A Coruña: recital de Luis Muñoz e Emma Couceiro no Ciclo de Poetas Di(n)versos

O luns 21 de marzo, ás 20:30 h., na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo) da Coruña, prosegue o Ciclo de Poetas Di(n)versos, iniciado en novembro de 2009 baixo a dirección de Yolanda Castaño, no que ten lugar un recital poético dobre entre unha voz en galego e outra en calquera das outras catro linguas da Península. A cita deste luns 21 de marzo coincidirá precisamente co Día Internacional da Poesía, celebrando así de pleno a confirmación de que existe na Coruña e en Galicia un verdadeiro público para a poesía. Os participantes desta nova edición serán:
Luis Muñoz naceu en Granada en 1966, en cuxa universidade completou as licenciaturas en Filoloxía Española e en Filoloxía Románica. Publicou os libros de poemas Septiembre (1991), Manzanas amarillas (1995), El apetito (1998), Correspondencias (2001) -polo que obtivo os premios Generación del 27 e Ojo Crítico– e Querido silencio (2006). A súa obra poética ata 2005 está recollida no volume Limpiar pescado. Poesía reunida 1991-2005 (2005). Ademais, en 1994 preparou o libro colectivo El lugar de la poesía, e ten traducido, entre outros autores, a Giuseppe Ungaretti e a Eugenio Montale. Dende 1992 ata a súa desaparición en 2002 foi o director da revista de poesía Hélice. Dirixiu tamén os cursos de verán Neruda personal (2004) na Universidade Complutense de Madrid en El Escorial e Poesía española reciente (2005) na Universidade Menéndez Pelayo en Santander. En 2008 comisariou a exposición Gallo. Interior de una revista, sobre a publicación dirixida en 1928 por Federico García Lorca.
Emma Couceiro naceu en Cospeito (Lugo) en 1977. En 1996 deuse a coñecer como poeta ao gañar o V Premio Espiral Maior co seu primeiro libro, Humidosas (1997), ao que seguirían As entrañas horas (1998, X Premio Eusebio Lorenzo Baleirón) e, xa no 2003, (Cito). A súa obra está recollida en antoloxías publicadas en Galicia como Río de Son e vento (1999), dEfecto 2000 (1999), A tribo das baleas (2001), 25 Anos de poesía galega 1975-2000 III (2002), e fóra de Galicia como Mulher a fazer vento (1998), Mujeres de carne y verso (2002), Galeusca. Antoloxía poética (1990-2003) (2004) ou Das Sonorosas Cordas (15 poetas desde Galicia) (2005), así como nos libros colectivos Novas voces da poesía galega. Recital (2000), O trazo aberto. Poesías e debuxos (2002), O libro dos abanos (2002), Palabra de autor, Palabra de autora (2005), Os gozos e as Sombras (2005) ou Poética da Casa (2006), entre outros. Paralelamente, ten colaborado en publicacións como Dorna, Xistral, Festa da Palabra Silenciada, A Xanela, Entellunu, Akadeemia, Zurgai, Piedra del Molino ou La Bella Varsovia.

Será unha nova oportunidade libre e gratuíta de coñecer de primeira man algúns dos mellores autores/as das literaturas peninsulares, comprobando a proximidade, a conexión e a calidade da boa poesía contemporánea. Ao termo do acto, presentado pola directora do ciclo e poeta Yolanda Castaño, Couceiro e Muñoz poderán asinar exemplares dos seus libros, postos á venta nesta ocasión pola libraría Nova Colón. Esta iniciativa de periodicidade mensual e impulsada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, continuará de xeito estable ata ao mes de maio. Neste arquivo en .pdf pódese descargar máis información: Programa DinVersos Marzo 2011.

A Coruña: recital poético en homenaxe a Perfecto Estévez

O xoves 17 de febreiro, ás 20:00 h., na Biblioteca de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10) da Coruña, terá lugar un recital poético en homenaxe a Perfecto Estévez. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura da Coruña quere mostrar así o seu agradecemento a Perfecto Estévez, deseñador referencial do noso país, e que ten colaborado coa AELG en tempos difíciles. O acto, presentado por Dores Tembrás, contará coa presenza de:

Lois Diéguez
Francisco X. Fernández Naval
Yolanda Castaño
Xulio L. Valcárcel
Marica Campo
Diana Varela
Cesáreo Sánchez

Haberá unha actuación musical de César Morán e Xosé Taboada.

Na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, tamén en Durán Loriga, 10, pódese visitar a Exposición homenaxe a Perfecto Estévez organizada pola Concellaría de Cultura da Coruña.

A Coruña: Poetas Di(n)versos: recital de Miren Agur Meabe e Claudio Rodríguez Fer

O luns 21 de febreiro, ás 20:30 h., na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo) da Coruña, terá lugar un novo recital do ciclo Poetas Di(n)versos,  organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e dirixido por Yolanda Castaño, no que participan:
Miren Agur Meabe, nada en Lekeitio (Biscaia) en 1962, mestra e filóloga vasca, autora de narrativa, literatura infantil e xuvenil, e poeta, autora de Oi, hondarrezko emakaitz, Azalaren kodea (O código da pel), Premio da Crítica Española no 2001 e Bitsa eskuetan (Escuma nas mans). Galardoada en 2007 co Premio Lauaxeta pola súa traxectoria literaria e profesional, ten participado en múltiples Encontros Literarios Internacionais, e textos seus teñen visto a luz en múltiples antoloxías e libros colectivos, ou foron traducidos a varias linguas europeas.
Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956), poeta, ensaísta, narrador, autor de teatro e de poesía visual. Foi catedrático de Literatura en Galicia, así como profesor en universidades de Nova York, Bretaña e Santiago de Compostela, onde actualmente dirixe a revista literaria “Moenia” e a “Cátedra Valente de Poesía e Estética”. Coordina a revista “Unión Libre. Cadernos de vida e culturas”. Publicou, disertou e recitou en numerosos lugares de Europa, América e África, e dirixiu diversos congresos e encontros e participou en decenas de actas, enciclopedias e revistas europeas e americanas. Como estudoso é autor de obras críticas, ensaios e edicións realizadas en torno a autores galegos e universais.
Neste arquivo en .pdf pódese descargar máis información: Programa DinVersos Febreiro 2011.

A Coruña: recital multimedia de Yolanda Castaño

O martes 15 de febreiro, ás 19:30 h., na Biblioteca do Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, e con entrada libre, terá lugar un recital multimedia a cargo de Yolanda Castaño, dentro das actividades de reapertura desta biblioteca pública. Incluirá unha proxección de videopoesía.

A Coruña: presentación da campaña 1 de 200, de Implicadas no Desenvolvemento

O sábado 12 de febreiro, a partir das 12:30 h., no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, e organizada por Implicadas no Desenvolvemento, preséntase a campaña “1 de 200” e proxección de “Quererás ser” e outras pezas audiovisuais, coa intervención de María Reimóndez, Yolanda Castaño e Antón Reixa.

A Coruña: Caruncho, sete momentos. Homenaxe dos poetas a Luís Caruncho

Crónica posterior en Galicia Hoxe.

A Coruña: V Encontros Milpedras: recital conxunto de poesía, música e fotografía

O venres Milpedras4 de febreiro, a partir das 21:00 h., no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, 3, baixo) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, desenvólvese a quinta edición de Encontros en Milpedras, unha proposta de unión en diálogo libre, ao vivo, de poesía, música e fotografía. Actuarán recitando poemas Berta Dávila, Emma Couceiro, Emma Pedreira e Yolanda Castaño en paralelo á música de Álvaro Muras e a intervención fotográfica de Begoña Pastoriza.

Yolanda Castaño: “Entre a perda e a resistencia”, sobre Farruco Sesto

Entrevista a Yolanda Castaño en Galicia Hoxe sobre Farruco Sesto:
“- Galicia Hoxe: O máis complexo foi dar con esta obra tan dispersa, xa que a maioría dos seus libros saíron en Venezuela e chegaron a Galicia de xeito clandestino en plena ditadura, non?
– Yolanda Castaño: Iso é ao que non tiñamos acceso as xeracións máis mozas. Porque iso está un pouco perdido. Hai xente que conserva na súa casa edicións non venais. Farruco emigrou a Venezuela con 18 anos para facer alí os seus estudos de Arquitectura e deseguido entrou en contacto cos intelectuais galeguistas que vivían alí, como foi o caso de Celso Emilio Ferreiro. El sempre cultivou a súa conciencia galeguista, sempre se mantivo en contacto coa cultura galega e tamén cultivou unha literatura feita en galega. Escribiu os seus primeiros poemarios de mocidade que tirou do prelo dun xeito autoxestionado. El lembra que o propio Celso Emilio lle axudou a accionar a multicopista. Facíanse edicións non venais, moi limitadas aos amigos e distribuíanse aquí, por correo postal a destinatarios moi concretos. Aínda poida que haxa xente que conserve algún exemplar pero de acceso moi restrinxido. Houbo un libro que se perdeu a medias e do que só se conservan algúns textos na antoloxía Os novísimos da poesía galega de María Victoria Moreno. Houbo que aplicarlle tamén un proceso de corrección e actualización lingüística imperiosa. Aproveitando a ocasión, aínda que para moitos é un autor seguido e admirado, a pesar da distancia, tamén para moitos mozos e mozas é un descoñecido. Por iso fixemos un pequeno estudo introdutorio sobre o autor. Méndez Ferrín, amigo persoal do propio Farruco e compañeiro en moitos avatares, fixo o limiar. Tamén lle engadimos un glosario para facilitar a lectura.”

A Coruña: presentación de Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967-1995), de Farruco Sesto Novás

O xoves 20 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, preséntase a obra Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967-1995), de Farruco Sesto Novás, publicada en Espiral Maior, e que compendia os nove poemarios individuais escritos en galego até o de agora polo autor vigués. No acto intervirán, ademáis do propio autor chegado expresamente de Venezuela, o Presidente da Real Academia Galega e prologuista do libro, Xosé Luís Méndez Ferrín, o editor Miguel Anxo Fernán Vello, Yolanda Castaño como responsable da edición e César Portela, colega de profesión do arquitecto e escritor. Crónica posterior en Xornal e La Opinión, e entrevista en La Voz de Galicia, con outra posterior en La Opinión.

A Coruña: Ciclo Poetas di(n)versos, recital de Xavier Seoane e Rosa Alice Branco

O luns 17 de xaneiro, a partir das 20:30 h., na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, prosegue o ciclo Poetas Di(n)versos, dirixido por Yolanda Castaño, e organizado pola Concellaría de Cultura da Coruña, iniciativa que ten como obxectivo centrarse en achegar a poesía ao público en xeral amosando outra forma de disfrutar a poesía dun xeito case escénico, constituindo o único ciclo estable de lecturas poéticas públicas contando con autores/as de dentro e fóra de Galicia, unha oportunidade única de degustar a poesía producida hoxe en castelán, catalán, éuscaro ou portugués na voz dos propios creadores/as. Os protagonistas do recital deste día son:
Xavier Seoane (A Coruña, 1954). Dende 1975 ven desenvolvendo a súa actividade nos terreos da creación literaria, da arte e na animación cultural. Así, organiza conferencias e debates, coordina premios ou participa en cursos literarios. Impulsor de innúmeros proxectos de dinamización cultural no noso país, ten comisariado dende exposicións ata libros colectivos, e desenvolveu tanto proxectos videográficos ou mostras de poesía visual como colaboracións escritas en multitude de publicacións periódicas, catálogos de arte, obras colectivas e antoloxías dentro e fóra de Galicia. Poeta con obra traducida a varios idiomas e tamén conferenciante, ten publicado igualmente libros de aforismos, de ensaio, compilacións de textos, novelas, estudos sobre multitude de artistas galegos, reflexións teórico-críticas sobre arte ou escrita, ou obras dirixidas a público infanto-xuvenil.
Rosa Alice Branco (Aveiro, 1950). Doutora en Filosofía Contemporánea -nas áreas de Filosofía e Psicoloxía da Percepción- pola Universidade Nova de Lisboa. Actualmente ensina Teoría da Percepción na Escola Superior de Artes e Design do Porto (en Matosinhos), mentres dirixe a revista “logovemos” (on line) e fai parte da Unidade de investigación en Design, Media e Cultura (ID+). Ademais diso, ten xestionado publicacións, coloquios e Encontros Internacionais de Poesía. Autora tamén de libros de ensaio, artigos en revistas especializadas e textos traducidos a outras linguas, Rosa Alice Branco participou en encontros e festivais de poesía de todo o mundo e ten libros de poemas publicados no Brasil, Suíza, Luxemburgo, Canadá, Tunicia, Venezuela ou Córcega.

Pódese descargar máis información neste ficheiro en .pdf: Programa Ciclo DinVersos xaneiro 2011.