Ponferrada: “Simposio do Bicentenario de Antonio Fernández Morales”, do 15 ao 17 de setembro

“As fillas de Penélope”, por Daniel Salgado

Artigo de Daniel Salgado para Sermos Galiza (cadro de Laxeiro):
“O maxisterio de Xohana Torres (1931-2017) foi intempestivo. Atravesou o seu propio tempo, impúxose á liñalidade das xeracións e confluíu coas poetas máis rebeldes das últimas décadas. A autora do depuradísimo e influente Tempo de ría (1992) dialogou de igual a igual coas novas promocións. E as fillas de Penélope responderon coa decisión de tamén navegar e socializaren a maxia, porque esta “existe e pode ser todas”.
“A voz de Xohana fica como o emblema de quen escribiu non en busca do poderío, senón da apertura”, sinala Olalla Cociña (Viveiro, 1978), gañadora do último premio Afundación con Vestir a noite. E salienta a conversa que estabeleceu coas escritoras e escritores máis mozos: “Natural, comprometida e afectuosa. Non podemos despegarnos dela, non podemos evitar buscar a súa palabra, que nos sostén entre o mar e o cosmos”. Coincide con Marta Dacosta (Vigo, 1966), para quen Torres serviu, ademais, á causa da emancipación poética.
“Eu son Penélope / e rexeito teas e fíos / non te vou agardar”, escribiu Dacosta no poema Ordenemos o universo de As amantes de Hamlet (2003), como ampliando a rebelión, levándoa máis alá, da célebre Penélope de Xohana Torres. “Dela aprendemos a ser mulleres que escriben sen veos”, esténdese, “e a min abriume a porta para falar coa miña propia voz. Eu aferreime ao poema de Penélope como a unha bandeira”. A que ergueron as poetas que, a partir dos anos 90, revolveron a literatura galega. De Ana Romaní (Noia, 1962) ou María do Cebreiro (Santiago de Compostela, 1976) a Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) ou a Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) que onte, nas redes sociais e logo de saber da morte de Torres, se declaraba “escritora orfa”.
“A presenza que adquiriu na década dos 90 non se esvaeceu nunca”, considera Dores Tembrás (Bergondo, 1979), que coa tamén poeta Antía Otero (A Estrada, 1982) sostén a editorial Apiario, “e cando publicou a súa última entrega [Elexías a Lola, 2016], todas estabamos expectantes e esperanzadas por volvela ler. Foi un auténtico acontecemento”. A obra poética de Torres desprégase en só catro títulos: Do sulco (1959), Estacións ao mar (1980), Tempo de ría e Elexías a Lola. Como puídos, extraordinarios accesos ao enorme océano que se entorna nos seus versos.
Sobre o libro Os fillos da fame (2016) paira a sombra da poesía de Xohana Torres. Esa que, segundo o seu autor Ismael Ramos (Mazaricos, 1994), ten por corazón “a aspiración irrenunciable á verdade”. “É quen de nomealo todo desde a nada máis absoluta”, engade, e refírese a ela como “a escritora máis brillante do pasado século” en Galiza, “inclasificable en ningunha xeración, pero inspiradora para todas. Xohana é infinita”. As novísimas tamén recorren á palabra precisa e liberadora dos seus poemas, cuxa pegada, explícita ou implícita, se pode rastrear en Alba Cid (Ourense, 1989), Lara Dopazo (Marín, 1985), Antón Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1996) ou Fran Cortegoso (Pontevedra, 1985-2016).
O congreso sobre poesía que promove a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e que transcorrerá en Pontevedra os vindeiros 6 e 7 de outubro leva por título unha variación da máis coñecida palabra de orde da súa poesía: Nós tamén navegar. “Non é unicamente unha afirmación feminista”, explica Marta Dacosta, que fai parte da organización do encontro, “senón tamén da poesía, da lingua, da nación”. Porque a Penélope de Xohana Torres non pedía permiso para se rebelar contra o destino. Fartara de “tanto novelo e tanta historia” e optou por se facer cargo da súa propia existencia. Optou, daquela, pola revolución.”

De que falarán as árbores convértese na obra gañadora do II Concurso Balbino de Relatos

Desde Noticieiro Galego:
“A obra De que falarán as árbores acaba de ser elixida como a gañadora do II Concurso Balbino de Relatos, de maneira que o seu autor, Ricardo Cid Paz, veciño de Ourense, verá publicado dito relato por Edicións Fervenza, sendo ademais, beneficiario dun cheque por valor de 1.500 euros.
O xurado, composto por Rosalía Morlán (escritora e poeta), Armando Requeixo (escritor, investigador e crítico literario) e Ánxela Gracián (escritora, poeta, crítica literaria e directora editorial) destacaron a calidade das obras presentadas nesta segunda edición. Un total de 24 relatos que achegaron diferentes visións do rural galego, valorando a defensa da nosa cultura, o que permite consolidar este premio como un referente para os nosos escritores e escritoras.
Non obstante, o xurado inclinouse por outorgar o premio, por unanimidade, ao relato De que falarán as árbores, que se correspondía co lema “Tyto Alba”, resultando da autoría de Ricardo Cid Paz.
Do relato, os membros do xurado destacaron a orixinalidade e modernidade dos seus relatos, onde o rural galego figura retratado dende unha óptica actual, na que deambulan os personaxes movidos pola forza dos sentimentos e o inevitable dos acontecementos. As quince historias que compoñen este volume ofrecen escenarios diferentes que converxen na intensidade das tramas propostas, así como na ductilidade dos rexistros idiomáticos empregados, na excelente caracterización dos personaxes e na viveza expresiva dos seus diálogos. (…)”

Morre Xohana Torres

Desde Sermos Galiza (retrato de Laxeiro):
“Conmoción na cultura galega: esta terza feira morreu Xohana Torres (Compostela, 1931). Poeta, narradora e dramaturga, deixa unha obra de grande alento. Faleceu esta terza feira en Vigo. En plena ditadura, abriu fendas para a cultura e a lingua do país. Pertencía a unha xeración, a das Festas Minervais, mais a súa obra non é redutíbel a unha franxa ou a un grupo etario. Perfeccionista, tiña un enorme dominio do oficio. Mais non todo era técnica, era perfeitamente quen de producir emoción e beleza. Cantora da súa lingua e cantora tamén da nación, o seu legado perdurará.
Por volta das 20:37 horas, o xornalista Xan Carballa penduraba un post no seu FB en que noticia a triste nova do falecimento de Xohana Torres. “Adeus a Xohana Torres. Hai unhas poucas horas que a literatura galega perdeu a unha das súas grandes figuras, unha muller con letras a voar en mútiples direccións e significados que medran e se alimentan no tempo”, escrebía Carballa. “Lembrarémola. Lerémola. Navegaremos da súa man”, engadía.
Xohana Torres é un nome indiscutibelmente referencial das nosas letras nas últimas décadas. Aparece, cunha forza incontíbel, na década dos 50, como unha voz renovadora da poesía galega. Foi discípula de Carvalho Calero, nos seus anos da infancia ferrolá. Autora con grande personalidade, fixo parte, porén, dunha xeración, a chamada Xeración das Festas Minervais. Mais calquera pretensión de apreixala nunha época ou nun grupo é baldía, a súa era unha obra singular que se resistía a ser decodificada nun único rexistro.
Desde Do Sulco, poemario que viu a luz en 1959, até o Elexías a Lola, de 2016, desprégase unha obra inconformista e aberta sempre a novos horizontes. Dela di César Lorenzo Gil no seu blogue Biosbardia que a súa é unha poesía da “precisión”, pura orfebrería: “Nuns tempos nos que a técnica, en calquera disciplina artística, está en cuestión, dá gozo observar unha tarefa de oficio tan ben executada, edificados os poemas non só a base de conceptos orixinais, imaxes fermosas ou evocacións fascinantes senón tamén a través do ritmo e do perfecto equilibrio entre versos”.
Activista incansábel da literatura nacional, hai tamén unha Xohana Torres que durante a ditadura utiliza todos os meios para divulgar a cultura galega. Por exemplo, o teatro. Por exemplo, a radio, desde Radio Ferrol a La Voz de Vigo, antena en que puxo en andamento, en 1965, Raíz e Tempo, o primeiro programa de cultura en lingua galega desde a guerra civil.
Xan Carballa -editor xunto con Pepe Puga, de Elexías a Lola (Engaiolarte)- resgatou estes versos de Xohana Torres no seu emotivo post de despedida:

PENÉLOPE

Declara o Oráculo:

“Que a banda do solpor é mar de mortos,
incerta, última luz, non terás medo.

Que ramas de loureiro erguen rapazas.
Que cor malva se decide o acio.

Que acades disas Patrias a vendima.
Que amaine o vento, beberás o viño.

Que sereas sen voz a vela embaten.
Que un sumario de xerfa polos cons.

Así falou Penélope:

Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?

EU TAMEN NAVEGAR”

Adeus, Xohana, por Marta Dacosta

Artigo de Marta Dacosta en Faro de Vigo:
“Chaman por teléfono e comunican que faleceches. Pídenme unhas liñas. E eu volvo á memoria da nena que fun e tirou do andel aquel Adios, María co que gañaras o premio “Galicia” do Centro Galego de Buenos Aires. Foi unha sorpresa e un revulsivo. Unha autora que ninguén agardaba, unha historia protagonizada por unha nena que non aceptaba a realidade da emigración dos seus pais. O tempo pasou dende entón. Véxoo nas manchas de humidade das páxinas desta primeira edición feita en Arxentina e distribuída por Edicións Castrelos. Foi en 1971.
Quince anos despois, atópote nos diálogos da peza teatral Á outra banda do Iberr e nos poemas de Do sulco, os libros de lectura obrigada na Facultade que non conseguiamos (foran editados en 1965 e 1957 respectivamente) e tivemos que fotocopiar da biblioteca.
Mais foi con Tempo de ría, o teu poemario publicado en 1992, co que te botarías definitivamente ao mar dos nosos ollos, prendidos xa para sempre na lectura dos teus versos. Porque nosoutras, coma ti, tamén navegar, que a maxia existe e pode ser de todas.
O teu “Penélope” acabou sendo bandeira do tempo da poesía en feminino. E compartimos xeración, a xeración das mulleres que, desde entón, falamos coa nosa propia voz. Porque nosoutras que te lemos, sentimos que non nos afasta nin a idade, nin o espazo, que compartimos a camaradería das palabras e as arelas, que chegou o tempo de rachar os velos e mostrarnos.
A túa sinatura no libro mostra como eras exactamente, sinxela, discreta, optimista e aberta como os teus “as” sen pechar subindo unha liña imaxinaria. Debes saber que tivemos fame da túa presenza, a pesar de saber e respectar a túa decisión de non te prodigar en público.
Querida Xohana, a túa partida déixanos orfas.”