Arquivos mensuais: Marzo 2020
Paseos pola Coruña Literaria primavera 2020
Os Paseos pola Coruña Literaria primavera 2020 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña
Estes Paseos constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.
– Están destinados a persoas maiores de 16 anos e son gratuítos.
– É necesaria a inscrición, pois están limitados a 55 prazas.
– A inscrición pódese facer en Normalización Lingüística no Centro Ágora, chamando ao 981 184 200 ext. 34333 e 34321 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos) e no correo inscricionslingua@coruna.es, nas seguintes datas:
Olivia Rodríguez. (Por causa da suspensión de todas as actividades municipais até novo aviso, queda adiado este paseo, pendentes de confirmar a nova data).
María Canosa. (Por causa da suspensión de todas as actividades municipais até novo aviso, queda adiado este paseo, pendentes de confirmar a nova data).
África López. Inscrición desde o luns 6 de abril.
Xosé Antón Bocixa e Emma Pedreira. Inscrición desde o luns 27 de abril.
Data por confirmar (a partir das 12:00 h.): Olivia Rodríguez. A Coruña de Luz Pozo Garza. (Por causa da suspensión de todas as actividades municipais até novo aviso, queda adiado este paseo, pendentes de confirmar a nova data).
Faremos un percorrido polos espazos vitais e poéticos de Luz Pozo Garza na nosa cidade e deterémonos naqueles lugares máis significativos na súa traxectoria.
Data por confirmar (a partir das 12:00 h.): María Canosa. Peregrina na miña cidade. (Por causa da suspensión de todas as actividades municipais até novo aviso, queda adiado este paseo, pendentes de confirmar a nova data).
O paseo rememorará a visión de dúas protagonistas dos últimos libros da autora. Nunha delas, a protagonista chega á cidade por mar e sentirase atraída por todo aquilo que é a fachada da cidade pero tamén polo que queda ás súas costas. A segunda protagonista vive dentro da cidade e transita os espazos menos pintorescos e máis prosaicos, o día a día, a cidade que se “usa”.
Sábado 18 de abril (a partir das 12:00 h.): África López Souto. Concepción Arenal na Coruña: escoitando as “malas mulleres”. Inscrición desde o luns 6 de abril.
Faremos un percorrido aberto e participativo pola presenza de Concepción Arenal na nosa cidade, incidindo nas súas perspectivas en relación a unha visión humanitaria do castigo, a potencia da amizade entre mulleres, centrada na súa relación con Juana de Vega, e o legado que deixou a súa vida e obra na nosa cidade.
Sábado 9 de maio (a partir das 12:00 h.): Xosé Antón Bocixa e Emma Pedreira. O éxodo, a ruína. Inscrición desde o luns 27 de abril.
Un paseo pola poética da memoria e da casa baleira e abandonada e que fica no silencio da ruína, desde o audiovisual ao literario, coa mirada diversa e complementaria destes creadores.
Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía 2020 (III)
O acto central do Día de Rosalía 2020 tivo lugar o domingo 23 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:
– Ofrenda floral e interpretación do Himno Galego:
A Estrada: presentación de A matanza do porco, de Xoán Carlos García Porral
Compostela: presentación de #hashtags para un espazo agónico, de Arancha Nogueira
Bases do XIX Certame de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos
Miño: presentación de Verso plural, de José Luis Graña Muíño
O 12 de marzo, ás 20:15 horas, no Local Social da Rúa (Miño), preséntase Verso plural, de José Luis Graña Muíño, publicado por Medulia. Neste acto, Verónica Fachal e Antonio Loureda acompañarán o autor.
Betanzos: Carlos Taibo presenta A tortilha de Betanços
Xurxo Borrazás: “A literatura é a que menos se está adaptando aos tempos”
Entrevista de Manuel Veiga a Xurxo Borrazás en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Levas anos reclamando que se escriba máis desde as marxes. Usaches a metáfora de que a portería está no centro pero hai que atacar polas bandas. Pero a min un editor díxome: “Eu non teño problema en editar libros así, sempre que haxa público”. É dicir, é viábel esa literatura?
– Xurxo Borrazás (XB): Creo que non, visto así. Supoño que as miñas vendas son tales que non me estrañaría que un día un editor me reclame danos e prexuízos. Pero iso depende do que queira o editor, se quere compensar libros que se venden moito con outros que fornecen outras cousas. De todos modos, eu non creo que escriba libros raros nin transgresores. Son libros se cadra pouco habituais no sistema literario galego. Pero pódoche citar centos de libros que se editan en todo o mundo e que son realmente transgresores. En todo caso, en Brevedume, moitos son chistes, algúns rozan o refrán e hai cousas que oín nas tabernas.
– ND: Fuches cualificado moitas veces de autor experimental. Pero no experimentalismo e na literatura postmoderna non hai tamén ás veces certa pedantería intelectual e, noutros casos, talvez incapacidade para facer unha obra de formato convencional e ao mesmo tempo profunda e interesante?
– XB: Un é fillo das súas lecturas e momentos. Hai momentos para todo. Pero iso sería como dicir que a arte abstracta revela incapacidade para pintar paisaxes realistas. Hai pintores abstractos que fan un bodegón para demostrar que tamén saben pintar así. A min a novela realista resúltame allea, non forma parte do meu tempo. As artes e as ciencias van da man. Son fillas da mesma época. Hoxe non tería sentido A educación sentimental.
– ND: O orixinal de Brevedume era moito máis longo. Que pasou?
– XB: Cando llo presentei ao editor díxome que o reducise á metade. Fíxeno e xa me parecía unha barbaridade. Quizais debido á vaidade do autor, tómalo como unha ofensa. Cando o presentei de novo dixéronme que o volvese reducir á metade. Pareceume imposíbel, pero fíxeno e quedou mellor. É unha lección que se recibe do xornalismo. Unha vez mandáronme recortar un artigo e vin que ao facelo quedaba máis claro. O texto non é sagrado, pódese modificar. Eu lin moito de música e de pintores, comentaba moito da vida dos artistas, todo iso quedou fóra. Tamén había cousas persoais, ao estilo dun diario, pero tamén quedaron fóra. Non o lamento. Cioran fixo textos pequenos, Aira fai novelas de cincuenta páxinas, como aquelas de vaqueiros de Estefanía. É suficiente. Un formato como o de Brevedume fai que, cando revisas, te formules sempre a idea de quitar, nunca a de engadir que é o que pasa coas novelas. (…)”
Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía 2020 (II)
O acto central do Día de Rosalía 2020 tivo lugar o domingo 23 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:
– Lectura do Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2020, por Daniel Asorey: