A Coruña: palestra de María Antonia Pérez e inauguración da exposición Os álbumes de guerra de Castelao

O 30 de xaneiro, ás 20:00 horas, no local da A. C. Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa Olmos, 16-18), terá lugar unha palestra a cargo de María Antonia Pérez, Presidenta da A. C. O Galo, e a inauguración da exposición Os álbumes de guerra de Castelao.

Bases do IV Concurso de relatos curtos O cabaleiro das cunchas da Vila de Bouzas 2019

1. A este premio poderán concorrer todos os autores que o desexen, excepto a persoa gañadora da edición anterior, cun relato escrito, en Poesía ou Prosa, en calquera dos idiomas que son oficiais na Península Ibérica: galego, castelán, portugués, catalán e euskera co tema único da: “Lenda do Cabaleiro das Cunchas de Bouzas”.
2. Os relatos, serán orixinais e inéditos en todos os formatos, tanto en papel como dixital, terán una extensión non inferior a tres follas nin superior a 15. Serán presentados en texto formateado con letra de tamaño 14 e espaciado dobre, en Times New Roman.
3. Poderán presentarse de dous modos: en papel, con tres copias, debidamente grampadas ou encadernadas, ou con un arquivo gravado en CD en formato PDF, seguindo as mesmas normas que se detallan o apartado 2 de estas bases.
4. Os relatos enviaranse antes do 30 de Maio de 2019, facendo constar no sobre IV Concurso de Relatos Curtos do “Cabaleiro das Cunchas” da Vila de Bouzas, ao seguinte enderezo: Cofradía del Santísimo Cristo de los Afligidos de Bouzas. Rúa/ San Miguel, nº 1- Baixo. Cp36208 – Bouzas – Vigo.
5. Presentarase cos orixinais; dentro do sobre pechado, baixo plica, una declaración xurada asinada polo/a autor/a onde declare a súa autoría sobre o relato, así como a súa orixinalidade. A non inclusión desa declaración xunto co relato será motivo para que a obra en cuestión sexa excluída automaticamente, considerarase non remitida e non presentada.
6. Establécese un único premio dotado con mil cincocentos euros: 1.500,00 €
7. O premio poderá declararse deserto sempre que o xurado considere que os relatos presentados non reúnen a calidade suficiente.
8. A contía do premio inclúe a adquisición dos dereitos de explotación da posible primeira edición de ata un máximo de 1.500 exemplares do texto ganador. Estes dereitos corresponderalle en exclusiva á entidade organizadora deste premio.
9. O Xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito das nosas letras. A decisión do Xurado será inapelable e farase pública no mes de Xuño do 2019.
10. A entrega do premio terá lugar nun acto público que se realizará na vila de Bouzas o venres anterior ao terceiro domingo do mes do Apóstolo, na noite máxica do Cabaleiro das Cunchas.
11. Os orixinais non premiados serán devoltos, sempre que os autores/as o soliciten por escrito, nun prazo máximo de dous (2) meses a partir da data en que se faga pública a resolución do Xurado. Os orixinais que non se retiren destruiranse.
12. Dos aspectos non incluídos nestas bases ou aqueles que puidesen ser obxecto de interpretación, a decisión corresponderalles aos membros do xurado, que emitirán ditame que será inapelable.
13. A participación na convocatoria implica a aceptación destas bases.

IRMANDADE das DONAS E CABALEIROS DE BOUZAS.
Vila de Bouzas, VIGO, xaneiro do 2019.”

“Obradoiro de Novela Cidade da Cultura”

Desde a Cidade da Cultura:
“Escribir é arte e tamén oficio. Require de vontade e de talento, pero tamén de ferramentas que poden ser aprendidas. Enfrontarse á páxina en branco –ou hoxe en día máis ben á pantalla– énchenos de preguntas: como creo personaxes interesantes? Desde que punto de vista conto a miña historia? Estou sendo artificioso nos diálogos? Aburrirei ao lector? Que fago coa novela cando estea rematada?
No Obradoiro de Novela da Cidade da Cultura aprenderás a dar resposta a todas estas cuestións da man de escritores e escritoras galegas de éxito e co apoio dunha axencia literaria profesional, Rolling Words, que brindará a súa experiencia no mundo da edición.
O obradoiro estrutúrase en dúas partes, unha teórica e outra práctica. A parte teórica consistirá en 9 clases maxistrais que terán lugar os venres entre o 1 de marzo e o 3 de maio de 17:00 a 19:30 horas na Biblioteca e Arquivo de Galicia. Cada unha porá o foco nun aspecto concreto da creación literaria e será impartida por autores e autoras especialistas no tema.
1. Introdución ao curso. Empezar unha novela.
[1 MARZO]
Imparte: Javier Peña.
2. O punto de vista narrativo
[8 MARZO]
Imparte: Manuel Gago.
3. Personaxes e diálogos
[15 MARZO]
Imparte: Antón Riveiro Coello.
4. O estilo
[22 MARZO]
Imparte: Arantza Portabales.
5. Estrutura e tempos da novela
[29 MARZO]
Imparte: Xabier Quiroga.
6. Os xéneros
[5 ABRIL]
Imparte: Miguel Anxo Fernández.
7. A corrección da novela
[12 ABRIL]
Imparte: Diego Giráldez.
8. O mundo editorial
[26 ABRIL]
Imparte: Lourdes Díaz.
9. O mercado do libro
[3 MAIO]
Imparte: Siscu Pérez.

Na parte práctica terás, por suposto, que escribir a túa novela, ou polo menos as primeiras 40 ou 50 páxinas. O día 7 de xuño volveremos xuntarnos para poñer en común e corrixir os traballos.
Durante todo o obradoiro terás acceso a titorías co profesorado e disporás dun correo electrónico no que consultar dúbidas ou ampliar coñecementos.
Ademais de adquirir as habilidades e recursos para levar adiante os teus propios proxectos literarios, participando no Obradoiro de Novela Cidade da Cultura acadarás contactos profesionais de calidade e, no caso de demostrar un talento literario sobresaínte, terás a oportunidade de ingresar na nómina de autores e autoras representados pola axencia Rolling Words.
A matrícula xa está aberta a través de ataquilla.com. Dálle forma ao teu talento literario da man de escritores e escritoras galegas de éxito na Cidade da Cultura!”

Compostela: presentación da antoloxía La letteratura galega. Autori e testi

O 29 de xaneiro, ás 12:00 horas, na Sala Sarmiento do Pazo de San Roque (Secretaría Xeral de Política Lingüística, Rúa de San Roque, 2), en Santiago de Compostela, o Centro de Estudos Galegos da Universidade de Padova, o Centro de Estudos Galegos da Sapienza, Universidade de Roma e o Centro de Estudos Galegos da Universidade de Perugia, xunto coa SXPL, presentan La letteratura galega. Autori e testi.
Trátase dunha antoloxía en italiano que recolle 50 figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas. No evento participarán: Xesús Alonso Montero (autor do prólogo da obra e académico da RAG), Giovanni Borriero (editor do libro e director do CEG de Padova), Gemma Álvarez Maneiro (coeditora da obra e exlectora da Universidade de Padova), Víctor Fernández Freixanes (presidente da RAG) e Valentín García Gómez (secretario Xeral de Política Lingüística).”