A Coruña: recital de Elvira Riveiro e Merja Virolainen no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 3 de febreiro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Elvira Riveiro e a poeta finesa Merja Virolainen. Máis información aquí: Poetas di(n)versos febreiro 2014.

Gondomar: Manuel Rivas participa en Espazo Lectura para falar da súa obra O raposo e a mestra

O sábado 1 de febreiro, ás 12:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, vaise celebrar unha nova sesión do club de lectura compartida en familia Lendo contigo, actividade que organiza a asociación Espazo Lectura. Nesta ocasión contarase coa presenza de Manuel Rivas, que falará do seu último libro infantil: O raposo e a mestra (Xerais, 2013). Ao remate da sesión, haberá unha interpretación das cancións do libro a cargo da Banda dos Cueiros no que se poderán aprender e cantar pezas tan coñecidas como Frère Jacques, Des kleine krokodil ou I can sing a rainbow. Aqueles nenos e nenas que queiran participar de maneira activa na actividade, formando parte do coro da Banda, teñen que estar a partir das 11:00 horas na Biblioteca de Gondomar para un divertido ensaio xeral.

Cuestionario Proust: Xavier Queipo

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xavier Queipo:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A lealdade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A flexibilidade intelectual, a negación do pensamento dogmático.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que digan a verdade do que pensan.
4.– A súa principal eiva?
– Os excesos na tolerancia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Pasear sen rumbo fixo.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ter una casa grande onde recibir aos amigos.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A soedade non procurada, a outra podo soportala ben.
8.– Que lle gustaría ser?
– Profesor e avó.
9.– En que país desexaría vivir?
– Alí onde o amor me leve.
10.– A súa cor favorita?
– O azul mudábel do mar.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O xirasol, que non ten nada de discreto e dá un froito delicioso.
12.– O paxaro que prefire?
– O paporroibo, que trae a primavera no seu corazón ardente.
13.– A súa devoción na prosa?
– Vai mudando, agora aínda Severo Sarduy.
14.– E na poesía?
– As antoloxías.
15.– Un libro?
De donde son los cantantes.
16.– Un heroe de ficción?
– Os heroes só existen na vida real.
17.– Unha heroína?
– As heroínas tamén.
18.– A súa música favorita?
– O jazz.
19.– Na pintura?
– As vangardas do século XX.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Aquel que tanto me quere.
21.– O seu nome favorito?
– Teño varios.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A vaidade.
23.– O que máis odia?
– Os que prefiren a inxustiza á desorde.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco leva moitos boletos, mais teño outros que non desmerecen.
25.– Un feito militar que admire?
– A xornada de Omagua e El Dorado, deu magníficas novelas.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A adiviñación, mais non sei se é natural.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen ninguén chorando a carón de min.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Ocupado.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– As dependencias.
30.– Un lema na súa vida?
Ubi bene, ibi patria.”

O Consello da Cultura Galega abre as cartas de Luís Seoane

Desde Sermos Galiza:
“(…) A correspondencia que publica agora en rede o Consello da Cultura Galega mostra as cartas de ou a Seoane nunha comunicación establecida con máis de 200 persoas. Francisco Fernández del Riego con 284, Domingo García Sabell con 85, Armando Zegrí con 72 ou Ramón Piñeiro con 69 son os interlocutores con maior número de cartas no seu epistolario. Os temas máis recorrentes deixan á vista tamén a traxectoria de Luís Seoane labrada ás dúas beiras do océano. Centro Galego de Bos Aires, Editorial Galaxia, Galicia Emigrante, Galería Bonino, Cadernos Grial, La Nación, Revista Galicia, La Noche, Museo Carlos Maside, Sargadelos son os asuntos dos que máis fala o creador galego.
As cartas foron dixitalizadas, editadas e contextualizadas por un equipo de documentalistas e filólogos e permite realizar buscas por temas ou nomes a través do conxunto destes escritos que Seoane elaborou para a comunicación persoal sen vontade de seren publicados mais que dan grande información sobre a súa figura e o acontecer intelectual do seu tempo. De cada unha das cartas pódese acceder ao orixinal -manuscrito ou a máquina- e tamén a súa versión dixitalizada. O traballo inclúe unha ficha de identificación persoal das duascentas persoas que se escriben con Seoane. A colección ampliarase nos vindeiros meses con cartas relacionadas co grupo de Sargadelos e as amizades do exilio, entre outras. (…)”

Luís Antonio Pérez gaña o XI Premio Pura e Dora Vázquez de Narración con O trasno de Bóveda e a chave máxica, e convocado o XI Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración

O escritor Luís Antonio Pérez (Ourense, 1966) coa obra O trasno de Bóveda e a chave máxica (presentado baixo o lema Paula Reis Velzer), foi o gañador da XI edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. O xurado deu a coñecer o fallo esta tarde trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, destacando da obra premiada “o despregue imaxinativo e a súa adecuación tanto para o público infantil como xuvenil”. O xurado salienta asemade a importancia da narrativa coloquial da obra e o seu vocabulario, así como a narración fluída que entronca coa cultura propia de Galicia e, sinaladamente, de Ourense. Tamén destaca o xurado que se trata dunha obra que, pola súa trama, mantén unha atención constante do lector dende o principio ao fin, e, en xeral, de todos os traballos presentados salienta o alto nivel dos mesmos cualificándoos como “emocionantes”. Segundo a normativa do premio, a obra gañadora será enviada aos interesados en participar no XI Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración, para o cal a Deputación de Ourense abre a convocatoria para este certame dende hoxe. A esta modalidade de ilustración poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais -non menos de dez ilustracións-, que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Luis Antonio Pérez. Nesta modalidade establécese un premio de 1.500 euros, e a data límite para presentar os traballos é o 30 de marzo de 2014.
O xurado do XI Premio Pura e Dora Vázquez de Narración estivo presidido por Avelino García Ferradal, deputado de Cultura da Deputación de Ourense, e integrado por José Manuel Fernández López, Jesús Manuel García Díaz, María Rosa González Méndez e Xosé Manuel Cid Fernández, actuando como secretaria Ana María Malingre Rodríguez.

Gondomar: presentación de Argola, de Marta Dacosta

O venres 31 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Instituto de Estudos Miñoranos, Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, preséntase Argola, de Marta Dacosta, publicado por O Figurante. Participan, xunto á autora, Puri Ameixide e Miguel Anxo Mouriño.

José Antonio Cascudo: “Nimbos rexeita aparatos teóricos e ideolóxicos, é unha obra mestra ao sentido común”

Entrevista de Montse Dopico a José Antonio Cascudo en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Como comezas a recadar información sobre Díaz Castro? Xa coa idea de facer un documental?
– José Antonio Cascudo (JAC): A orixe de O instante eterno foi unha conversa con Alfonso Blanco, presidente da Asociación Cultural Xermolos, a comezos do 2011. Daquela ían cumprirse cincuenta anos da publicación de Nimbos e os dous coincidimos en que era necesario difundir a figura de Díaz Castro coa vista posta no seu centenario (que se celebrará dentro dunhas semanas, concretamente o 19 de febreiro). Pensamos que o mellor xeito de chegar ao público era a través dun traballo audiovisual. Alfonso entusiasmouse tanto coa idea que aquela mesma tarde visitamos o Vilariño, lugar da parroquia dos Vilares onde naceu Díaz Castro, de onde inevitablemente debería partir o relato. Mentres estabamos curioseando pola aldea pasou por alí unha veciña que se parou a falar connosco, entón Alfonso díxolle: “Imos facer unha película sobre o poeta”. Nese momento deime conta que xa non había volta atrás, coñecendo a capacidade de persuasión dunha persoa que leva case catro décadas sendo o epicentro do activismo cultural da Terra Cha. (…)
– MD: Un dos aspectos que salienta o documental é a conexión de Díaz Castro tanto cos poetas anteriores como cos posteriores. Ambas cuestións analízanse, fundamentalmente, a través de entrevistas: Félix Villares, Armando Requeixo, Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco… Que quixestes salientar máis, sobre iso?
– JAC: Utilizamos as entrevistas porque nos parecía o xeito máis asequible para vertebrar o relato e ao mesmo tempo tocar o espectador no aspecto emocional. Díaz Castro recoñecía que nos Vilares non atopara as condicións propicias para escribir, pero que ese clima si se daba no Seminario de Mondoñedo onde había tal bulir creativo que de alí xurdiu unha escola poética propia, a Escola da Terra Cha. Alí se enmarca o seu nacemento como poeta, á sombra de Noriega, Crecente Vega e sobre todo do seu mestre, Aquilino Iglesia. Esta etapa requiría un exame profundo, a través de dous especialistas como Félix Villares e Armando Requeixo, xa que nos “cadernos poéticos mindonienses” Follas Verdes (1934) e Follas ao aire (1935) atopamos o xerme de Nimbos, incluso xa algún poema como Esmeralda.
Desde estas obra de xuventude, a poesía de Díaz Castro foi alumeando progresivamente o universal sen deixar de lado nunca aquel microcosmos natal do Vilariño. A través duns versos en aparencia tan elementais estalle insinuando constantemente ao lector que todas as cousas, se se saben mirar, están cheas de misterios. Esa audacia creativa radica non só no seu talento como poeta senón nun fondo coñecemento da cultura humana. En diferentes entrevistas sinalaba que o seu propósito literario era fuxir do influxo doutros, e esta ansia de buscar un estilo propio levouno a filtrar a autoría de xeito admirable, metamorfoseándose nas “chousas máis íntimas”, na lingua popular, na paisaxe da infancia, nos sons dos ríos ou nos silencios das noites chairegas.
Ese amor sincero polas cousas e o xeito de expresalo creo que foi o que fascinou a moitos poetas novos. Carmen Blanco, Rodríguez Fer ou González Tosar entre outros, son mostras inequívocas desa pegada. Por iso lles pedín que contasen que era o que os seducía daquel poeta que a simple vista non parecía poeta. Se houbese que extraer unha conclusión de síntese destas entrevistas quedaríame cun paradoxo: o mesmo Díaz Castro sempre xeneroso e amable era dunha rigorosidade extrema consigo mesmo, un obseso da perfección. Disto dá conta o feito de que de non ser pola insistencia de persoas como Carvalho Calero, Fernández del Riego ou Ramón Piñeiro quizais Nimbos nunca tería visto a luz, porque o autor pensaba que non tiña a calidade suficiente para ser publicado. (…)”