Marta Pérez: “O patriarcado está permitido criticalo ata certos límites. Se moves o marco conceptual, van ir por ti”

Entrevista de Montse Dopico a Marta Pérez en Praza (foto de Inversa Teatro):
“Tres mulleres, filósofas postsocráticas, reivindican un novo logos. Un novo marco interpretativo no que as mulleres sexan por elas mesma e non en relación aos homes. Porque, sen este novo logos, non poderemos facernos as preguntas fundamentais que nos leven a comprender as raíces da violencia de xénero. E se cadra a atopar a maneira de acabar con ela.
Desta formulación parte Sofía e as postsocráticas, a nova montaxe de Inversa Teatro, que vén de ser preestreada no Culturgal. Marta Pérez, Silvia Penas e María Roja son as filósofas que nos conducen, con eficacia, por un percorrido, apoiado nas máscaras e en elementos visuais e sonoros, polo pacto patriarcal, o silencio social, a culpabilización da vítima, a negación ou o efecto espectador. Aspectos, todos eles, que sustentan a violencia machista. Falamos con Marta Pérez, autora da dramaturxia, actriz e directora desta obra.
– Praza (P): Os personaxes dos que partes son Sócrates, Platón e Aristóteles. Case nada. Por que eles?
– Marta Pérez (MP): Un pouco para homenaxealos e un pouco para desmontalos. Porque son grandes referentes da cultura occidental, que é a que lexitima a violencia cara a diferenza. Tres grandes pensadores aos que admiramos, mais nos que está o xerme da violencia, a violencia fundante, sostida na diferenza. Os que marcan o inicio desa razón que se sostén a si mesma. O inicio do discurso falocéntrico, hexemónico e heteropatriarcal de occidente.
– P: Hai, en relación con eles, un xogo coas máscaras. Sodes eles cando as poñedes. Deixades de ser eles ao sacar as máscaras… Quen fixo as máscaras?
– MP: Gonzalo Alonso, o responsable da construción escenográfica, foi quen as construíu. A obra comeza nun museo no que se expoñen unhas ideas, que son ideas platónicas estáticas. As máscaras serven para marcar a distancia entre Sócrates, Platón e Aristóteles e as filósofas postsocráticas, que procuran un novo logos fronte ao logos pactado por estes tres filósofos. Quitar as máscaras é un xeito de marcar a ruptura con esas ideas estáticas das que se parte. Porque do que se trata é de fundar unha nova teoría da conciencia. O novo logos que as postsocráticas buscan é unha petición de toma de conciencia de xeito individual ante un problema social, a violencia.
As máscaras, ademais, colocámolas nun pé de micro, cando as deixamos, de xeito que os micros fan como se fosen unha pirola que queda mirando as postsocráticas, en constante observación por parte dos falos. E estes pés só se retiran cando se di “espazo libre de violencias machistas”. (…)”

A Coruña: recital de Antón Reixa e Bernardo Atxaga no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 17 de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Antón Reixa e Bernardo Atxaga. Máis información aquí: Poetas Di(n)versos. Decembro 2018.

Fernando Epelde e Rafa Vilar, gañadores da I edición dos Premios SELIC de creación literaria

Desde o Concello de Santiago:
“A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, deu conta do fallo do xurado dos I Premios SELIC, “convocados para incrementar a presenza de Santiago na literatura escrita en galego, posto que un dos requisitos das bases é que as obras presentadas teñan a Compostela como marco de acción ou referencia fundamental”. A edila lembrou que os premios teñen unha dotación de 2.000 euros cada un, e as obras serán publicadas na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.
Teatro
Na categoría de textos teatrais, o I Premio SELIC foi para a obra Realness, presentada por Fernando Epelde García baixo o lema “Polari”. Do texto, o xurado destacou que “é unha obra que crea unha atmosfera rica, atractiva e suxestiva; e cunha escrita limpa e puída que permite unha lectura áxil que narra o enfrontamento entre a lei e a liberdade”. Salienta tamén que o texto “presenta unha frescura e unha actualidade chea de conversas disparatadas e interesantes, con personaxes que se expresan con naturalidade e formula interrogantes sobre a identidade sexual das persoas”.
Poesía
Na categoría de poesía, o I Premio SELIC foi para a obra A cidade e a chuvia, presentada baixo o lema “Enheduanna” por Rafa Vilar. O xurado destaca do texto que “evoca a alma interior e a identidade de Santiago nun traballo sensitivo, delicado e cheo de matices”. A obra “describe a necesidade da chuvia cunha elegante composición de versos moi medidos, que precisan dunha lectura lenta, e que reflicten á perfección o paso das estacións, a mutabilidade da vida na cidade”. Segundo o xurado, Rafa Vilar converte cada poema “nunha declaración de amor a Compostela, cidade soñada, imaxinada, onírica”. (…)
O xurado que seleccionou as obras gañadoras do I Premios SELIC de creación literaria estivo integrado por Paula Carballeira, Antón Lopo, Montse Dopico, Xavier Lama e Lupe Gómez.
Así o acordou o xurado dos galardóns, que decidiu deixar deserto o premio na categoría de narrativa.”

Mercedes Queixas Zas, nova académica correspondente da Real Academia Galega

Desde a Real Academia Galega:
Mercedes Queixas Zas (A Coruña, 1968) foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega no pleno ordinario da institución celebrado onte pola tarde na Coruña. Na xuntanza votouse a favor da incorporación da profesora e escritora, tendo en conta o seu labor a prol da difusión da cultura galega e compromiso coa defensa do idioma. Mercedes Queixas Zas é autora de ensaios divulgativos, estudos sobre a historia da lingua e a literatura galegas e biografías de persoeiros das nosas letras, e participa activamente en distintas iniciativas a prol da identidade galega. Desde 2005 é secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
A nova académica correspondente é licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade da Coruña e iniciou a súa andaina profesional como coordinadora da editorial Laiovento, responsabilidade que exerceu desde 1995 até o ano 2000. Desde o curso 1996-1997, compatibilizou este labor coa docencia de lingua e literatura galegas no ensino secundario, profesión que desenvolve nestes momentos no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco (A Coruña). Entre 2007 e 2010 foi coordinadora territorial de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística da provincia da Coruña, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística. (…)”