A AELG súmase á manifestación nacional “Lingua Vital Xa. Paremos a emerxencia lingüística” á que nos convoca Queremos Galego este domingo 23 ás 12 na Alameda de Compostela

Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), entidade profesional que aglutina e representa as escritoras e os escritores galegos, manifestamos a nosa perplexidade ante o veto á nosa entidade a formar parte das comisións para a “revisión” do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Este veto é unha falta de respecto ao traballo dos e das escritoras galegas no labor de construtores, divulgadores e dignificadores do idioma e da súa capacidade para crear falantes, pois a lectura é unha das ferramentas normalizadoras que ten demostrada historicamente a súa eficacia, para alén das actividades de fomento da lectura que son en esencia actividades normalizadoras.
A exclusión da AELG das conversas e dos grupos de traballo postos en marcha o pasado día 12 na Cidade da Cultura, evidencia que desde o partido que ostenta o goberno da Xunta non hai vontade de contar cunha participación ampla e plural de colectivos representativos do conxunto da sociedade galega, unha medida imprescindíbel para o éxito de calquera proposta normalizadora.
Falta de vontade que tamén demostra o inicio das conversas marcando posicións inflexíbeis, velaí a negativa a derrogar o Decreto 79/2010, amplamente cuestionado desde os seus inicios, advertido polo Comité de Expertos de Europa e causa incuestionábel do descenso no número de falantes, do incremento dos prexuízos contra a lingua e mesmo do incumprimento da propia Lei de Normalización Lingüística, toda vez que se constata a incapacidade dunha parte da mocidade para se expresar con algunha fluidez na nosa lingua. A mesma falta de vontade que se demostra nos pasos lexislativos dados desde entón reducindo a presenza e a esixencia de coñecemento da nosa lingua na CRTVG ou na Administración.
A AELG reclama un proceso transparente, coa participación de todas as entidades sociais, cun guión claro en que se asuman compromisos para o incremento e a diversificación dos recursos, a aplicación das medidas debidamente planificadas e a súa avaliación.
Con esta reivindicación estaremos este domingo en Compostela sumándonos á manifestación á que nos convoca Queremos Galego, porque, como dixo o irmán Daniel, somos galegas e galegos polo idioma, esa lingua en que o pobo lle pediu a Rosalía que cantase. Que maior homenaxe, que mellor agasallo para a nosa poeta no seu aniversario que volver sermos pobo que atravesa as rúas da súa cidade para berrar aos que tan altos están que non oen, as palabras que escribiu Manuel María: que “recibimos a lingua en usufruto e temos a obriga de conservala e mellorala” se queremos seguir chamándonos galegas e galegos.
O futuro, tamén o de quen nos goberna, só será se é na nosa lingua.

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2025

SAÚDE E TERRA!

Saúde e forza, animais terrestres!

Saúde e forza, para reclamarmos o dereito de vivirmos en galego, para sermos Galiza, esa palabra que nos sinala.

Cantarte hei Galiza, na lingua galega, que así mo pediron, que así mo mandaron.

Saúde, para a lingua pola que somos e seremos na terra que camiñamos, cuberta de palabras en todas as estacións do ano, de herbas e flores, de ventos que zoan cantigas e ríos e regatos pequenos, fervedoiros de arte a remexer pelouros… Palabras que nadan mares e bican cons, furnas e puntas sinaladas… Palabras, rapaciñas do lugar, palabras, toleirona mocidade.

Saúde para a lingua!

A lingua de Nós que quere facer bárbara e que con razóns e coñecementos espurios despreza, quen deserta da lama, da area, da laxe, da curota, por un banco de plástico dourado na opereta madrileña, que confunde coa antesala das portas do Parnaso. Tristes e vellos entes literarios, de vós, nada aprenderán en Terras de deserto, e nada tendes que ofrecer, tan lonxe da forza sedutora, da innovación na palabra travestida en cabaleiro das botas azuis, trasno lúcido e único… Tristes entes, que querendo repenicar e bailar na festa ao mesmo tempo, regresan en texto traducido, agora pola IA e, sen vergoña, entran nos concursos literarios para representaren a nosa cultura.

Entes de lingua bífida, da Galicia boi de palla, que imploran coa súa vasalaxe a mercé na casa do amo, na sedución dun poder que non terán, aínda que poidan mover cada unha das dúas partes do seu músculo seccionado.

Esa casa do amo, que Rosalía de Castro nunca ocupou.

Pobre Galiza, non debes chamarte nunca española!

Saúde, para pronunciarmos Gaza.

Pola memoria de todas as Cándidas de Sobredo, sementes de vida, mártires asasinadas en Palestina.

Pola memoria de todos os meniños de manteiga, bonitos coma caraveis, asasinados en Palestina.

Pola memoria de todas as raparigas gabaxeiras e lindas, Estreliñas, asasinadas en Palestina.

Pola memoria de todas as Siñas Sinforosas, que levan as contas das mortes do lugar, asasinadas en Palestina.

Pola memoria de toda a mocidade, de todas as alboradas, asasinadas en Palestina.

Saúde, para non sermos cómplices deste xenocidio, despois de Armenia, despois de Auschwitz, despois de Rwanda…

Saúde para Nós, na Terra de Galiza, para reclamarmos o dereito de vivir en harmonía co lugar que desexamos traballar, suco vai, suco vén; onde queremos que vivan todos os outros animais e sexan libres todas as marxes coloridas.

Saúde, desde o Ortegal ao Miño, desde o Pico de Trevinca ao Aloia, desde o Careón ao Tegra.

Saúde, pola banda de Laíño, pola banda de Lestrove, por cada lugar que mediu Fontán e situou con precisión no mapa, rostro do país.

Saúde, para defendermos a paisaxe e a vida, contra os pirómanos do monte, coa voz de Pura Vázquez, contra o brazo armado do neoliberalismo máis letal, polas bestas e as vacas, polos soutos, as fragas e as carballeiras, porque aquí os muíños do vento son xigantes que nos mudan o sentido.

Saúde, para impedirmos o espolio, ese franquismo no interior da mina de Touro, toxicidade que mata, para berrarmos alto e claro: Non, Mina de Touro, Non!

Saúde, para impedirmos a destrución da terra que queremos e labramos, do país dos mil ríos, para contra todo, nun abrazo popular, de mans dadas polo Ulla, berrarmos até a Ría de Arousa, alto e claro: Altri, Non!

Porque vencerse é cousa de se tratar.

Saúde, para defendermos quen nos cura e nos atende, para reclamarmos un ensino de calidade, neste mundo onde mingou a verdade.

Saúde para Nós, e para ti, que vés de fóra, que chegas de duras travesías, agora connosco. Quero que veñas da man de Castelao, aínda que non te chames Panchito… Quero que me contamines, para ennobelar as túas palabras coas miñas e aprendermos os nomes dos paxaros, os das árbores e atoparmos a flor do xilmendro, e que cando eu che diga: come, neniña come, Ti me digas: iso é Teranga, alimento das palabras entre linguas.

Saúde, para en alegre veciñanza dicirmos: Ola, ríos, Ola, fontes, Ola, regatos pequenos, vista dos meus ollos en que sempre nos veremos…

Porque aquí, a festa facémola Nós: Arriba, toleirona mocidade! Que atruxaremos cantaremos o ala… lá!

Saúde e Terra!

Marga do Val
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#_rdc2025 #SaudeeTerra!