Cuestionario Proust: Lois Pérez

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Lois Pérez:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O sentido do humor.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A xenerosidade. Tento non pedir máis do que dou, pero non me conformo con menos.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Máis ben desexo que teñan un longo camiño, e saúde e amor. Talvez que conviden a un trago. Ou a dous. E que estean aí cando veña o malo. No bo xa está todo Cristo.
4.– A súa principal eiva?
– Moitas, non podería elixir unha soa. Non quero pecar de vaidoso.
5.– A súa ocupación favorita?
– Trasnoitar, ler, amar, beber, conversar, escribir, cantar, tocar, contar, xogar co Loisiño, viaxar… Coma no verso de Vian: ver a sombra en cor e os monos do Brasil, que dormen sen soñar… Tanto por facer, contra a escuridade.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A xustiza social e a paz como consecuencia, cousas que os meus ollos non verán. A falta diso, ver o solpor coa Alba e co Lois. Imagine-all-the-people
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Morrer. E non vivir pra contalo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Xa entrados en gastos… O inmortal de Borges, ou desertor nunha guerra.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun que non estea gobernado por delincuentes, coma o noso. Agora mesmo: en Portugal. Ou no Couto Mixto. Ou na República Independente da Illa de Arousa. Uxía presidenta!
10.– A súa cor favorita?
– O negro de Johnny Cash.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A flor da derrota, a rosa sen porqué. Ou a lila que agromou da Antártida, no conto aquel de Gianni Rodari. Dead flowers. Ou Cuatro rosas (en tu honor).
12.– O paxaro que prefire?
– O que voa libre, vista larga, voo baixo e preciso. O Freebird de Lynyrd Skynyrd. O paxaro cantor que adoza as súas cordas, o día que me queiras… O raio misterioso aniñará no teu pelo e as lucernas curiosas verán que es o meu consolo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Lucía Berlín, Roberto Bolaño e Borges, Carson McCullers, Dostoievski… Pron, Mirolad Pavic, Knausgard… Mia Couto, Mezz Mezrow. Cunqueiro es dios!
14.– E na poesía?
– Vicente Huidobro, Anne Marie Morris, Roque Dalton. Darío Xohán Cabana.
15.– Un libro?
Os libros arden mal, de Manuel Rivas. Pero moitos máis.
16.– Un heroe de ficción?
– Arxentino da Rocha Alemparte. Ou o Emmet Ray de Woody Allen.
17.– Unha heroína?
– Catherine, a policía de Happy Valley; Elvira, a d´A Arte de Trobar.
18.– A súa música favorita?
– Bowie, Siniestro, Resentidos, Pappo Napolitano, Etta James, Lavern Baker, Stones, Auserón, Boris Vian, o Loco, Muddy Waters. Calamaro, Edgar Varese, Fluzo.
19.– Na pintura?
– Suzanne Valadon, a nai de Utrillo. Por todo. Maruxa Mallo. Sempre Frida.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Meus avós, os que morreron e os que viven. Todas as nais e pais coas súas crianzas ao lombo, que a esta hora deambulan pola encrucillada da vergoña, onde choran as estrelas, onde as fronteiras están pechadas, ben preto xa da morte.
21.– O seu nome favorito?
– Alba.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Falar por non estar calado. Que lle voten aos corruptos, malia o monte queimado, malia que calcinen todo ao seu paso… A mala fe.
23.– O que máis odia?
– A xente que actúa e fala pensando que inventou o caldo; odiar non odio a ninguén (agardo non caer nese erro); procuro cultivar o amor e a compaixón, pero prodúceme certo rexeitamento e mágoa, pola ousadía, certa xente que non ten puta idea e pensa que si a ten. Tento evitalo eu mesmo na medida do posíbel. Non sempre se consegue. Temos días.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera fascista, que castigou ou castiga aos de abaixo, aos que sofren a historia, polo delirio egoísta de catro imbéciles que pensan que vivirán eternamente.
25.– Un feito militar que admire?
– A revolución dos caraveis. O incidente do cabalo no desfile franquista aquel, na Coruña, o que presenciou Lugrís: un cabalo tirou o seu xinete ao chan, un militar. Fíxose o silencio e ergueu Lugrís, berrando: bravo! bravo! E axitaba o pano, diante dos fachas.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O dos verdadeiros músicos. Cando toco a guitarra, lembro o que dicían de Lou Reed: nunca se soubo se tiña unha guitarra moi rara que soaba moi ben ou unha guitarra moi boa que soaba moi raro.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Morrer soñando. Ou soñando morrer.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A ledicia blue, indignación e contemplación. Ser tristemente alegre, ou ledamente triste. “Son feliz estando triste”. Malandrómeda. A cabeza non para.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os meus. Sei que malia todo son bo chaval.
30.– Un lema na súa vida?
– Rock and roll. Nunca atrás. Traballo feito non corre présa (frase do Suso prá resaca).”

Premio Maruxa Villanueva para Eduardo R. Cunha, “Tatán”

Desde Erregueté:
“Eduardo Alberte Rodríguez Cunha ‘”Tatán” resultou gañador da edición deste ano do premio Maruxa Villanueva. Un xurado composto por Afonso Becerra, Carlos Biscaínho, Comba Campoy, Inma López Silva e Roberto Pascual decidiu outorgar o premio ao veterano fundador da histórica compañía Tanxarina.
Dende a súa fundación en 1983, Tanxarina converteuse nun referente imprescindible do teatro de títeres dentro e fóra de Galicia, combinando a manipulación de monecos con traballo actoral, música e animacións diversas.
Tatán, ademais dun recoñecido e histórico profesional, foi o impulsor dos primeros festivais de títeres de Galicia –nomeadamente o de Redondela, do que foi director durante varios anos– e un incansable loitador pola dignificación do oficio de titiriteiro. Tamén é un precursor, no noso país, na defensa do teatro de monicreques para adultos.
O concello de Padrón outorga o premio Maruxa Villanueva dende o ano 2001 e, entre os gañadores, atópanse María Barcala, Gustavo Pernas, Mónica Camaño, Luísa Merelas, Xose Manuel Olveira “Pico”, Roberto Vidal Bolaño, Susana Dans… e outros moitos referentes da escena galega.”

Entrevista a Armando Requeixo arredor de Fernando Pérez-Barreiro

Desde Criticalia, de Armando Requeixo:
“O luns día 5 de febreiro a xornalista Patricia Hermida Torrente tivo a xentileza de me entrevistar a propósito da aparición dos Poemas do carricanto, a recolleita lírica da escrita do ferrolán Fernando Pérez-Barreiro Nolla que preparei para Espiral Maior. A conversa, que reproduzo tras estas liñas, emitiuse en RNE-Radio 5 e, malia a súa brevidade, houbo nela tempo para trazar un breve perfil do intelectual e significar o relevo da súa poesía e o que significa a súa recuperación. Moi agradecido a Patricia Hermida pola súa dedicación e profesionalidade.
A gravación pode escoitarse aquí.”

Gondomar: presentación de O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional?

A sexta feira 9 de febreiro, ás 20:30 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo), en Gondomar, o Instituto de Estudos Miñoranos organiza o segundo faladoiro de anticipación do ciclo Galicia 2017-2020: presente e futuros, no que intervirán Alberte Blanco Casal e Alfredo Suárez Canal na presentación do libro O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional?, publicado por Sermos Galiza. O acto será presentado por Camiño Noia Campos.

Un poema -descoñecido e non compilado- de Celso Emilio Ferreiro (1931)

Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Javier Nogueira, amigo e ex compañeiro docente, sabedor do meu interese polo universo ferreiriano, faime chegar un poema de Celso Emilio Ferreiro para min descoñecido e que non puiden, por esa razón, incorporar á edición da Obra poética completa que se publicou en Xerais hai algúns anos. O poema copiouse a metade dos anos setenta, a man, desde un volume onde se gardaba encadernado.
Tal e como me indica Nogueira o poema viu a luz na publicación na segunda época do semanario Nueva Cañiza inmediatamente despois de que as forzas máis reaccionarias gañasen as eleccións municipais na vila no ano 1931. Sospeito que esa é a época na que a publicación muda o subtítulo anterior polo do Semanario local independiente, defensor de los intereses obreros y agrarios de la comarca e vai estar dirixido por Gerardo Fuertes. O poema conservouse mercé Dona María, que foi mestra da Cañiza naqueles anos, sendo director do semanario o seu marido, o devandito Gerardo Fuertes.
O poema, composto en Celanova o 28 de maio de 1931, publicouse no semanario o 7 de xuño dese mesmo ano e, inexcusablemente, pertence á época na que o autor procuraba a súa propia voz marcada por unha fonda preocupación social e política. Asemade, a composición amosa unha evidente filiación co coñecido poema “O maio” (Aires da miña terra) do seu admirado Curros Enríquez co que se establece un diálogo compartindo a mesma tonalidade anticlericalista e unha vontade socialmente reivindicativa. Grazas por permitirme traelo a este blog sendo escrupulosamente respectuosos coas solucións lingüísticas coas que apareceu publicado.

¡Oh, mayo de Curros
con q-anseas te espero!,
teu mayo con frores
e verde nos eidos
teu mayo cun povo
d`o fisco redento;
teu mayo sin proves,
que ximan famentos.
¡Oh mayo de Curros
con q-ánseas te quero!,
por bo e por xusto
por grande por tenro.
Pero por desgracia
teu maio está lexos:
pois aínda fai frío…
inda estamos no inverno…
Por q-inda hay ilotas
sin lus n`as ideas
que siguen forxando
suas propias cadeas.
Sigue sendo Galicia
unha quinta, un feudo
y-os proves paisanos
siguen sendo sereos.
Sigu-habendo frades
sigu-habendo cregos
-ises paxaros tráxecos,
ises paxaros negros-
que mercan as almas
e venden os ceos.
Sigu-habendo iglesias
campanas y-e infernos
sigu-habendo bruxas
beatas y-e demos.
¡Oh mayo de Curros
con q-anseas t`espero!
Teu mayo sonado…
d`un pobo liberto
d`un pobo sin fame
d`un pobo redento.
Pero aínda fai frio…
inda estamos no inverno.

Celso Emilio Ferreiro Míguez
Celanova 28 – 5 – 31″