Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Vigo: presentación de Os inmigrantes imaxinados, de Xosé M. Núñez Seixas
Compostela: Coñecemento e visibilización da historia de Compostela e do Reino de Galiza. O Panteón Real de Compostela. Visita guiada por Francisco Rodríguez, o 4 de decembro
Bases do XVII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil
Bases do XLII Premio Xerais de Novela
Bases do XL Premio Merlín de Literatura Infantil
Pontevedra: presentación de Economía e Poesía: rimas internas, de Yolanda Castaño
A Coruña: presentación do Teatro completo, de Luísa Villalta, en edición de Henrique Rabuñal
Bases do Certame de Novela Infantil Jaime Olmedo Limeses
O porriñés Diego Giráldez gaña o XLIII Premio de Novela Blanco Amor por As obras póstumas
Desde Nós Diario (foto do autor desde a Wikipedia galega):
“O escritor porriñés Diego Giráldez García é o gañador do XLIII Premio de Novela Eduardo Blanco Amor polo seu traballo As obras póstumas. Así o acordou o xurado do certame, reunido no Centro Cultural Marcos Valcárcel, que escolleu a obra gañadora por maioría de entre un total de 49 orixinais presentados a esta edición, máis do dobre das obras recibidas na pasada edición (21). Organizado pola Fundación Eduardo Blanco Amor coa colaboración da Deputación de Ourense, o premio está dotado con 15.000 euros e unha peza artística do escultor Acisclo Manzano.
Na súa resolución, difundida este domingo, o xurado destaca o estilo “directo, rico e cargado de simbolismo” que caracteriza a obra premiada, na que se aborda a historia dunha escritora que ante a diagnose de demencia reflexiona sobre a vida e sobre o seu traballo. A prosa elaborada de Giráldez, engade o xurado, crea unha “atmosfera estremecedora sobre o tempo e a memoria” e amosa a realidade crúa sobre o tratamento da enfermidade psiquiátrica do pasado “sen caer en estereotipos”.
Unha vez concluída a reunión do xurado, o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, comunicou por vía telefónica ao escritor a concesión deste galardón pola obra que presentou ao certame baixo o lema ‘Contra o peito’.
O xurado, que destacou a calidade literaria dos traballos presentados e o crecemento da participación neste premio, estivo presidido por Luís González Tosar, en representación da Fundación Blanco Amor, e integrado polo crítico literario Xosé Manuel Eyré, o xornalista e escritor Fran Fernández Dávila e a tradutora Inés Mosquera, actuando como secretaria Inmaculada Otero Varela, filóloga e ensaísta galega.
O Premio Eduardo Blanco Amor é o galardón máis veterano da novela en lingua galega e leva implícita a publicación da obra por unha editorial escollida polo gañador. A entrega desta distinción producirase o próximo 13 de decembro durante un acto literario previsto para as 20 horas no Liceo de Ourense.”