Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
III Concurso de micropoesías Vilariñas
“Convócase
o III Concurso de micropoesías Vilariñas, no que poden participar todos @s escritores/as que queiran.
A participación neste concurso é completamente de balde.
Os micropoemas presentados ao concurso serán inéditos, orixinais e non premiados nin publicados. @s autores/as son responsables tanto deste punto como da autenticidade dos seus propios datos.
A temática será “libre”. Cada participante poderá enviar un máximo de dous micropoemas que deben estar escritos en GALEGO en calquera das normativas ou en portugués e presentarase ao concurso a través do correo electrónico dosvilares@gmail.com ou npggazeta@gmail.com en formato Word e coa referencia de CERTAME VILARIÑAS 2019 no título do correo. Cada vilariña terá o nome ou o alcume d@ autor/a. Tamén no correo deben figurar os datos de contacto d@ autor/a.
Os micropoemas terán una extensión mínima de 2 versos e máxima de 3 versos sen incluír o título. Cada poeta poderá presentar un máximo de dous micropoemas a concurso e cada un deles serán xulgados individualizadamente e por separado. A organización non correxirá nin modificará os textos dos poemas. Cada micropoema debe ser apresentado por separado. Poderán cada un deles ir acompañado de imaxe se así o quixese @ autor/a.
Admitiranse obras desde o 1 abril até o día 31 de maio de 2019, ás 23:59 horas.
A organización do concurso resérvase o dereito a eliminar aqueles micropoemas que podan ir en contra da protección da infancia, do respecto, ou induzan ou promovan actos delictivos, denigratorios ou violentos en cualquera das súas formas.
O xurado terá en conta a orixinalidade, técnicas empregadas, calidade e contenido do poema. O xurado estará composto por poetas da NPG Nova Poesía Guitirica. Os integrantes da NPG só poderán colaborar quedando SEMPRE fóra de concurso, por formaren parte do xurado. O fallo do xurado será inapelable e farase público a través dos distintos soportes dixitais de Os Vilares, lareira de soños, e da NPG Nova Poesía Guitirica nas duas semanas posteriores ao peche do concurso.
Os micropoemas participantes, integrarán unha antoloxía, e entre eles escollerase aos tres gañadores do premio que consistirá no trofeo VILARIÑA deseño exclusivo da artista Viki Rivadulla e edición das obras presentadas na web poético-literaria http://npggazeta.gal e outros soportes dixitais. A edición da antoloxía na web poética será segundo criterio da NPG Nova Poesía Guitirica e Os Vilares, lareira de soños. Farase un acto poético público cos premiados e poetas convidad@s.
Polo feito de participar, @s premiad@s autorizan a NPG Nova Poesía Guitirica e á Lareira de soños a editalos nos soportes fisicos e dixitais que considere oportunos.
NPG NovaPoesiaGuitirica
npggazeta@gmail.com
http://npggazeta.gal
Os Vilares lareira de soños
dosvilares@gmail.com”
O exército de fume, de Manuel Gago
Entrevista
a Manuel Gago en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Ambientada en Galicia, O exército de fume ofrece unha España involucrada nun escenario bélico mundial. En teoría neutral, o estado franquista era claramente pronazi, especialmente na etapa de Serrano Suñer en Asuntos Exteriores, e iso levarase á práctica.
– Manuel Gago (MG): É evidente o apoio de Franco aos alemáns, principalmente para pagar favores levados a cabo por estes durante a Guerra Civil uns anos antes. No transcurso da II Guerra Mundial Franco ten que bailar a dúas augas. Por unha banda ten que devolver aos alemáns eses favores dunha forma explícita, pero ao mesmo tempo intenta manter unha posición que non irrite ao bando contrario. Que o apoio outorgado aos nazis non desencadee unha acción aliada contra o seu réxime. Ten que pugnar con esas dúas cuestións e boa parte do que veremos sobre o apoio de Franco aos nazis ten que ver con ese difícil equilibrio. Franco amparará aos alemáns, estes instalaranse nos territorios que lles interesan, pero Franco tamén negocia cos británicos, os cales exercen a súa propia presión, o seu propio poder e o seu propio sistema de subornos dentro do goberno do ditador. O que veremos na novela susténtase nesa dualidade. (…)
– FL: O exército de fume é unha novela que conta cun importante compoñente cinematográfico, levado iso incluso á forma de narrar.
– MG: Esa foi unha das decisións máis complicadas á hora de abordar a novela. Para min a primeira frase é como ter a chave da partitura. O xeito de como vou contar a historia foi unha decisión moi consciente.
Como narrador, eu son un narrador galego, no sentido de que en O exército de fume hai moi poucas descricións. Non se describen demasiadas cousas. Mesmo cando falo da Costa da Morte ou dese espectáculo que é o inicio da ría de Corme, non detallo case nada. Pero é algo premeditado, parto da base de que unha boa parte dos meus lectores xa coñecen iso e pódense facer unha idea moi clara de como é. Asumo que o lector sábeo e coñéceo, e iso permitirá centrarme na acción. Hai por exemplo un momento no que falo do muíño dos Vilares, e apenas digo nada de como é un muíño dese tipo. Calquera lector galego ten identificado moi ben esa imaxe, pode que un lector non galego falle por aí, de que non teña na cabeza como pode ser un muíño encaixado nun río, pero como dicía antes, asumo ese risco para o beneficio da acción.
E logo hai outro factor que sería que eu chego a esta novela logo de ver moitísimos filmes, de ler novelas, banda deseñada… baseadas no mundo da II Guerra Mundial. Igual que o lector sabe de que estou a falar cando falo dun muíño, tamén sabe do que estou a falar cando falo dun submarino, dunha base militar, de avións pasando por riba de ti… Gústame explorar as conexións que co imaxinario común pode ter a xente. E se a xente coñece de antemán ese mundo, prefiro non determe aí e centrarme máis na acción, porque as imaxes están na cabeza da xente. Eu o único que fago é chamalas para a novela. Cando en O exército de fume aparece un nazi, ti sabes como vai ser: o seu porte, a súa vestimenta, como vai fumar…
– FL: Tanto este O exército de fume como o anterior O anxo negro teñen moito de “achegarse ao lugar”, inhalando tanto o espazo físico como o momento histórico.
– MG: Para as miñas novelas teño que me encontrar con persoas reais, ter un encontro coas fontes e evidentemente, ter un encontro co lugar. No caso de O anxo negro recreei ese lugar, que non existe, de forma moi detallada, porque sentía que debía falar dun lugar que aínda que non fose real, eu como narrador tiña que pensar que si era real, para sentirme a gusto escribindo. En O exército de fume pasa unha cousa parecida. Os lugares son precisos, as distancias entre os sitios son precisas. As persoas que aparecen teñen vínculos con persoas reais, en grande medida. Hai investigación documental detrás que non é só do libro, senón doutro tipo de fontes. (…)”
Entrevista a Eva Mejuto sobre Memoria do silencio no Zig-zag
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista a Eva Mejuto sobre Memoria do silencio. Pode verse aquí.”
Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2019: Lucía Aldao, Todo isto antes era noite (coruñesa)
Os Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.
Estes Paseos constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.
Están destinados a persoas maiores de 16 anos e son gratuítos. É necesaria a inscrición, pois están limitados a 55 prazas.
A inscrición pódese facer na conserxaría do Centro Ágora, chamando ao 981 189 888 (a partir das 9:00 horas, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es, nas seguintes datas:
– Lucía Aldao. Inscrición desde o luns 18 de marzo.
– Eli Ríos. Inscrición desde o luns 15 de abril.
– Xurxo Souto. Inscrición desde o luns 29 de abril.
Sábado 30 de marzo (a partir das 12:00 h.): Lucía Aldao. Todo isto antes era noite (coruñesa). Inscrición desde o luns 18 de marzo.
O bo dos libros de poemas é que adoitan ofrecer numerosas lecturas, case tantas coma lectoras hai. Á poeta non lle queda outra que aceptalas e agradecelas todas, pero pode que nalgunha ocasión lle dean a oportunidade de contar a súa versión, a súa propia lectura do mapa. Chegado ese momento pode, incluso, que decida contar a verdade.






