Compostela: presentación de Días de Cuba, de Xosé Neira Vilas

O venres 6 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo) de Santiago de Compostela, preséntase Días de Cuba, de Xosé Neira Vilas, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Valentín García Gómez, José Antonio Solana (Cónsul Xeral de Cuba en Galicia) e Víctor F. Freixanes.

Ourense: recital músico-poético a cargo de Héctor Lorenzo e Santi Cribeiro

O venres 6 de xuño, ás 21:00 horas, no Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5), Héctor Lorenzo e Santi Cribeiro farán un recital músico-poético con versos de Xosé María Díaz Castro, así como outros de autores como Manuel Antonio, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Álvarez Blázquez e Rosalía de Castro. Desde Galaxia.

Celanova: No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Curros 2014

No Claustro barroco do Mosteiro de San Salvador, en Celanova.

Cuestionario Proust: Andrea Nunes Brións

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Andrea Nunes Brións:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A afectividade, seica.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade, a xenerosidade, a autenticidade…
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan realmente AMIZADES.
4.– A súa principal eiva?
– A inseguridade aprendida.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler boa poesía, cociñar, a fotografía…
6.– O seu ideal de felicidade?
– Unha praia, boa compañía, fartar a rir…
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Que este mundo non mude nunca e que as persoas que quero sufran.
8.– Que lle gustaría ser?
– mmmm…non sei… saxofonista, astronauta, marinheira, escultora…
9.– En que país desexaría vivir?
– Agora mesmo son emigrante forzosa, así que na Galiza.
10.– A súa cor favorita?
– O verde e o lilás.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A margarida branca, simple e fermosa…, e se serve, tamén a herba de namorar.
12.– O paxaro que prefire?
– A andoriña (voa voa…vai e dime onde está).
13.– A súa devoción na prosa?
– Non sabería responder …
14.– E na poesía?
– Non sabería decidir…
15.– Un libro?
– Non por favor, moitos!
16.– Un heroe de ficción?
– Está difícil… O capitán planeta?
17.– Unha heroína?
– Pippi Calzaslargas
18.– A súa música favorita?
– A que me move e/ou conmove.
19.– Na pintura?
– Frida Kahlo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– As mulleres que loitan e loitaron e non foron visíbeis.
21.– O seu nome favorito?
– Maré.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O machismo, a estupidez…
23.– O que máis odia?
– O patriarcado.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Ditadores en xeral.
25.– Un feito militar que admire?
– Non gosto dos feitos militares…, mais o da Revolución dos Cravos é o que máis se achega ao que eu gostaba que fixeran os militares.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Saber bailar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Consciente e sen dor.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A emoción.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que eu teño.
30.– Un lema na súa vida?
– Nunca choveu que non escampase.”

Dores Tembrás: “Quixen darlle ao desexo a presenza que merece, por moi fulgor que sexa”

Entrevista de Montse Dopico a Dores Tembrás en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Cronoloxía da urxencia é un libro moi diferente a O pouso do fume, non si? Tamén pasou moito tempo entre un e outro.
– Dores Tembrás (DT): Pasaron anos, si. Son libros moi diferentes en moitos sentidos. En Cronoloxía da urxencia concéntrome moito no concepto de desexo, e ademais o traballo coa linguaxe foi levado ata o extremo. Quixen limpar o poema, acurralar a palabra e o silencio. Foi como un asedio. Un proceso esgotador. Quedei exhausta nese proceso de ir á esencia: versos curtos, poemas breves… Non sei se este é un proceso reversible, se vou seguir por este camiño ou non. Eu creo que o tema esixía este tratamento da palabra, da linguaxe. E, como dicía, non sei se vou quedar atrapada nese asedio, se vou darlle plena potestade ao silencio, visibilizado máis pola súa presenza que pola súa ausencia. (…)
– MD: De feito, basicamente o poemario é iso. A palabra e o silencio.
– DT: Cando me metín por este camiño neste poemario, padecín o asedio do silencio. Quedei co mínimo, tentando quitar, ata quedar sen poema. E así vislumbrei o padecemento dela, de Pizarnik. Foi, nese sentido, un poemario de obsesión, case enfermizo. Busquei unha nova relación coa linguaxe. Empecei, de feito, xusto despois de O pouso, que xa anunciaba a liña de desexo que recupero aquí. O pouso é de 2009 e botei moito tempo escribindo antes de mandalo ao premio do concello de Carral. Escribín moito, moi intensamente, os dous primeiros anos. Despois deixeino repousar e volvín a el, xa máis relaxada e tranquila. E este ano aínda o fechei, volvín axustalo antes de que o editasen. Teño a sorte de que o leron grandes amigos que me fixeron comentarios que tiven en conta. Entón, foi un proceso que tivo moito de aprendizaxe cos lectores.
– MD: Hai diálogo con varios autores e autoras no propio libro. Non só Pizarnik. Eva Veiga, Olalla Cociña
– DT: Eu necesitaba fíos, apoios… Houbo moita filosofía, moitas lecturas dos poetas do desexo. A min non me interesa a liña erótica, senón o que vén antes. A inmanencia, a pura potencia do desexo, desde Aristóteles ata Barthes. Unhas lecturas leváronme a outras. En Berger, por exemplo, eu vexo puro desexo. (…)”

Ourense: actividades destacadas do xoves 5 na Feira do Libro

O xoves 5 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Alameda), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 h., co seguinte acto literario destacado para ese día:

19:00 h. Elena Gallego Abad asinará exemplares da súa novela Sete Caveiras e do resto da súa obra, na caseta da Libraría Pedreira.

Parlamento das Letras: Anxos Sumai

Entrevista de Armando Requeixo a Anxos Sumai no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Anxos Sumai (AS): Están vivas, e iso é marabilloso. Como lectora alégrame entrar nunha librería, follear os libros con tranquilidade e asegúroche que sempre atopo algo que me interesa, cousa que non acontecía deica hai poucos anos. Aparecen poemarios, ensaios, novelas…, con propostas temáticas e formais distintas. Así que o valoro positivamente, como lectora, porque me gusta elixir e non ter que limitarme a obras impostas polos premios literarios ou pola crítica ou polos escaparates das librerías.
Como bibliotecaria gústame poder cuantificar a produción anual, consciente de que o número non sempre supón calidade pero sei que é un camiño cara á normalización. Tamén me parece importantísima a aparición de novas editoriais que, malia a crise, teñen a valentía de publicar obras difíciles de editar neste momento. E, evidentemente, é tamén un bo sinal o aumento das traducións ao galego. Neste sentido, e xa como autora, boto en falta a tradución das nosas obras a outros idiomas.
Hai outras cousas que boto en falta, como escritora, lectora e bibliotecaria: parece que só escribimos para nós, fáltanos a ansia de escribir para o mundo enteiro, sen traizoar as claves culturais que nos aleitan e fan máis fortes, xusto por ambición universal, as voces persoais. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– AS: Como dixen antes, paréceme interesante para a lectura, pola cantidade de obras que se poden ler, pero é un chisco frustrante para quen escribe, pola cantidade de obras ás que non terán acceso as persoas que len porque será difícil que sexan publicadas. Cousas do mercado literario.
Creo que perdemos moitos anos de investimento en lectura e mesmo teño a sensación de que vivimos unha mentira, de que alguén nos enganou, como se canda o boom inmobiliario se crease un boom cultural para acalmar conciencias. Dóeme ser consciente de que iso é certo, de que fluíron moitos cartos que non se dedicaron a formar lectoras e lectores libres. Non se investiron nunha industria cultural sa. De todas formas, debo dicir que, se non houbese ese investimento público en edición, seguramente a min nunca me chegasen a publicar. De novo, un sentimento contraditorio.
Creo firmemente nas escritoras e nos escritores de hoxe que traballan, sen dirixismos, construíndo. Daquela, deixemos que o fagan á súa maneira. E non falo en primeira persoa porque me considero intoxicada pola cultura da transición, pola impostura de soñar un pais holográmico. As novas literatas, os escritores, deberían crear non na posición de quen resiste, senón na ousadía de quen avanza. Xa soñamos abondo, é tempo de construír. (…)”