Compostela: XVI Xornadas de LIX. Os camiños nas narrativas literarias e artísticas da Literatura Infantil e Xuvenil

Os escritores Antón Riveiro Coello e Álex Alonso gañan o Premio Torrente Ballester da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O escritor Luís Valle, a investigadora e crítica Chus Nogueira, o escritor e editor, Manuel Bragado, a profesora Pilar Ponte e o gañador da anterior edición do premio, Xabier López, co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria formaron parte do xurado que decidiu conceder conxuntamente o premio Torrente Ballester ás obras tituladas As liñas do paraíso e Crónica denigrante que, unha vez abertas as plicas, resultaron ser da autoría dos escritores Antón Riveiro Coello e Álex Alonso. O premio está dotado con 25.000 €, que repartirán os dous autores, máis a publicación da obra.
O xurado destaca que as dúas obras gañadoras están apegadas á realidade social, nun caso como reflexo do acontecido hai vinte anos e noutro á máis urxente actualidade. No caso de As liñas do paraíso, o xurado considera que se trata dun texto “no que se reflicte a actualidade na forma en que reconstrúen as viaxes e a vida das persoas refuxiadas en dous escenarios: Siria e Europa, reflectindo moi ben a súa dramática situación”. O fallo fai constar tamén que a obra “conecta coa realidade multicultural de Europa cunha historia na que resalta a personaxe infantil de Karim que ten moita forza ao presentar un drama humano que atinxe a todos”
Por outra parte, Crónica denigrante trata, segundo o xurado, dun “texto no que existe un grande esforzo de documentación, moi traballado; é unha novela de non ficción cunha reconstrución moi lograda do crime que aconteceu en Nigrán, de xeito que pode considerarse unha crónica sentimental, case documental, dos anos noventa en Galiza”. (…)”

Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, premiado co San Clemente

Desde Sermos Galiza:
Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, recibe o premio na categoría de lingua galega da XXV edición dos premios San Clemente Rosalía – Abanca. Este recoñecemento súmase ao Premio Xerais de Novela (2018), o Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro de narrativa (2018) e o Premio Fervenzas Literarias á Mellor capa de adultos (2018), xa recollidos pola autora.
Este galardón é outorgado polo alumnado de bacharelato de distintos institutos: Ramón Cabanillas (Cambados), Francisco Daviña Rey (Monforte), Blanco Amor (Ourense), Rosalía de Castro, Xelmírez II e Pontepedriña (Santiago).
Emma Pedreira revisa en Besta do seu sangue o mito da licantropía, empregando diversos rexistros e múltiples voces. A trangresora e fragmentaria revisión en clave de xénero da historia de Romasanta cautivou un xurado mozo que actuou con plena independencia na súa escolla.
Magnetizado, de Carlos Busqued, foi galardoado na categoría de lingua castelá, mentres o italiano Antonio Manzini levou o recoñecemento por 7-7-2007 na de lingua estranxeira. “

Pontevedra: conmemoración do 70 aniversario da Colección Benito Soto

Carballo: representación de Despois das ondas, de Ernesto Is

“O 22 de novembro, ás 21:00 horas, todas as persoas que se decidan achegarse ao Auditorio Pazo da Cultura de Carballo poderán ver en persoa á grandísima María Casares, grazas á maxia do teatro. Será ademais a última oportunidade do ano para vela. ButacaZero e a Deputación da Coruña embárcanse neste grande reto coa peza Despois das ondas, de Ernesto Is baixo a dirección de Xavier Castiñeira, quen consegue sacar de Belén Constenla unha das súas mellores interpretacións encarnando a unha das personaxes galegas máis internacionais: a grande diva do teatro e o cinema francés do século XX María Casares.
Ernesto Is, quen levou por esta peza Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña, propón unha viaxe en tren no que a diva do teatro vai recordando a súa vida, dende a súa infancia na Coruña, ate a chegada da República, a Guerra Civil, o exilio, o seu éxito profesional como actriz francesa ou a morte do seu grande amor: Albert Camus.
Pero Constenla non estará soa en escena, completan o elenco Nerea Brey, quen tamén se colocará na pel da diva na súa infancia e xuventude, e Sonsoles Cordón, quen amosará a súa versatilidade escénica entre bailes, coreografías e creación de numerosas personaxes.
Con todo, non serán as únicas que se suban ás táboas do Auditorio, pois outras catro persoas estarán en escena para que a maxia do teatro e a do cinema se poidan mesturar. Roi Fernández foi o encargado do deseño da parte audiovisual, e estará acompañado en escena por Esther F. Carrodeguas, Beatriz de Vega, e Ernesto Is, quen se encargará de xerar os sons tamén en vivo e en directo. Os catros son os encargados de que o teatro se converta nun plató de cinema e de que os espectadores poidan ver un espectáculo tan teatral como cinematográfico.”