Xosé Miranda: “A literatura fantástica non nos evade, descóbrenos partes ocultas do mundo”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Xosé Miranda en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): E por que un precisa escribir?
– Xosé Miranda (XM): Eu preciso escribir por moitas razóns. Unha das máis importantes é que a literatura me permite vivir moitas vidas. Non teño capacidade para experimentar directamente outras realidades que a miña pero cando creo personaxes e historias aí teño liberdade absoluta. Unha liberdade que vai incluso máis alá do racional. O que aparece nos libros sempre é inventado e iso dá unhas posibilidades enormes para os que deixamos solta a imaxinación.
– B: Vostede sempre di que é falso que a literatura fantástica sexa menos comprometida que a realista.
– XM: Na teoría literaria en Galiza detectei en tempos un grave erro. Falouse de que a literatura debe ser un espello do mundo, entendendo que o mundo é aquilo que é mensurábel. Isto é falso porque sabemos que o real é aquilo que está na mente e, polo tanto, pode haber moitos realismos. As nosas letras sempre viviron nesa suposta antítese entre a literatura realista e a fantástica: Rosalía de Castro contra Eduardo Pondal; Álvaro Cunqueiro contra Celso Emilio Ferreiro… Por sorte, Xosé Luís Méndez Ferrín superou esa división e xunguiu na mesma obra ambas as correntes. Mais iso non foi suficiente e perviviu durante moito tempo unha idea atroz: a literatura realista é comprometida, a fantástica é escapista. Eu negueime a aceptalo. Esa idea conduce a unha literatura costumista, copia mal feita da literatura realista estadounidense, o denominado dirty realism (realismo sucio). E se un escribía literatura fantástica rapidamente lle apuñan dous cualificativos nunca ben explicados: artúrico e cunqueiriano.
– B: E por que se impuxo esa doutrina?
– XM: Coido que a literatura galega estivo bastante influída pola poesía social española e todo o socialrealismo que promoveu. Un socialrealismo, por certo, que é o máis aburrido do mundo. E iso desemboca nese tópico de que o realismo social é antifranquista, polo tanto, demócrata, polo tanto moralmente máis defendíbel, polo tanto mellor. Esas consideracións éticas son un tanto ridículas e xorden desa primeira premisa falsa: que o realismo explica mellor a realidade. (…)”

A cerdeira de Xabier P. DoCampo xa medra na Chaira

Desde Sermos Galiza (foto dese mesmo medio), tamén en Praza:
“Con só sete meses Xabier P. DoCampo, nado en Rábade, foi vivir a Castro de Ribeiras de Lea de onde se sitúan as súas lembranzas da infancia, o tempo de máis importancia vital para o escritor. En Castro de Ribeiras de Lea, na Terra Chá, orixínase tamén a súa traxectoria literaria, nos relatos escoitados a seu pai e nos versos e contos que a nai transmitía á pé da súa máquina de coser, onde o cativo Xabier pasaba un feixe de horas. A ese espazo é onde Xabier P. DoCampo escolleu ir para recibir a homenaxe O escritor na súa Terra que este sábado día 21 lle tributou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. “O acto de amor máis sublime que coñezo é contar unha historia”, dixo o escritor, referíndose tamén á herdanza recibida dos seus pais en forma de literatura oral.
En Castro plantou Xabier P. DoCampo unha cerdeira, a súa árbore preferida, en especial, no seu tempo florido e tamén a árbore que lembra da infancia, cando soñaba poñerse debaixo das súas ponlas a apañar as primeiras cereixas. En Castro inaugurou tamén unha avenida que leva xa o nome do escritor e recibiu a letra E, na forma de escultura de Silverio Rivas. Na Casa da Cultura recibiu o escritor o agarimo dos seus, dos compañeiros e compañeiras das letras que partillaron a memoria de infancia de Xabier P. DoCampo e, en especial, do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, e do escritor e amigo Agustín Fernández Paz, encargado da laudatio da homenaxe.
En dez mandamentos resumiu Fernández Paz o labor de Xabier P. DoCampo que vai desde unha traxectoria literaria recoñecida até un papel fundamental nos movementos de renovación pedagóxica e de moito compromiso en multitude de iniciativas e plataformas creadas para promover a normalización lingüística. Ademais, bo cociñeiro e excelente amigo co que compartiu, entre outras cousas, moitas películas vistas ao tempo, afección que tamén os une. Compañeiro da que Xabier P. DoCampo definiu como a xeración que volveu a “soñar o país”, Agustín Fernández Paz utilizou o plural para lamentar que agora lles tocara “ver que doado é derrubar todo o que levou tantos anos erguer”.
Malia ese pesimismo compartido, a intervención de Xabier P. DoCampo transmitiu a súa vontade vital de revolta da que tanto saben quen o coñecen e quen sigue a súa traxectoria pública de compromiso permanente co país, a lingua e a cultura. “Ningún esforzo é inútil na defensa da nosa lingua”, dixo, nun discurso que comezou referíndose a súa infancia, evocada pola Chaira como territorio literario creado por Manuel María -segundo defende- e como territorio vital que remite aos seus primeiros anos, ao tempo do neno da escola rural que se ía facer escritor empurrado pola lingua e as historias que escoitou naquela terra. O amor á lingua, á nación e a vida presidiron a emocionante intervención do escritor que volveu e levou canda el á República das Letras a Castro de Ribeiras de Sil onde xa medra unha cerdeira que formará parte da paisaxe da Chaira.
Acompañaron no acto a Xabier P. DoCampo entre outros e outras Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Miranda, Manuel Bragado, Álvarez Torneiro, Marta Dacosta, Saleta Goi, David Otero, Xoán Costa, Paco Martín, Celia Torres, Mini e Mero, Carlos Negro, Marica Campo, Carme Pérez Sanjulián, Antón Cortizas ou Mercedes Queixas. Do mundo da política asistiron tamén o responsábel de cultura da Deputación de Lugo, Mario Outeiro e as deputadas do BNG Ana Pontón e Carme Adán ademais dos alcaldes de Rábade, onde naceu o escritor, e o de Castro de Rei que desexou que da cerdeira naceran tantas cereixas como libros escribiu e escribirá Xabier P. DoCampo. O escritor desexou que foran os merlos os que se aproveitaran do gorentoso froito.”

Letra das Festas. Anécdotas e sucedidos de Lugo, o mércores 10 de outubro

O mércores 10 de outubro, ás 19:00 horas, no Círculo de las Artes da cidade de Lugo, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, organiza a segunda edición da Letra das Festas. Anécdotas e sucedidos de Lugo, “revista de literatura oral ao vivo” que sae sempre polo San Froilán. O acto está coordinado e presentado por Antonio Reigosa e Isidro Novo.

Participan contando: Antón Grande, Ana Carreira, Xosé Reigosa, Tareixa Campo, Xoán R. Cuba, Xulio Xiz, Xosé Miranda, Tonina Gay, Manuel Curiel, Marica Campo, Benjamín Santín, Darío Xohán Cabana, Marina Cillero, Fernando Arribas, Marga Portomeñe, Paco Nieto, Pilar García Negro e Paco Martín.

Encárganse dos interludios musicais: Abraham Cupeiro e María Ruíz.

Lugo: Xornadas de Erotismo na Arte, do 20 ao 28 de setembro

Do xoves 20 ao venres 28 de setembro, na Sala Multiusos do Museo Provincial de Lugo, baixo a organización da Rede Museística Provincial, desenvolveranse as Xornadas de Erotismo na Arte, que forman parte das actividades complementarias da exposición Arte para gozar. Sensualidade e erotismo nos museo da Rede Museística da Deputación de Lugo, aberta ao público na Sala de Exposicións do Museo Provincial desde o 12 de xullo ata o 30 de setembro de 2012. Os coordinadores son Fernando Arribas e Antonio Reigosa.
Dentro do programa, que pode ser consultado integramente aquí, destacamos as seguintes actividades:

Xoves, 20 de setembro
– 18:10 h. O cine erótico e pornográfico en Lugo, por Fernando Arribas Arias.
– 19:30 h. A filla que aleita ao seu pai: Piedade filial ou erotismo incestuoso?, por Antonio Reigosa.
– 20:15 h. Tertulia e debate coa participación dos ponentes e do público asistente.
Venres, 21 de setembro
– 18:00 h. Contos colorados. O erotismo na literatura popular, por Xosé Miranda.
– 19:00 h. Sensualidade e erotismo na arte europea, por Covadonga López de Prado Nistal.
– 20:00 h. Tertulia e debate entre os ponentes e o público asistente.
Mércores, 26 de setembro
– 18:00 h. Ti contabas as estrelas / eu as areas do chao: Erotismo e poder na poesía galega de tradición oral, por Olga Novo.
– 19:00 h. O febril revoar das amavías. Lecturas de sexo e desexo, por Isidro Novo.
– 20:00 h. Tertulia e debate coa participación dos ponentes e do público asistente.

Diploma de asistencia. As persoas isncritas cuxa asistencia non sexa inferior ao 80% das horas impartidas recibirán un diploma acreditativo de 20 horas lectivas.
Inscricións. As inscricións, que son gratuítas, realizaranse exclusivamente a través deste formulario: >>Formulario de inscrición
Máis información aquí.

Ramón Neto gaña o XVI Premio Miguel González Garcés

A obra gañadora do XVI Premio de Poesía Miguel González Garcés, convocado pola Deputación da Coruña, foi As lavandas adáptanse a todo erro de navegación, de Ramón Neto. Como finalista quedou Ledicia Costas coa obra Satén.
Ao premio, consistente nunha dotación de 6500 euros e a edición da obra gañadora, presentáronse 47 álbumes de poemas. O xurado estivo formado por Xavier Rodríguez Baixeras, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Miranda e Miguel Anxo Darriba.

Lugo: presentación de Un niño no xardín, de Xoán Neira

O venres 29 de xuño, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Un niño no xardín, de Xoán Neira, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Bragado e Xosé Miranda.

Lugo: actos destacados do venres 18 e sábado 19 na Feira do Libro

Continúa a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior) con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h. As actividades máis destacadas do venres 18 e sábado 19 son as seguintes:

* Venres 18:
– 20:00 h. Presentación do libro Hotel Cidade Sur, de Xerardo Quintiá, publicado por Galaxia.

* Sábado 19:
– 20:00 h. Charla coloquio Segredos da novela histórica, coa participación de Xosé Miranda e Fran Zabaleta.

Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, coloquio sobre Os Gazafellos, de Pepe Carballude

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

– O luns 19 de marzo, ás 20:00 horas, no Salón de actos, coloquio arredor dos Gazafellos, con Pepe Carballude e Xosé Miranda, moderados por Quico Cadaval.

Betanzos: conferencias de Xosé Miranda e Alfredo Erias nas II Xornadas da Historia

O xoves 24 de novembro , ás 20:30 horas, no Salón Azul do Edificio do Arquivo de Betanzos, comezan as II Xornadas da Historia. Betanzos na Idade Media, organizadas pola A. C. Eira Vella, cunha conferencia a cargo de Xosé Miranda, baixo o título A Galicia máxica: Lendas. O venres 25 de novembro, tamén ás 20:30 horas, Alfredo Erias ofrecerá outra conferencia, titulada O Medievo en Betanzos.

Armando Requeixo: “A prol dunha educación literaria”

Artigo de Armando Requeixo no seu blog Criticalia:
“Onte e antonte, na controvertida Cidade da Cultura, desenvolvéronse as I Xornadas de Literatura e Ensino baixo o título xeral A Literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo. Organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG), estas xornadas reuniron un escolleito grupo de didactas, estudosos, creadores e críticos literarios que, organizados en diversas mesas redondas, analizaron diferentes aspectos relacionados co presente e o posible futuro da nosa literatura nos centros educativos.
A conferencia inaugural da xuntanza correu a cargo do escritor Xosé Miranda quen, co seu oficio e saber característicos, disertou con construtiva retranca sobre Que vén sendo iso de ensinar literatura?, ofrecendo unhas moi útiles Instrucións de uso para docentes nos biosbardos.
A mesa redonda que seguiu estivo coordinada por Mercedes Queixas Zas e nela participaron o narrador Antón Riveiro Coello, o poeta Xavier Seoane e mais a estudosa Pilar Ponte Patiño quen, dende ancos complementarios, abordaron o complexo tema A literatura galega nas aulas do século XXI centrándose nas que cada un deles crían podían ser axeitadas Estratexias de sedución coas que atraer o alumnado e facer agromar nel o pracer da lectura.
Para rematar coas actividades deste primeiro día Queixas Zas levou a cabo unha suxestiva Presentación do Espazo didáctico virtual da AELG na que deu noticia do grande número de recursos que a asociación ofrece ao profesorado na súa web, na que é posible atopar unidades didácticas, obradoiros literarios, roteiros e outros materiais de grande proveito para o traballo nos centros.
A xornada sabatina principiou cunha mesa centrada nos Tópicos, prexuízos e puntos de fuga que tiven o pracer de moderar e na que participaron a ensaísta e especialista en bibliotecas escolares Pilar Sampedro Martínez, o profesor e narrador Manuel Lourenzo González (recentísimo gañador do Premio Blanco Amor) e mais o escritor e editor Fran Alonso. Todos tres achegaron unha moi ampla panorámica sobre do tema proposto e, amais de combater os numerosos lugares comúns cos que tantas veces se simplifican as cuestións referidas a este asunto, foron respondendo tamén múltiples interrogantes e expoñendo cales podían ser as actitudes coas que afrontar os retos que se abren para o seu futuro.
A mesa coa que se pechou a mañá tiña designado como coordinador o escritor Marcos Calveiro e como relatores convidados o profesor R. Nicolás, o narrador e teórico do feito literario infantoxuvenil Xabier P. Docampo e mais a escritora Marilar Aleixandre. Os catro articularon intervencións nas que se ocuparon dos Itinerarios lectores durante a adolescencia e, sobre todo, dos Criterios de selección dos mesmos, deténdose en espiñentos temas como, poño por caso, a importancia da educación en valores á hora da selección de títulos para o alumnado ou a (in)conveniencia de tratar certos tabús nas obras literarias que a este se destinan.
A quenda da tarde comezou cunha nova mesa redonda, desta volta a propósito do tema Os ‘irmáns pequenos’ no universo da aula: a poesía, o teatro e a literatura de tradición oral. Coordinados polo escritor Carlos Negro —quen fixo de cada un deles unha magnífica presentación en verso—, a dramaturga Teresa González Costa, o poeta Antonio García Teijeiro e mais o narrador e investigador Antonio Reigosa ocupáronse, respectivamente, do papel que o teatro, a poesía e a literatura de raiceira e tradición popular podían (e deberían) xogar nas aulas, equilibrando, así, a súa presenza coa escrita narrativa, xénero preferente para o traballo do profesorado.
Como despedida das xornadas, a mesa A escola e outras literaturas: álbum ilustrado, novela gráfica e banda deseñada, moderada por F. Castro, reuniu as profesoras Gracia Santorum e Ánxeles Abelleira e mais o artista gráfico e ilustrador Jacobo Fernández Serrano para reflexionar sobre as posibilidades que o mundo do cómic e outras fórmulas visotextuais ofrecen no proceso de aprendizaxe do noso alumnado.
O considerable número de asistentes (que se achegou ao centenar), así como a intensa participación nos debates que se suscitaron tras cada unha das mesas redondas entre o público e os relatores dan fe do interese certo que estas I Xornadas de Literatura e Ensino, meritoriamente organizadas pola AELG coa colaboración da AS-PG, espertaron entre a comunidade educativa, polo que haberá que facer votos para que nos vindeiros anos a iniciativa se consolide.