Polafía en Albá (Palas de Rei), o 29 de setembro

A Polafía en Albá (Palas de Rei) é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co patrocinio da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO).

Esta nova polafía, a carón do Camiño de Santiago, no Parladoiro de Arqueixal (Santiago de Albá, Palas de Rei), terá lugar o día 29 de setembro, ás 18:00, co seguinte título e programa:

Memorias (con historias) da Ulloa
Coas intervencións de:
  • Fernando García Penas
  • Afonso García Penas
  • Xusto García Castro
  • María José Gómez Alvite
  • Carlos Vázquez García
  • Toño Núñez
  • Lois Pérez 
Música: Recreación do Antroido e homenaxe a Ramiro Villamor “O gaiteiro de Santo Xusto”
  • J. Manuel Miguélez
  • Eusebio Varela
  • Roberto Balboa
  • Carlos e Jaime Villamor
Organiza
Colaboran
Patrocinan
Entrada libre.

Vilar de Santos: representación de O valo, de Carlos Labraña

O sábado 29 de setembro, ás 18:00 horas, na Arca da Noe (Rúa do Forno, 13-15), en Vilar de Santos, represéntase a obra O valo, de Carlos Labraña, polo grupo de teatro Os Furabolos, interpretada por Pablo Núñez, no papel de Soldadiño de chumbo e o autor no de Sahara, o espírito do deserto.

Comeza en Carballo o Festival Internacional Outono de Teatro 2018

Desde FIOT:
“Como transmitirlles aos mozos a paixón polo teatro? Esta é unha pregunta que levamos un tempo facéndonos e xa non queremos agardar por unha resposta. O público é o corazón do FIOT e temos unha alma heteroxénea e multixeracional. Sempre lles fixemos sitio a propostas que vincularan á mocidade, pero botámola en falta. Hai que lanzarse a buscar outros códigos, novas canles; tender redes e demandar que se conecten. Son activos, están ansiosos por comunicarse, por estar, por ser. O seu entusiasmo non é o problema. O FIOT está decidido a saír na súa procura.
Nesta era dixital na que a tecnoloxía o inunda todo e preside o lecer, as relacións… o teatro ten unha gran baza, a posibilidade de conectar fisicamente co público e facelo cómplice, como di un dos directores presentes nesta edición, Álex Rigola. Permítenos entender o mundo, afrontar o paso do tempo, obríganos a formularnos preguntas. É unha xanela aberta a novas sensacións e emocións, a experiencias. (…)”
A programación completa pode consultarse aquí.

Faleceu Xan Cejudo

Desde Erregueté (foto: Tamara de la Fuente – AAAG):
“Xan Cejudo (A Coruña, 1947), actor, director e autor teatral faleceu o 27 de setembro, segundo se acaba de saber. Cunha ampla traxectoria na escena teatral galega, a súa carreira profesional comezou a mediados da década de 1960 co grupo “O Facho”. Tras traballar con diferentes compañías, en 1984 comezou a colaborar co CDG tanto interpretando como dirixindo diferentes producións.
Cejudo facía parte da xeración de actores que puxo en pé o teatro profesional en Galicia e actuou en espectáculos do CDG, Teatro Circo, Teatro Tranco, Malbarate Teatro, Matarile ou Factoría Teatro (Tio Vania, con dirección de Cristina Domínguez, obra pola que se lle concedeu o Premio de Teatro María Casares ao mellor actor en 2006).
Cejudo actuou tamén en A noite vai coma un río (1986), O mozo que chegou de lonxe (1988), O incerto señor Don Hamlet (1991), A fiestra valdeira (1994), O Mariscal (1994), Xelmírez ou a gloria de Compostela (1999), Si o vello Simbad volvese ás illas, Rosalía (2001), Seis personaxes á procura de autor (2005), Illa Reunión (2006) ou Noite de Reis (2007).
Dirixiu máis de vinte pezas, entre elas, A Pousadeira e A Burla do Galo, Códice Clandestino -pola que recibiu o Premio Compostela ao Mellor Director-, Galimatías ou a coprodución entre o CDG e a compañía O Moucho Clerc DaVinci levaba razón.
Tamén foi profesor de teatro no Liceo Angloespañol de Madrid nos anos oitenta. No medio audiovisual producíu unha curtametraxe en 1975. Así mesmo, traballou como actor e guionista en longametraxes desde a segunda metade dos 90, e como intérprete en series de ficción da TVG a fins desta década.
Recibiu diversos premios como actor e director de teatro, entre eles, o Premio Maruxa villanueva; o Premio María Casares ao Mellor Actor por Tio Vania en 2006 e ao Mellor Actor secundario en 2008 polo seu traballo en Noite de Reis; e, en 2011, o Premio de Honra Marisa Soto.”

A Coruña: presentación de Cabalos salvaxes transparentes na noite, de Ronsel Pan

O sábado 29 de setembro, ás 20:00 horas, na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, 27), na Coruña, Ronsel Pan presenta o poemario Cabalos salvaxes transparentes na noite, publicado por Letra de autor.