Arquivos mensuais: Xaneiro 2017
A RAG abre o catálogo do Arquivo a través da Rede e dá acceso a máis de 3.700 documentos dixitalizados
Desde a Real Academia Galega:
“O Arquivo da Real Academia Galega acaba de estrear unha nova fiestra na Rede que facilita o acceso ao público á totalidade do seu catálogo, composto por 32.628 documentos vinculados á historia de Galicia desde o século XI ata a actualidade. Este servizo en liña ofrece ademais copias dixitais de case 3.750 destes documentos.
A institución completou a migración do rexistro descritivo do seu Arquivo desde o antigo sistema de xestión á nova aplicación no contexto do proxecto Arquivo Dixital de Galicia (ARPAD), promovido polo Servizo Xeral de Arquivos da Xunta de Galicia. A RAG activou na súa páxina unha ligazón á web da devandita ferramenta, que dá acceso aos catálogos de máis de trinta arquivos de distintas institucións galegas.
O cambio facilita a consulta do Arquivo da RAG á comunidade investigadora e a calquera persoa interesada na historia e a cultura galegas, e con el a institución avanza no seu compromiso coa divulgación do legado que preserva. Desde esta nova plataforma, os usuarios poden xa acceder á copias dixital do 13 % dos documentos que custodia o Arquivo, que seguirá traballando para ofrecer cada día máis cun simple clic. (…)”
A Coruña: encontro literario con Rubén Ruibal arredor de Limpeza de sangue
O xoves 26 de xaneiro, ás 17:00 horas, na Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, Rubén Ruibal falará da súa obra Limpeza de sangue. Esta actividade forma parte do Clube de lectura universitario e encontros literarios Nébeda, coordinado por Inma Doval Porto. A actividade é aberta para o público interesado.
Kiko da Silva prepara relatos de Castelao en BD
Desde Sermos Galiza:
“A Editorial Galaxia publicará no mes de maio un libro de BD que adapta catro relatos curtos de Castelao que aparecen nas obras Retrincos e Cousas. Durante este 2017, Galaxia publicará 3 Novelas Gráficas nunha aposta clara por este novo formato editorial.
Sempre se dixo que se Castelao vivise actualmente faría banda deseñada ou animación e esta idea de fondo é a que impulsa este proxecto que, da man de Kiko da Silva (Premio Castelao de BD en 2014) e do seu equipo, formado por alumnado do Garaxe Hermético, chegará ás librerías en maio.
A adaptación quere crear unha historia longa a partir deses catro relatos curtos, pois todos eles beben de temas comúns e así as historias vanse fiando e poden lerse como unha soa. O resultado será unha novela gráfica a toda cor en capa dura que estará acopañada por material didáctico do proceso de creación da bd. Un material que despois tamén se converterá nunha exposición. (…)”
Ferrol: presentación de Amada García e os seus arredores, de Bernardo Maiz
Antonio Yáñez Casal gaña o XIV Premio Pura e Dora Vázquez de Narración
Desde a Deputación de Ourense:
“O escritor Antonio Yáñez Casal (Ferrol, 1959) coa obra Do meu nome e outras trapalladas (presentada baixo o lema “Inferniense”), foi o gañador do XIV premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez na modalidade de Narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.
O xurado, que deu a coñecer a súa resolución esta mañá trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, sinalou da obra galardoada “a súa adaptación aos tempos que corren, na que o autor fai unha reflexión crítica sobre a familia, os amigos e a escola”. Asemade o xurado puxo de manifesto que a obra “ten unha grande riqueza morfolóxica, que da idea dun escritor de nivel cultural alto, e cun importante dominio da lingua, axeitándose moi ben para ser ilustrada”.
Así mesmo, o xurado dixo que Do meu nome e outras trapalladas é “un texto cunha linguaxe directa e crítica. Unha obra de lectura sinxela, que ten moita potencialidade para achegarse aos adolescentes e gañar lectores dentro desa franxa de idade, pois reflicte ben o mundo que nos rodea”. En canto ás obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado destacou que todos os textos presentados “son de moi diversa temática e adaptados ao espírito deste premio”.
Agora ábrese o prazo para o XIV Premio Pura e Dora Vázquez na modalidade de Ilustración e os interesados en participar, poderán solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico publicacions@depourense.es ou a través do teléfono 988 317790, para o cal a Deputación de Ourense abre a súa convocatoria dende hoxe ata o día 31 de marzo. A esta modalidade poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Antonio Yáñez Casal. A dotación do premio nesta modalidade de ilustración tamén é da mesma contía co de narración de 1.500 euros.
O xurado da XIV edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Narración estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández, Mario González, Carlos Rodríguez e Xosé Manuel Cid, actuando como secretaria Ana María Malingre. (…)”
Lugo: presentación de Vinte fragmentos de mocidade voraz, de Tito Pérez
Vídeo da presentación de Soño e vértice de Eva Veiga en Rianxo, o 13 de xaneiro
O cubil das letras de… Eli Ríos
Desde Lermos.gal:
“Poucas cousas acompañan a escrita. Unhas necesarias, outras imprescindibles.
Necesario ese router 4G porque, a estas beiras, aínda non chegan os fíos. Necesaria esa libreta co seu boli porque os vellos costumes nunca acaban por deixarnos.
Imprescindible esa xanela, na que acostuma estar a gatiña, que cando se abre trae os recendos do océano e o falar da rúa. O océano. Unha constante nas páxinas en branco. A liña de fuga da miopía. O falar da rúa, desa pega que, cada mañá, vén roubarlle a comida á cadela do veciño.
Imprescindible ese R2D2 que me agasallou un día porque si, sen razóns especiais, o meu fillo. Porque a escrita sen os afectos é calquera outra cousa.
Imprescindible ese compás, que non sae na foto, e sinala un noroeste porque non sempre é preciso procurar o norte.”