Faíscas, a creatividade é terapia

Entrevista de Laura Fernández a Xoán Carlos Domínguez Alberte e Minia Domínguez Diéguez en La Región:
“(…) Faísca é esa partícula incandescente que se produce polo choque entre determinados corpos, como a cinza que salta do lume. É tamén o nome do novo poemario de Xoan Carlos Domínguez Alberte.
O máis persoal e desgarrador traballo do autor de Escudeiros (Ramirás) xurdiu dunha situación familiar difícil, na que se mergullou a súa filla maior, Minia Domínguez, de 18 anos. “Faíscas é un libro de poemas que trata de dar desafogo a unha situación familiar moi difícil, en relación cunha doenza grave e mantida no tempo, case catro anos e moitas hospitalizacións”, lembra o poeta, quen, como nunha catarse ante o que lle estaba a ocorrer á súa filla, envorcou case en tempo real e sobre o papel unha partitura poética popular con moitas doses terapéuticas.
A primeira parte “son reaccións ao día a día da enfermidade. E a segunda tamén, pero xógase coa (im)perceptible complicidade da natureza. Iso é Faíscas”, resume Domínguez Alberte, quen recoñece que o proceso creativo “a min axudóume a facerlle fronte á adversidade durante moito tempo” (…)”

Crónica fotográfica da homenaxe O Escritor na súa Terra – Letra E 2024, dedicada a Euloxio R. Ruibal (II)


A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXX edición, recaendo na figura de Euloxio R. Ruibal, que será homenaxeado en Santiago de Compostela o 15 de xuño de 2024.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do homenaxeado ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritoras/es procurando o contacto directo co autor e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza escultórica), a plantación dunha abeleira, árbore simbólica elixida polo propio autor, e a colocación dun monólito conmemorativo.
Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, CEDRO e Xunta de Galicia.

Aquí pode verse un adianto da crónica fotográfica, da que publicamos a continuación unha pequena escolla:

Crónica fotográfica do Paseo Literario por Compostela con Arancha Nogueira

Estas son algunhas das fotografías do Paseo Literario por Compostela con Arancha Nogueira, celebrado o pasado 13 de xuño, no marco da SELIC. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.