Rianxo: presentación de María Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana, de Aurora Marco

O venres 25 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo, a Asociación Cultural Barbantia, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, La Voz de Galicia, Edicións Laiovento, e o Concello de Rianxo convídante á saída do número 81 do suplemento cultural A Voz de Barbantia, así como á presentación da obra María Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana, de Aurora Marco. No acto estarán presentes, xunto á autora, Francisco Pillado, Xoán Hermida, Xesús Laíño, Che Tembra e Adolfo Muíños. No mesmo acto terá lugar a proxección do vídeo Teresa Alvajar. Compromiso e paixón pola Terra, de Pablo Ces. Previamente procederase á inaguración da exposición de Escultura en Ferro do rianxeiro Che Tembra.

A Coruña: presentación de Esplendor arcano, de Ramiro Torres

O venres 25 de xaneiro, ás 20:30 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, preséntase Esplendor arcano, de Ramiro Torres. O acto consistirá nun acto do Grupo Surrealista Galego, onde haberá un recital colectivo de poesía, aberto á participación do público presente, acompañados pola música de Karlos Barral e Alberto Laso.

Convocado o Premio de Xornalismo Literario Luso-Galego Teixeira de Pascoaes e Vicente Risco 2013

Coa finalidade de destacar a importancia que tiveron as relacións entre intelectuais galegos e portugueses nas primeiras décadas do século XX, a Fundación Vicente Risco e a Câmara Municipal de Amarante, co respaldo científico das universidades de Santiago de Compostela, Porto, Minho, A Coruña, Vigo, e Trás-os-Montes-e-Alto-Douro, promoven o Premio de Xornalismo Literario Luso-Galego Teixeira de Pascoaes e Vicente Risco.
Este premio procura homenaxear os dous intelectuais (representantes, respectivamente, do saudosismo / universalismo portugués e do nacionalismo galego da Época Nós), mais tamén todos aqueles que, a través da prensa escrita, traballaron e traballan a prol da aproximación e encontro de Galiza e de Portugal, e da construción da cidadanía europea.

BASES

1. Son admitidos a concurso textos de xornalismo literario, publicados en xornais ou outros periódicos en papel, escritos en lingua galega ou portuguesa, independentemente do país en que fosen publicados.
2. Por “xornalismo literario” enténdese o conxunto de textos curtos de variábel extensión, publicados na prensa periódica, cos obxectivos de informar e formar os cidadáns e cun criterio estético de excelencia literaria.
3. Cada concorrente debe enviar a concurso:
a) Tres textos en reprodución facsímile (cada un deles terá entre dous mil e seis mil caracteres), agrupados nun único dossier, publicados entre 1 de xaneiro e 31 de decembro do ano inmediatamente anterior ao da atribución do premio.
b) Un documento fechado con identificación do concorrente (nome completo, N.I.F.) e contactos persoais (teléfono e e-mail), ao que se deben engadir os datos da publicación dos artigos enviados a concurso (nome do periódico e data) e, caso de que o autor use pseudónimo, unha declaración do periódico que permita garantir a súa autoría.
4. Os textos a concurso deben ser enviados no ano de convocatoria do premio, entre o 1 de xaneiro e o 30 de abril, aniversario do pasamento de Vicente Risco. O envío, identificado como PREMIO DE XORNALISMO LITERARIO LUSO-GALEGO TEIXEIRA DE PASCOAES E VICENTE RISCO, debe ser feito para o seguinte enderezo electrónico: secretaria@fundacionvicenterisco.com.
5. O xurado comporase de sete persoas singulares, propostas polas seguintes institucións: tres polas universidades galegas e tres polas universidades portuguesas (enriba referidas), a que se deberá xuntar unha figura de prestixio do mundo das letras e das artes (a designar alternativamente pola Câmara de Amarante e pola Fundación Vicente Risco).
6. O valor do premio é de seis mil euros.
7. A presentación dos textos ao Premio de Xornalismo Literario Luso-Galego Teixeira de Pascoaes e Vicente Risco presupón a aceptación destas Bases e a cesión dos Dereitos de Autor para unha eventual publicación.
8. O xurado reunirse antes do 2 de novembro, aniversario do nacemento de Teixeira de Pascoaes.
9. A entrega do premio terá lugar, alternativamente, en Galiza e en Portugal, durante unha sesión cuxa data se anunciará.
10. A decisión do xurado non admite recurso, cabéndolle a interpretación deste regulamento e a consideración de eventuais casos omisos.

Adenda: Na edición de 2013, e excepcionalmente, a entrega dos textos a concurso será extensiva a 30 de maio.

A Coruña: doazón de Natalia Gómez González á Real Academia Galega

O venres 25 de xaneiro, ás 12:30 horas, no salón de actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), na Coruña, o acto de doazón por parte de Dona Natalia Gómez González, viúva de Xosé Antón Arjona Santiago, da súa biblioteca, de diversa documentación e doutros bens da súa propiedade. Estarán presentes Natalia Gómez González e Xosé Luís Méndez Ferrín.

Elías Portela: “Non debería ter tanto rebumbio que a primeira ministra islandesa se declarase fan da miña poesía”

Entrevista a Elías Portela en Galiciaé:
“(…) – Galiciaé (G): Como acabou vostede en Islandia? Non é un lugar de emigración moi común…
– Elías Portela (EP): Pois un pouco entre a casualidade e o puro milagre. Eu xa tiña pensado pasarme polo norte, mais dado que fun cunha Erasmus a Reykjavik para estudar italiano, xa podes imaxinar que houbo un cruzamento de expectativas. Logo tamén houbo atrasos, mal tempo, bombas e perda de equipaxe… Toda unha odisea. (…)
– G: ¿Alí segue sendo Knörr ou recuperou o Portela?
– EP: Na miña vida literaria o alcume de Knörr case é máis importante que o meu apelido. En Islandia, como escritor, é imposible ser Portela. Mais, aínda que sexa un heterónimo e ficticio, gústame ter outra liña de investigación poética nunha lingua e nun sistema literario diferentes; resulta moi enriquecedor. (…)”

Lugo: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O xoves 24 de xaneiro, ás 20:15 horas, na Librería Biblos (Rúa Salvador de Madariaga, 1, local 4) de Lugo, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Carmen Blanco e Fran Alonso, co acompañamento musical de Carlos Arias.