro e Cesáreo Sánchez.
Ese mesmo día celebrarase a Feira do libro e do disco galego, no marco da cal se realizarán as seguintes presentacións:
17:00 h. Xosé Chao Rego, por Bernardo García Cendán e Marcos Maceira.
18:00 h. Rosalía, o clamor da rebeldía, por Pilar García Negro.
19:00 h. Noente paradise, con Ugia Pedreira e Raquel Miragaia.

O programa completo da Festa da Cultura, desde o venres 24 até o domingo 26, pódese consultar aquí.

Gondomar: presentación da exposición Material metáfora, de Pepe Cáccamo

O venres 10 de setembro, ás 20:30 h., na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida do Campo da Feira, 10, baixo) de Gondomar, inaugúrase a exposición Material metáfora, de Pepe Cáccamo, que permanecerá aberta entre o 10 de setembro e o 20 de outubro, podendo ser visitada os días laborables entre as 18:00 e as 20:00 h.
En palabras do propio autor, “Material Metáfora é un texto obxectual, un libro de poemas en tres dimensións, un volume antolóxico (unha antoloxía de ideas dotadas de volume) que pretende dar corpo a un conxunto teimoso de analoxías pertencentes ao campo semántico da luz, á textualidade impresa dos libros literalmente abertos, aos alfabetos da cor, á gramática das identidades antropomórficas… Son obxectos procedentes ás veces dunha incitación discursiva, dun pre-texto verbal. Noutras ocasións foi o diálogo dos corpos físicos, o parentesco de proximidade entre significados visuais, a clave organizativa da analoxía conceptual. Metáforas, símbolos, imaxes visionarias, alegorías, símiles … os recursos retóricos cos que se construíron os poemas deste volume pertencen ao campo dos chamados procedementos imaxinativos. Son os tropos da retórica literaria (clásica, moderna e contemporánea) que eu quixen trasladar ao espazo tridimensional. Alén da madeira, o ferro, o cristal ou o papel, o material básico destes obxectos é a Metáfora, ese invento, esa substancia prodixiosa que nos permite entregar vida acústica e visual ao diálogo de identidades que labran o texto do mundo.”