Este sábado 11 de febreiro, ás 12:30 horas, no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo (Santiago de Compostela) vai haber un acto de lecturas dramatizadas de textos teatrais feitos no obradoiro de dramaturxia impartido polo dramaturgo Roi Vidal neste Centro Sociocultural durante o último trimestre do ano 2016.
Con este acto que se achega ao teatro lido, novas autoras e autores ofreceran unha lectura dramatizada dalgún dos seus textos, que foron elaborados a partir da formación do obradoiro de dramaturxia organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago.
Unha ocasión para achegarse ao teatro da man das súas autoras e autores. A partir de aquí ábrense novos camiños para que as obras sexan levadas a escena, modificadas e realizadas a través da súa representación no teatro.
Arquivos mensuais: Febreiro 2017
Ferrol: presentación de A Candidata, de Miguel Sande
O sábado 11 de febreiro, ás 12:30 horas, na Librería Galiano (Rúa Galiano, 15), en Ferrol, Miguel Sande presenta a súa novela A Candidata, publicada en Galaxia. No acto estará acompañado por Ramón Loureiro.
Cuestionario Proust: Carlos Labraña
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Carlos Labraña:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Son moi, moi indeciso.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Unha cousa ben difícil de atopar hoxe en día, a coherencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada, así todo o que me dan agradézollo moito.
4.– A súa principal eiva?
– Son unha persoa un chisco obsesiva, gústame abondo a orde na miña vida.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, cando atopo un libro que tira de min.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Un día sen problemas.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A dor dun ser querido.
8.– Que lle gustaría ser?
– Unha nube, para aboiar no ceo e deixarme levar polo vento.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun país no que non houbese dor e sufrimento. Pero como ese lugar non existe, quedo co noso.
10.– A súa cor favorita?
– A cor azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As margaridas silvestres.
12.– O paxaro que prefire?
– A aguia.
13.– A súa devoción na prosa?
– Albert Camus.
14.– E na poesía?
– Fernando Pessoa.
15.– E no teatro?
– Shakespeare, Chéjov…
15.– Un libro?
– O principiño.
16.– Un heroe de ficción?
– Atreiu, da Historia Infinda.
17.– Unha heroína?
– Pippi Långstrump.
18.– A súa música favorita?
– Guadi Galego, que ademais é da miña terra, Cedeira.
19.– Na pintura?
– Por exemplo, as prazas baleiras de xente de De Chirico.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miña nai, que nos deixou este Nadal, despois de traballar toda a vida para a súa familia.
21.– O seu nome favorito?
– Ximaraos, un lugar dunha parroquia de Cedeira.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A impuntualidade. Aínda que agora xa o vou levando cun pouco máis de paciencia.
23.– O que máis odia?
– A inxustiza.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Francisco Franco, non podo esquecer que eu nacín nunha ditadura.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún. Eu nin sequera fixen o servizo militar, daquela obrigatorio.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Saber bailar ben.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo, sen molestar a ninguén.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Cando era máis novo eu sempre estaba ledo e ría moito, pero cada vez preocúpome máis por todo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles que proveñen da debilidade de carácter.
30.– Un lema na súa vida?
– Na procura dos soños atoparás a liberdade.”
Compostela: Somos ferministas. Homenaxe Nacional a Fermín Bouza Álvarez
Bases do XIV Concurso de Relatos Liceo de Noia
“Meditando sobre o chamado canon (I)”, por Xesús González Gómez
Artigo de Xesús González Gómez en BiosBardia:
“Desde que hai xa anos Harold Bloom (cóengo maior da crítica literaria occidental) deu ao prelo o seu malfadado O canon occidental, os libros sobre o canon ou os canons –en cuxa produción Bloom é un stakhanovista–, os comentarios sobre o canon, o uso da palabra canon, etc., nos “medios literarios” (académicos e/ou xornalísticos) disparouse (…)
En Galicia, como en todos os lugares, existen, evidente, diversos canons. Hai un canon dos editores, un canon dos críticos (?) –que dá a impresión que coincide co dos editores–, un canon dos profesores de instituto: as lecturas recomendadas e/ou obrigatorias: que coincide case punto por punto, é dicir, libro por libro, autor por autor, cos dos editores e os dos críticos, un canon dos escritores (que, en realidade, nunca o fan público), un canon da universidade, un canon da Real Academia Galega (o día das letras é o seu “índice”), etc. É dicir, canons para todos os gustos. [Como afirma Wendell V. Harris, non existe un único Canon (el escribe a palabra con maiúscula), senón que existen diversos tipos de canon que responden a diferentes propósitos: o potencial, o accesíbel, o selectivo, o oficial, etcétera.] E cada variedade, é dicir, cada editor, cada crítico, cada profesor, cada escritor, cada universitario, e mesmo cada lector, teñen diversos canons. Hai, claro, certos nomes que son máis ou menos indiscutíbeis en todos estes canons (estamos a falar de literatura galega): Rosalía, Curros, Pondal, Castelao, Otero, Risco (?), Blanco Amor, Manoel-Antonio, Cunqueiro, Cabanillas, Amado Carballo, Méndez Ferrín, Celso Emilio Ferreiro, Carlos Casares (?), Novoneira e algún máis. Estes son os indiscutíbeis ou, mellor dito, os indiscutidos –agás os que engadimos un interrogante entre parénteses, que son discutidos máis por tomas de posición política do que por valor literario; e viceversa, algún dos nomes que anotamos son indiscutíbeis, e nada discutidos, polas súas posicións políticas. Logo, cada colectivo ten o seu libriño, é dicir, outros nomes que engade a conveniencia, táctica ou política, nunca estratéxica.
Podiamos comentar un a un estes canons, talvez sería un pouco aborrecido, así que fagamos un achegamento parcial a algúns dos libros que máis “influencia” tiveron nos últimos anos na conformación de obras e autores “canónicos”, ben que son consciente de que esquezo algunhas outras obras significativas e de ampla difusión, mais non se trata de analizarmos unha a unha estas obras, senón de dar unha, digamos, visión xeral. (…)”
Arteixo: recital poético Namorarte dos versos
O sábado 11 de febreiro, ás 21:30 horas, no Café Cultural Melandrainas de Arteixo (Rúa Nicaragua, 4, baixo), terá lugar o recital de poesía Namorarte dos versos, coa presenza de Miguel Melero, Branca Vilela, Claudia Castro, Ricardo Souto Morano, Elena Galván e Óscar de Souto.
Marcapáxinas #RosalíaTe
Desde Imprime3de:
“Un elegante Marcapáxinas coa imaxe de Rosalía de Castro en formato Litofanía e coa etiqueta #RosalíaTe, o complemento perfecto para o agasallo do dia de Rosalía. Unha flor, un libro en galego e un marcapáxinas para usalo durante a súa lectura. (…)”
Arturo Casas fala sobre Todorov
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““Ten un peso moi forte na elaboración do canon teórico-literario do estruturalismo que é decisivo a partir dos anos 60 ata hoxe”. Pode accederse á entrevista con Arturo Casas aquí.